Novas da lingua

Rexistros4351 a 4380 de 5153
09/06/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Arzúa

O Concello de Arzúa anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.

O sistema de selección é o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 16 de xuño.
Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
08/06/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Santiso

O Concello de Santiso anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.

O sistema de selección é o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
08/06/2009. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións a entidades privadas sen fin de lucro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica, no DOG do 8 de xuño de 2009, a resolución das subvencións a entidades privadas sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua galega nas áreas da transmisión familiar e da mocidade.

Se desexa consultar o texto completo da resolución, prema aquí.


04/06/2009. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar na rede o número 51 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.


Entre os contidos deste número salientamos a presentación da nova interface do NetBeans, agora tamén en galego grazas ao traballo desenvolvido no Fiadeiro de localización de software libre; a información sobre os Premios á calidade e á excelencia lingüística ou a nova sobre o comunicado a prol do galego realizado por un grupo de científicos galegos vinculados ao prestixioso CERN.
04/06/2009. AXUDAS E PREMIOS

Premio ao traballo de dinamización lingüística no Eo-Navia

A Asociación Cultural San Tirso del Eo recibiu o Premio Escanda de Ouro 2009, que concede a sociedade Humanitarios de Samartín, de Moreda.
O xurado valorou as actividades de dinamización lingüística que desenvolve esta asociación, como o proxecto de transmisión oral, o arquivo da palabra, o encontro de portadores de tradición oral ou a celebración do día internacional da lingua materna.

Se desexa máis información, prema aquí.
03/06/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Cee

O Concello de Cee anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.

O sistema de selección é o de concurso e o prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.

02/06/2009. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o desenvolvemento de grandes proxectos editoriais

A Consellería de Cultura e Turismo publica, no DOG do 1 de xuño de 2009, as axudas destinadas a fomentar o desenvolvemento de grandes proxectos editoriais, co obxectivo de que o catálogo de publicacións galegas inclúa obras realizadas directamente na nosa lingua, así como traducións do máis selecto da oferta mundial nos diferentes eidos do saber.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
02/06/2009. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a promoción do galego no Concello de Vigo

O Concello de Vigo convoca subvencións para asociacións e organizacións sen ánimo de lucro que teñen por obxecto fomentar a realización de actividades de dinamización e promoción do uso do galego.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.


01/06/2009. CURSOS E CONGRESOS

V Curso de Verán “Traballando en Lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo e mais coa CTNL, organiza a quinta edición do curso de verán Traballando en Lingua, que nesta ocasión xirará arredor do compromiso individual e do argumentario arredor da normalización lingüística.

As sesións desenvolveranse os días 15, 16 e 17 de xullo en Carballo e o prazo para realizar a preinscrición remata o vindeiro 23 de xuño.

29/05/2009. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o V Premio a artigos xornalísticos normalizadores

A profesora e estudosa María Pilar García Negro, autora do artigo A nena que berra, foi a galardoada da quinta edición deste concurso que convoca anualmente o Concello de Carballo.

O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo GZ Power, do autor lugués Marcos Abalde Covelo.

A entrega do premio terá lugar hoxe, 29 de maio, ás 21:00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo e consistirá nun espectáculo poético multimedia de Yolanda Castaño.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.

28/05/2009. AXUDAS E PREMIOS

Estudos de Lingüística Galega, primeira revista electrónica da USC

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentou Estudos de Lingüística Galega, unha revista electrónica de periodicidade anual promovida polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e publicada polo Servizo de Publicacións e Intercambio da USC.

Con esta publicación, o ILG ofrece un novo espazo de debate e intercambio científico arredor do idioma galego, que inclúe estudos sobre lingüística e filoloxía, artigos breves relacionados coa variedade normativa do galego e recensións críticas de traballos que analicen directa ou indirectamente o noso idioma.
27/05/2009. DINAMIZACIóN

Bocaberta, novo programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta a campaña de dinamización lingüística Bocaberta, coa que se pretende dar continuidade ás accións iniciadas no ano 2008 coas editoras galegas destinadas ao fomento do uso do galego e á promoción da lectura no noso idioma.

Entre as primeiras actividades que se desenvolverán no marco deste programa está a revista xuvenil de historieta Galimatías, da editorial El Patito, ou Voces á orella, que inclúe tres espectáculos de animación lingüística que se desenvolverán en colaboración con Edicións Xerais.
20/05/2009. EMPREGO

Resolución definitiva das bolsas para os proxectos de investigación do CCG

O Consello da Cultura Galega fai pública a listaxe definitiva dos bolseiros/as seleccionados/as para colaborar en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.
19/05/2009. DINAMIZACIóN

A quen lle amarga un doce? Saborea o galego!

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Santiago presenta a campaña de dinamización lingüística A quen lle amarga un doce? Saboreo o galego!, dirixida á difusión de boas prácticas lingüísticas na Administración local.

A iniciativa consiste na distribución dunha compilación documental dirixida a traballar tanto a sensibilización lingüística (folleto explicativo, autocolante e caramelos) como a formación do persoal municipal, achegando un lapis USB cunha multimedia de recursos lingüísticos, tecnolóxicos e normativos referidos ao uso da lingua. Esta multimedia estará en breve accesible no propio web do Concello.


Co mesmo obxectivo de contribuír á normalización do idioma galego no ámbito municipal, a Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou, o pasado 16 de maio, unha declaración institucional na que demanda o impulso social da lingua galega e reitera o seu compromiso co proceso de normalización lingüística.

15/05/2009. OUTRAS

Anxo M. Lorenzo Suárez, novo secretario xeral de Política Lingüística

O Goberno galego aprobou onte, 14 de maio de 2009, no Consello da Xunta de Galicia o decreto polo que se nomea secretario xeral de Política Lingüística a Anxo M. Lorenzo Suárez.

Anxo Lorenzo é profesor titular da área de Filoloxía Galega e Portuguesa no Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, departamento do que era actualmente o seu director. Tamén dirixiu durante o período 2001-2006 a Área de Normalización Lingüística desta universidade.

Como investigador centrou as súas liñas de traballo no ámbito da sociolingüística galega, a planificación e a política lingüística e mais o contacto lingüístico galego-castelán, sendo autor de diferentes estudos e publicacións relacionados con estas materias.

Como estudoso do ámbito da sociolingüística, Anxo Lorenzo colabora estreitamente co Consello da Cultura Galega, institución da que forma parte como membro da Sección de Comunicación, Lingua, Literatura e Industrias da Edición e mais da Comisión Técnica do CDSG.
19/04/2010. OUTRAS

A Real Academia Galega afirma que o galego non é un problema, senón unha oportunidade

Nas vésperas do Día das Letras Galegas, e ante o debate social que se está a producir nestes últimos tempos arredor do idioma, o Plenario da Real Academia Galega sentiuse na obriga de facer público un comunicado que, baixo o título Unha lingua para todos, defende que o idioma galego non é un problema, senón unha oportunidade, e que os poderes públicos deben traballar con firmeza e determinación a prol da súa plena normalización social, feito indispensable para conseguirmos dignidade como pobo e estarmos en pé de igualdade con todas as demais culturas do mundo.
12/05/2009. AXUDAS E PREMIOS

Axudas do Concello da Coruña para desenvolver iniciativas de normalización lingüística

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña publica, no BOP do 12 de maio de 2009, a convocatoria de subvencións destinadas á participación da mocidade (inclúense como subvencionables os proxectos xuvenís de promoción da cultura e lingua galega) e mais a convocatoria de axudas a entidades sen fin de lucro para realizaren accións de normalización lingüística.

En ambas as convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
12/05/2009. AXUDAS E PREMIOS

Vieiros busca imaxes para unha lingua con futuro

O xornal Vieiros convoca a cuarta edición do certame Unha imaxe para o galego, que seleccionará a imaxe e mais o vídeo que fagan a proposta máis orixinal para construírmos unha lingua con futuro.

O prazo para enviar as propostas remata o vindeiro 30 de xuño.
12/05/2009. AXUDAS E PREMIOS

Premios para a promoción da lingua

O pasado 8 de maio, a Fundación Lois Peña Novo fixo públicos os gañadores da XV edición dos Premios Peña Novo, pensados para animar o proceso de normalización lingüística nas administracións públicas de Galicia e mais nas empresas que manteñen relación directa coa Administración.

Os galardoados foron Emilio González Fernández, médico psiquiatra; o Estaleiro H. J. Barreras e mais o Concello da Estrada.


Por outra banda, a Asociación Álvaro das Casas entregou tamén o pasado 9 de maio os premios Bacelos de Prata, que nesta edición lles foron outorgados ás adegas Quinta de Couselo S.L., da denominación de orixe Rías Baixas, e O Casal S.A.T., da denominación de orixe Valdeorras.
11/05/2009. DINAMIZACIóN

O Consello da Cultura Galega homenaxea a figura de Ramón Piñeiro

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, O Consello da Cultura Galega presentará o vindeiro 13 de maio, ás 12:30 horas, o cartafol Ramón Otero Pedrayo, mestre da cultura galega, que compila artigos, ensaios e conferencias de Ramón Piñeiro sobre Ramón Otero Pedrayo.

No acto intervirán Ramón Villares, Presidente do CCG; Julián Parga, familiar de Ramón Piñeiro, e Julio Souto, representante da Fundación Penzol no Plenario do CCG.
06/05/2009. CURSOS E CONGRESOS

I Xornaes Mocedá y Llingües Minorizaes

O Conseyu de la Mocedá del Principáu d´Astures, en colaboración con outras entidades, organiza as I Xornaes Mocedá y Llingües Minorizaes, nas que diferentes estudosos e profesionais do ámbito da normalización lingüística debaterán sobre a pluralidade lingüística e cultural do Estado español.

Do ámbito galego, participarán nas xornadas Nancy Domínguez, técnica do SNL do Consello da Xuventude, e Montse Besada, produtora do programa Xabarín Club.

As sesións terán lugar o venres 8 e o sábado 9 de maio no Auditorio Príncipe Felipe de Uviéu, e de xeito paralelo organizaranse en diferentes municipios asturianos obradoiros de creación artística. A matrícula é de balde.
06/05/2009. OUTRAS

Exposición “Crónicas da Represión Lingüística”

Acuarela Comunicación, coa colaboración de diferentes institucións públicas e
sociais, vai presentar no conxunto do noso país a exposición gráfica e audiovisual sobre a represión lingüística desatada en Galicia a partir do levantamento militar de 1936.

A mostra inaugúrase hoxe, 6 de maio, ás 19:30 h, na sede da Fundación Gonzalo Torrente Ballester (Santiago de Compostela), e no acto intervirá Pilar Freitas Juvino, autora do libro Crónicas da represión lingüística.
06/05/2009. DINAMIZACIóN

Comeza o Festival “A Mocidade coa Lingua´09”

A Concellaría de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística do Concello de Fene e mais os equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros educativos do municipio organizan unha nova edición do Festival “A Mocidade coa Lingua´09”.

O acto terá lugar o vindeiro 8 de maio de 2009, a partir das 20:00 h, no Parque do Ameneiral de Perlio (Fene).

Se desexa máis información, prema aquí.

05/05/2009. EMPREGO

Resolución das bolsas para os proxectos de investigación do CCG

O Consello da Cultura Galega fai pública a listaxe provisional de bolseiros/as seleccionados/as para colaborar en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.

O prazo de exposición desta listaxe será de 10 días naturais, durante os cales os interesados/as poderán facer as alegacións pertinentes.
05/05/2009. DINAMIZACIóN

Mes da lingua en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) tamén se suman aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que ao longo deste mes terán lugar por todo o país.

O Mes da lingua en Pontevedra inclúe, entre outras actividades, intercambios lingüísticos, conferencias e presentación de libros, que se alternarán con actos máis lúdico-festivos como representacións teatrais, sesións de cinema infantil ou a carreira escolar pola lingua.
05/05/2009. DINAMIZACIóN

Maio das letras en Compostela

Co gallo da celebración o vindeiro 17 de maio do Día das Letras Galegas, o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago presenta o programa de actividades de dinamización lingüística que se desenvolverá ao longo deste mes de maio co ánimo de fomentar o uso do galego entre a poboación compostelá.

Entre as actividades programadas hai xincanas literarias, contacontos, sesións de monicreques, charlas-obradoiro sobre a linguaxe do cómic e unha festa da lingua.

04/05/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Malpica de Bergantiños

O Concello de Malpica de Bergantiños anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.

O sistema de selección é o de concurso e o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 11 de maio. Se desexa coñecer o texto completo da convocatoria, prema aquí.
04/05/2009. CURSOS E CONGRESOS

Seminario sobre dereitos lingüísticos na Universidade de Vigo

O Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo organiza un seminario sobre os dereitos lingüísticos en España, a cargo de Xabier Arzoz Santisteban, profesor de dereito administrativo da Universidade do País Vasco.

O seminario, aberto a todas as persoas interesadas, terá lugar o vindeiro 7 de maio, ás 11 horas, na aula A7 da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
30/04/2009. OUTRAS

YoGoTe, o multilingüismo nas nosas mans

Con motivo da visita institucional a Galicia do Comisario Europeo de Multilingüismo, Leonard Orban, o pasado día 24 de abril de 2009, Xavier Prado, docente do IES Porta da Auga (Ponteareas), tivo ocasión de presentar o proxecto YoGoTe, un recurso metodolóxico con xestos internacionais que funciona como ferramenta de aprendizaxe multilingüe e, ao mesmo tempo, promove a integración cultural.

Amais do IES Porta da Auga, na actualidade están implicadas no proxecto as 210 escolas españolas asociadas á UNESCO (25 delas en Galicia), así como as universidades de Santiago, Vigo e Minho (Portugal).

O propio IES Porta da Auga, xunto cun colexio de Sicilia e outro de Istambul, tiveron a ocasión de aplicar a metodoloxía do YoGoTe na posta en marcha da iniciativa Europoems, galardoada con dous premios europeos, o European Dialogue Awards e mais o E-learning.
30/04/2009. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de vídeo “Mobilízate pola lingua”

A Mesa pola Normalización Lingüística da Zona de Lugo (MNL) convoca a segunda edición do concurso de vídeo “Mobilízate pola lingua”, que ten como obxectivo fomentar entre a mocidade a reflexión sobre a situación social do idioma.

Os vídeos deben recoller a problemática actual do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais. Os rexistros pódense facer en calquera formato electrónico e sistema de gravación, cunha duración máxima de dous minutos.

O prazo de entrega dos traballos remata o vindeiro 13 de maio. Se desexa consultar as bases da convocatoria prema aquí.