Novas da lingua

Rexistros4321 a 4350 de 5280
21/04/2009. DINAMIZACIóN

Elixe a túa palabra preferida do idioma galego

Co ánimo de conmemorar o vindeiro Día das Letras Galegas, O Departamento de Cultura do Concello de Teo anima a todas as persoas a elixir a súa palabra preferida do idioma galego.

A iniciativa consiste en elixir tres palabras e envialas antes do vindeiro 15 de maio. O Concello sorteará 10 libros relacionados con Teo entre as persoas participantes. Ademais, as palabras máis votadas no web ao longo destas semanas serán recoñecidas cun mural que se exporá o 17 de maio na Piscina Municipal dos Tilos. O mesmo día das Letras Galegas celebrarase un acto na praza do parque dos Tilos onde os participantes poderán obter unha camiseta estampada coa palabra que elixan.

Se desexa máis información, prema aquí.


21/04/2009. OUTRAS

En Vilagarcía a exposición “Editar en galego baixo a censura franquista”

A Fundación Penzol leva a Vilagarcia a exposición “Editar en galego baixo a censura franquista”, un repaso gráfico e documental sobre o control da ditadura na produción editorial en galego entre 1936 e 1975. A mostra, organizada pola Fundación Penzol e producida por Merlín Comunicación, recolle fondos procedentes da propia Fundación, da editorial Galaxia e do arquivo persoal do profesor Xosé Manuel Dasilva.

A exposición poderá visitarse no auditorio municipal ata o vindeiro 4 de maio.

17/04/2009. DINAMIZACIóN

Concursos de promoción do idioma para festexar as Letras Galegas no Concello de Betanzos

O Concello de Betanzos, a través dos seu Servizo de Normalización Lingüística e mais do Departamento de Cultura, Educación e Deportes, organiza, en colaboración cos centros de ensino do municipio, dúas actividades destinadas a fomentar os usos escritos da lingua galega, así como a recuperación da súa vizosa tradición oral.

As actividades consisten nun concurso de redacción sobre a vida e obra de Ramón Piñeiro, destinado ao alumnado de primaria de Betanzos, e nun concurso de recollida de tradición oral da Comarca das Mariñas, destinado ao alumnado de secundaria.

O prazo para participar en ambos os concursos remata o vindeiro 8 de maio de 2009.


17/04/2009. EMPREGO

Listaxe provisional de excluídos/as nas bolsas do CCG

Xa pode consultar a relación provisional de excluídos na convocatoria pública de bolsas para colaborar en proxectos de investigación do CCG.

A partir da data de publicación desta notificación (16 de abril de 2009), os/as solicitantes teñen 10 días hábiles de prazo para corrixir a falta de documentación. Transcorridos estes días sen a devandita corrección, arquivaranse os expedientes.
16/04/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Zas

O Concello de Zas anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.

O sistema de selección é o de concurso e o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro luns, 20 de abril.
Se desexa coñecer o texto completo da convocatoria, prema aquí.
16/04/2009. AXUDAS E PREMIOS

V Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a quinta edición deste premio que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e crear espazos nos xornais para analizar este tema.

Outorgarase un único premio de 1200 euros, ademais da publicación do artigo gañador en todos os medios de comunicación que colaboran coa iniciativa.

O prazo de presentación dos artigos remata o 8 de maio de 2009.
Se desexa consultar as bases, prema aquí.

15/04/2009. INVESTIGACIóN

EuroCom Rom, para saber ler axiña todas as linguas románicas

A editorial alemá Shaker Verlag acaba de publicar EuroCom Rom – As sete peneiras. Saber ler axiña todas as linguas románicas, versión galega dun método de intercomprensión entre as linguas románicas a partir do coñecemento da lingua propia.

O proxecto promoveuno desde Alemaña Tilbert D. Stegmann e da versión galega encargáronse Sabela Labraña e Ignacio Vázquez, profesores da sección de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Barcelona.
15/04/2009. CURSOS E CONGRESOS

XIX Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, que se celebrarán os vindeiros días 24 e 25 de abril de 2009 na Facultade de Ciencias da Educación, en Santiago de Compostela.
A matrícula poderá formalizarse entre os días 17 e 23 de abril.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/04/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Boimorto

O Concello de Boimorto anuncia a convocatoria para a contratación temporal, como persoal laboral, dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.

O proceso de selección é o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
13/04/2009. CURSOS E CONGRESOS

Curso de verán de lingua e cultura galegas da Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo convoca a terceira edición deste curso de verán para estranxeiros que se desenvolverá entre os días 3 e 27 de xullo de 2009.
O curso conta con dous niveis, elemental e intermedio, e as sesións desenvolveranse en Vigo e mais en Allariz, co ánimo de que o alumnado teña un coñecemento completo da realidade cultural e natural galega.
A organización outorgará 25 bolsas de 450 € para os mellores expedientes entre os inscritos. O prazo de preinscrición remata o 24 de abril de 2009.
Se desexa obter máis información sobre os trámites da matrícula ou coñecer os contidos do curso, prema aquí.
13/04/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Cariño

O Concello de Cariño anuncia a convocatoria para a contratación temporal, como persoal laboral, dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas propias do Servizo de Normalización Lingüística.

O proceso de selección é o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 24 de abril. Se desexa coñecer o texto completo da convocatoria, prema aquí.
07/04/2009. CURSOS E CONGRESOS

Encontro de ALTE en Galicia

Os vindeiros días 22, 23 e 24 de abril terá lugar en Santiago de Compostela a XXXVI reunión-congreso da Asociación Europea para o Ensino e Avaliación das Linguas (ALTE).

Os dous primeiros días da reunión (22 e 23 de abril) serán exclusivamente para membros de ALTE mais ao longo da mañá do día 24 desenvolverase, no auditorio do Hotel San Francisco, unha xornada de portas abertas dirixida especialmente a aqueles/as profesionais interesados/as no multilingüismo, na avaliación de linguas e nos estándares europeos de avaliación e certificación.

A inscrición, que é de balde, pódese formalizar con antelación a través do web de ALTE ou no mostrador da organización o mesmo día do evento.
07/04/2009. EMPREGO

Convócase unha bolsa para o lectorado da Universidade do Estado do Río de Janeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha bolsa para o lectorado de lingua, literatura e cultura galegas na Universidade do Estado do Río de Janeiro.

Os/as solicitantes deberán estar en posesión da licenciatura de Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica (subsección de galego-portugués) ou de Filoloxía Románica (sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego).

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
03/04/2009. DINAMIZACIóN

O CEIP Manuel Rivero recrea unha aula da primeira metade do século XX

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP Manuel Rivero (Lalín) organizou a exposición Unha ollada ao pasado, con ánimo de homenaxear o traballo de difusión da lingua galega desenvolvido durante a primeira metade do século XX en moitas escolas do rural.

A mostra inclúe máis dun centro de fotografías antigas, obxectos e aparellos típicos e mais a recreación dunha aula da época, na que pode verse, entre outras cousas, unha colección de publicacións en lingua galega editadas con anterioridade a 1982.

A exposición estará aberta ao público, nas instalacións do propio colexio, ata finais de abril en horario de 9 a 14 horas.
03/04/2009. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar na rede o número 49 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos a presentación dos IV edición do concurso de publicidade en galego “Comunicándomos”, a análise sobre os datos do II volume do Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004 ou a nova sobre a colección “Libro universitario galego”, que ten como finalidade aumentar o catálogo en lingua galega de manuais universitarios.
03/04/2009. DINAMIZACIóN

O CPI Alfonso VIII organiza unha exposición sobre a riqueza lingüística do planeta

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do CPI Alfonso VII (Caldas), coordinado por Ana Iglesias, organiza a exposición As nosas linguas, que ten como obxectivo difundir a riqueza lingüística e cultural do planeta.

A mostra, elaborada polo alumnado do alumnado do 2º Ciclo da ESO, divídese en catro partes (linguas de Galicia, linguas do Estado Español, linguas de Europa e linguas do mundo) e complétase con unidades didácticas para traballar estes contidos nos diferentes ciclos de primaria e secundaria.

Todas as persoas interesadas poden visitar esta exposición no Auditorio Municipal de Caldas ata o vindeiro 12 de abril.
01/04/2009. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de estratexias de atención ao público no sector da hostalaría

O Servizo de Normalización do Concello da Coruña organiza, dentro da campaña Sabor a galego e en colaboración con Turgalicia e coa Mesa pola Normalización Lingüística, un Obradoiro de estratexias de atención ao público no sector da hostalaría, co fin de intentar estender o uso da lingua galega na atención ao público no ámbito da hostalaría.

O obradoiro está dirixido aos traballadores e traballadoras do sector da hostalaría e mais a todas aquelas persoas que poidan estar interesadas. Desenvolverase do 28 de abril ao 26 de maio, das 17.00 ás 19.00 h, na Casa Museo Casares Quiroga. A inscrición (de balde) hai que a realizar a través da páxina web do Centro Municipal de Información Xuvenil do Fórum Metropolitano.
01/04/2009. DINAMIZACIóN

Nace a Coordinadora Galega de ENDL

A Coordinadora Galega de ENDL nace coa finalidade de establecer dinámicas de colaboración entre os equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros públicos e privados de todo o país e compartir experiencias no campo da normalización do idioma.

A entidade creouse logo dunha reunión, que tivo lugar o pasado 28 de marzo, á que asistiron arredor dun cento de coordinadores/as de ENDL e acordaron, como primeira iniciativa, a elaboración dun manifesto sobre a anunciada derrogación do Decreto 124/2007.
01/04/2009. INVESTIGACIóN

Lingua, sociedade e medios de comunicación en Galicia

O Consello da Cultura Galega acaba de publicar un novo estudo sobre a situación do idioma galego nos medios de comunicación en Galicia no que se combina a presentación de información obtida a partir de fontes secundarias con datos xerados de investigacións orixinais, outorgándolle unha especial relevancia ao coñecemento das expectativas e opinións do público galego, destinatario e consumidor dos medios de comunicación de masas.

O traballo enmárcase no carácter consultivo e asesor que o Estatuto de Autonomía de Galicia lle outorga ao CCG e neste sentido vén a completar a serie de tres volumes (sobre a política lingüística, o sistema educativo e a elaboración e difusión da lingua) que no seu día editou baixo o título xenérico O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000).

27/03/2009. CURSOS E CONGRESOS

IV Seminarios de Dinamización Lingüística no ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, organiza diferentes seminarios de formación destinados ao profesorado non universitario, en especial aos membros dos equipos de normalización lingüística, que se celebrarán ao longo dos meses de abril e maio nas sete cidades galegas.

Para obter máis información sobre os prazos de inscrición e os programas das diferentes edicións, prema aquí.

27/03/2009. EMPREGO

Bolsas de prácticas no SNL do Concello da Coruña

A Concellaría de Mocidade, Normalización Lingüística e Solidariedade do Concello da Coruña convoca dúas bolsas de colaboración para desenvolver tarefas de apoio no seu Servizo de Normalización Lingüística.

Poden optar a estas bolsas todas os licenciados/as ou estudantes universitarios/as do último curso da carreira de Filoloxía Galega, ou aqueles/as aos/ás que lles queden un número de materias inferior a un curso para finalizaren.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP da Coruña. Se desexa máis información, prema aquí.
27/03/2009. CURSOS E CONGRESOS

II Xornadas lingua, literatura e nación: o galego nos medios

O Comité de Filoloxía da Universidade da Coruña organiza os días 15, 16 e 17 de abril na Aula Magna da Facultade de Filoloxía as II Xornadas Lingua, Literatura e Nación: "O galego nos medios".

Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.
27/03/2009. DINAMIZACIóN

Por unha web social verdadeiramente multilingüe

O Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do IES da Pobra difunde a través da súa revista A Tabarra Dixital a campaña Por unha web social verdadeiramente multilingüe, coa que pretenden difundir todas aquelas ferramentas web que empregan o idioma galego, así como estimular a creación da opción en galego noutras que aínda non o ofrecen.

Os promotores/as convidan aos usuarios/a da rede a adherirse á iniciativa engadindo nos seus sitios web un báner da campaña.

25/03/2009. LEXISLACIóN

O Parlamento Europeo non avala a proposta de que as nais e os pais escollan a lingua vehicular no ensino

O Parlamento Europeo aprobou onte, 24 de marzo de 2009,unha resolución sobre o multilingüismo na que se demanda unha atención especial para o alumnado que non pode estudar na súa lingua materna.

Este texto, promovido polos grupos socialista, liberal e verdes, matiza un informe non vinculante aprobado previamente pola Comisión de Cultura no que se solicitaba que ningún escolar fose privado do ensino na lingua oficial do Estado e se reclamaba o dereito dos pais e nais a elixir a lingua de escolarización dos seus fillos/as nos países nos que coexisten varias linguas oficiais.

Na resolución aprobada finalmente onte no PE suprímense estes dous puntos polémicos ao tempo que se insta aos estados membros a salvagardar o multilingüismo dos países ou rexións nos que coexistan varias linguas oficias e se reitera o compromiso do PE coa aprendizaxe de idiomas e a diversidade lingüística da UE.

Se desexa máis información, prema aquí.
23/03/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Cabana de Bergantiños

O Concello de Cabana de Bergantiños anuncia a convocatoria para a contratación temporal, como persoal laboral, dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.
O proceso de selección é o de concurso de méritos. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
23/03/2009. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas “Ramón Piñeiro na Galicia do século XX”

A Fundación Carlos Casares organiza as Xornadas “Ramón Piñeiro na Galicia do século XX”, que terán lugar desde o luns 23 de marzo ao xoves 26 de marzo no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo.

Nas xornadas, que queren contribuír ao debate sobre a figura deste polifacético intelectual galeguista, intervirán escritores, xornalistas, filósofos e estudosos da súa obra. O contido propiamente sociolingüístico correrá a cargo do profesor Henrique Monteagudo, que participará co relatorio “Ramón Piñeiro e a lingua”.

A entrada é libre e gratuíta para todos os asistentes. Se desexa coñecer o programa, prema aquí.
20/03/2009. DINAMIZACIóN

Ramón Piñeiro: unha voz na colección do ASG

O Consello da Cultura Galega (CCG) distribúe na rede para o seu uso libre, baixo licenza Creative Commons, dez audios con declaracións de Ramón Piñeiro, primeiro presidente do CCG (1983-1990) ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

A colección “Ramón Piñeiro: unha voz na colección do ASG” está composta de dez documentos sonoros con fragmentos de entrevistas, reflexións, programas radiofónicos e intervencións parlamentarias protagonizadas por este polifacético intelectual galeguista.
18/03/2009. INVESTIGACIóN

Xa está na rúa o segundo volume do Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004

A Real Academia Galega acaba de editar a publicación Usos lingüísticos en Galicia, segundo volume do Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004 que achega datos de uso do galego obtidos a partir dunha mostra de mais de 9000 enquisas realizadas en 2004.

Malia que é arriscado establecer comparacións con análises sociolingüísticas anteriores, debido ás diferenzas de criterios na selección da mostra escollida, en xeral constátase un descenso do uso do galego. Segundo este estudo, aumentou considerablemente o número de persoas que nunca emprega o galego (25,8%), ao tempo que descendeu a cantidade de monolingües nesta lingua (16%). Así mesmo, continúa a ter unha grande relevancia a variable rural/urbano, pois é nos núcleos de menos de 5000 habitantes onde o galego segue a gozar de maior vitalidade (o 76% di falar só galego ou máis en galego), mentres que o castelán é a lingua predominante no ámbito urbano, onde o 35,8% se declaran monolingües en castelán.

Se o desexa, pode consultar tamén algunhas das primeiras valoracións no web da Mesa pola Normalización Lingüística, ou en xornais como Xornal.com, El País ou Galicia Hoxe.


18/03/2009. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela organizan unha nova edición destes cursos estivais que se desenvolverán entre os días 2 e 30 de xullo de 2009.

Os cursos, que se organizan en diferentes niveis (elemental, medio e curso superior de Filoloxía Galega) teñen como principal finalidade ofrecerlle ao alumnado de fóra de Galicia a posibilidade de se familiarizar coa lingua e a realidade sociocultural galegas.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 1 de maio. Se desexa máis información, prema aquí.
17/03/2009. EMPREGO

Oferta laboral para docentes de galego

O Servizo Municipal de Emprego do Concello da Coruña anuncia unha oferta laboral, destinada a licenciados/as en Filoloxía Hispánica ou Filoloxía Galega, para impartir aulas particulares de lingua nunha academia en Betanzos.

Trátase dun contrato temporal, a media xornada, durante o período abril-agosto de 2009. Se desexa máis información, prema aquí.