Novas da lingua

Rexistros4531 a 4560 de 5280
25/04/2008. DINAMIZACIóN

Mes das Letras no Concello de Teo

Co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas, o Concello de Teo prepara un amplo abano de actividades lúdico-educativas que se desenvolverán ao longo do mes de maio.

O programa de actos inclúe varios concursos (un de debuxo, un de recollida e creación de contos e outro de fotografía comentada), xornadas en internet, actuacións musicais e recitais poéticos.
24/04/2008. INVESTIGACIóN

Novo dicionario de galego en liña

Co gallo da conmemoración do Día do Libro, a editorial Ir Indo facilita a consulta en liña do seu Dicionario de galego, con máis de 65 000 entradas adaptadas á normativa ortográfica oficial vixente na actualidade. Xunto coa información de cada entrada, achéganse as equivalencias en portugués, español e inglés.

Ademais, grazas á tecnoloxía Wap, toda a información do dicionario pode consultarse tamén a través do móbil.


24/04/2008. LEXISLACIóN

Europa é plurilingüe e quen sabe galego sabe máis

A Universidade de Vigo, xunto cos concellos de Vigo, Ourense e Pontevedra, organiza a campaña Europa é plurilingüe. Quen sabe galego sabe máis, para informar sobre o novo decreto de ensino da lingua galega
(decreto 124/2007) e sobre a educación plurilingüe en Europa.

As institucións promotoras da iniciativa autorízanlle a descarga dos materiais da campaña (caderno, tríptico e cartel) e a súa distribución a calquera institución municipal, provincial ou educativa que queira facer uso deles, mesmo inserindo no espazo correspondente o logo da institución interesada neles.
24/04/2008. DINAMIZACIóN

O Concello de Burela planifica a xestión lingüística municipal

O Concello de Burela elaborou, co acordo dos tres grupos políticos con representación municipal, un proxecto de planificación lingüística que, baseándose nun modelo lingüístico aditivo, ten como obxectivo deseñar as principais liñas de actuación para normalizar os usos lingüísticos entre a poboación burelá. Deste xeito Burela convértese no terceiro municipio galego que conta cun plan destas características, despois de Santiago e Ferrol.

A iniciativa ten o seu xermolo nun proxecto de innovación lingüística elaborado polo IES Perdouro, que os tres grupos políticos valoraron moi positivamente e tomaron de punto de partida para redactar o proxecto que mañá aprobará por unanimidade o Pleno do Concello.

A versión definitiva do documento será editada e distribuída en breve entre todos os sectores sociais implicados no proceso. Se desexa coñecer un extracto, prema aquí.

23/04/2008. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Cabana de Bergantiños

O Concello de Cabana de Bergantiños anuncia a convocatoria para a contratación temporal, con xornada a tempo parcial, dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar, xestionar e executar accións destinadas a fomentar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os sectores do ámbito municipal.

O sistema de selección será o de concurso e o prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de abril. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

23/04/2008. CURSOS E CONGRESOS

O Concello de Ribadeo avalía o uso do galego na xustiza

O IES Porta da Auga, o Concello de Ribadeo e o Consello da Avogacía Galega organizan unha xornada para avaliar o uso do galego na xustiza, que ten como principal obxectivo difundir entre os profesionais da avogacía e o notariado os recursos lingüísticos elaborados polo Servizo de Asesoramento Lingüístico do Consello da Avogacía Galega.

O acto, que terá lugar o 24 de abril ás 20:30 h no Salón de Plenos do Concello, enmárcase no proxecto de innovación lingüística que están a desenvolver arredor de 60 profesores/as e alumnos/as do IES Porta da Auga para impulsar o uso do galego no sector dos servizos xurídicos.

23/04/2008. AXUDAS E PREMIOS

Celébrase na Coruña o IX Certame musical “A mocidade coa nosa lingua”

O xoves, 24 de abril, ás 9:30 h, dará comezo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o IX Certame musical “A mocidade coa nosa lingua”.
O acto, no que participarán diferentes centros de ensino medio, ten como principal obxectivo reivindicar e fomentar espazos de uso para o galego entre a mocidade.
O/a artista gañador/a actuará no Correlingua e recibirá tamén un premio en metálico que poderá cambiar por material musical. Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
23/04/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axuda para a edición dunha revista científica na UDC

A Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña convoca unha axuda de 4 000 euros para a publicación durante o ano 2008 dunha revista científica de calidade (en papel ou en formato electrónico), co ánimo de fomentar o uso do galego na investigación universitaria.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de maio de 2008. Se desexa máis información, prema aquí.
23/04/2008. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 23 de abril de 2008, a convocatoria de sete bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: dicionarios de literatura (2 bolsas), informes de literatura (2 bolsas), terminoloxía científico-técnica (2 bolsas) e síntese de voz en galego (1 bolsa).

O prazo de presentación de solicitudes é de 31 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
21/04/2008. DINAMIZACIóN

Comeza o Correlingua 2008

Baixo o lema 365 días. En galego cabe todo bota a andar unha nova edición do Correlingua, proposta lúdico-educativa que pretende convidar os centros de ensino e a mocidade galega en xeral a reivindicar publicamente a normalización do idioma galego.

O Correlingua comezará o vindeiro 6 de maio na Coruña e percorrerá durante dúas semanas diferentes comarcas do país, ata rematar en Ourense o día 16.

18/04/2008. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de recollida de tradición oral

O Gabinete de Normalización Lingüística do Concello de Vimianzo e os ENDL dos colexios San Vicenzo de Vimianzo, Baíñas, Labarta Pose de Baio e Ponte do Porto, e dos institutos Terra de Soneira e Maximino Romero Lema, convocan un concurso de recollida de tradición oral para conmemorar o Día das Letras Galegas 2008.

No certame, que conta con seis categorías e dous premios por categoría, poderán participar alumnos/as de primaria, secundaria e bacharelato destes centros. O prazo de presentación dos traballos remata o 9 de maio. Se desexa consultar as bases deste concurso, prema aquí.
16/04/2008. EMPREGO

Prazas para profesores de lingua e literatura galegas no ensino secundario

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 16 de abril de 2008, a convocatoria do proceso selectivo para ocupar 64 prazas de profesores de lingua e literatura galegas no ensino secundario.

O proceso de selección será o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria. [Ver corrección de erros]
16/04/2008. INVESTIGACIóN

O Consello da Cultura Galega publica o Anuario de Estatísticas Culturais 2006

O Observatorio da Cultura Galega do CCG, en colaboración coa Consellería de Cultura e Deportes e co Instituto Galego de Estatística, elaborou o Anuario de Estatísticas Culturais 2006, que compila os datos estatísticos existentes sobre o sector cultural galego no ano 2006 e achega información sobre a evolución das principais variables nos últimos anos.

Entre os contidos do Anuario salientamos os referidos á lingua, á edición en galego, ao perfil sociolingüístico das audiencias de radio e ao gasto en política lingüística.
16/04/2008. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas de formación de avaliadores dos Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e Cursos Internacionais da USC convocan unhas novas Xornadas de formación de avaliadores do Celga, que terán lugar os días 25, 28 e 29 de abril en Santiago de Compostela.

Para poder participar nestas xornadas é necesario estar inscrito nas listas de profesorado colaborador para impartir os cursos de galego promovidos pola SXPL e ter realizado o Curso de Formación de Profesores de Galego que organizan conxuntamente a SXPL e Cursos Internacionais da USC.
15/04/2008. LEXISLACIóN

O Observatorio de Dereitos Lingüísticos avalía a situación do galego no ámbito da xustiza

O Observatorio de Dereitos Lingüísticos elaborou, a instancias da Mesa pola Normalización Lingüística, o Relatorio sobre a aplicación para a lingua galega da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias no Ámbito da Xustiza.

Neste documento, que será remitido ao Consello de Europa, sinálase entre outras cuestións que a normativa aprobada polo Estado español é insuficiente para garantir o cumprimento da Carta no ámbito da Administración de Xustiza, ademais de non existir medidas de seguimento e control do seu cumprimento, o que provoca en última instancia que se vulnere sistematicamente o dereito dos cidadáns a un procedemento xudicial en galego.

No relatorio inclúense tamén algunhas recomendacións para dar cumprimento ao Artigo 9 da Carta.
11/04/2008. EMPREGO

Bolsas de colaboración na ANL da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca dúas bolsas para colaborar na súa Área de Normalización Lingüística durante o ano 2008. Poderán presentarse a esta convocatoria os/as estudades de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 21 de abril. Se desexa máis información, prema aquí.
10/04/2008. EMPREGO

Bolsas de colaboración no SNL da Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña convoca dúas bolsas de colaboración para desenvolver tarefas de apoio no seu Servizo de Normalización Lingüística. Poden optar a estas bolsas todas as persoas que estean cursando estudos oficiais de 2º ou de 3º ciclo na Universidade da Coruña na titulación de Filoloxía Galega e teñan aprobadas todas as materias de lingua galega de 1º e de 2º ciclo.

O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
10/04/2008. CURSOS E CONGRESOS

Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros da UDC

O Centro de Linguas da Universidade da Coruña, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da UDC e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, organizan o II Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros, que se desenvolverá entre os días 1 e 24 de xullo de 2008 na Facultade de Filoloxía da UDC.

O prezo da matrícula é de 60 € e a organización concederá varias bolsas de estadía de 450 € brutos. O prazo de inscrición remata o 15 de maio de 2008. [información en inglés]

09/04/2008. OUTRAS

Amplíase o prazo de inscrición nas probas do Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica no DOG do 8 de abril de 2008 a ampliación do prazo de presentación de solicitudes para participar nas probas do Celga, convocatoria de maio/xuño, ata o vindeiro 15 de abril.

Así mesmo, modifica a data do exame para a obtención do Celga 4 para o día 28 de maio de 2008 e suprime a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada como lugar de exame. Se desexa máis información sobre estas modificacións, prema aquí.
08/04/2008. DINAMIZACIóN

Faille un clic ao galego

A empresa Microsoft presentou hoxe, no marco da xornada Novas ferramentas TIC para mellorar a produtividade, os paquetes de interface en galego para Windows Vista e Office 2007, que se poden descargar de balde desde o seu sitio web.

Esta aposta pola introdución do galego nas novas tecnoloxías terá continuidade coa campaña Faille un clic ao galego, organizada por Microsoft, coa colaboración de HP, DELL, Inves, INEO e a Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento. Trátase dun maratón de descargas das librerías de galego para os sistemas operativos de Windows XP e Vista, e para as versións de Office 2003 e 2007, que rematará o vindeiro 17 de maio con premios para os/as usuarios/as con cuxos códigos se realizase un maior número de descargas.
04/04/2008. EMPREGO

Contratación de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Malpica

Segundo informa no seu web a CTNL, o Concello de Malpica de Bergantiños anuncia a contratación laboral temporal dun técnico/a de normalización lingüística. O procedemento de selección consistirá en concurso de méritos e entrevista persoal.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 9 de abril de 2008. Se desexa consultar o texto desta convocatoria, prema aquí.
04/04/2008. CURSOS E CONGRESOS

Novas Ferramentas TIC en galego para mellorar a produtividade

A Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento (FSC), Ineo e Microsoft organizan a xornada Novas Ferramentas TIC en galego para mellorar a produtividade, onde se presentará a nova xeración de equipos que incorporarán as librerías de galego preinstaladas, as novidades incorporadas por Microsoft para facilitar a descarga e o uso dos programas en galego e a campaña “Faille un clic ao galego”.

A asistencia á xornada é gratuíta e as prazas, limitadas a 250 asistentes, outorgaranse por rigorosa orde de inscrición.
04/04/2008. AXUDAS E PREMIOS

Língua de amor 2008

O Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, organiza a 2ª edición do concurso Lingua de amor.
Trátase dun concurso de declaracións de amor a través do correo electrónico pensado para promover o uso do galego nas actividades de lecer.
No certame establécense dúas categorías (unha para mozos/as de 14 a 19 anos e outra para mozos/as de 20 a 30). As mensaxes, que se enviarán a través do propio web do CXG, non deben exceder os 350 caracteres.

A data límite para o envío das declaracións é o 14 de maio de 2008.
04/04/2008. AXUDAS E PREMIOS

Oferta de traballo para atender a Liña do Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística publica no seu web a oferta de emprego para incorporar unha persoa que atenda as solicitudes de asesoramento sobre dereitos lingüísticos que se canalizan a través da Liña do Galego.

O prazo para entregar os currículos remata o 11 de abril de 2008.
04/04/2008. DINAMIZACIóN

Consulte en liña o novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 41 do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a presentación da nova colección de unidades didácticas de diferentes eidos (economía, matemáticas, filoloxía, antropoloxía, dereito, enxeñaría, medicina...) en lingua galega, a nova sobre o peso dos usos lingüísticos na avaliación docente da USC ou a información sobre os obxectivos fixados no Plan Estratéxico da USC ata 2010 para o ámbito da docencia, entre os que figura a promoción do uso da lingua galega.
03/04/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a promoción do galego no Concello de Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo convoca subvencións para asociacións e organizacións sen ánimo de lucro para a realización de actividades de dinamización e promoción do uso do galego.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.

02/04/2008. DINAMIZACIóN

O Contador percorre Galicia fiando historias

A Secretaría Xeral de Política Lingüística botou a andar O Contador, unha nova iniciativa de dinamización lingüística coa que quere fomentar o uso do galego nos espazos públicos. O Contador, un cubo que se instalará en lugares públicos de 30 localidades galegas, será o espazo no que se irán construíndo contos colectivos, encadeando retallos de historias narradas por distintas persoas.

Se desexa escoitar as historias do Contador ou coñecer o calendario da actividade, prema aquí.
28/03/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en lingua galega de materiais didácticos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 28 de marzo de 20087, a convocatoria de axudas para a edición en lingua galega de materiais didácticos curriculares para niveis non-universitarios.

O prazo para a presentación de solicitudes é de un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.
27/03/2008. AXUDAS E PREMIOS

Máis cursos estivais de galego para estranxeiros

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Real Academia Galega organizan a 21ª edición dos Cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia, que se desenvolverán entre os días 2 e 30 de xullo de 2008.

Os cursos, que se organizan en diferentes niveis (elemental, medio e curso superior de Filoloxía Galega) teñen como principal finalidade ofrecerlle ao alumnado de fóra de Galicia a posibilidade de se familiarizar coa lingua e a realidade sociocultural galegas.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 1 de maio. Se desexa máis información, prema aquí.
18/03/2008. AXUDAS E PREMIOS

IV Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a cuarta edición deste premio que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e crear espazos nos xornais para analizar este tema.

O certame outorga un primeiro premio de 1000 euros e un segundo de 350, ademais da publicación dos artigos gañadores nos nove medios de comunicación que colaboran coa iniciativa.

O prazo de presentación dos artigos remata o 18 de abril de 2008.

Se desexa consultar as bases, prema aquí.