Novas da lingua

Rexistros4471 a 4500 de 5280
09/07/2008. DINAMIZACIóN

AnimaLingua: granxa-escola en lingua galega

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza a granxa-escola AnimaLingua, iniciativa didáctica de dinamización lingüística no tempo libre dirixida a nenas e nenos de entre 8 e 11 anos.

O proxecto desenvolverase entre o 1 e o 13 de agosto na granxa escola Fervenza do Toxa (Abades-Silleda) e o prazo de inscrición é do 9 ao 19 de xullo. Se desexa máis información sobre o programa de actividades e mais os trámites de inscrición, prema aquí.
07/07/2008. DINAMIZACIóN

Ramón Piñeiro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2009

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado día 5 de xullo, dedicar o Día das Letras Galegas 2009 a Ramón Piñeiro López, intelectual galeguista que destacou polo seu labor como ensaísta, escritor, tradutor e, en xeral, promotor da normalización da lingua galega nos anos da posguerra.

En 1967 foi elixido membro numerario da Real Academia Galega e en 1983 participou na creación do Consello da Cultura Galega, institución da que foi o primeiro presidente ata o seu pasamento en 1990.

Se desexa máis información, prema aquí.
02/07/2008. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Monfero

O Concello de Monfero anuncia a convocatoria para a contratación temporal a tempo parcial dun técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o Concello.

O proceso de selección é o de oposición libre. O prazo de presentación de solicitudes remata o 5 de xullo de 2008.
Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

01/07/2008. AXUDAS E PREMIOS

O Concello da Coruña subvencionará iniciativas de normalización lingüística

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña publica, no BOP do 21 de xuño de 2008, a convocatoria de subvencións destinadas á participación da mocidade (inclúense como subvencionables os proxectos xuvenís de promoción da cultura e lingua galega) e mais a convocatoria de axudas a entidades sen fin de lucro para realizaren accións de normalización lingüística.

En ambas as convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
30/06/2008. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega

A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel medio e superior, para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de xullo de 2008. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
30/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a produción de curtametraxes en lingua galega

A Consellería de Cultura e Deporte publica a convocatoria de axudas para a realización de proxectos de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

25/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a normalización da lingua galega na Administración local

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 24 de xuño de 2008, a convocatoria pública de subvencións destinadas a fomentar a
prestación dun servizo de normalización lingüística nas entidades locais, así como a subvencionar a
organización e desenvolvemento de campañas de normalización lingüística.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
25/06/2008. INVESTIGACIóN

Presentación pública do Observatorio da Lingua Galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou publicamente o Observatorio da Lingua Galega, unha iniciativa que ten como principal obxectivo obter información cuantitativa e cualitativa acerca da presenza do galego nos diferentes ámbitos sociais.

Ata o momento o Observatorio elaborou análises sociolingüísticas dos seguintes ámbitos: cidadanía, administracións públicas, educación, economía e empresa, sanidade, tecido asociativo, medios de comunicación e TIC. Os datos, accesibles en liña, foron obtidos a partir de máis de 7 000 enquisas e de 12 paneis de escoita.

25/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Murais pola lingua

O Gabinete de Normalización Lingüística do Concello de Vimianzo convoca o concurso Murais pola lingua, co obxectivo de mellorar os usos e actitudes lingüísticas no ámbito da mocidade.

Poderán participar parellas de nenos/as de entre 12 e 17 anos. A parella gañadora recibirá como premio a inscrición gratuíta no Campamento urbano ou no Campamento de verán.

O prazo de inscrición remata o 27 de xuño de 2008.

18/06/2008. EMPREGO

Praza de técnico/a de tradución e asesoramento lingüístico

A S.A.X. CESGA anuncia a convocatoria selectiva para a contratación temporal dun técnico/a de tradución e asesoramento lingüístico, que traballará no desenvolvemento do proxecto mancomun.org – Iniciativa galega polo Software Libre.

O proceso de selección será un concurso de méritos e o prazo para presentar as solicitudes remata o 20 de xuño de 2008.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
17/06/2008. INVESTIGACIóN

No meu mar, na miña lingua

O ENDL do IES Félix Muriel de Rianxo presenta os resultados do proxecto de investigación No meu mar, na miña lingua, que o alumnado do centro desenvolveu ao longo deste curso 2007-2008.

Trátase dun traballo de investigación e recuperación de léxico mariñeiro vinculado coas embarcacións tradicionais e cos deportes náuticos de remo e vela.
Na revista dixital do ENDL poderá consultar os materiais lexicográficos que xerou o proxecto: vocabularios e láminas de embarcacións.

Se desexa máis información, o portal culturagalega.org achega un audio no que Valentina Formoso, coordinadora do ENDL, presenta a iniciativa.

16/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Oferta laboral para técnicos/as de normalización lingüística

A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) oferta un posto de técnico/a de normalización lingüística para traballar na sede da entidade en Vigo.

Os/as candidatos/as deben ser titulados/as en: Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica (con galego como segunda lingua), Filoloxía Inglesa (con galego como segunda lingua) ou Tradución e Interpretación (co galego como lingua A1), e engádese como requisito que as licenciaturas se cursaran, total ou parcialmente, na Universidade de Vigo.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo ata o 17 de xuño para enviar o seu currículo e mais a fotocopia do título ou expediente académico ao seguinte enderezo electrónico orientacion@cep.es. Máis información no teléfono 986 439 611.
13/06/2008. CURSOS E CONGRESOS

Curso de planificación lingüística nos centros de ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca o curso A planificación lingüística nos centros de ensino, dirixido aos membros de equipos directivos de centros de ensino non universitario, tanto públicos como privados concertados.

As sesións desenvolverase os días 1, 2, 3, 8, 9, 10 de xullo de 2008 no IES Fontiñas (Santiago de Compostela) e o prazo de inscrición remata o vindeiro 22 de xuño de 2008.
12/06/2008. CURSOS E CONGRESOS

Máster Oficial Interuniversitario de Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega

As universidades da Coruña, Santiago e Vigo presentan a primeira edición do Máster Interuniversitario de Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega, que conta cun total de 60 créditos (+ 6 do módulo de adaptación) para ministrar no vindeiro curso académico 2008-2009.

Ofrécense dúas modalidades: profesional (orientada á práctica profesional) e académica (que equivale ao DEA, e abre a posibilidade de realizar unha Tese de Doutoramento).

A docencia ministrarase as tardes dos martes, mércores e xoves; desde outubro de 2008 a maio de 2009 (ambos os dous incluídos), e en módulos de dúas horas (16:30-18:30 e 18:30 a 20:30).

Os trámites de matrícula deben realizarse segundo a normativa da universidade na que decida inscribirse. A información facilitarase a través dos sitios web da USC, da UDC e da UVigo.

12/06/2008. OUTRAS

A CTNL presenta o seu novo web

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) acaba de poñer en funcionamento un novo sitio web con ampla información sobre a asociación e toda a actualidade sobre o proceso de normalización lingüística.

Ademais, co ánimo de fomentar a participación de todos os seus socios/as e colaboradores/as, o web conta co espazo Máis alá, destinado á opinión e á análise, que tamén incluirá entrevistas con persoeiros/as relevantes do ámbito da planificación lingüística.
12/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a elaboración de contidos interactivos en galego

A Consellería de Cultura e Deporte publica a convocatoria de subvencións para o desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.


12/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á promoción, produción e edición do libro galego

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 10 de xuño de 2008, as axudas para a promoción, produción e edición do libro galego, tanto as destinadas a fomentar a realización de grandes proxectos editoriais, como as destinadas a axudar a tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e a tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.

12/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para proxectos audiovisuais en lingua galega

A Consellería de Cultura e Deporte fixo públicas as convocatorias de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais e para a escrita de guións audiovisuais en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da respectiva convocatoria.


09/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Listas de agarda de persoal docente interino na Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca un concurso público para a elaboración de listas de agarda de persoal docente interino para o curso 2008/2009. O Departamento de Filoloxía Galega e Latina creará dúas listas, unha para a docencia das materias de lingua e literatura galegas e outra para a docencia das materias de lingua e literatura portuguesas.

O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 16 de xuño. Se desexa máis información, prema aquí.

06/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións a entidades privadas sen fin de lucro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica, no DOG do 5 de xuño de 2008, a resolución das subvencións a entidades privadas sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua galega nos ámbitos da familia, da infancia, da mocidade e do tempo de lecer.

Se desexa consultar o texto completo da resolución, prema aquí.
04/06/2008. CURSOS E CONGRESOS

IV Curso de Verán “Traballando en Lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza a cuarta edición do curso de verán Traballando en Lingua, que nesta ocasión xirará arredor do papel que están a xogar as novas tecnoloxías na actual sociedade do coñecemento e do multilingüismo.

As sesións desenvolveranse os días 15, 16 e 17 de xullo en Carballo e o prazo para realizar a preinscrición remata o vindeiro 27 de xuño.

02/06/2008. DINAMIZACIóN

II Festa da Narración Oral de Galiza

Nova Escola Galega e o Colectivo Tatalo convocan a II Festa da narración oral de Galiza, que terá lugar o 5 de xullo de 2008 en Arca (O Pino).

A iniciativa ten como principal obxectivo promover a creación de espazos que faciliten o uso do galego oral e fomentar a reflexión sociolingüística sobre a arte de contar historias.

Ademais das sesións lúdicas, o acto inclúe sesións de formación para o profesorado.
02/06/2008. CURSOS E CONGRESOS

Culturas que falan: ensino de linguas e inmigración

A Universidade de Santiago de Compostela organiza o curso de verán Culturas que falan: ensino de linguas e inmigración, que ten como principal obxectivo presentar propostas metodolóxicas e materiais didácticos de utilidade para o ensino de segundas linguas a inmigrantes.

O curso, de 30 h de duración, desenvolverase entre os días 9 e 11 de xullo de 2008 en Santiago de Compostela. O prazo de matrícula remata o 27 de xuño.
02/06/2008. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 43 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos a información sobre o curso Universidades, dereito e pluralismo lingüístico: experiencias comparadas, dirixido ao persoal docente e investigador da Facultade de Dereito, a entrevista a Pedro Saco, autor da unidade didáctica en galego Imaxe dixital, ou a nova sobre a adhesión de catro novos departamentos da USC ao compromiso de uso do galego na docencia.

28/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

V Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a quinta edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas entre a comunidade universitaria.

O premio está dirixido a todo o alumnado de 1º, 2º e 3º ciclo das facultades e escolas universitarias galegas e contará con dúas modalidades: “artigo xornalístico” e “deseño dunha campaña de promoción da lingua galega”.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2008.


28/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

XII Congreso da Fundación para as Linguas Minorizadas

A Fundación para as Linguas Minorizadas (FEL), en colaboración co Centro Europeo Mercator de Investigación sobre o Multilingüismo e a Aprendizaxe de Linguas, organiza a XII edición do seu congreso anual, que nesta ocasión xirará arredor do tema da aprendizaxe de linguas minorizadas en contextos multilingües.

O evento terá lugar entre os días 25 e 27 de setembro en Ljouwert/Leeuwarden (Países Baixos).
Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.

28/05/2008. EMPREGO

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 28 de maio de 2008, a convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en diferentes universidades de España e do estranxeiro.
O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
28/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

Congreso Mundial de Tradución Especializada 2008

Baixo o título Linguas e diálogo intercultural nun mundo en globalización, a Rede Mundial para a Diversidade Lingüística (MAAYA) e Unión Latina organizan un congreso mundial que ten como principal obxectivo subliñar a importancia do labor do tradutor/a especializado/a como garantía do multilingüismo.

O evento terá lugar entre os días 8 e 13 de decembro de 2008 na Habana (Cuba). As prazas son limitadas. Se desexa obter máis información sobre os trámites da inscrición, prema aquí.
26/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade

No marco da conmemoración dos seus vinte e cinco anos, o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza o foro de debate Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade, que terá lugar os vindeiros días 19 e 20 de xuño no Salón de Actos do CCG.

No evento, coordinado por Henrique Monteagudo, participarán profesores e expertos de diferentes universidades europeas, que reflexionarán sobre a problemática actual do idioma galego desde diversas perspectivas: o escenario global da mundialización, o espazo europeo da diversidade lingüística, o marco do multilingüismo español ou a dimensión da especial relación co ámbito luso-brasileiro.
26/05/2008. DINAMIZACIóN

XIV edición de Ponte... nas ondas!

O museo Verbum-Casa das Palabras acollerá o vindeiro 6 de xuño a XIV edición de Ponte...nas ondas!, xornada de comunicación audiovisual que nesta edición pretende fomentar a reflexión sobre a identidade e o territorio.

A xornada inclúe, entre outras actividades, un espectáculo audiovisual, a retransmisión dos programas radiofónicos elaborados polos diferentes centros de ensino participantes e a celebración da VII Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa. Se desexa coñecer o programa completo desta actividade, prema aquí.