Novas da lingua

Rexistros4441 a 4470 de 5153
18/02/2009. EMPREGO

Praza de tradutor/a en lingua galega na Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense anuncia a convocatoria para a selección, como funcionario interino, dun tradutor/a en lingua galega.

O procedemento de selección é o de concurso mais, con carácter previo á valoración dos méritos, os aspirantes deberán realizar unha proba práctica que consistirá na tradución ao galego dun texto en castelán.

O prazo de presentación de solicitudes é de 7 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
18/02/2009. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no exercicio das súas competencias de fomento e promoción dos diversos ámbitos da creación cultural en Galicia, convoca diferentes liñas de axudas para estimular o uso da lingua galega no sector audiovisual.

Así, poderá solicitarse subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en galego, para o desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega, para a produción de curtametraxes en versión orixinal en galego, para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego e para as producións e coproducións audiovisuais no noso idioma.
18/02/2009. INVESTIGACIóN

Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación

Edicións Xerais de Galicia publica o ensaio Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación, no que a profesora Goretti Sanmartín liga a defensa do galego co emprego dun modelo de lingua culto que incida na recuperación do prestixio e da dignidade que aínda está a precisar para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país.

A obra combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos coa reflexión sobre os argumentarios que se están a empregar na actualidade no ámbito da sociolingüística galega, ao tempo que reivindica o pensamento das Irmandades da Fala, nomeadamente a figura de Ramón Vilar Ponte, e nos convida a sentírmonos elos desa cadea.


18/02/2009. OUTRAS

A Axencia EFE presenta o seu servizo de novas en galego

A Axencia EFE presentou publicamente o seu servizo de novas en lingua galega, o que supón un novo paso na recuperación de espazos sociais para o noso idioma, neste caso no sector dos medios de comunicación, de especial relevancia para o futuro do galego.

A entrada en funcionamento deste novo servizo responde a un convenio asinado entre a Axencia EFE e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ten por finalidade incrementar o caudal de información en lingua galega que xeran os medios e garantir un control da calidade lingüística dos contidos emitidos neste idioma.

Se desexa máis información, prema aquí.

11/02/2009. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para galegos/as residentes no exterior

A Secretaría Xeral de Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan cursos preparatorios de lingua galega para os niveis Celga e mais cursos de extensión cultural, destinados a galegos/as residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e a cultura de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 30 de setembro de 2009. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
09/02/2009. DINAMIZACIóN

Nace o foro “Deporte galego en galego”

A Fundación Azkar e mais a Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa Vicerreitoría de Cultura, presentaron publicamente o foro “Deporte galego en galego”, que nace coa vontade de fomentar o uso da lingua galega no ámbito deportivo.

O acto de presentación, que tivo lugar o pasado 3 de febreiro no Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela, estivo apoiado por numerosos deportistas e representantes de diferentes clubs e entidades, que amosaron o seu compromiso coa iniciativa asinando un manifesto a prol do deporte en galego.

Se desexa máis información, prema aquí.
09/02/2009. DINAMIZACIóN

Os máis pequenos de Vigo recibirán o seu primeiro libro en galego

O Concello de Vigo está a organizar a iniciativa "O meu primeiro libro", que ten como obxectivo facilitar que os nenos/as de Vigo entren en contacto coa súa lingua e a súa cidade desde as idades máis temperás. Así, todos os nenos e nenas de entre 0 e 3 anos recibirán como agasallo un libro en galego, ilustrado por Kiko da Silva, que inclúe tamén espazos para ir engadindo fotografías relacionadas cos momentos máis sinalados da vida do bebé.

Para ampliar información, prema aquí.
03/02/2009. INVESTIGACIóN

O uso do galego nas ONGDs

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) presenta o informe O uso do galego nas organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGDs) asentadas en Galicia, realizado polo profesor Xesús Domínguez Dono e financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Entre as principais conclusións do estudo recóllese que a orixe da ONGD, ou o asentamento da súa sede central, condiciona os seus usos lingüísticos, pois entre as de sede galega apréciase un emprego do galego próximo ao 70%, fronte a tan só un 43% nas de sede con orixe non galega.
En termos absolutos, o uso de ambas linguas é similar, constatándose un uso do galego de aproximadamente o 57%, fronte a un 43% que empregan o castelán.
03/02/2009. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega nas escolas oficiais de idiomas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel medio e superior, dirixidos preferentemente ao persoal que realiza funcións administrativas nas diferentes administracións públicas de Galicia.

Os cursos desenvolveranse nas diferentes escolas oficiais de idiomas e impartiranse en dúas quendas, unha que comezará en febreiro/marzo de 2009 e outra en outubro de 2009. O prazo de presentación de solicitudes varía segundo a quenda elixida. Se desexa máis información, prema aquí.
03/02/2009. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar na rede o número 47 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos a nova sobre os usos lingüísticos na USC neste curso 2008-2009, a presentación do traballo terminolóxico elaborado polas comisións de normalización lingüística das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e Administración e Dirección de Empresas ou a recensión do último número da revista “Llengua i Dret”.
03/02/2009. AXUDAS E PREMIOS

A Coordinadora de ENDL do Salnés premia os mellores lemas para o galego

A Coordinadora de ENDL do Salnés entregou os premios da XV edición do seu certame gráfico de adhesivos, que pretende fomentar a creatividade do alumnado así como a súa reflexión sobre a situación sociolingüística da lingua galega.

A Coordinadora valorou a alta participación, xa que se presentaron ao certame uns 400 deseños, procedentes de doce centros de ensino secundario da comarca.
Se desexa ampliar esta información, prema aquí.

27/01/2009. DINAMIZACIóN

Os estudantes do Grove, á procura do Xabaindulto

A Plataforma pola Normalización Lingüística do Grove, integrada polo Servizo de Normalización Lingüística, a Concellería de Cultura e Normalización Lingüística e mais os ENDL dos centros de ensino do concello, presenta a campaña Xabaindulto.

Os rapaces e rapazas do Grove entenden que o Xabarín Club, programa infantil da TVG, é un importante medio de difusión do idioma galego entre os máis novos e solicitan que volva emitirse este programa nun horario apropiado para o público infantil e xuvenil.

Ata o de agora a Plataforma xa conseguiu que o Pleno do Concello do Grove aprobase unha moción apoiando a súa iniciativa, así como a adhesión de diferentes persoeiros da comarca e representantes políticos de ámbito autonómico. A campaña terá continuidade nos vindeiros días, tentando acadar o apoio dos principais representantes políticos, sociais e culturais galegos.

Se desexa máis información, prema aquí.
26/01/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Rois

O Concello de Rois anuncia a convocatoria para a contratación temporal, como persoal laboral, dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.

O proceso de selección é o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.

23/01/2009. DINAMIZACIóN

Calidade en galego no Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística e mais o Departamento de Promoción Económica do Concello de Ames están a organizar, coa colaboración das asociacións de comerciantes e de empresarios, a campaña Calidade en Galego, co ánimo de dinamizar os usos lingüísticos no ámbito do pequeno comercio amiense.

O desenvolvemento da campaña inclúe diferentes accións, como o reparto de materiais (adhesivos para os agasallos, distintivos cos horarios de apertura e peche, paraugas de cortesía, etc.), a prestación de asesoramento lingüístico por parte do Concello ou a organización de actividades formativas para mellorar as estratexias de comunicación publicitaria e a atención ao público.


22/01/2009. EMPREGO

Bolsas de colaboración na ANL da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca cinco bolsas de iniciación á colaboración coa súa Área de Normalización Lingüística. Poderán presentarse a esta convocatoria os/as estudades de Filoloxía Galega ou de Tradución e Interpretación (Lingua A: Galego) da Universidade de Vigo.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 29 de xaneiro de 2009, ás 14.00 h. Se desexa máis información, prema aquí.

22/01/2009. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para preparar os CELGA

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de lingua galega preparatorios para a obtención dos Celga (niveis 1, 2 e 3).

Os cursos desenvolveranse nas diferentes escolas oficiais de idiomas de Galicia e impartiranse en dúas quendas, unha que comezará en febreiro e outra en outubro de 2009. O prazo de presentación de solicitudes varía segundo a quenda elixida.
Se desexa máis información, prema aquí. (corrección de erros)

16/11/2005. EMPREGO

Praza de técnico/a de lingua e cultura no Concello de Ribadeo

O Concello de Ribadeo anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de lingua e cultura.

Os/as participantes no proceso selectivo deberán estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega. Valoraranse os servizos prestados no Concello de Ribadeo ou noutras administracións públicas en postos de traballo de contido análogo ou categoría semellante, así coma os cursos relacionados coa actividade propia do posto.

A proba escrita e mais a selección de persoal desenvolveranse o 3 de febreiro ás 17.00 horas na Casa do Concello. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 28 de xaneiro.

Se desexa máis información, prema aquí.

20/01/2008. OUTRAS

Probas para obtención dos certificados de lingua galega (Celga)

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca as probas do Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 para o 2009. Neste ano realizaranse tres convocatorias, dúas para Galicia, resto do Estado español e Europa (maio e novembro de 2009) e unha terceira para América (outubro de 2009).

Os prazos para a presentación de solicitudes rematan o 25 de marzo (convocatoria maio), o 30 de xuño (convocatoria de outubro) ou o 12 de outubro (convocatoria de novembro).

Se desexa máis información, prema aquí.
20/01/2009. EMPREGO

Praza de Licenciado/a en Lingua Galega na Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo publica, no BOP do 17 de xaneiro de 2009, a convocatoria das probas selectivas para cubrir, con carácter definitivo, unha praza de Licenciado/a en Lingua Galega, adscrita ao cadro do persoal funcionario.

O proceso de selección é o de oposición libre. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no BOE.
20/01/2009. DINAMIZACIóN

Cine en galego para “os peques” da Coruña

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña, en colaboración coa CRTVG, organiza a actividade 12 pelis para os peques.

Os máis pequenos/as da Coruña poderán asistir de balde, todos os sábados de xaneiro, febreiro e marzo de 2009, á proxección de diferentes filmes infantís en lingua galega. Estas proxeccións vanse levar a cabo ás 18.00 h no Museo de Arte Contemporánea (MACUF), situado na avda. de Arteixo, 171 (Agrela-Bens).
20/01/2009. OUTRAS

Exeria, para un uso non sexista da linguaxe

A Secretaría Xeral de Igualdade e a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia presentan Exeria, unha nova ferramenta informática, de código aberto, que ten como finalidade o uso dunha linguaxe non sexista.

Exeria é unha aplicación que facilita a revisión lingüística de textos, detectando aqueles termos susceptibles dun uso sexista e propondo diferentes suxestións e alternativas.

16/01/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Fisterra

O Concello de Fisterra anuncia a convocatoria para a contratación temporal, como persoal laboral, dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o Concello.

O proceso de selección é o de concurso de méritos. O prazo de presentación de solicitudes é de 5 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
14/01/2009. CURSOS E CONGRESOS

XI Encontros para a Normalización Lingüística

Xa está accesible en liña o programa dos XI Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os vindeiros días 12 e 13 de febreiro de 2009 na sede do Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela).

A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado no web do CCG.

Estableceranse dous prazos de preinscrición:

1º prazo: ata o 29 de xaneiro de 2009. Exclusivo para técnicos/s de normalización lingüística, profesionais do ámbito da planificación e a dinamización lingüística e socios/as da CTNL.

2º prazo: desde o 2 ata o 8 de febreiro de 2009. Aberto a todas as persoas interesadas.

A cota de matrícula é de 10 euros mais non debe realizarse o pagamento ata ter recibido confirmación da inscrición.
14/01/2009. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega

A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel medio e superior, para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de xaneiro de 2009. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
12/01/2009. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros privados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de axudas para financiar proxectos de fomento do uso do galego desenvolvidos polos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino privados.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

01/12/2009. AXUDAS E PREMIOS

O Concello da Coruña premia a canción popular en galego

O Concello da Coruña organiza a segunda edición do certame ACoruñaSon, que ten como obxectivo fomentar, descubrir e promocionar novos autores e autoras de canción popular en galego.

Todas as persoas interesadas en participar no certame teñen de prazo, tanto para enviar a súa maqueta como para votar os seus temas favoritos, ata o vindeiro 10 de febreiro de 2009, para o que previamente deben rexistrarse no web do concurso.
O premio para os dez autores seleccionados será a asistencia a un obradoiro de canción popular impartido por Santiago Auserón e mais a gravación dun disco colectivo.

Se desexa consultar as bases completas do certame, prema aquí.
12/01/2009. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións a entidades privadas sen fin de lucro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica, no DOG do 31 de decembro de 2008, a convocatoria pública de axudas a entidades privadas sen fin de lucro para incrementar os usos da lingua galega nas áreas da transmisión familiar e da mocidade que desenvolve o Plan xeral de normalización da lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.



30/12/2008. AXUDAS E PREMIOS

Convócase o Premio Linguapax 2009

O Institut Linguapax convoca unha nova edición deste galardón, que quere contribuír ao recoñecemento de lingüistas, investigadores, docentes ou membros da sociedade civil que teñan destacado na promoción da diversidade lingüística e/ou a educación multilingüe.

As candidaturas deben enviarse, xunto cunha breve recensión biográfica, á secretaría do Instituto Linguapax (info@linguapax.org) antes do 20 de xaneiro de 2009. O/a gañador/a do premio darase a coñecer o 21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna.

Se desexa máis información sobre estes galardóns, prema aquí.
30/12/2008. DINAMIZACIóN

O noso Nadal, galego e verde

O Servizo de Normalización Lingüística e mais a Área de Medio Ambiente do Consello da Xuventude de Galicia elaboraron a guía O noso Nadal, galego e verde, deseñada para animar a cidadanía a que vivan un Nadal en galego, solidario e respectuoso co medio.

No que respecta á parte lingüística, a guía contén cantares e contos de Nadal, receitas tradicionais e mais consellos para mercar agasallos en galego.
30/12/2008. AXUDAS E PREMIOS

Premios da edición 2008

A Asociación Galega de Editores deu a coñecer os galardoados da cuarta edición destes premios que teñen como obxectivo recoñecer o traballo editorial en lingua galega realizado polos seus membros ao longo do ano.

Fin de século en Palestina, de Miguel Anxo Murado, editado pola Editorial Galaxia; Palabras brancas, de Elvira Riveiro, editado por Edicións Xerais de Galicia; Lolita, traducido por Xesús Fraga e editado por Faktoría K de Libros; O libro das viaxes imaxinarias, ilustrado por Xosé Cobas e editado por Edicións Xerais de Galicia; Agustín Fernández Paz e a empresa Gadisa foron as obras, autores e entidades galardoadas nas diferentes categorías.

Se desexa máis información, prema aquí.