Novas da lingua

Rexistros4351 a 4380 de 5280
17/03/2009. AXUDAS E PREMIOS

Lingua de amor 2009

O Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, organiza a 3ª edición do concurso Lingua de amor.

Trátase dun certame de cancións e declaracións de amor a través do correo electrónico pensado para promover o uso do galego nas actividades de lecer. O concurso conta con dúas modalidades (declaracións de amor e cancións) e no caso da modalidade de declaracións estableceranse tamén dúas categorías, segundo a idade dos participantes.

A data límite para participar no certame é o 10 de maio de 2009.
16/03/2009. AXUDAS E PREMIOS

Dálle uso... á lingua

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo convoca, no marco da campaña Dálle uso... á lingua. Faite amante, un concurso que consiste en responder por correo electrónico á chamada do anuncio “Busco amante galego falante”, que se distribuíu polos tres campus da Universidade de Vigo como primeira fase desta campaña.

Os participantes poderán enviar as súas mensaxes (en formato texto, audio ou vídeo) a través do formulario que aparece no web dalleuso.com. O prazo remata o vindeiro 6 de abril de 2009. A mensaxe gañadora terá como premio un computador portátil.


13/03/2009. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiros de novas tecnoloxías e lingua no Concello da Coruña

Con fin de aumentar a presenza do galego nas novas tecnoloxías e na telefonía móbil, a Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza cinco obradoiros sobre novas tecnoloxías e lingua, destinados ás persoas adultas da Coruña, que se desenvolverán en diferentes asociacións da cidade.

Se desexa máis información sobre as datas e os horarios desta actividade, prema aquí.
13/03/2009. AXUDAS E PREMIOS

VI Certame Literario Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca a sexta edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega.

O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega.

O prazo de presentación de orixinais remata o 20 de abril de 2009. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
12/03/2009. AXUDAS E PREMIOS

Ferve a rede 2009

Vieiros, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca o concurso de microrrelatos eróticos en lingua galega Ferve a Rede.

O prazo para enviar os textos, que deben ter unha extensión máxima de 690 caracteres, remata o 24 de abril. O gañador/a, que se dará a coñecer o 4 de maio, terá como premio unha viaxe a Bruxas (Bélxica) para dúas persoas. Ademais, entre todos os participantes no concurso sortearase unha estadía dunha fin de semana en Amarante (Portugal).
12/03/2009. OUTRAS

Nova versión da primeira guía de tradución do software libre ao galego

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre (Mancomún) presenta unha nova versión do seu Manual de localización (tradución de software libre ao galego), que formaliza a metodoloxía de traballo acordada coa comunidade e certifica determinadas escollas terminolóxicas.

O manual, que está concibido como un documento en construción permanente, engade como anexo un glosario bilingüe inglés-galego de localización de software con máis de

3000 entradas.

Se desexa máis información, prema aquí.
11/03/2009. CURSOS E CONGRESOS

Multilingüismo e linguas rexionais ou minoritarias: paradigma para as linguas nun contexto global

O MERCATOR European Research Centre on Multilingualism and Language Learning e mais o Centre for Excellence in Teaching and Learning Languages of the Wider World (LWW-CETL) organizan o congreso internacional “Multilingüismo e linguas rexionais ou minoritarias: paradigma para as linguas nun contexto global”, que terá lugar os vindeiros días 16 e 17 de abril na Universidade de Londres.

Os contidos do programa están especialmente orientados á análise e reflexión sobre as posibles estratexias e modelos, tanto teóricos como prácticos, para o ensino e aprendizaxe de linguas no actual mundo globalizado.

O prazo de matrícula remata o 6 de abril de 2009. Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.



10/03/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Oroso

O Concello de Oroso anuncia a convocatoria para a contratación temporal, como persoal laboral, dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.

O proceso de selección é o de concurso de méritos. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no BOP da Coruña. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
06/03/2009. DINAMIZACIóN

Amplíase un mes o ciclo de cinema “12 pelis para os peques”

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña vai ampliar un mes máis o Ciclo de cinema infantil en galego “12 pelis para os peques”. Esta edición de cinema familiar é posible grazas á colaboración da CRTVG (Compañía de Radio Televisión de Galicia), que cede gratuitamente os dereitos de audio dos filmes, e mais grazas á colaboración do MACUF (Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa).
06/03/2009. EMPREGO

Bolsas de estadías no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 6 de marzo de 2009, a convocatoria pública de bolsas de estadías destinadas a investigadores de fóra de Galicia para colaborar en proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O período da estadía será de entre dous e sete meses e non pode superar a data tope do 31 de decembro de 2009. O prazo de presentación das solicitudes é de 31 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG desta convocatoria.

03/03/2009. EMPREGO

Bolsas do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega publica, no DOG do 3 de marzo de 2009, a convocatoria de 17 bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (2 bolsas), Arquivo da Emigración Galega (2 bolsas), Arquivo de Comunicación (2 bolsas), Arquivo Sonoro de Galicia (2 bolsas), Área de Documentación (2 bolsas), Área de Publicacións (1 bolsa), Área de Xestión Cultural (2 bolsas), web corporativo do CCG (2 bolsas), Área de Informes (1 bolsa), Proxecto Sarmiento (1 bolsa).

A concesión das bolsas será ata o 31 de decembro de 2009. O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
03/03/2009. DINAMIZACIóN

I Torneo de Debate “Torrelingua”

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña convoca o I Torneo de Debate “Torrelingua”, que ten por obxecto difundir o galego entre os nosos mozos e mozas.

O Torrelingua consistirá na realización dunha serie de debates entre os equipos inscritos, co ánimo de promover o diálogo e a confrontación de ideas en público, como exercicio de convivencia e de desenvolvemento de habilidades persoais (busca de información, expresión oral, traballo en equipo, respecto e tolerancia).

Nesta edición poderán participar todos os institutos e centros de bacharelato da comarca da Coruña.
03/03/2009. DINAMIZACIóN

En liña o número 48 do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a análise dos usos lingüísticos nos diferentes traballos de investigación (teses, memorias de licenciatura...), a presentación do obradoiro “Falar ao dereito” ou a nova sobre os contidos sociolingüísticos que inclúe o “Mestrado de secundaria”.


27/02/2009. AXUDAS E PREMIOS

Premio á promoción da realidade plurilingüe do Estado español

Os departamentos responsables da política lingüística dos gobernos de Euskadi, Catalunya, Galicia e Illes Balears instituíron, no marco do protocolo de colaboración que manteñen, o Premio á promoción da realidade plurilingüe do Estado español.

A entidade galardoada nesta primeira edición foi a empresa Microsoft, polo seu esforzo de conxugar a diversidade lingüística coas novas tecnoloxías, exemplificado no lanzamento e impulso dos programas Windows Vista e Microsoft Office 2007 en galego, éuscaro e catalán.

Se desexa máis información, prema aquí.

23/02/2009. DINAMIZACIóN

Burela, modelo para a dinamización lingüística

O Concello de Burela e mais o IES Perdouro presentan o documental Modelo Burela, que amosa o traballo de dinamización lingüística desenvolvido entre a poboación burelá tras a aprobación do Modelo Burela de Planificación Lingüística, proxecto de colaboración entre a comunidade educativa e a Administración local.

A iniciativa ten o seu xermolo nun proxecto de innovación lingüística elaborado polo IES Perdouro, que posteriormente asumiron os tres grupos políticos con representación municipal (PSOE/BNG/PP), dando lugar ao mencionado Modelo Burela de Planificación Lingüística, aprobado por unanimidade na sesión plenaria do 26 de abril de 2008.


20/02/2008. INVESTIGACIóN

A Unesco presenta a nova edición do Atlas das linguas en perigo do mundo

Na véspera da conmemoración do Día Mundial da Lingua Materna (21 de febreiro), a UNESCO acaba de presentar unha nova edición interactiva do Atlas das linguas en perigo do mundo, onde se clasifican en cinco graos de vitalidade diferentes un total de 2 500 idiomas en perigo, entre os que nesta ocasión non se inclúe o galego. Cómpre salientar que na anterior edición desta publicación (2001) o galego si aparecía clasificado no grupo das linguas en situación de perigo.

Para obter máis información sobre as razóns que o filólogo finlandés Tapani Salminen, un dos redactores do Atlas, deu para a non inclusión do galego, prema aquí.
20/02/2009. EMPREGO

Bolsa de colaboración no Instituto da Lingua Galega

O Instituto da Lingua Galega convoca unha bolsa de colaboración para o
proxecto Atlas Multimedia da Prosodia do Espazo Románico – Galicia.

Os/as solicitantes deberán estar en posesión da licenciatura de Filoloxía Galega ou Filoloxía Románica, non levar licenciados/as máis de 2 anos e ter unha nota media igual ou superior a 1,5 puntos no expediente académico.

O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
19/02/2009. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en lingua galega de materiais didácticos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 19 de febreiro de 2009, a convocatoria de axudas para a edición en lingua galega de materiais didácticos curriculares para niveis non universitarios.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o 30 de abril de 2009. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
18/02/2009. EMPREGO

Praza de tradutor/a en lingua galega na Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense anuncia a convocatoria para a selección, como funcionario interino, dun tradutor/a en lingua galega.

O procedemento de selección é o de concurso mais, con carácter previo á valoración dos méritos, os aspirantes deberán realizar unha proba práctica que consistirá na tradución ao galego dun texto en castelán.

O prazo de presentación de solicitudes é de 7 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
18/02/2009. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no exercicio das súas competencias de fomento e promoción dos diversos ámbitos da creación cultural en Galicia, convoca diferentes liñas de axudas para estimular o uso da lingua galega no sector audiovisual.

Así, poderá solicitarse subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en galego, para o desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega, para a produción de curtametraxes en versión orixinal en galego, para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego e para as producións e coproducións audiovisuais no noso idioma.
18/02/2009. INVESTIGACIóN

Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación

Edicións Xerais de Galicia publica o ensaio Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación, no que a profesora Goretti Sanmartín liga a defensa do galego co emprego dun modelo de lingua culto que incida na recuperación do prestixio e da dignidade que aínda está a precisar para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país.

A obra combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos coa reflexión sobre os argumentarios que se están a empregar na actualidade no ámbito da sociolingüística galega, ao tempo que reivindica o pensamento das Irmandades da Fala, nomeadamente a figura de Ramón Vilar Ponte, e nos convida a sentírmonos elos desa cadea.


18/02/2009. OUTRAS

A Axencia EFE presenta o seu servizo de novas en galego

A Axencia EFE presentou publicamente o seu servizo de novas en lingua galega, o que supón un novo paso na recuperación de espazos sociais para o noso idioma, neste caso no sector dos medios de comunicación, de especial relevancia para o futuro do galego.

A entrada en funcionamento deste novo servizo responde a un convenio asinado entre a Axencia EFE e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ten por finalidade incrementar o caudal de información en lingua galega que xeran os medios e garantir un control da calidade lingüística dos contidos emitidos neste idioma.

Se desexa máis información, prema aquí.

11/02/2009. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para galegos/as residentes no exterior

A Secretaría Xeral de Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan cursos preparatorios de lingua galega para os niveis Celga e mais cursos de extensión cultural, destinados a galegos/as residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e a cultura de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 30 de setembro de 2009. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
09/02/2009. DINAMIZACIóN

Nace o foro “Deporte galego en galego”

A Fundación Azkar e mais a Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa Vicerreitoría de Cultura, presentaron publicamente o foro “Deporte galego en galego”, que nace coa vontade de fomentar o uso da lingua galega no ámbito deportivo.

O acto de presentación, que tivo lugar o pasado 3 de febreiro no Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela, estivo apoiado por numerosos deportistas e representantes de diferentes clubs e entidades, que amosaron o seu compromiso coa iniciativa asinando un manifesto a prol do deporte en galego.

Se desexa máis información, prema aquí.
09/02/2009. DINAMIZACIóN

Os máis pequenos de Vigo recibirán o seu primeiro libro en galego

O Concello de Vigo está a organizar a iniciativa "O meu primeiro libro", que ten como obxectivo facilitar que os nenos/as de Vigo entren en contacto coa súa lingua e a súa cidade desde as idades máis temperás. Así, todos os nenos e nenas de entre 0 e 3 anos recibirán como agasallo un libro en galego, ilustrado por Kiko da Silva, que inclúe tamén espazos para ir engadindo fotografías relacionadas cos momentos máis sinalados da vida do bebé.

Para ampliar información, prema aquí.
03/02/2009. INVESTIGACIóN

O uso do galego nas ONGDs

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) presenta o informe O uso do galego nas organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGDs) asentadas en Galicia, realizado polo profesor Xesús Domínguez Dono e financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Entre as principais conclusións do estudo recóllese que a orixe da ONGD, ou o asentamento da súa sede central, condiciona os seus usos lingüísticos, pois entre as de sede galega apréciase un emprego do galego próximo ao 70%, fronte a tan só un 43% nas de sede con orixe non galega.
En termos absolutos, o uso de ambas linguas é similar, constatándose un uso do galego de aproximadamente o 57%, fronte a un 43% que empregan o castelán.
03/02/2009. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega nas escolas oficiais de idiomas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel medio e superior, dirixidos preferentemente ao persoal que realiza funcións administrativas nas diferentes administracións públicas de Galicia.

Os cursos desenvolveranse nas diferentes escolas oficiais de idiomas e impartiranse en dúas quendas, unha que comezará en febreiro/marzo de 2009 e outra en outubro de 2009. O prazo de presentación de solicitudes varía segundo a quenda elixida. Se desexa máis información, prema aquí.
03/02/2009. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar na rede o número 47 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos a nova sobre os usos lingüísticos na USC neste curso 2008-2009, a presentación do traballo terminolóxico elaborado polas comisións de normalización lingüística das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e Administración e Dirección de Empresas ou a recensión do último número da revista “Llengua i Dret”.
03/02/2009. AXUDAS E PREMIOS

A Coordinadora de ENDL do Salnés premia os mellores lemas para o galego

A Coordinadora de ENDL do Salnés entregou os premios da XV edición do seu certame gráfico de adhesivos, que pretende fomentar a creatividade do alumnado así como a súa reflexión sobre a situación sociolingüística da lingua galega.

A Coordinadora valorou a alta participación, xa que se presentaron ao certame uns 400 deseños, procedentes de doce centros de ensino secundario da comarca.
Se desexa ampliar esta información, prema aquí.

27/01/2009. DINAMIZACIóN

Os estudantes do Grove, á procura do Xabaindulto

A Plataforma pola Normalización Lingüística do Grove, integrada polo Servizo de Normalización Lingüística, a Concellería de Cultura e Normalización Lingüística e mais os ENDL dos centros de ensino do concello, presenta a campaña Xabaindulto.

Os rapaces e rapazas do Grove entenden que o Xabarín Club, programa infantil da TVG, é un importante medio de difusión do idioma galego entre os máis novos e solicitan que volva emitirse este programa nun horario apropiado para o público infantil e xuvenil.

Ata o de agora a Plataforma xa conseguiu que o Pleno do Concello do Grove aprobase unha moción apoiando a súa iniciativa, así como a adhesión de diferentes persoeiros da comarca e representantes políticos de ámbito autonómico. A campaña terá continuidade nos vindeiros días, tentando acadar o apoio dos principais representantes políticos, sociais e culturais galegos.

Se desexa máis información, prema aquí.