Novas da lingua

Rexistros4321 a 4350 de 4427
28/08/2009. DINAMIZACIóN

Nace a plataforma cidadá ProLingua

A comezos de agosto de 2009 presentouse publicamente ProLingua, unha plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega.

Tal e como se recolle no seu manifesto fundacional, o colectivo, creado por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión, “ten como obxectivos exclusivos a promoción do galego como lingua propia de Galicia (e das comarcas estremeiras) e a consecución da súa oficialidade real, que pasa por unha presenza normal en ámbitos dos que se mantén practicamente excluída, como a empresa, a xustiza e outros servizos públicos e privados, especialmente os medios de comunicación.”
Xa que logo, ProLingua desenvolverá accións destinadas a reclamar o cumprimento íntegro da actual Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.
28/07/2009. CURSOS E CONGRESOS

Conclusións e materiais do V Curso de verán "Traballando en lingua"

Xa están accesibles en liña as conclusións e mais os materiais do V Curso de verán “Traballando en lingua”, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e o Concello de Carballo, que nesta edición xirou arredor do compromiso individual e do argumentario acaído para a normalización lingüística.

Tanto as conclusións xerais do curso, como as dos diferentes grupos de traballo, así como os textos dos relatorios, están ao dispor de todas as persoas interesadas no web do SNL da Universidade da Coruña e mais no da CTNL.
28/07/2009. DINAMIZACIóN

Obradoiro de dinamización e animación á lectura no Concello de Betanzos

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos organiza o obradoiro A arte de contar, destinado a nenos e nenas de entre 4 e 9 anos, que ten como obxectivo fomentar a lectura en galego entre a poboación máis nova.

As sesións desenvolveranse ao longo do mes de agosto e o prazo de inscrición remata o 30 de xullo. Para obter máis información, prema aquí.


27/07/2009. CURSOS E CONGRESOS

A debate as relacións entre a transmisión cultural e a lingüística

A Oficina Europea para as Linguas Minoritarias, en colaboración co Centro Europeo Mercator de Investigación sobre o Multilingüismo, organiza o seu congreso anual sobre diversidade lingüística, que nesta edición reflexionará sobre a relación entre a transmisión das culturas e a transmisión das linguas.

As sesións desenvolveranse entre os días 28 e 30 de outubro de 2009 en Ljouwert/Leeuwarden (Frisia, Países Baixos). Se desexa máis información, prema aquí.
27/07/2009. DINAMIZACIóN

Constitúese a plataforma cidadá “Queremos Galego”

O pasado 14 de xullo constituíuse formalmente a plataforma cidadá “Queremos galego”, formada inicialmente por máis de 40 entidades sociais, así como por diferentes persoas que a título individual quixeron unirse á iniciativa.

Entre os obxectivos inmediatos da plataforma está o desenvolvemento dunha iniciativa lexislativa popular para garantir os dereitos lingüísticos dos galegos/as e mais a organización dunha manifestación en defensa da lingua que terá lugar o vindeiro outono.

Se desexa máis información, prema aquí.
16/07/2009. DINAMIZACIóN

AnimaLingua: granxa-escola en lingua galega

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza a segunda edición da granxa-escola AnimaLingua, iniciativa didáctica de dinamización lingüística no tempo libre dirixida a nenas e nenos de entre 8 e 11 anos.

O proxecto desenvolverase entre o 17 e o 26 de agosto na granxa escola Fervenza do Toxa (Silleda) e o prazo de inscrición é do 15 ao 24 de xullo.

Para obter máis información sobre o programa de actividades e mais os trámites de inscrición, prema aquí.
08/07/2007. INVESTIGACIóN

Preséntase a obra “Sobre o racismo lingüístico”

Mañá, 9 de xullo de 2009, ás 20:00 horas, preséntase no Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña a obra colectiva Sobre o racismo lingüístico, que compila diferentes estudos e análises sobre o proceso de normalización lingüística do galego.

No acto participarán Pilar García Negro, editora da obra, así como os/as autores/as Celia María Armas, Manuel Ferreiro, X. Ramón Freixeiro Mato, X. Manuel Sánchez Rei, Goretti Sanmartín, Francisco Rodríguez e Luís Villares Naveira.

07/07/2009. DINAMIZACIóN

A Administración local de Galicia reafirma o seu compromiso co galego

Co ánimo de conmemorar o 25 aniversario da Declaración do Hostal, asinada en maio de 1984 por 187 rexedores municipais, a Federación Galega de Municipios e Provincias e mais a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística convocan outra asemblea de alcaldes para reafirmar o seu compromiso coa declaración de 1984 e darlle un novo pulo á galeguización da Administración local.

A cita terá lugar o vindeiro venres, 10 de xullo, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.

Se desexa máis información, prema aquí.

03/07/2009. CURSOS E CONGRESOS

IX Congreso Internacional de Estudos Galegos

A Asociación Internacional de Estudos Galegos presenta a novena edición do seu congreso internacional, que nesta ocasión leva por título “Galicia nos contextos globais: perspectivas para o século XXI”.

Ao longo destes días desenvolveranse 27 mesas redondas, catro conferencias plenarias e 79 relatorios, que xirarán, entre outros temas, arredor do dereito, a política, a economía, os estudos culturais, a lingua e a literatura.

As sesións terán lugar entre os días 13 e 17 xullo de 2009 en Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña.
02/07/2009. EMPREGO

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 2 de xullo de 2009, a convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en diferentes universidades de España e do estranxeiro.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

02/07/2009. DINAMIZACIóN

En liña o nº 52 do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a valoración dos obradoiros de formación lingüística para o PDI que se están a desenvolver na USC, a información sobre a modificación da Lei da función pública de Galicia ou a nova sobre o posicionamento de diferentes departamentos, facultades e institutos universitarios en relación á consulta realizada pola Consellería de Educación verbo das linguas vehiculares no ensino non universitario.
02/07/2009. CURSOS E CONGRESOS

Seminario “Software libre e lingüística”

A Oficina de Software Libre da USC organiza o seminario Software libre e lingüística, incluído no programa de cursos de verán, que ten como principal obxectivo ofrecer unha visión xeral da relación entre o software libre e a investigación filolóxica e lingüística.

As sesións terán lugar entre o 21 e o 24 de setembro de 2009 na Facultade de Filoloxía (aula 7) e a data límite de inscrición é o 11 de setembro.

29/06/2009. DINAMIZACIóN

Uxío Novoneyra, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2010

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado sábado, 27 de xuño, dedicar o Día das Letras Galegas 2010 ao poeta Uxío Novoneyra.

Entre a súa produción literaria destacan Os Eidos (Galaxia, Vigo, 1955), con prólogo de Ramón Piñeiro; Os Eidos-2 (Galaxia, Vigo, 1974), ilustrado por Laxeiro; Poemas caligráficos (Brais Pinto, Madrid, 1979), no que se amosan os poemas a través da caligrafía do autor; Muller para lonxe (Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, Lugo, 1987), ilustrado con debuxos de Carlos Pardo Teixeiro e un epílogo de Claudio R. Fer; ou Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas (Hércules de Ediciones, A Coruña, 1998), o seu último poemario.

Novoneyra foi tamén presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, cargo que ocupou desde 1982 ata o 30 de outubro de 1999, data da súa morte.

Se desexa máis información, prema aquí.

26/06/2009. DINAMIZACIóN

Un chanzo máis na introdución do galego no ámbito empresarial

Por iniciativa do Foro Enrique Peinador, dez empresas do país vinculadas a diferentes sectores empresariais decidiron facer unha aposta explícita pola introdución do galego na súa actividade diaria.

A través da sinatura dun convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, as empresas comprometéronse a incorporar gradualmente o galego na súa documentación interna e externa, páxina web, sinalización, actos sociais da entidade, etc. Pola súa banda, a SXPL ofreceralles asesoramento lingüístico e terminolóxico, ferramentas informáticas e apoio en todas as actividades normalizadoras que desenvolvan.

Se desexa máis información, prema aquí.
26/06/2009. DINAMIZACIóN

Programa de ensino en galego no Bierzo e Sanabria

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta a oferta de ensino en galego que poderá cursarse no vindeiro curso 2009-2010 no Bierzo e Sanabria.

O programa oferta a posibilidade de estudar en galego as materias de Coñecemento do medio ou de Educación plástica, na educación primaria, e Ciencias sociais, na educación secundaria. A maiores, ofrécese tamén a materia optativa de Lingua e cultura galega en 4.º de ESO e en 1.º e 2.º de bacharelato.

Aos alumnos e alumnas que completen o programa na ESO, a Xunta de Galicia recoñeceralles un nivel Celga 2 de coñecemento de galego e aos/ás alumnos/as que o completen en bacharelato recoñeceralles un nivel Celga 3.
24/06/2009. LEXISLACIóN

A Xunta de Galicia modifica a Lei da función pública de Galicia

Mañá xoves, 25 de xuño, entrará en vigor a Lei 2/2009, que modifica o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008.

A nova lei elimina o requisito de que, como mínimo, unha das probas dos procesos selectivos para acceder á función pública de Galicia se realizase exclusivamente en lingua galega, tal e como recollía o decreto lexislativo anterior. A partir de agora o coñecemento do galego acreditarase a través dun exame de lingua, agás no caso dos aspirantes que poidan acreditalo documentalmente conforme a normativa vixente.

Así mesmo, no ámbito sanitario, social, ou outros que se establezan, a nova normativa recolle a “posibilidade de modular a necesidade de acreditación do coñecemento da lingua galega”, é dicir, ofrece a posibilidade de que os aspirantes non teñan a obriga de acreditalo durante o propio proceso selectivo, senón con posterioridade.

23/06/2009. LEXISLACIóN

Apróbase o decreto que regula o currículo da educación infantil en Galicia

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 23 de xuño de 2009, o Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

No artigo 13 deste decreto regúlase o tratamento das linguas oficiais, sinalando que nesta etapa educativa “o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado adquira de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios desta etapa”.

A diferenza do regulamentado para a educación infantil no Decreto 124/2007, na nova normativa non se establecen porcentaxes mínimas de uso de galego nos contextos castelán falantes nin se fai referencia ao especial fomento da adquisición da lecto-escritura en lingua galega.

22/06/2009. INVESTIGACIóN

De fala a lingua: un proceso inacabado

Hoxe, 22 de xuño de 2009, ás 20:00 horas, preséntase a obra De fala a lingua: un proceso inacabado, autoría de Pilar García Negro, profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña.

No acto, que terá lugar no Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña, participarán, ademais da propia autora, Francisco Pillado, director de Edicións Laiovento, Antón Reixa, escritor e cineasta, e Goretti Sanmartín Rei, directora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC.
22/06/2009. OUTRAS

A Secretaría Xeral de Política Lingüística edita “Aula de
galego 2”

Xa está á venda nas librerías o manual de aprendizaxe Aula de galego 2, editado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e deseñado como material didáctico de referencia para preparar o exame para a obtención do certificado Celga 2.

O volume inclúe o libro do alumno/a, un CD con audicións, unha sección de exercicios e un anexo cun resumo gramatical. Nos vindeiros meses a SXPL conta con ter preparado o manual Aula de galego 3, co que se completaría a colección de manuais para preparar os exames dos niveis CELGA que se convocan na actualidade.

Se desexa máis información, prema aquí.
18/06/2009. CURSOS E CONGRESOS

Xornada de formación en dereitos e estratexias lingüísticas

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística, organiza esta xornada formativa que ten como obxectivos principais transmitir, dun xeito moi breve e sinxelo, a evolución sociolingüística actual e difundir os dereitos e deberes lingüísticos que nos asisten nos diferentes ámbitos sociais.

As sesións terán lugar o vindeiro 27 de xuño, a partir das 17:15 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche (Santiago de Compostela).
Se desexa máis información, prema aquí.

18/06/2009. DINAMIZACIóN

Falando en verde

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza o obradoiro ambiental Falando en verde, destinado a rapaces de 7 a 12 anos, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego a través da descuberta do seu contorno natural.

O obradoiro impartirase do 22 ao 26 de xuño, de 10:00 a 13:00 horas, na Casa das Asociacións (Cornes). Se desexa máis información sobre os contidos ou os prazos de inscrición, prema aquí.
18/06/2009. CURSOS E CONGRESOS

Curso de verán “Plurilingüismo na escola. Ensino de segundas linguas en contextos académicos”

O Grupo de Linguas, integrado por investigadores da USC e mais persoal docente doutros niveis do sistema educativo, organiza este curso de verán no que se reflexionará sobre os modelos de ensino plurilingües, así como sobre a aprendizaxe de segundas linguas en contextos académicos.

As sesións terán lugar do 8 ao 10 de xullo na Facultade de Filoloxía da USC. Se desexa máis información, prema aquí.
17/06/2009. DINAMIZACIóN

Novos recursos educativos en liña

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) presenta dous novos espazos web con recursos educativos en liña deseñados para fomentar o uso do galego entre os máis novos/as a través das novas tecnoloxías.

Xoga con Fervello compila once xogos educativos, dirixidos principalmente a nenos/as de 3 a 5 anos de idade, coa intención de que estes se familiaricen coa lingua galega desde as idades máis temperás.

Así mesmo, a SXPL pon ao dispor dos equipos de normalización e dinamización lingüística un novo espazo web onde poden compartir recursos, ferramentas e información de utilidade para o labor de dinamización lingüística no ámbito educativo.
16/06/2009. LEXISLACIóN

Nova Escola Galega opina sobre a cuestión lingüística

Despois de ter publicado xa, en setembro de 2004, en abril de 2007 e en abril de 2009, tres números do boletín NEGOpina sobre a situación do idioma, Nova Escola Galega (NEG) volve centrar o contido do último número desta publicación periódica na cuestión lingüística.

Tras as últimas medidas desenvolvidas pola Consellería de Educación, no boletín de xuño de 2009 NEG posiciónase con respecto ao anuncio de derrogación do Decreto 124/2007 e achega a súa valoración sobre as enquisas que se están a enviar aos pais e nais co obxectivo de saber en que linguas prefiren que reciban a docencia os seus fillos/as.

15/06/2009. INVESTIGACIóN

Primeira tese de doutoramento en galego na UNED

Tras varios anos de loita, o pasado venres, 12 de xuño, o filólogo Heitor Mera conseguiu o seu propósito de poder defender en galego a súa tese de doutoramento na Universidade Nacional a Distancia (UNED).

Finalmente, o Consello de Goberno da UNED acordou que os aspirantes a doutor poderán defender as teses en calquera lingua oficial do Estado se o tribunal o autoriza e os seus membros teñen coñecemento do idioma, polo que “Vida e obra de Bernardino Graña” se converteu na primeira tese defendida na UNED nunha lingua cooficial.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
10/06/2009. DINAMIZACIóN

As linguas su+man

A Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, colectivo profesional que agrupa docentes dos diferentes colexios e institutos do país, presenta a campaña informativa As linguas su+man.

A iniciativa enmárcase no actual contexto de debate público sobre cales deben ser as linguas da docencia no sistema educativo galego, xurdido tras o anuncio da Consellería de Educación de que se distribuirá unha enquisa para que os pais e nais poidan opinar sobre esta cuestión.

A campaña consiste na difusión dun tríptico informativo, dirixido aos pais e nais, no que desde unha perspectiva pedagóxica se achegan argumentos a prol do ensino plurilingüe, así como da necesidade de que estes modelos educativos inclúan medidas de discriminación positiva para as linguas minorizadas.

Se desexa máis información, prema aquí.
09/06/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Arzúa

O Concello de Arzúa anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.

O sistema de selección é o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 16 de xuño.
Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
08/06/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Santiso

O Concello de Santiso anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.

O sistema de selección é o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
08/06/2009. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións a entidades privadas sen fin de lucro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica, no DOG do 8 de xuño de 2009, a resolución das subvencións a entidades privadas sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua galega nas áreas da transmisión familiar e da mocidade.

Se desexa consultar o texto completo da resolución, prema aquí.


04/06/2009. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar na rede o número 51 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.


Entre os contidos deste número salientamos a presentación da nova interface do NetBeans, agora tamén en galego grazas ao traballo desenvolvido no Fiadeiro de localización de software libre; a información sobre os Premios á calidade e á excelencia lingüística ou a nova sobre o comunicado a prol do galego realizado por un grupo de científicos galegos vinculados ao prestixioso CERN.