Novas da lingua

Rexistros4411 a 4440 de 5280
02/12/2008. INVESTIGACIóN

Accesibles en liña os relatorios presentados nas V Xornadas de Lingua e Usos

Xa están accesibles, no web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, as gravacións dos relatorios, conferencias e debates que tiveron lugar no marco das V Xornadas de Lingua e Usos. Lingua e Docencia Universitaria, celebradas os pasados 12, 13 e 14 de novembro de 2008.

Así mesmo, tamén poden consultarse as presentacións con que algúns relatores/as apoiaron o seu discurso.
02/12/2008. DINAMIZACIóN

En liña o nº 45 do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a recensión do Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria, a presentación das I Xornadas de Recursos Didácticos Galegos ou a análise sobre a introdución do fomento do galego como obxectivo estratéxico nos diferentes plans sectoriais e contratos-programa da USC.
28/11/2008. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o fomento do galego no ámbito editorial e mais na educación infantil dos centros de ensino privados concertados

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 28 de novembro de 2008, a resolución da convocatoria de subvencións destinadas á promoción, produción e edición do libro galego.

Pola súa parte, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica tamén a relación de centros beneficiarios das axudas para a implantación de accións que potencien o ensino en lingua galega no segundo ciclo de educación infantil no ámbito do ensino privado concertado.

28/11/2008. INVESTIGACIóN

Novo recurso terminolóxico no ámbito da veterinaria

O Servizo de Normalización Lingüística da USC presenta o Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria: (galego-español-inglés), coordinado por Xusto Rodríguez Río e no que participaron tanto profesionais do ámbito da veterinaria como lingüistas expertos en terminoloxía.

A obra conta con 2 715 entradas, para as que se presenta ademais da denominación galega, o seu equivalente en inglés, castelán e, nalgúns casos, mesmo latín.
21/11/2008. DINAMIZACIóN

Por unha administración mellor, mellor en galego

A Confederación Intersindical Galega (CIG) presenta a campaña Por unha administración mellor, mellor en galego, destinada principalmente a concienciar os traballadores/as da Administración pública da necesidade de cumprir a normativa lingüística vixente e garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía.

O desenvolvemento desta iniciativa, que é a segunda fase doutra campaña previa que a CIG botou a andar no mes de maio, inclúe a edición de carteis e o envío de misivas a toda a afiliación da Administración e aos directivos das diferentes áreas das institucións públicas, nas que se recollen os dereitos e as obrigas lingüísticas no ámbito público.

Se desexa máis información, prema aquí.
21/11/2008. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Redondela

O Concello de Redondela anuncia a convocatoria para a contratación temporal, na modalidade de interinidade, dun técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o Concello.

O proceso de selección é o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes remata o 29 de novembro de 2008.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
20/11/2008. OUTRAS

Preséntase o prototipo do tradutor automático inglés-galego-inglés

A empresa Imaxín Software presenta o primeiro prototipo de tradutor inglés-galego-inglés, desenvolvido coa colaboración das universidades de Vigo e Santiago de Compostela e co financiamento da Consellería de Innovación e Industria.

O paquete está accesible en liña para o seu uso e perfeccionamento.


20/11/2008. DINAMIZACIóN

Xornada de servizos e produtos para a dinamización lingüística

No marco do Cultur.gal, a Coordinadora de Traballadores para a Normalización da Lingua organiza unha xornada de encontro entre os traballadores/as de normalización lingüística e as empresas que desenvolven servizos e produtos útiles para o seu traballo.

Na xornada, que terá lugar o vindeiro día 5 de decembro, a partir das 17:00 h, cada entidade fará unha breve presentación duns 10 minutos daquelas propostas máis axeitadas para poder ser contratadas por un SNL ou ENDL e entregaralles aos/ás técnicos/as e coordinadores/as participantes un dossier con información sobre as súas propostas.

Se desexa máis información, prema aquí.
18/11/2008. AXUDAS E PREMIOS

XI Premio Manuel Beiras

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación e o Concello de Santiago convocan a novena edición do Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade outorgar un recoñecemento público ao esforzo e compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial.

O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que leven feito un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego. As empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas candidaturas ata o 1 de decembro de 2008.


14/11/2008. DINAMIZACIóN

Xustamente, en galego

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Consello de Avogados de Santiago presenta, baixo o título Xustamente, en galego, unha nova campaña de dinamización lingüística no ámbito da xustiza.

Amais dos carteis divulgativos que se distribuirán polos xulgados, facultades de dereito, colexios de avogados, etc., no web do colexio habilitouse tamén unha sección para que as persoas interesadas poidan argumentar os motivos polos que consideran que debe fomentarse o uso do galego no eido xurídico.
14/11/2008. INVESTIGACIóN

Homenaxe a Antón Santamarina polo seu labor no ámbito da estandarización do idioma galego

Antón Santamarina, membro da Real Academia Galega e catedrático de Románicas na Universidade de Santiago de Compostela, recibiu onte nun acto de homenaxe celebrado na Facultade de Filoloxía da USC o recoñecemento aos seus 30 anos de catedrático e 41 anos de docencia, así como ao seu intenso labor investigador no ámbito da estandarización e codificación do idioma galego.

No acto presentouse tamén o libro Cada palabra pesaba, cada palabra medía. Homenaxe a Antón Santamarina, no que participaron arredor de cincuenta colaboradores da Facultade de Filoloxía e do Departamento de Filoloxía Galega da USC con traballos relacionados coas liñas de investigación que o propio homenaxeado cultivou.
19/04/2010. CURSOS E CONGRESOS

Seminarios de linguaxe non sexista

O Consello da Xuventude de Galicia organiza seminarios de linguaxe non sexista dirixidos a mozas e mozos pertencentes a asociacións xuvenís, así como á poboación moza de toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

O principal obxectivo destes seminarios, dos que se celebrarán tres edicións, é achegarlles ás persoas participantes recursos e criterios para eliminar o sexismo lingüístico, así como facelos reflexionar sobre a necesidade de democratizar a linguaxe formal e coloquial.

Se desexa máis información sobre as datas de celebración ou os trámites de inscrición, prema aquí.

12/11/2008. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de carteis de Nadal no Concello de Muros

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Muros e mais a Asociación Cultural Ponte Vella organizan o Concurso de carteis de Nadal 2008. O certame está dirixido a nenos e nenas de infantil e primaria deste municipio, que deben empregar nos seus traballos a lingua galega.

O premio consistirá en 200 € en agasallos para o neno/a gañador/a e outros 200 € en material escolar para a súa aula.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
12/11/2008. DINAMIZACIóN

Bota a andar en Ames a campaña “Tes dereito a unha atención en galego”

A Mesa pola Normalización Lingüística e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames presentan a campaña Tes dereito a unha atención en galego, que ten como obxectivo informar á cidadanía do seu dereito a ser atendida oralmente en galego en calquera administración ou empresa pública, tanto presencialmente como por teléfono.

A Mesa pola Normalización Lingüística estenderá esta iniciativa a outras administracións nas vindeiras semanas, tentando informar á cidadanía dos seus dereitos lingüísticos e concienciar ao funcionariado do seu deber de garantir estes dereitos.
11/11/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a creación e mantemento de servizos de normalización lingüística na provincia da Coruña [corrección]

A Deputación da Coruña publica, no BOP do 11 de novembro de 2008, a corrección das bases reguladoras do programa de cooperación cos concellos da provincia da Coruña para a creación ou mantemento dos servizos de normalización lingüística durante o período 2009-2011.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
04/11/2008. DINAMIZACIóN

En liña un novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar na rede o número 44 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos a presentación da terceira edición do Programa de Acompañamento de Estudantes, a nova sobre a resolución dos IV Premios á calidade lingüística ou a recensión sobre o Vocabulario multilingüe de economía.

03/11/2008. EMPREGO

Contrato de traballo para desenvolver tarefas de dinamización lingüística

O Servizo de Normalización Lingüística da UDC, en colaboración coa Deputación da Coruña, convoca un contrato de traballo por obra ou servizo para colaborar nunha campaña de dinamización lingüística.

Os/as candidatos/as deberán posuír unha licenciatura ou titulación superior equivalente, acreditar coñecementos sociolingüísticos e experiencia no ámbito da planificación lingüística e posuír coñecementos informáticos.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 7 de novembro, ás 14:00 h. Se desexa máis información, prema aquí.
30/10/2008. CURSOS E CONGRESOS

Curso de introdución ao traballo en servizos de normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua convoca un novo curso de formación dirixido a persoas que comezaron a traballar recentemente nun servizo de normalización lingüística, así como aos estudantes interesados neste ámbito laboral, co obxectivo de os introducir no traballo dos SNL e formar novos/as técnicos/as de normalización.

O curso terá unha edición en cada unha das tres universidades galegas. As datas de celebración serán os días 12-14 de novembro (na USC), 19-21 de novembro (na UVigo) e 26-28 de novembro (na UDC).

Se desexa máis información, prema aquí.

31/10/2008. DINAMIZACIóN

Vés xogar?

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña presenta o proxecto Vés xogar?, que ten como obxectivo principal fomentar o uso do galego no ámbito do lecer e o tempo libre.

A iniciativa está dirixida a nenos e nenas de 6 a 8 anos e as sesións desenvolveranse desde o 8 de novembro ata o 20 de decembro, todos os sábados pola mañá, das 11:00 h ás 13:00 h, nos barrios de Mesoiro e San Pedro de Visma.

O Concello oferta un total de 60 prazas e o prazo de inscrición comeza o 30 de outubro. Pode obter máis información no teléfono 981 184259.
19/04/2010. DINAMIZACIóN

Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organizan conxuntamente a campaña “Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua".

Co ánimo de vincular a defensa e promoción do idioma galego con outras loitas sociais xustas, e coincidindo coa celebración o vindeiro 25 de novembro do Día da Non-Violencia contra as Mulleres, estas tres entidades queren sensibilizar á sociedade de que o abandono histórico do uso da súa lingua por parte das mulleres, e as súas motivacións, debe ser entendido tamén como un tipo de violencia de xénero.

O acto consistirá nunha lectura pública de textos e terá lugar o vindeiro 25 de novembro, a partir das 10:00 h, na Praza da Fariña (A Coruña).

24/10/2008. OUTRAS

O OpenOffice.org 3.0 tamén en galego

Xa está accesible no web do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre- Mancomún.org a tradución ao galego da versión 3.0 do paquete ofimático OpenOffice.org.

A tradución deste paquete ofimático é froito do traballo do equipo de voluntarios que coordina Mancomún.org.
23/10/2008. AXUDAS E PREMIOS

Premios para a publicidade en lingua galega

O Consello Asesor de RTVE-G e CRTVG entregará hoxe, xoves 23 de outubro, ás 18 h, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) os XV Premios á Publicidade en Galego. Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.

Na modalidade de internet, o traballo galardoado foi a campaña "“Riscos Laborais: Movemento contra a lei de Murphy", elaborada e presentada por La Nuestra Comunicación Publicitaria. Na categoría de radio, a campaña gañadora foi "Aposta pola reciclaxe", elaborada polo Grupo Radio Vigo para a Concellería de Limpeza e Xardíns do Concello de Vigo. No ámbito da televisión, o gañador foi o anuncio SEAT León FR1 "Quen posúe a quen", elaborado pola axencia Atlético International, para a empresa SEAT.

O premio especial do concurso “Campaña de autopromoción dos Premios de Publicidade en Galego” recibirano dúas alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.
21/10/2008. OUTRAS

Mesa redonda sobre a idade dixital do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza, o vindeiro martes 28 de decembro, unha mesa redonda que levará por título “A idade dixital do galego”. No acto, que terá lugar ás 19:30 h na Estación Marítima de Vigo, intervirán Luis Collado, director para Google España de Google Procura de Libros e Google Académico, Montserrat Pardo, xerente de relacións institucionais de Microsoft Ibérica, Xosé María Pousada, director da ETSE de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística.

A iniciativa desenvólvese no marco da inauguración en Vigo, o vindeiro 24 de outubro, da exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”, que permanecerá aberta ata o 7 de novembro na Estación Marítima (Peirao de Trasatlánticos).
16/10/2008. DINAMIZACIóN

Chámate con xeito

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta a campaña O teu nome... coma ti. Chámate con xeito, que pretende suscitar, entre a comunidade universitaria e entre a sociedade en xeral, unha reflexión sobre a identidade onomástica.

A iniciativa conta cun sitio web que achega, entre outros recursos, un simulador de nomes e apelidos que permite ao usuario coñecer a súa identidade onomástica correctamente tanto en galego como en castelán, unha base de datos de nomes galegos ou os impresos legais necesarios para galeguizar os nomes e apelidos.

16/10/2008. EMPREGO

Praza de Licenciado/a en Lingua Galega na Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo publica, no BOP do 9 de outubro de 2008, a convocatoria para a contratación, como funcionario/a interino/a, dun licenciado/a en Lingua Galega, que desenvolverá as súas funcións no Departamento de Normalización Lingüística.

O proceso de selección é o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
16/10/2008. AXUDAS E PREMIOS

Concurso Letras Galegas 2009

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso destinado aos centros de ensino non universitario para a elaboración dunha exposición relacionada coa obra, época e lingua do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2009, Ramón Piñeiro López.

O concurso contempla dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. As exposicións gañadoras en cada unha destas categorías serán distribuídas entre os centros de ensino de toda Galicia, ademais de recibir un premio en metálico de 3 000 euros.

O prazo de presentación dos traballos remata o 22 de febreiro de 2009.
16/10/2008. DINAMIZACIóN

Casa co galego, DeVodas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística financia o proxecto Casa co galego. DeVodas, unha iniciativa promovida por 40 empresas do sector dos servizos nupciais (florerías, xoierías, salóns de peiteado, tendas de traxes de noivos, etc.)
que asumen un compromiso co uso do galego no desenvolvemento cotiá da súa actividade empresarial.

No marco deste proxecto, durante os días 25 e 26 de outubro, desenvolverase en Santiago de Compostela a feira DeVodas08, onde todas as empresas participantes empregarán o galego nas comunicacións verbais e escritas, así como no material promocional que estará á disposición do público.

Se desexa máis información, prema aquí.
16/10/2008. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de integración cultural e lingüística no Concello de Vimianzo

O Gabinete de Normalización Lingüística do Concello de Vimianzo organiza un obradoiro de integración cultural e lingüística, que se desenvolverá no marco do Proxecto de integración de inmigrantes e emigrantes retornados que promove o Concello.

As sesións terán lugar no Edificio de Usos Múltiples da Torre durante o mes de novembro, en horario de tarde. Se desexa máis información, prema aquí.

16/10/2008. AXUDAS E PREMIOS

IV Concurso de mensaxes de móbil do Concello do Porriño

A Biblioteca Municipal do Porriño organiza a cuarta edición do Concurso de mensaxes de móbil (sms) en lingua galega.
As mensaxes, que deben ser inéditas e non superar os 160 caracteres, teñen que enviarse ao número 638148957. A data límite para a recepción é o 12 de decembro de 2008, ás 14:00 horas.
15/10/2008. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese a convocatoria de subvencións ás entidades locais

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 13 de outubro de 2008, a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a normalización da lingua galega.