Novas da lingua

Rexistros4291 a 4320 de 5280
19/05/2009. DINAMIZACIóN

A quen lle amarga un doce? Saborea o galego!

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Santiago presenta a campaña de dinamización lingüística A quen lle amarga un doce? Saboreo o galego!, dirixida á difusión de boas prácticas lingüísticas na Administración local.

A iniciativa consiste na distribución dunha compilación documental dirixida a traballar tanto a sensibilización lingüística (folleto explicativo, autocolante e caramelos) como a formación do persoal municipal, achegando un lapis USB cunha multimedia de recursos lingüísticos, tecnolóxicos e normativos referidos ao uso da lingua. Esta multimedia estará en breve accesible no propio web do Concello.


Co mesmo obxectivo de contribuír á normalización do idioma galego no ámbito municipal, a Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou, o pasado 16 de maio, unha declaración institucional na que demanda o impulso social da lingua galega e reitera o seu compromiso co proceso de normalización lingüística.

15/05/2009. OUTRAS

Anxo M. Lorenzo Suárez, novo secretario xeral de Política Lingüística

O Goberno galego aprobou onte, 14 de maio de 2009, no Consello da Xunta de Galicia o decreto polo que se nomea secretario xeral de Política Lingüística a Anxo M. Lorenzo Suárez.

Anxo Lorenzo é profesor titular da área de Filoloxía Galega e Portuguesa no Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, departamento do que era actualmente o seu director. Tamén dirixiu durante o período 2001-2006 a Área de Normalización Lingüística desta universidade.

Como investigador centrou as súas liñas de traballo no ámbito da sociolingüística galega, a planificación e a política lingüística e mais o contacto lingüístico galego-castelán, sendo autor de diferentes estudos e publicacións relacionados con estas materias.

Como estudoso do ámbito da sociolingüística, Anxo Lorenzo colabora estreitamente co Consello da Cultura Galega, institución da que forma parte como membro da Sección de Comunicación, Lingua, Literatura e Industrias da Edición e mais da Comisión Técnica do CDSG.
19/04/2010. OUTRAS

A Real Academia Galega afirma que o galego non é un problema, senón unha oportunidade

Nas vésperas do Día das Letras Galegas, e ante o debate social que se está a producir nestes últimos tempos arredor do idioma, o Plenario da Real Academia Galega sentiuse na obriga de facer público un comunicado que, baixo o título Unha lingua para todos, defende que o idioma galego non é un problema, senón unha oportunidade, e que os poderes públicos deben traballar con firmeza e determinación a prol da súa plena normalización social, feito indispensable para conseguirmos dignidade como pobo e estarmos en pé de igualdade con todas as demais culturas do mundo.
12/05/2009. AXUDAS E PREMIOS

Axudas do Concello da Coruña para desenvolver iniciativas de normalización lingüística

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña publica, no BOP do 12 de maio de 2009, a convocatoria de subvencións destinadas á participación da mocidade (inclúense como subvencionables os proxectos xuvenís de promoción da cultura e lingua galega) e mais a convocatoria de axudas a entidades sen fin de lucro para realizaren accións de normalización lingüística.

En ambas as convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
12/05/2009. AXUDAS E PREMIOS

Vieiros busca imaxes para unha lingua con futuro

O xornal Vieiros convoca a cuarta edición do certame Unha imaxe para o galego, que seleccionará a imaxe e mais o vídeo que fagan a proposta máis orixinal para construírmos unha lingua con futuro.

O prazo para enviar as propostas remata o vindeiro 30 de xuño.
12/05/2009. AXUDAS E PREMIOS

Premios para a promoción da lingua

O pasado 8 de maio, a Fundación Lois Peña Novo fixo públicos os gañadores da XV edición dos Premios Peña Novo, pensados para animar o proceso de normalización lingüística nas administracións públicas de Galicia e mais nas empresas que manteñen relación directa coa Administración.

Os galardoados foron Emilio González Fernández, médico psiquiatra; o Estaleiro H. J. Barreras e mais o Concello da Estrada.


Por outra banda, a Asociación Álvaro das Casas entregou tamén o pasado 9 de maio os premios Bacelos de Prata, que nesta edición lles foron outorgados ás adegas Quinta de Couselo S.L., da denominación de orixe Rías Baixas, e O Casal S.A.T., da denominación de orixe Valdeorras.
11/05/2009. DINAMIZACIóN

O Consello da Cultura Galega homenaxea a figura de Ramón Piñeiro

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, O Consello da Cultura Galega presentará o vindeiro 13 de maio, ás 12:30 horas, o cartafol Ramón Otero Pedrayo, mestre da cultura galega, que compila artigos, ensaios e conferencias de Ramón Piñeiro sobre Ramón Otero Pedrayo.

No acto intervirán Ramón Villares, Presidente do CCG; Julián Parga, familiar de Ramón Piñeiro, e Julio Souto, representante da Fundación Penzol no Plenario do CCG.
06/05/2009. CURSOS E CONGRESOS

I Xornaes Mocedá y Llingües Minorizaes

O Conseyu de la Mocedá del Principáu d´Astures, en colaboración con outras entidades, organiza as I Xornaes Mocedá y Llingües Minorizaes, nas que diferentes estudosos e profesionais do ámbito da normalización lingüística debaterán sobre a pluralidade lingüística e cultural do Estado español.

Do ámbito galego, participarán nas xornadas Nancy Domínguez, técnica do SNL do Consello da Xuventude, e Montse Besada, produtora do programa Xabarín Club.

As sesións terán lugar o venres 8 e o sábado 9 de maio no Auditorio Príncipe Felipe de Uviéu, e de xeito paralelo organizaranse en diferentes municipios asturianos obradoiros de creación artística. A matrícula é de balde.
06/05/2009. OUTRAS

Exposición “Crónicas da Represión Lingüística”

Acuarela Comunicación, coa colaboración de diferentes institucións públicas e
sociais, vai presentar no conxunto do noso país a exposición gráfica e audiovisual sobre a represión lingüística desatada en Galicia a partir do levantamento militar de 1936.

A mostra inaugúrase hoxe, 6 de maio, ás 19:30 h, na sede da Fundación Gonzalo Torrente Ballester (Santiago de Compostela), e no acto intervirá Pilar Freitas Juvino, autora do libro Crónicas da represión lingüística.
06/05/2009. DINAMIZACIóN

Comeza o Festival “A Mocidade coa Lingua´09”

A Concellaría de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística do Concello de Fene e mais os equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros educativos do municipio organizan unha nova edición do Festival “A Mocidade coa Lingua´09”.

O acto terá lugar o vindeiro 8 de maio de 2009, a partir das 20:00 h, no Parque do Ameneiral de Perlio (Fene).

Se desexa máis información, prema aquí.

05/05/2009. EMPREGO

Resolución das bolsas para os proxectos de investigación do CCG

O Consello da Cultura Galega fai pública a listaxe provisional de bolseiros/as seleccionados/as para colaborar en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.

O prazo de exposición desta listaxe será de 10 días naturais, durante os cales os interesados/as poderán facer as alegacións pertinentes.
05/05/2009. DINAMIZACIóN

Mes da lingua en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) tamén se suman aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que ao longo deste mes terán lugar por todo o país.

O Mes da lingua en Pontevedra inclúe, entre outras actividades, intercambios lingüísticos, conferencias e presentación de libros, que se alternarán con actos máis lúdico-festivos como representacións teatrais, sesións de cinema infantil ou a carreira escolar pola lingua.
05/05/2009. DINAMIZACIóN

Maio das letras en Compostela

Co gallo da celebración o vindeiro 17 de maio do Día das Letras Galegas, o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago presenta o programa de actividades de dinamización lingüística que se desenvolverá ao longo deste mes de maio co ánimo de fomentar o uso do galego entre a poboación compostelá.

Entre as actividades programadas hai xincanas literarias, contacontos, sesións de monicreques, charlas-obradoiro sobre a linguaxe do cómic e unha festa da lingua.

04/05/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Malpica de Bergantiños

O Concello de Malpica de Bergantiños anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.

O sistema de selección é o de concurso e o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 11 de maio. Se desexa coñecer o texto completo da convocatoria, prema aquí.
04/05/2009. CURSOS E CONGRESOS

Seminario sobre dereitos lingüísticos na Universidade de Vigo

O Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo organiza un seminario sobre os dereitos lingüísticos en España, a cargo de Xabier Arzoz Santisteban, profesor de dereito administrativo da Universidade do País Vasco.

O seminario, aberto a todas as persoas interesadas, terá lugar o vindeiro 7 de maio, ás 11 horas, na aula A7 da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
30/04/2009. OUTRAS

YoGoTe, o multilingüismo nas nosas mans

Con motivo da visita institucional a Galicia do Comisario Europeo de Multilingüismo, Leonard Orban, o pasado día 24 de abril de 2009, Xavier Prado, docente do IES Porta da Auga (Ponteareas), tivo ocasión de presentar o proxecto YoGoTe, un recurso metodolóxico con xestos internacionais que funciona como ferramenta de aprendizaxe multilingüe e, ao mesmo tempo, promove a integración cultural.

Amais do IES Porta da Auga, na actualidade están implicadas no proxecto as 210 escolas españolas asociadas á UNESCO (25 delas en Galicia), así como as universidades de Santiago, Vigo e Minho (Portugal).

O propio IES Porta da Auga, xunto cun colexio de Sicilia e outro de Istambul, tiveron a ocasión de aplicar a metodoloxía do YoGoTe na posta en marcha da iniciativa Europoems, galardoada con dous premios europeos, o European Dialogue Awards e mais o E-learning.
30/04/2009. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de vídeo “Mobilízate pola lingua”

A Mesa pola Normalización Lingüística da Zona de Lugo (MNL) convoca a segunda edición do concurso de vídeo “Mobilízate pola lingua”, que ten como obxectivo fomentar entre a mocidade a reflexión sobre a situación social do idioma.

Os vídeos deben recoller a problemática actual do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais. Os rexistros pódense facer en calquera formato electrónico e sistema de gravación, cunha duración máxima de dous minutos.

O prazo de entrega dos traballos remata o vindeiro 13 de maio. Se desexa consultar as bases da convocatoria prema aquí.
30/04/2009. DINAMIZACIóN

Exposición “Ramón Piñeiro na Lembranza”

O Centro Ramón Piñeiro está a organizar a Exposición "Ramón Piñeiro
na lembranza", na que o autor e debuxante Siro López presenta unha serie de cadros (retratos, debuxos, figuracións e óleos) inspirados na figura de Ramón Piñeiro.

Esta contribución á celebración do Día das Letras Galegas dedicado
ao autor de "Filosofía da Saudade", pretende divulgar dun xeito
creativo e mesmo humorístico a importancia da figura de Ramón
Piñeiro dentro da cultura galega.

O acto de inauguración terá lugar o vindeiro 4 de maio, ás 19 h, na sede da Fundación González Ballester.
30/04/2009. DINAMIZACIóN

En liña o nº 50 do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a presentación do Vocabulario de medicina, a nova sobre a resolución de Nova Escola Galega sobre a situación da lingua no ámbito educativo ou o anuncio do “ETSE Open de SL: Fiadeiro de localización de software libre”, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría.
29/04/2009. DINAMIZACIóN

Contos con Lingua para os máis novos/as de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, en colaboración cos ENDL dos centros de ensino do municipio, organiza a sesión Contos con Lingua, na que o contacontos Celso Sanmartín lles narra aos máis pequenos/as diferentes historias relacionadas coas palabras e coa súa importancia nas nosas vidas, empregando como eixe central da narración o poema inédito de Sechu Sende, Onde están as palabras de Laura?.

A actividade ten como obxectivo que os cativos e cativas ilustren ese poema para crear entre todos un conto colectivo que sirva como ferramenta de dinamización lingüística que nos axude a todos e a todas a non perder a lingua. Contos con Lingua irá percorrendo os diferentes centros de ensino de infantil e primaria de Ames e a finais de ano o Servizo de Normalización Lingüística encargarase da publicación deste conto colectivo.

Se desexa máis información, prema aquí.
28/04/2009. LEXISLACIóN

Os cidadáns poderán usar o galego na súa correspondencia co Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas

O Goberno español asinou onte, 27 de abril, un acordo co Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas que permitirá aos cidadáns dirixirse ao Tribunal en calquera das linguas oficiais en España e recibir a resposta no mesmo idioma. Exclúense deste acordo os escritos de carácter xurisdicional, os referidos á aplicación dunha norma legal e os destinados á obtención dunha vantaxe (por exemplo, unha subvención), dun beneficio (por exemplo, a atribución dun contrato público) ou dunha función (por exemplo, a candidatura a un posto de traballo).

Os cidadáns que queiran facer uso deste dereito deberán dirixir os seus escritos á Oficina de Linguas Oficiais, que será a encargada do labor de tradución.

Se desexa máis información, prema aquí.
27/04/2009. DINAMIZACIóN

O Concello de Pontevedra anima os comerciantes a probar o galego

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra vai desenvolver a campaña de dinamización lingüística Proba en galego, que ten como obxectivos principais reforzar o uso do galego nas relacións comerciais, animar aos comerciantes que non usan o galego a incluír esta lingua na súa comunicación empresarial e ofrecer material actualizado para facilitar as xestións comerciais.

Nunha primeira fase da campaña desenvolveranse iniciativas como o reparto de documentación informativa e publicitaria, a organización dun curso de optimización de comunicación para o comercio ou a difusión de materiais para a xestión e a comunicación comercial. Se desexa máis información, prema aquí.
27/04/2009. DINAMIZACIóN

Programa de actividades para festexar as Letras Galegas na Coruña

As concellarías de Cultura e de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña presentan o programa de actividades que se vai desenvolver este ano para festexar as Letras Galegas.

Baixo o lema “O galego medra contigo” os máis pequenos/as poderán gozar en familia dun programa de actividades específico que se desenvolverá dentro dunha carpa móbil que percorrerá diferentes barrios da cidade.

Ademais, ao longo do mes de maio organizaranse, entre outros actos, ciclos de conferencias, concertos de música e torneos de chave e billarda. Se desexa consultar a programación completa de actividades, prema aquí (doc. 1, doc. 2).
27/04/2009. DINAMIZACIóN

Comeza o Correlingua 2009

Baixo o lema En galego. Pásao bota a andar unha nova edición do Correlingua, proposta lúdico-educativa que pretende convidar os centros de ensino e a mocidade galega en xeral a reivindicar publicamente a normalización do idioma galego.

O Correlingua comezará o vindeiro 5 de maio en Vigo e percorrerá durante dúas semanas diferentes comarcas do país, ata rematar na Coruña o día 15.
27/04/2009. DINAMIZACIóN

II Festa da Lingua da Coruña

A Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña organizan a II Festa da Lingua, que terá lugar o 26 de maio, ás 20:30 h, no Teatro Rosalía de Castro.

O acto estará presentado por Isabel Risco e contará coas actuacións de Xosé Touriñán e do grupo Malvela.
27/04/2009. DINAMIZACIóN

Celébrase en Redondela a Festa da Palabra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, en colaboración coas Bibliotecas Públicas de Chapela e Redondela, organiza a exposición “Semana do libro: a festa da palabra”.

Trátase dunha mostra de libros e revistas nas diferentes linguas oficiais da Península, que ten como principal obxectivo difundir o pracer de ler, así como o respecto pola diversidade cultural e lingüística.

Os materiais, que xa estiveron expostos na Alameda de Chapela e mais na Casa do Concello de Redondela, poderán consultarse entre os días 27 e 30 de abril na entrada do edificio Multiusos da Xunqueira (Redondela), en horario de 17:00 h a 20:00 h.
24/04/2009. INVESTIGACIóN

Fúndase o Instituto de Linguas da Península Ibérica

Mañá sábado, 25 de abril, celebrarase a xuntanza fundacional do Instituto de Linguas da Península Ibérica (ILPI), na localidade aragonesa de Benasque, un municipio bilingüe situado nunha encrucillada lingüística no corazón do Pireneu de Huesca.

O ILPI, inicialmente promovido polo Concello de Benasque e pola Diputación General de Aragón, terá a súa primeira sé no Palacio dos Condes de Ribagorza e proponse contribuír á aceptación social da pluralidade lingüística en España. Forman parte do núcleo impulsor do ILPI unha ducia de especialistas en sociolingüística pertencentes ás universidades de Alcalá, Barcelona, A Coruña, Girona, País Vasco, Santiago, Valencia, Zaragoza e ao Centro Superior de Investigacións Científicas. Os representantes galegos son Mauro Fernández (UDC) e Henrique Monteagudo (USC).
24/04/2009. INVESTIGACIóN

Vocabulario de medicina: galego-español-inglés-portugués

O Servizo de Normalización Lingüística da USC, coa colaboración da Consellería de Sanidade, elaborou o Vocabulario de medicina: galego-español-inglés-portugués, co ánimo de facilitar a tarefa de falar e escribir sobre Medicina en galego a quen ensina ou se forma nesta titulación.

A obra consta de 5393 entradas en galego, acompañadas das súas equivalencias en castelán, portugués, inglés e latín, pertencentes a 13 materias médicas. Para facilitar o traballo de busca terminolóxica, conta tamén con catro índices de denominacións nos outros idiomas. Se desexa consultar o andel de traballos terminográficos do SNL, prema aquí.
24/04/2009. DINAMIZACIóN

A veciñanza de Arzúa ten a palabra

Baixo o lema Tes a palabra, a Concellaría de Cultura do Concello de Arzúa convida aos/ás veciños/as de Arzúa a elixir a palabra e os nomes propios máis fermosos do galego.

O prazo para participar nesta votación estará aberto ata o 15 de maio e a Concellaría de Cultura sorteará entre todos os participantes oito exemplares da obra A expresión cultural dunha estratexia política, de Ramón Piñeiro.
23/04/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Mesía

O Concello de Mesía anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.

O sistema de selección é o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 4 de maio. Se desexa coñecer o texto completo da convocatoria, prema aquí.