Novas da lingua

Rexistros4501 a 4530 de 5280
23/05/2008. EMPREGO

Oferta laboral para colaborar nun proxecto de investigación da Universidade de Vigo

O Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo anuncia unha oferta laboral para colaborar nun proxecto de investigación relacionado coa análise de modelos e casos de política e de planificación lingüísticas.

Os/as candidatos/as deberán posuír a licenciatura en Filoloxía Galega e ter unha competencia alta para ler en inglés. A duración do contrato é de 6 meses e o salario aproximado será de 1000 euros brutos mensuais.

As persoas interesadas deben enviar o seu CV antes do 29 de maio ao seguinte correo electrónico: framallo@uvigo.es.


23/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a realización de probas de tradución

A Consellería de Cultura e Deporte convoca axudas para a realización de probas de tradución de obras escritas orixinariamente en lingua galega, co obxectivo de favorecer a súa difusión fóra de Galicia.

Todas as persoas interesadas teñen un mes de prazo para presentar as súas solicitudes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.





23/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación para o profesorado de linguaxes específicas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca cursos de formación para o profesorado colaborador da SXPL que vai impartir cursos de linguaxes específicas, administrativa e xurídica.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 29 de maio.
Se desexa máis información, prema aquí.


23/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos centros privados concertados para fomentar o ensino en galego na educación infantil

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca subvencións a centros educativos privados concertados para a implantación de accións que potencien o ensino en lingua galega no segundo ciclo de educación infantil.

Poderán optar a estas axudas os centros educativos privados con concerto para o segundo ciclo de educación infantil que estean situados en contornos maioritariamente castelanfalantes.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
23/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

Premios a ferramentas educativas TIC en galego

As consellarías de Educación e Ordenación Universitaria e de Innovación e Industria convocan conxuntamente 15 premios a recursos educativos para a sociedade da información entre o profesorado de centros de ensino non universitario.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de setembro de 2008.

Se desexa consultar o texto da convocatoria, prema aquí.



23/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

A transmisión xeracional do idioma en imaxes

O xornal electrónico Vieiros convoca a terceira edición do certame Unha imaxe para o galego, que seleccionará a imaxe ou vídeo que describa de xeito máis orixinal o valor da transmisión xeracional do idioma.
O prazo para enviar as propostas remata o vindeiro 30 de xuño.

23/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os XIV Premios Lois Peña Novo

A Fundación Lois Peña Novo fixo públicos os gañadores da XIV edición dos Premios Peña Novo, pensados para animar o proceso de normalización lingüística nas administracións públicas de Galicia.

Nesta edición os galardoados foron Xesús Ferro Ruibal, catedrático e académico da Real Academia Galega, Manuel Pereira Costas, maxistrado do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, e o Concello de Vilar de Santos.
16/05/2008. DINAMIZACIóN

O Concello de Carballo difunde os seus sitios web favoritos en galego

O SNL do Concello de Carballo elixiu festexar o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas e Día de Internet, coa difusión de 10 000 exemplares da guía Os meus favoritos, unha selección de 150 sitios web en galego, organizados por áreas temáticas: música, lingua, mocidade, xogos, educación, software, banda deseñada, deporte, literatura, etc.

Boa parte dos exemplares editados serán distribuídos o vindeiro 17 de maio xunto co xornal La Voz de Galicia (edición Carballo) por toda a comarca de Bergantiños e a Costa da Morte.
16/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza convoca cursos de nivel medio e superior de linguaxe administrativa galega para o cadro de persoal da Administración local galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/05/2008. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Tomiño

O Concello de Tomiño anuncia a convocatoria para a contratación temporal a tempo parcial dun técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o Concello.

O proceso de selección consistirá na realización de tres exercicios prácticos, todos eles de carácter eliminatorio, e mais nun concurso de méritos. O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de maio de 2008. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
14/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

Galicia Hoxe celebra o seu quinto aniversario acollendo a Asemblea xeral de MIDAS

Co gallo da celebración do seu quinto aniversario, o xornal Galicia Hoxe será o anfitrión este ano da Asemblea xeral da Asociación Europea de Xornais en Linguas Minoritarias e Rexionais (MIDAS). Esta asociación está constituída por 31 xornais europeos que chegan a 45 millóns de persoas que falan unha lingua distinta á oficial dos seus países.

Na xuntanza, que terá lugar os vindeiros días 15, 16 e 17 de maio en Santiago de Compostela, participarán profesionais do xornalismo, da informática e da lingüística, xunto con representantes de diferentes organismos oficiais.

Se desexa coñecer o programa de actividades, prema aquí.

14/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

A xestión da diversidade lingüística a debate en Barcelona

No marco da celebración do Ano Internacional das Linguas 2008, o Institut Linguapax organiza o seminario A xestión da diversidade lingüística e os procesos de paz. Unha panorámica internacional con estudos de caso, que terá lugar en Barcelona os días 2 e 3 de xuño de 2008.
Todas as persoas interesadas en asistir ao seminario deberán enviar debidamente cuberto o seguinte boletín de inscrición.
14/05/2008. INVESTIGACIóN

O Consello da Cultura Galega homenaxea a Xosé María Álvarez Blázquez

Co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega presentou a edición facsímile do manuscrito autógrafo Égloga de Belmiro e Benigno, de Nicomedes Pastor Díaz, así como o facsímile da edición que deste texto fixo en 1951 a editorial Monterrey, dirixida por Xosé María Álvarez Blázquez. Con esta iniciativa o CCG quere homenaxear a figura do autor a quen este ano a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas, subliñando o seu importante papel como editor, bibliófilo e erudito.

Se desexa máis información, prema aquí.
14/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

Premios a proxectos de innovación lingüística no ámbito educativo

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan 10 premios a proxectos de innovación en normalización lingüística de centros de ensino públicos para desenvolver no curso académico 2008-2009.

O prazo de presentación de solicitudes é de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
14/05/2008. DINAMIZACIóN

O Concello de Cerceda únese á difusión do idioma a través da rede

Co motivo da celebración do Día das Letras Galegas e o Día da Internet, o Concello de
Cerceda acaba de presentar o Bloc de normalización lingüística do Concello de Cerceda, sitio web que ten como finalidade converterse no portal de referencia do municipio para obter información sobre as novidades de promoción do idioma e as actividades que neste ámbito se desenvolvan desde a
Administración local e, en xeral, no conxunto do país.
14/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

I Concurso de microrrelatos “Sentir a Laracha”

Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Laracha convoca o I Concurso de microrrelatos “Sentir a Laracha”, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego na creación literaria. O Concello incluirá os relatos gañadores nos diferentes documentos de difusión e promoción turística do municipio.

O prazo de presentación dos traballos remata o vindeiro 30 de maio.
14/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o IV Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O xornalista e escritor Xesús Fraga, autor de A bendita intranscendencia do pop, obtivo o 1º premio da cuarta edición deste concurso, dotado con 1 000 euros, que convoca anualmente o Concello de Carballo. O 2º premio, dotado con 350 euros, recaeu no artigo titulado Carta dun trífido esquizoide, do tamén xornalista e locutor de radio Kiko Novoa.
Ademais do premio en metálico, os artigos gañadores sairán publicados nos nove medios de comunicación que colaboran no certame.

A entrega dos premios terá lugar o vindeiro sábado, día 17 de maio, a partir das 19:00 horas no Xardín Municipal (Carballo). Se desexa ampliar esta información, prema aquí.


09/05/2008. LEXISLACIóN

Os secretarios, tesoureiros e interventores deberán acreditar o seu coñecemento do galego

O Goberno Galego aprobou, no Consello da Xunta do 8 de maio de 2008, o decreto que regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados á escala de funcionarios con habilitación estatal, é dicir, secretarios, tesoureiros e interventores da Administración local.

Nos concursos ordinarios e nas convocatorias para a provisión de postos de libre designación, os/as aspirantes poderán acreditar o seu coñecemento do galego presentando o certificado de lingua galega Celga 4, e no caso de non posuílo, terán que someterse a unha proba de carácter eliminatorio.
08/05/2008. DINAMIZACIóN

Mes da lingua en Pontevedra

O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) tamén se suman aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que ao longo deste mes terán lugar por todo o país.

O Mes da lingua en Pontevedra inclúe, entre outras actividades, conferencias, obradoiros, encontros literarios e presentación de libros, que se alternarán con actos máis lúdico-festivos como a xornada dos xogos tradicionais, a carreira escolar pola lingua ou a festa dos maios.

07/05/2008. DINAMIZACIóN

Para divertirse coa lingua na Coruña

Baixo o lema Divírtete coa túa lingua, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña presenta un amplo abano de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas.

Ao longo do mes de maio organizaranse, entre outros actos, presentacións de documentais con contidos sociolingüísticos, ciclos de conferencias sobre o autor homenaxeado no Día das Letras, espectáculos poético-musicais, unha festa da lingua e mesmo un xantar popular.

Se desexa coñecer a programación completa de actividades, prema aquí.

08/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

Noia celebra o Ano Internacional das Linguas

Co gallo da conmemoración do ano 2008 como Ano Internacional das Linguas, o Concello de Noia e o equipo editorial da revista Casa da Gramática, editada polo IES Virxe do Mar, organizan unhas xornadas divulgativas que se desenvolverán entre os días 19 e 23 de maio de 2008 na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos (Noia).

Durante as sesións analizarase a situación sociolingüística do idioma galego, así como o seu patrimonio léxico, ao tempo que se reflexionará sobre o status doutras linguas europeas coma o bretón (lingua minorizada) ou o inglés (lingua franca global).

Se desexa coñecer o programa completo das xornadas, prema aquí.
07/05/2008. DINAMIZACIóN

O Colexio de Avogados de Santiago reitera o seu compromiso co galego

Por iniciativa da Agrupación de Xoves Avogados de Compostela, a Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela acordou facer público un comunicado no que reitera o seu compromiso coa normalización lingüística no ámbito da xustiza e co enriquecemento e prestixio do galego xurídico, amais de solidarizarse con todos os operadores xurídicos que vexan menoscabados os seus dereitos lingüísticos, citando expresamente o caso da maxistrada Ana López-Suevos.

Este acordo enmárcase fundamentalmente nas premisas da campaña Avogamos polo galego, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do colexio a finais do ano 2007.
06/05/2008. DINAMIZACIóN

Maio das Letras no Concello de Santiago

Co gallo da celebración o vindeiro 17 de maio do Día das Letras Galegas, a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago presenta o programa de actividades de dinamización lingüística que se desenvolverá ao longo deste mes de maio co ánimo de fomentar o uso do galego entre a poboación compostelá.

O programa inclúe, entre outras actividades, representacións teatrais e de monicreques, unha xincana lingüística, unha festa das letras e a estrea dun documental sobre a historieta galega.
06/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de dobraxe e lingua

O Consorcio Audiovisual de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e APRADOGA convocan este obradoiro que constará de dous módulos, un dirixido a directores/as, tradutores e lingüistas con experiencia contrastada na dobraxe e outro para actores e actrices de dobraxe que teñan esta como a súa profesión principal.

As sesións terán lugar entre os días 16 e 31 de maio de 2008 na Sala Audiovisual do Centro Multimedia de Galicia. O prazo de matrícula remata o 10 de maio. Se desexa máis información, prema aquí.

05/06/2008. INVESTIGACIóN

Conferencias sobre o idioma na Universidade de Vigo

O Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo anuncia dúas conferencias de temática sociolingüística que terán lugar os vindeiros días 6 e 7 de maio na Facultade de Filoloxía e Tradución.

O martes 6 de maio (12,30 h; aula A7 da FFT) terá lugar a Conferencia sobre a situación sociolingüística (comparada) irlandesa e galega, a cargo da profesora Bernie O´Rouke, e ao día seguinte, mércores 7 de maio (11 h; sala de graos da FFT) a profesora Ana Acuña falará sobre a figura de Xosé María Álvarez Blázquez, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

06/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para galegos/as residentes no exterior

A Secretaría Xeral de Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan cursos preparatorios de lingua galega para os niveis Celga e mais cursos de extensión cultural, destinados a galegos/as residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e a cultura de Galicia.

As entidades galegas teñen un mes de prazo para presentar as súas solicitudes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.





06/05/2008. DINAMIZACIóN

Musigal: a música tamén na túa lingua

O ENDL do CPI Aurelio M. Rey García, en colaboración co Concello de Cuntis, está a desenvolver o proxecto Musigal, para dar a coñecer ao alumnado a música feita en galego na actualidade e rachar os prexuízos que exclúen o galego dos estilos máis modernos e vangardistas.

O proxecto inclúe un concurso para seleccionar o mellores temas e posteriormente editalos nun CD.

06/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de vídeo “Mobilízate pola lingua”

No marco da campaña “Polo dereito a vivirmos en galego”, A Mesa pola Normalización Lingüística da Zona de Lugo (MNL) convoca o concurso de vídeo “Mobilízate pola lingua. Polo dereito a vivirmos en galego”, que ten como obxectivo fomentar entre a mocidade a reflexión sobre a situación social do idioma.

Os vídeos deben recoller situacións, reais ou dramatizadas, que expresen as dificultades que a cidadanía galega se pode atopar para empregar con normalidade o idioma galego nos diferentes ámbitos sociais.

O prazo de admisión dos traballos remata o vindeiro 14 de maio.
06/05/2008. DINAMIZACIóN

En liña o nº 42 do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a información sobre as convocatorias de formación lingüística para o PAS (Actualización de lingua galega. Nivel 3 e Comunicación de calidade a través do correo electrónico), a nova sobre a presentación actual dos servizos web do SNL ou a análise da campaña Europa é plurilingüe. Quen sabe galego sabe máis.
30/04/2008. DINAMIZACIóN

O IES de Pontecaldelas comprométese coa lingua

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES de Pontecaldelas está a organizar unha campaña que, baixo o lema Compromiso coa lingua de Galiza, quere fomentar a consciencia lingüística da comunidade educativa e promover o compromiso do alumnado co uso do galego.

Durante a Semana das Letras (do 11 ao 16 de maio) os alumnos/as integrantes do ENDL recollerán sinaturas entre os seus compañeiros/as e repartiranlles a todos os asinantes un carné acreditativo do seu compromiso.