Novas da lingua

Rexistros451 a 480 de 5273
05/11/2024. DINAMIZACIóN

Volve o Club de Debate Alingua con máis que dicir

A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega-Alingua presenta a nova edición do Club de Debate Alingua, unha iniciativa colaborativa promovida polos servizos de normalización lingüística de varios concellos galegos que ten como como obxectivo a dinamización lingüística e cultural no ámbito educativo, fomentando a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Poden participar equipos mixtos de entre 4 e 10 mozos/as de 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos. Haberá diferentes premios económicos nas fases previas e o equipo que gañe a fase final poderá gozar dunha viaxe multiaventura.

Os equipos interesados en participar poden inscribirse a través do SNL do seu concello. Nesta edición participan os concellos de Ames, Carballo, Dodro, Ferrol, Narón, Pontevedra, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago, Teo, Val do Dubra e Vilagarcía de Arousa. O prazo de inscrición estará aberto ata o 25 de novembro de 2024.
05/11/2024. DINAMIZACIóN

A UVigo conmemora o Día da Ciencia en Galego da man de tres “galinfluencers”

Co gallo da celebración do Día da Ciencia en Galego, a Área de Cultura Científica da Universidade de Vigo organiza un ciclo de charlas divulgativas en galego nas que participarán tres coñecidos/as creadores de contidos na rede e “galinfluencers”.

O ciclo inaugúrase mañá, 6 de novembro de 2024, coa participación de María Rodríguez Rúa, Prado Rúa, que falará dos seus motivos para crear contidos en lingua galega. O vindeiro 13 de novembro será a quenda de Iago Gordillo, creador do proxecto audiovisual Recuncho Gamer, e o ciclo rematará o 27 de novembro coa intervención de Esther Estévez, comunicadora e presentadora do programa televisivo DígochoEu.

Todas as charlas terán lugar no Edificio das Redeiras, ás 19:00 h. A asistencia é libre para todas as persoas interesadas.

Na páxina web da UVigo podes ampliar información sobre esta iniciativa.

05/11/2024. INVESTIGACIóN

Coloquio sobre discriminación lingüística na libraría Follas Novas de Santiago

Mañá, 6 de novembro de 2024, ás 19:00 h, terá lugar na libraría Follas Novas de Santiago de Compostela a presentación do libro No me gusta cómo hablas (o más bien no me gustas tú), autoría de María del Carmen Méndez Santos e editado por Pié de Página. No marco desta presentación desenvolverase tamén un coloquio sobre a discriminación lingüística, no que participarán a propia autora da obra e mais o sociolingüista e profesor da USC Henrique Monteagudo.
05/11/2024. DINAMIZACIóN

Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude presenta as actividades didácticas e divulgativas que se desenvolverán durante este mes de novembro ao abeiro do programa “Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas”, no que participan as bibliotecas públicas, as bibliotecas escolares e os equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino.

Igual ca en edicións anteriores, o programa de actividades preséntase acompañado dun manifesto, que nesta ocasión asina Felipe Criado-Boado, arqueólogo e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC.
30/10/2024. DINAMIZACIóN

O Concello de Lugo promove a “Alianza Lugo polo Lingua”

Onte, 29 de outubro de 2024, tivo lugar no Auditorio do Vello Cárcere de Lugo a primeira xuntanza da Alianza Lugo pola Lingua, unha iniciativa promovida polo Concello de Lugo que ten como obxectivo implicar o tecido asociativo lucense, e a sociedade en xeral, no traballo conxunto de defensa e promoción do idioma galego. Neste primeiro encontro adheríronse á iniciativa máis de 60 colectivos. Os que aínda non o fixesen e desexen sumarse á “Alianza” poden facelo enviando un correo a promociondalingua@lugo.gal.

No xornal Nós Diario podes ampliar información.
30/10/2024. AXUDAS E PREMIOS

Premios a curtas de animación en galego “Nós tamén creamos!”

A Secretaría Xeral da Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia convocan os premios a curtas de animación en galego elaboradas no marco do programa Nós tamén creamos! para o curso académico 2024/2025.

A convocatoria está dirixida a alumnado de Educación Infantil e Primaria. Os centros públicos admitidos no programa Nós tamén creamos! quedarán inscritos de oficio no certame; para os demais centros de titularidade pública, o prazo inscrición remata o 29 de novembro de 2024. A data límite de envío das curtametraxes será o 30 de abril de 2025. Outorgaranse catro premios, un por cada unha das categorías nas que se organiza o certame.

Consulta toda a información premendo aquí.
30/10/2024. OUTRAS

Constitúese formalmente o Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade

Onte, 29 de outubro de 2024, constituíuse formalmente o Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade, entidade que fora creada hai xa un ano polo Decreto 134/2023. Trátase dun órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de lusofonía no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do que forman parte diferentes entidades galegas relacionadas con Portugal e co ámbito lusófono, entre elas, o Consello da Cultura Galega.

No Portal da Lingua Galega tes máis información.
30/10/2024. DINAMIZACIóN

Chega o Samaín ao Espazo Apego de Compostela

O Departamento da Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela adianta as actividades que se van desenvolver durante o mes de novembro ao abeiro do programa Apego. Como é costume, o programa inclúe xogos, obradoiros de cociña, actividades de psicomotricidade, ciencia, contos e actividades interxeracionais, neste caso co Samaín como fío condutor.

Para coñecer o programa completo e obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
29/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas “FIGA: Lingua e Audiovisual”

Tras o éxito internacional que están acadando nestes últimos anos as creacións audiovisuais que teñen o galego como idioma da súa versión orixinal, a Academia Galega do Audiovisual decidiu que o fío argumental da segunda edición do Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) será a lingua. As xornadas FIGA: Lingua e Audiovisual terán lugar na Cidade das TIC da Coruña os días 7, 8 e 9 de novembro de 2024 e nelas diferentes estudosos/as e profesionais do ámbito audiovisual reflexionarán sobre a diversidade lingüística neste medio.

Podes coñecer o programa completo e acceder ao formulario de inscrición premendo aquí.
28/10/2024. OUTRAS

Datas e lugares das probas para a obtención do Celga

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia anuncia as datas e lugares de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 2, 3 e 4), que foron convocadas ao abeiro da resolución publicada no DOG do pasado 13 de setembro de 2024.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela, no IES Antonio Fraguas; e en Ponferrada, na Escola Oficial de Idiomas desta localidade.

As datas serán as seguintes:

-Celga 2: 24 de novembro de 2024.
-Celga 3: 23 de novembro de 2024.
-Celga 4: 16 de novembro de 2024 para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T e U; e 17 de novembro de 2024 se o primeiro apelido empeza por V, W, X, Y, Z, A, B, C, D, E, F ou G.
28/10/2024. AXUDAS E PREMIOS

O Concello de Ames convoca o VII Premio Lingua e Empresa

O Servizo de Normalización Lingüística e a concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames promoven a sétima edición do Premio Lingua e Empresa, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego na actividade económica municipal e recoñecer publicamente o compromiso das empresas que apostan decididamente polo noso idioma. Poden optar a este premio as empresas que teñan a súa sede social ou un centro de actividade no Concello de Ames. O certame inclúe dúas categorías: unha para aquelas entidades que veñen realizando un uso continuado da lingua galega desde hai máis de dous anos, e outra para as que incorporaron o galego nos últimos dous anos. Outorgarase un premio de 1.500 euros en cada unha das categorías.

O prazo de presentación de candidaturas remata o 21 de novembro de 2024.

Na páxina web do Concello de Ames tes máis información sobre esta iniciativa.
28/10/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axuntar concede os Premios Folgueira 2024 e presenta un novo informe sobre o galego de Asturias

A asociación Axuntar, creada para a normalización lingüística do galego de Asturias, outorga anualmente os Premios Folgueira, uns galardóns cos que recoñece publicamente as iniciativas, persoas ou institucións que traballan a prol da dignificación do idioma galego. Nesta edición de 2024 os galardoados son Carlos Xesús Varela Aenlle, autor do primeiro Dicionario do Galego de Asturias; e Xoán Babarro González, polos seus traballos na delimitación, caracterización e estudo sociolingüístico do galego de Asturias.

A entrega dos premios terá lugar o vindeiro 2 de novembro na Casa da Cultura de Castropol, ás 17:00 horas. No transcurso deste acto Axuntar presentará tamén o III Informe sobre a lingua del Eo-Navia.

Se o precisas, na páxina web de Axuntar podes ampliar información.
28/10/2024. INVESTIGACIóN

Conferencia de Anik Nandi sobre a política lingüística familiar na transmisión do galego

A Asociación Internación de Estudos Galegos (AIEG) organiza a conferencia en liña "Política lingüística familiar. Axencia individual dos proxenitores pro-galego na transmisión interxeracional", que será impartida por Anik Nandi, profesor da Woxsen University (Hyderabad, India). Na sesión participará como moderador o sociolingüista Henrique Monteagudo, profesor da USC e tamén membro da Xunta Directiva da AIEG.

O evento terá lugar o 30 de outubro de 2024, ás 13:00 h (hora galega) e poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube da AIEG.

25/10/2024. INVESTIGACIóN

O Concello de Redondela publica os estudos toponímicos das parroquias de Cesantes, Chapela e Ventosela

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Redondela acaba de publicar tres libros coa microtoponimia das parroquias de Cesantes, Chapela e Ventosela, elaborados no marco do proxecto de recuperación do patrimonio inmaterial que o SNL leva desenvolvendo desde hai tres anos.

As obras serán distribuídas nestas tres parroquias en formato físico, pero tamén están accesibles en formato dixital na páxina web municipal:

-Toponimia de Cesantes [traballo de campo e estudo filolóxico de Xosé Couñago]
-Toponimia de Chapela [traballo de campo da cooperativa Tres Pés e estudo filolóxico de María Pol]
-Toponimia de Ventosela [traballo de campo e estudo filolóxico de Olga Nogueira]

Podes consultar todo o traballo de recuperación da toponimia desenvolvido por este SNL premendo aquí.

25/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

Programa do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo para o curso 2024-2025

O Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo, creado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo para poñer en valor a nosa tradición oral e as novas formas de improvisación oral, presenta o programa formativo para o ano lectivo 2024-2025. A oferta inclúe un curso de improvisación oral en verso (regueifas, brindos, xaneiras...), impartido por Branca Trigo Cabaleiro, e outro de narración oral/contacontos, impartido por Marta Ortiz, Dani Blanco e Déborah Vukušić.

Na páxina web do SNL do Concello de Vigo podes consultar toda información sobre as datas, os contidos e mais os trámites de inscrición.
25/10/2024. DINAMIZACIóN

A Mesa pon en valor o seu traballo na defensa dos dereitos lingüísticos

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta a campaña “Polos teus dereitos lingüísticos”, coa que quere visibilizar, a través da difusión de casos concretos, o seu traballo na defensa dos dereitos lingüísticos da cidadanía, promovendo deste xeito a afiliación de novos/as socios/as. Na canle de Youtube da Mesa podes acceder a catro vídeos que che permitirán coñecer as historias reais de Marta, Xosé, Iago e Laura defendendo o seu dereito a consumir contidos audiovisuais en galego ou a usar o noso idioma no ámbito laboral, na atención sanitaria e na onomástica.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
24/10/2024.

A astronomía será o eixo temático do XV Día da Ciencia en Galego

A Institución Galega da Ciencia (Igaciencia) promove un ano máis a celebración do Día da Ciencia en Galego cun programa de actividades dirixidas principalmente ao ámbito educativo que se desenvolverán ao longo do vindeiro mes de novembro. Nesta décimo quinta edición o eixo temático será a astronomía e renderáselles homenaxe ao astrónomo, filósofo e físico italiano Galileo Galilei e mais ao matemático e astrónomo galego Enrique Vidal Abascal.

No marco desta conmemoración Igaciencia organizará, coa colaboración da Xunta de Galicia, unha serie de conferencias didácticas dirixidas aos centros de ensino, especialmente aos de secundaria. Os relatores/as que participarán nesta edición son José Ángel Docobo, Augusto Pérez Alberti, Begoña Vila e Ana Ulla. O prazo de inscrición para asistir en liña remata unha semana antes da emisión de cada conferencia. Na páxina web de Igaciencia podes acceder ao formulario de inscrición.
24/10/2024. DINAMIZACIóN

Actividades con Apego en Ferrol para o último trimestre do ano

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol, adherido ao programa de socialización en galego Apego, presenta as actividades lúdicas para público infantil e familiar que se van desenvolver ao abeiro deste programa durante os meses de outubro a decembro de 2024. A oferta inclúe música, contacontos, experimentos científicos e teatro.

Podes consultar o programa completo premendo aquí.
24/10/2024. DINAMIZACIóN

Concurso escolar para elaborar a exposición das Letras Galegas 2025

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia convoca un concurso para elaborar a exposición sobre as cantareiras e a poesía popular oral, figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025. O certame está dirixido aos centros de ensino público non universitario e os/as participantes deben elaborar unha exposición relacionada coa obra, época e lingua das cantareiras (en especial, Adolfina e Rosa Casás Rama; Eva Castiñeira; Prudencia e Asunción Garrido Ameijende; e Manuela Lema Villar) e/ou sobre a etapa sociolingüística en que viviron. O concurso consta de dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes (educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial). Outorgarase un premio en metálico de 2.000 euros para cada categoría.

O prazo de presentación dos traballos remata o 23 de xaneiro de 2025.

Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
23/10/2024. DINAMIZACIóN

A UVigo presenta a segunda parte do ciclo “A lingua galega do cinema”

A Área de Normalización Lingüística e mais a Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo organizan a segunda parte do ciclo de cinema A lingua galega no cinema, que se desenvolverá ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro de 2024 no auditorio do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia (Edificio Cambón, Vigo). O programa comeza hoxe mesmo, 23 de outubro, coa proxección do filme O corno, de Jaione Camborda, e continuará ata o 4 de decembro con outras catro proxeccións, que lle permitirán ao público achegarse ao audiovisual en lingua galega desde a perspectiva da literatura, da animación ou da historia.

A entrada é de balde ata completar a capacidade da sala. Podes consultar o programa completo premendo aquí.
23/10/2024. INVESTIGACIóN

Sae do prelo o "Manual of Galician Linguistics"

A editorial alemá De Gruyter acaba de tirar do prelo o Manual of Galician Linguistics, o volume 19 da súa serie Manuals of Romance Linguistics. Este novo volume, editado por Xulio Sousa e Ernesto González Seoane, contén 24 contribucións académicas sobre as principais áreas da lingüística galega moderna (fonética, fonoloxía, morfoloxía, sintaxe, lexicoloxía ou sociolingüística).

Se desexas ampliar información, preme aquí.
23/10/2024. DINAMIZACIóN

Teatro de monicreques e banda deseñada para gozar do outono en galego

O programa de dinamización lingüística FalaRedes, promovido pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, trae dúas novas propostas para gozar do lecer en galego durante os meses de outubro e novembro de 2024. Trátase do teatro de monicreques e música “Os Bolechas tocan nunha grande orquestra” (dirixido a público infantil) e mais dos obradoiros de banda deseñada impartidos por Manel Cráneo, Inés Vázquez e Alberto Guitián, neste caso deseñados para todos os públicos (infantil, mocidade e adultos).

No Portal da Lingua Galega podes consultar o calendario e os lugares concretos nos que se desenvolverán as actividades.
21/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada en homenaxe a Xohán Vicente Viqueira, no centenario do seu pasamento

Mañá martes, 22 de outubro de 2024 ás 19:00 horas terá lugar no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2 - Vigo) a xornada Xohán Vicente Viqueira (1886-1924) no centenario do seu pasamento, organizada polo Consello da Cultura Galega, a Fundación Penzol e o Concello de Vigo. Trátase dunha xornada en homenaxe e este relevante intelectual galeguista, fundador e destacado membro da Irmandade da Fala coruñesa. Antón Costa (catedrático xubilado de Historia da Educación da USC), Xurxo Martínez (técnico de normalización lingüística do Concello de Redondela) e Xosé Manuel Dasilva (catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo) afondarán na faceta de Xohán Vicente Viqueira como defensor da modernización do ensino galego e da normalización do uso da nosa lingua.

A asistencia é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. Na páxina web do CCG podes consultar o programa completo.
21/10/2024. OUTRAS

Volven os Faladoiros Vigo con tres sesións de conversa en galego semanais

A Asociación Faladoiros Vigo organiza a quinta tempada dos seus Faladoiros, que consisten en pequenos grupos de conversa nos que se xuntan persoas que falan habitualmente en galego (voluntarios/as da asociación) con outras que por diferentes circunstancias non o fan, pero desexan mellorar a súa fluidez e competencia comunicativa no noso idioma. Nesta edición 2024-2025 hai tres sesións semanais; dúas delas presenciais (unha no Café de Catro a Catro e outra na cafetería da EOI de Vigo) e unha terceira que se organiza en liña.

A asistencia aos faladoiros é de balde. Se o desexas, podes inscribirte no formulario que atoparás na páxina web da asociación.

21/10/2024. DINAMIZACIóN

Queremos Galego convoca a sociedade a unha mobilización polo futuro do galego

Baixo o lema Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego, a plataforma cívica Queremos Galego organiza un acto o vindeiro 17 de novembro en Compostela, en resposta aos datos sobre o uso e o coñecemento do galego publicados polo IGE o pasado 11 de outubro. En palabras dos seus voceiros, a plataforma convida a toda a sociedade a mobilizarse para demostrar que “entre todas e todos podemos rectificar a historia e garantir futuro para Galiza e o galego”. No seu espazo web tamén habilitou unha sección para recoller apoios individuais e colectivos.

Para ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.
18/10/2024. DINAMIZACIóN

O Concello de Ames organiza o V Certame Galetiktokers

O Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Mocidade do Concello de Ames convocan a quinta edición do Certame Galetiktokers, dirixido a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 13 anos e os 35 anos, co obxectivo de estimular a creatividade, fomentar a creación de vídeos en galego con novos formatos e darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers. Os vídeos deben ser de creación propia, ser difundidos a través da aplicación TikTok ou dos reels de Instagram, ter unha duración de entre 15 e 60 segundos, e estar en lingua galega (con presenza oral, escrita ou musical). Outorgaranse seis premios de 300 euros . O prazo de inscrición e envío dos vídeos remata o 4 de novembro de 2024.

Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
Se o precisas, tamén podes ampliar información sobre este certame na páxina web do Concello de Ames.
18/10/2024. DINAMIZACIóN

O Concello de Caldas organiza o obradoiro didáctico “Un idioma de cine”

A Concellaría de Educación do Concello de Caldas organiza o obradoiro “Un idioma de cine”, dirixido ao alumnado de 4º de ESO do IES Aquis Celenis, do CPR San Fermín e do CPI Alfonso VII. As sesións estarán impartidas pola produtora “Producciones Mutantes”, que guiará aos mozos e mozas durante o proceso creativo para poder gravar as súas propias curtas en galego. O obxectivo deste obradoiro formativo é fomentar o talento creativo entre o alumnado, aproveitando para poñelo en contacto con referentes do audiovisual galego e influenciadores/as que utilizan a lingua galega para transmitir os seus contidos.

No Diario de Arousa podes ampliar información sobre esta iniciativa.
18/10/2024. DINAMIZACIóN

A USC anima ao alumnado de veterinaria para que cambie a súa mirada sobre a lingua e a cultura galegas

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria da USC, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística, pon en marcha unha nova edición da campaña Cambia a túa mirada, deseñada co obxectivo de promover entre o alumnado da facultade unha mirada positiva cara á cidade de Lugo e, en xeral, cara á cultura e lingua propias de Galicia.

Nesta edición, a principal iniciativa consiste no certame #cambiaatúamirada. Sortearanse catro pixamas veterinarios entre o alumnado que siga o perfil de Instagram @linguausc (do Servizo de Normalización Lingüística) e axude a difundir as mensaxes da campaña entre o 15 e o 25 de outubro de 2024.

Na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística da USC podes consultar as bases completas do certame, así como a información e os materiais gráficos da campaña.
17/10/2024. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación da Coruña convoca axudas para os SNL das entidades locais da provincia

A Deputación da Coruña publica as bases reguladoras da convocatoria de subvencións dirixidas aos concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades e outras entidades locais da provincia da Coruña, para contribuír ao financiamento do persoal técnico de normalización lingüística durante o ano 2025.

Poderán participar todos os concellos da provincia da Coruña de 5000 ou máis habitantes, ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima. No caso dos concellos sometidos ao réxime de organización de municipios de gran poboación, só poderán ser beneficiarios os que teñan máis dunha persoa técnica de normalización lingüística cun posto de traballo recollido na relación de postos de traballo ou instrumento de ordenación de persoal que corresponda.

O prazo de presentación de solicitudes estará recollido no anuncio do extracto da convocatoria que se publique no BOP, por conduto da Base de Datos Nacional de Subvencións.
17/10/2024. DINAMIZACIóN

O cemiterio de Eirín acollerá o acto central do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia

Un ano máis, co gallo da vindeira celebración do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) conmemora o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades, e de facer pedagoxía sobre a incoherencia de despedir os falecidos con epitafios escritos nun idioma diferente ao que falaban en vida.

Nesta edición o acto central terá lugar no cemiterio municipal de Eirín (Caldas de Reis) o 26 de outubro de 2024, ás 18:00 h, no que se colocará unha placa de homenaxe aos defuntos e se procederá á sinatura da Acta de Vontades.