Novas da lingua

Rexistros4501 a 4530 de 5153
31/10/2008. DINAMIZACIóN

Vés xogar?

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña presenta o proxecto Vés xogar?, que ten como obxectivo principal fomentar o uso do galego no ámbito do lecer e o tempo libre.

A iniciativa está dirixida a nenos e nenas de 6 a 8 anos e as sesións desenvolveranse desde o 8 de novembro ata o 20 de decembro, todos os sábados pola mañá, das 11:00 h ás 13:00 h, nos barrios de Mesoiro e San Pedro de Visma.

O Concello oferta un total de 60 prazas e o prazo de inscrición comeza o 30 de outubro. Pode obter máis información no teléfono 981 184259.
19/04/2010. DINAMIZACIóN

Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organizan conxuntamente a campaña “Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua".

Co ánimo de vincular a defensa e promoción do idioma galego con outras loitas sociais xustas, e coincidindo coa celebración o vindeiro 25 de novembro do Día da Non-Violencia contra as Mulleres, estas tres entidades queren sensibilizar á sociedade de que o abandono histórico do uso da súa lingua por parte das mulleres, e as súas motivacións, debe ser entendido tamén como un tipo de violencia de xénero.

O acto consistirá nunha lectura pública de textos e terá lugar o vindeiro 25 de novembro, a partir das 10:00 h, na Praza da Fariña (A Coruña).

24/10/2008. OUTRAS

O OpenOffice.org 3.0 tamén en galego

Xa está accesible no web do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre- Mancomún.org a tradución ao galego da versión 3.0 do paquete ofimático OpenOffice.org.

A tradución deste paquete ofimático é froito do traballo do equipo de voluntarios que coordina Mancomún.org.
23/10/2008. AXUDAS E PREMIOS

Premios para a publicidade en lingua galega

O Consello Asesor de RTVE-G e CRTVG entregará hoxe, xoves 23 de outubro, ás 18 h, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) os XV Premios á Publicidade en Galego. Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.

Na modalidade de internet, o traballo galardoado foi a campaña "“Riscos Laborais: Movemento contra a lei de Murphy", elaborada e presentada por La Nuestra Comunicación Publicitaria. Na categoría de radio, a campaña gañadora foi "Aposta pola reciclaxe", elaborada polo Grupo Radio Vigo para a Concellería de Limpeza e Xardíns do Concello de Vigo. No ámbito da televisión, o gañador foi o anuncio SEAT León FR1 "Quen posúe a quen", elaborado pola axencia Atlético International, para a empresa SEAT.

O premio especial do concurso “Campaña de autopromoción dos Premios de Publicidade en Galego” recibirano dúas alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.
21/10/2008. OUTRAS

Mesa redonda sobre a idade dixital do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza, o vindeiro martes 28 de decembro, unha mesa redonda que levará por título “A idade dixital do galego”. No acto, que terá lugar ás 19:30 h na Estación Marítima de Vigo, intervirán Luis Collado, director para Google España de Google Procura de Libros e Google Académico, Montserrat Pardo, xerente de relacións institucionais de Microsoft Ibérica, Xosé María Pousada, director da ETSE de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística.

A iniciativa desenvólvese no marco da inauguración en Vigo, o vindeiro 24 de outubro, da exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”, que permanecerá aberta ata o 7 de novembro na Estación Marítima (Peirao de Trasatlánticos).
16/10/2008. DINAMIZACIóN

Chámate con xeito

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta a campaña O teu nome... coma ti. Chámate con xeito, que pretende suscitar, entre a comunidade universitaria e entre a sociedade en xeral, unha reflexión sobre a identidade onomástica.

A iniciativa conta cun sitio web que achega, entre outros recursos, un simulador de nomes e apelidos que permite ao usuario coñecer a súa identidade onomástica correctamente tanto en galego como en castelán, unha base de datos de nomes galegos ou os impresos legais necesarios para galeguizar os nomes e apelidos.

16/10/2008. EMPREGO

Praza de Licenciado/a en Lingua Galega na Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo publica, no BOP do 9 de outubro de 2008, a convocatoria para a contratación, como funcionario/a interino/a, dun licenciado/a en Lingua Galega, que desenvolverá as súas funcións no Departamento de Normalización Lingüística.

O proceso de selección é o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
16/10/2008. AXUDAS E PREMIOS

Concurso Letras Galegas 2009

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso destinado aos centros de ensino non universitario para a elaboración dunha exposición relacionada coa obra, época e lingua do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2009, Ramón Piñeiro López.

O concurso contempla dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. As exposicións gañadoras en cada unha destas categorías serán distribuídas entre os centros de ensino de toda Galicia, ademais de recibir un premio en metálico de 3 000 euros.

O prazo de presentación dos traballos remata o 22 de febreiro de 2009.
16/10/2008. DINAMIZACIóN

Casa co galego, DeVodas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística financia o proxecto Casa co galego. DeVodas, unha iniciativa promovida por 40 empresas do sector dos servizos nupciais (florerías, xoierías, salóns de peiteado, tendas de traxes de noivos, etc.)
que asumen un compromiso co uso do galego no desenvolvemento cotiá da súa actividade empresarial.

No marco deste proxecto, durante os días 25 e 26 de outubro, desenvolverase en Santiago de Compostela a feira DeVodas08, onde todas as empresas participantes empregarán o galego nas comunicacións verbais e escritas, así como no material promocional que estará á disposición do público.

Se desexa máis información, prema aquí.
16/10/2008. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de integración cultural e lingüística no Concello de Vimianzo

O Gabinete de Normalización Lingüística do Concello de Vimianzo organiza un obradoiro de integración cultural e lingüística, que se desenvolverá no marco do Proxecto de integración de inmigrantes e emigrantes retornados que promove o Concello.

As sesións terán lugar no Edificio de Usos Múltiples da Torre durante o mes de novembro, en horario de tarde. Se desexa máis información, prema aquí.

16/10/2008. AXUDAS E PREMIOS

IV Concurso de mensaxes de móbil do Concello do Porriño

A Biblioteca Municipal do Porriño organiza a cuarta edición do Concurso de mensaxes de móbil (sms) en lingua galega.
As mensaxes, que deben ser inéditas e non superar os 160 caracteres, teñen que enviarse ao número 638148957. A data límite para a recepción é o 12 de decembro de 2008, ás 14:00 horas.
15/10/2008. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese a convocatoria de subvencións ás entidades locais

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 13 de outubro de 2008, a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a normalización da lingua galega.

15/10/2008. CURSOS E CONGRESOS

Curso de formación de profesorado de galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e Cursos Internacionais da USC organizan un novo curso de formación do profesorado
que se desenvolverá entre os días 20 e 29 de outubro de 2008 no Campus Sur da Universidade de Santiago.

O custo do curso é de 50 euros e o prazo de matrícula remata o vindeiro 17 de outubro.
13/10/2008. CURSOS E CONGRESOS

V Xornadas sobre Lingua e Usos

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza, en colaboración coa Real Academia Galega, a quinta edición destas xornadas, que nesta ocasión xirarán sobre a lingua galega e a docencia universitaria.

As sesións desenvolveranse os días 12, 13 e 14 de novembro no Paraninfo da Reitoría da UdC (A Coruña).

O prazo de inscrición remata o vindeiro 5 de novembro. Se desexa consultar o programa ou obter máis información sobre os trámites da inscrición, prema aquí.
13/10/2008. CURSOS E CONGRESOS

II xornada “Xustiza e lingua, reflexións para a normalización”

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a segunda edición da xornada Xustiza e lingua, reflexións para a normalización, dirixida ao mundo da avogacía e da xustiza en xeral, que ten como principal obxectivo reflexionar sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito xurídico.

Nesta edición, que terá lugar o vindeiro 21 de outubro na sede do Colexio de Avogados de Santiago, participarán como relatores Carlos Varela García, fiscal superior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e Xesús Ferro Ruibal, membro académico da Real Academia Galega.



08/09/2008. OUTRAS

A educación plurilingüe a debate na Coruña e en Pontevedra

No marco da campaña Europa é plurilingüe. Quen sabe galego sabe máis, os Concellos de Pontevedra e da Coruña organizan diferentes charlas informativas sobre a normativa lingüística vixente no sistema educativo.

O SNL do Concello da Coruña organiza a charla “A educación: un compromiso desde o presente cara ao futuro”, na que participará Mercedes Queixas, coordinadora provincial dos equipos de normalización e dinamización lingüística. A sesión terá lugar o vindeiro 23 de outubro, ás 18:30 h no IES Ramón Menéndez Pidal (Zalaeta).

En Pontevedra, O SNL e as concellarías de Normalización Lingüística e de Educación do concello organizarán tamén ao longo deste mes de outubro varias conferencias, dirixidas á comunidade educativa da cidade, nas que profesorado da Universidade de Vigo explicará as vantaxes do ensino plurilingüe.
29/09/2008. OUTRAS

Galicia 25. Unha cultura para un novo século

O Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración de Caixa Nova e da Xunta de Galicia, organiza a exposición Galicia 25. Unha cultura para un novo século, incluída no programa de actividades de conmemoración dos 25 anos do CCG (1983-2008).

A mostra, conformada por 25 módulos ou unidades temáticas, fai un percorrido polos fitos culturais máis salientables destes últimos 25 anos, presentando a cultura como un elemento transversal e vertebrador da Galicia autonómica.

Os contidos sociolingüísticos da exposición están tratados no módulo “De viva voz”, que amosa os principais acontecementos da historia social do galego no citado período.

A mostra, de carácter itinerante, poderá visitarse no Centro Cultural e Social de Caixanova (Vigo) desde o 1 de outubro ata o 30 de novembro.
29/09/2008. CURSOS E CONGRESOS

Curso de aproveitamento de ferramentas multimedia para o traballo en normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) organiza
este curso de formación que ten como principal obxectivo analizar as posibilidades e vantaxes que poden ofrecer determinadas ferramentas multimedia para o traballo en normalización lingüística.

As sesións desenvolverase na Facultade de Filoloxía da USC os días 18, 24 e 25 de outubro de 2008. O prazo de preinscrición remata o 9 de outubro. Se desexa máis información, prema aquí.


26/09/2008. EMPREGO

Bolsas para a colaboración nun estudo sociolingüístico na Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña convoca 20 bolsas para a colaboración na realización dun estudo sobre o coñecemento, uso e actitudes da lingua galega na UDC. Os/as solicitantes deberán ser estudantes desta universidade, con matrícula, no curso académico 2008-2009.

A duración destas bolsas é de 4 meses, comprendidos entre o día 10 de novembro de 2008 e o 9 de marzo de 2009. O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de outubro de 2008.

Se desexa máis información, prema aquí.
26/09/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a creación e mantemento de servizos de normalización lingüística na provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica, no BOP do 26 de setembro de 2008, as bases reguladoras do programa de cooperación cos concellos da provincia da Coruña para a creación ou mantemento
dos servizos de normalización lingüística durante o período 2009-2011.

Poderán participar na convocatoria todos os concellos de menos de 50 000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos que cumpran cada un deles o requisito do número de habitantes.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
26/09/2008. INVESTIGACIóN

Glosario de termos xurídicos dubidosos castelán-galego

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago presenta a edición dixital do Glosario de termos xurídicos dubidosos (castelán-galego), autoría de Martín Ramos Ínsua e revisado polo Termigal.

Este glosario publicarase en edición papel no vindeiro número da revista Avogacía Compostelá, publicación que incluirá tamén información sobre a nova campaña de dinamización lingüística que vai desenvolver o Colexio de Avogados de Santiago para fomentar o uso do galego no ámbito da avogacía.
26/09/2008. AXUDAS E PREMIOS

II Concurso de Podcast

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca o II Concurso de Podcast, que ten como obxectivo principal fomentar a lingua oral e a creatividade mediante o uso das TIC.

O certame conta con dúas categorías, “CREARTE” (para traballar contidos musicais, literarios, o cinema, o medio ou o teatro) e “DOCUMENTARTE” (para contar viaxes, tradicións, oficios etc. en formato documental radiado ou televisado).

O prazo para enviar os podcasts remata o vindeiro 30 de outubro de 2008.
25/09/2008. DINAMIZACIóN

O Concello de Muros promove o uso do galego no ámbito da hostalaría

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Muros está a desenvolver, baixo o lema “Nós, en galego”, unha campaña de dinamización lingüística no ámbito da hostalaría na que participan 25 empresas hostaleiras do municipio.

Grazas a esta iniciativa os menús de todos os locais colaboradores poden consultarse agora en tres linguas (galego, castelán e inglés). Ademais, o concello facilitoulles tamén aos hostaleiros/as diferente material de promoción (como chisqueiros, pousavasos, bolígrafos....) cos que agasallar á clientela e, ao mesmo tempo, promover o uso do galego no sector.

Iniciativas similares foron desenvolvidas con anterioridade noutros concellos como, por exemplo, Ribadeo ou Ames.
25/09/2008. CURSOS E CONGRESOS

Terminoloxía: palabras que contan

Co gallo da celebración do Día Internacional da Tradución 2008, a Asociación de Tradutores Galegos (ATG), a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), a Universidade de Vigo e mais a Consellería de Cultura e Deporte, organizan a xornada Terminoloxía: palabras que contan.

O evento terá lugar o vindeiro día 29 de setembro na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. No web da CTNL pode consultar o programa completo da xornada.
25/09/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para actividades de dinamización lingüística no Concello de Culleredo

O Concello de Culleredo publica, no BOP da Coruña do 24 de setembro de 2008, a convocatoria de subvencións municipais destinadas a entidades sen ánimo de lucro, colexios públicos e persoas físicas deste concello. Entre as actividades subvencionables na área de cultura, deportes e participación cidadá están as orientadas a fomentar a lingua e a cultura galegas.

O prazo para presentar as solicitudes é de 20 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
18/09/2008. CURSOS E CONGRESOS

III Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organiza diferentes seminarios de formación destinados ao profesorado non universitario, en especial aos membros dos equipos de normalización lingüística, que se celebrarán ao longo dos meses de outubro e novembro nas sete principais cidades galegas.

Para obter máis información sobre os prazos de inscrición e os programas das diferentes edicións, prema aquí.
16/09/2008. CURSOS E CONGRESOS

Simposio “Cartografía e toponimia”

O Instituto da Lingua Galega (USC), a Asociación Galega de Onomástica e o Consello da Cultura Galega organizan o simposio “Cartografía e toponimia”, no que se abordarán desde unha óptica multidisciplinar diferentes cuestións relacionadas coa investigación toponímica e coa análise cartográfica.

As sesións desenvolveranse entre os días 28 de outubro e 6 de novembro na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. O prazo de inscrición remata o 25 de outubro.

15/09/2008. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega nas cidades de Bos Aires e Bonn

A Secretaría Xeral de Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan, no marco do programa Cursos de lingua galega na túa cidade, cursos preparatorios para as probas Celga nas cidades de Bos Aires (Arxentina) e Bonn (Alemaña).

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

11/09/2008. DINAMIZACIóN

Galeguiza o teu móbil

A Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de asinar un convenio con dez das principais empresas do sector da telefonía móbil mediante o cal os fabricantes se comprometen a implantar progresivamente o galego nas opcións dos menús e noutras aplicacións dos terminais.

Pola súa parte, as operadoras asinantes ofreceranlles aos seus clientes a posibilidade de comunicarse con eles en galego e de substituír os seus antigos terminais por outros que posúan o galego como opción idiomática.

Se desexa máis información sobre esta iniciativa, prema aquí.

11/09/2008. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os premios a proxectos de innovación en normalización lingüística

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Secretaría Xeral de Política Lingüística fan pública a resolución da convocatoria de premios a proxectos de innovación en normalización lingüística para o curso 2008-2009.

Para coñecer a listaxe dos centros de ensino gañadores, prema aquí.