Novas da lingua

Rexistros4531 a 4560 de 5153
10/09/2008. CURSOS E CONGRESOS

Curso de redacción normativa e documentos administrativos en galego

A Deputación de Ourense organiza un curso de redacción normativa e documentos administrativos en galego, dirixido a traballadores da administración local dos grupos C1 e C2 que interveñan na tramitación de expedientes administrativos ou
na elaboración dos seus documentos, así como a persoal técnico e administrativo, en xeral, das corporacións locais que realice no seu traballo tarefas de xestión administrativa.

Para poder participar nesta actividade, os/as solicitantes deberán acreditar ter realizado o curso de linguaxe administrativa (nivel medio).

O curso, de 25 horas de duración, desenvolverase entre os días 1 e 18 de decembro de 2008 e o prazo de presentación de solicitudes remata o 24 de novembro.

09/09/2008. CURSOS E CONGRESOS

II Encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, coa colaboración da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, organiza a segunda edición deste Encontro de política lingüística que quere poñer en contacto os diferentes responsables políticos e técnicos das administracións locais para compartir experiencias e propostas en materia de normalización lingüística.

As sesións terán lugar o 22 de outubro de 2008 no Pazo de Mariñán (Bergondo).

09/09/2008. CURSOS E CONGRESOS

II Encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, coa colaboración da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, organiza a segunda edición deste Encontro de política lingüística que quere poñer en contacto os diferentes responsables políticos e técnicos das administracións locais para compartir experiencias e propostas en materia de normalización lingüística.

As sesións terán lugar o 22 de outubro de 2008 no Pazo de Mariñán (Bergondo).

08/09/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a realización de proxectos de dinamización lingüística no ámbito educativo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca axudas para a realización de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2008-2009.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 6 de outubro. Para consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
08/09/2008. OUTRAS

Habilitación profesional para tradutores e intérpretes xurados

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 5 de setembro de 2008, a convocatoria pública de probas de habilitación profesional para a tradución e a interpretación xurada do galego para outras linguas, e viceversa.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 15 de outubro. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

04/09/2008. INVESTIGACIóN

Presentación do estudo “Situación do ensino da lingua e da literatura galega na Educación Secundaria Obrigatoria”

Mañá venres, día 5 de setembro, presentarase no salón de actos do Consello da Cultura Galega (CCG) a obra Situación do ensino da lingua e da literatura galega na Educación Secundaria Obrigatoria, resultado dunha investigación de campo realizada entre os anos 2005 e 2007 a partir dun convenio de colaboración entre o CCG e o Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da USC.

Na presentación, que terá lugar ás 11:30 h, intervirán Ramón Villares, presidente do CCG; Henrique Monteagudo, secretario do CCG; Bieito Silva Valdivia, director da investigación e José Cajide Val, director do ICE da USC.

31/07/2008. EMPREGO

Praza de profesor/a contratado/a interino/a na Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña convoca un concurso público de méritos para a contratación de persoal docente para o curso académico 2008-2009. Entre as prazas, ofértase unha de profesor/a contratado/a interino/a de substitución, adscrita ao Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística, para desenvolver labores de docencia nas materias da área de Filoloxía Galega e Portuguesa.

O prazo de entrega da documentación remata o vindeiro 8 de agosto. Se desexa acceder ao texto completo da convocatoria, prema aquí.
31/07/2008. DINAMIZACIóN

Ben falado!, novo espazo na TVG para a difusión do idioma

Desde o pasado 21 de xullo a Televisión de Galicia emite diariamente o programa Ben falado!, un microespazo matinal de difusión lingüística concibido desde unha perspectiva lúdico-educativa.

No programa, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e presentado polo académico Xesús Ferro Ruibal, trátanse diferentes contidos relacionados coa historia, a gramática, a ortografía e o léxico do galego, tentando ao mesmo tempo de ensinar e deleitar ao espectador.
15/07/2008. CURSOS E CONGRESOS

Amplíase o prazo de inscrición nos cursos preparatorios para as probas dos Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia a ampliación do prazo de presentación de solicitudes para os cursos preparatorios das probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

Así pois, naqueles cursos que aínda teñan prazas dispoñibles, o prazo de inscrición remata dez días antes da data prevista para o inicio de cada curso, agás os do mes de xullo, que rematará tres días antes.

Se desexa máis información, prema aquí.
15/07/2008. DINAMIZACIóN

Inaugúrase a exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”

Maña, mércores 16 de xullo, inaugúrase en Santiago de Compostela (San Martiño Pinario) a exposición As nosas palabras, os nosos mundos, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e coordinada polo profesor Anxo Lorenzo.

A mostra, que será itinerante, ten como obxectivo promover o valor da lingua propia no contexto da diversidade lingüística do mundo e contribuír á difusión do plurilingüismo como garantía dunha boa convivencia global.

Se desexa máis información, prema aquí.
15/07/2008. INVESTIGACIóN

Segunda edición do Máster oficial en lingua e usos profesionais

A Universidade da Coruña organiza a segunda edición do Máster oficial en lingua e usos profesionais, con tres especialidades: galego, español e inglés.

A súa duración é de un ano académico e combina contidos lingüísticos, tecnolóxicos e das ciencias sociais, incluíndo tamén prácticas en empresas e institucións.

O prazo de preinscrición remata o 14 de agosto de 2008. A matrícula formalizarase en setembro.

11/07/2008. INVESTIGACIóN

EGU, a cultura universal en galego accesible en internet


A editorial Ir Indo presenta a versión dixital da EGU, a primeira enciclopedia galega de carácter universal escrita integramente en galego.

Esta obra, que será de acceso gratuíto ata outubro, conta con máis 200 000 entradas e inclúe, entre outros recursos, arquivos sonoros, vídeos, animacións e materiais didácticos.
09/07/2008. DINAMIZACIóN

AnimaLingua: granxa-escola en lingua galega

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza a granxa-escola AnimaLingua, iniciativa didáctica de dinamización lingüística no tempo libre dirixida a nenas e nenos de entre 8 e 11 anos.

O proxecto desenvolverase entre o 1 e o 13 de agosto na granxa escola Fervenza do Toxa (Abades-Silleda) e o prazo de inscrición é do 9 ao 19 de xullo. Se desexa máis información sobre o programa de actividades e mais os trámites de inscrición, prema aquí.
07/07/2008. DINAMIZACIóN

Ramón Piñeiro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2009

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado día 5 de xullo, dedicar o Día das Letras Galegas 2009 a Ramón Piñeiro López, intelectual galeguista que destacou polo seu labor como ensaísta, escritor, tradutor e, en xeral, promotor da normalización da lingua galega nos anos da posguerra.

En 1967 foi elixido membro numerario da Real Academia Galega e en 1983 participou na creación do Consello da Cultura Galega, institución da que foi o primeiro presidente ata o seu pasamento en 1990.

Se desexa máis información, prema aquí.
02/07/2008. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Monfero

O Concello de Monfero anuncia a convocatoria para a contratación temporal a tempo parcial dun técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o Concello.

O proceso de selección é o de oposición libre. O prazo de presentación de solicitudes remata o 5 de xullo de 2008.
Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

01/07/2008. AXUDAS E PREMIOS

O Concello da Coruña subvencionará iniciativas de normalización lingüística

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña publica, no BOP do 21 de xuño de 2008, a convocatoria de subvencións destinadas á participación da mocidade (inclúense como subvencionables os proxectos xuvenís de promoción da cultura e lingua galega) e mais a convocatoria de axudas a entidades sen fin de lucro para realizaren accións de normalización lingüística.

En ambas as convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
30/06/2008. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega

A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel medio e superior, para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de xullo de 2008. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
30/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a produción de curtametraxes en lingua galega

A Consellería de Cultura e Deporte publica a convocatoria de axudas para a realización de proxectos de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

25/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a normalización da lingua galega na Administración local

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 24 de xuño de 2008, a convocatoria pública de subvencións destinadas a fomentar a
prestación dun servizo de normalización lingüística nas entidades locais, así como a subvencionar a
organización e desenvolvemento de campañas de normalización lingüística.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
25/06/2008. INVESTIGACIóN

Presentación pública do Observatorio da Lingua Galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou publicamente o Observatorio da Lingua Galega, unha iniciativa que ten como principal obxectivo obter información cuantitativa e cualitativa acerca da presenza do galego nos diferentes ámbitos sociais.

Ata o momento o Observatorio elaborou análises sociolingüísticas dos seguintes ámbitos: cidadanía, administracións públicas, educación, economía e empresa, sanidade, tecido asociativo, medios de comunicación e TIC. Os datos, accesibles en liña, foron obtidos a partir de máis de 7 000 enquisas e de 12 paneis de escoita.

25/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Murais pola lingua

O Gabinete de Normalización Lingüística do Concello de Vimianzo convoca o concurso Murais pola lingua, co obxectivo de mellorar os usos e actitudes lingüísticas no ámbito da mocidade.

Poderán participar parellas de nenos/as de entre 12 e 17 anos. A parella gañadora recibirá como premio a inscrición gratuíta no Campamento urbano ou no Campamento de verán.

O prazo de inscrición remata o 27 de xuño de 2008.

18/06/2008. EMPREGO

Praza de técnico/a de tradución e asesoramento lingüístico

A S.A.X. CESGA anuncia a convocatoria selectiva para a contratación temporal dun técnico/a de tradución e asesoramento lingüístico, que traballará no desenvolvemento do proxecto mancomun.org – Iniciativa galega polo Software Libre.

O proceso de selección será un concurso de méritos e o prazo para presentar as solicitudes remata o 20 de xuño de 2008.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
17/06/2008. INVESTIGACIóN

No meu mar, na miña lingua

O ENDL do IES Félix Muriel de Rianxo presenta os resultados do proxecto de investigación No meu mar, na miña lingua, que o alumnado do centro desenvolveu ao longo deste curso 2007-2008.

Trátase dun traballo de investigación e recuperación de léxico mariñeiro vinculado coas embarcacións tradicionais e cos deportes náuticos de remo e vela.
Na revista dixital do ENDL poderá consultar os materiais lexicográficos que xerou o proxecto: vocabularios e láminas de embarcacións.

Se desexa máis información, o portal culturagalega.org achega un audio no que Valentina Formoso, coordinadora do ENDL, presenta a iniciativa.

16/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Oferta laboral para técnicos/as de normalización lingüística

A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) oferta un posto de técnico/a de normalización lingüística para traballar na sede da entidade en Vigo.

Os/as candidatos/as deben ser titulados/as en: Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica (con galego como segunda lingua), Filoloxía Inglesa (con galego como segunda lingua) ou Tradución e Interpretación (co galego como lingua A1), e engádese como requisito que as licenciaturas se cursaran, total ou parcialmente, na Universidade de Vigo.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo ata o 17 de xuño para enviar o seu currículo e mais a fotocopia do título ou expediente académico ao seguinte enderezo electrónico orientacion@cep.es. Máis información no teléfono 986 439 611.
13/06/2008. CURSOS E CONGRESOS

Curso de planificación lingüística nos centros de ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca o curso A planificación lingüística nos centros de ensino, dirixido aos membros de equipos directivos de centros de ensino non universitario, tanto públicos como privados concertados.

As sesións desenvolverase os días 1, 2, 3, 8, 9, 10 de xullo de 2008 no IES Fontiñas (Santiago de Compostela) e o prazo de inscrición remata o vindeiro 22 de xuño de 2008.
12/06/2008. CURSOS E CONGRESOS

Máster Oficial Interuniversitario de Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega

As universidades da Coruña, Santiago e Vigo presentan a primeira edición do Máster Interuniversitario de Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega, que conta cun total de 60 créditos (+ 6 do módulo de adaptación) para ministrar no vindeiro curso académico 2008-2009.

Ofrécense dúas modalidades: profesional (orientada á práctica profesional) e académica (que equivale ao DEA, e abre a posibilidade de realizar unha Tese de Doutoramento).

A docencia ministrarase as tardes dos martes, mércores e xoves; desde outubro de 2008 a maio de 2009 (ambos os dous incluídos), e en módulos de dúas horas (16:30-18:30 e 18:30 a 20:30).

Os trámites de matrícula deben realizarse segundo a normativa da universidade na que decida inscribirse. A información facilitarase a través dos sitios web da USC, da UDC e da UVigo.

12/06/2008. OUTRAS

A CTNL presenta o seu novo web

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) acaba de poñer en funcionamento un novo sitio web con ampla información sobre a asociación e toda a actualidade sobre o proceso de normalización lingüística.

Ademais, co ánimo de fomentar a participación de todos os seus socios/as e colaboradores/as, o web conta co espazo Máis alá, destinado á opinión e á análise, que tamén incluirá entrevistas con persoeiros/as relevantes do ámbito da planificación lingüística.
12/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a elaboración de contidos interactivos en galego

A Consellería de Cultura e Deporte publica a convocatoria de subvencións para o desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.


12/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á promoción, produción e edición do libro galego

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 10 de xuño de 2008, as axudas para a promoción, produción e edición do libro galego, tanto as destinadas a fomentar a realización de grandes proxectos editoriais, como as destinadas a axudar a tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e a tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.

12/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para proxectos audiovisuais en lingua galega

A Consellería de Cultura e Deporte fixo públicas as convocatorias de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais e para a escrita de guións audiovisuais en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da respectiva convocatoria.