Novas da lingua

Rexistros4561 a 4590 de 5153
09/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Listas de agarda de persoal docente interino na Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca un concurso público para a elaboración de listas de agarda de persoal docente interino para o curso 2008/2009. O Departamento de Filoloxía Galega e Latina creará dúas listas, unha para a docencia das materias de lingua e literatura galegas e outra para a docencia das materias de lingua e literatura portuguesas.

O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 16 de xuño. Se desexa máis información, prema aquí.

06/06/2008. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións a entidades privadas sen fin de lucro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica, no DOG do 5 de xuño de 2008, a resolución das subvencións a entidades privadas sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua galega nos ámbitos da familia, da infancia, da mocidade e do tempo de lecer.

Se desexa consultar o texto completo da resolución, prema aquí.
04/06/2008. CURSOS E CONGRESOS

IV Curso de Verán “Traballando en Lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza a cuarta edición do curso de verán Traballando en Lingua, que nesta ocasión xirará arredor do papel que están a xogar as novas tecnoloxías na actual sociedade do coñecemento e do multilingüismo.

As sesións desenvolveranse os días 15, 16 e 17 de xullo en Carballo e o prazo para realizar a preinscrición remata o vindeiro 27 de xuño.

02/06/2008. DINAMIZACIóN

II Festa da Narración Oral de Galiza

Nova Escola Galega e o Colectivo Tatalo convocan a II Festa da narración oral de Galiza, que terá lugar o 5 de xullo de 2008 en Arca (O Pino).

A iniciativa ten como principal obxectivo promover a creación de espazos que faciliten o uso do galego oral e fomentar a reflexión sociolingüística sobre a arte de contar historias.

Ademais das sesións lúdicas, o acto inclúe sesións de formación para o profesorado.
02/06/2008. CURSOS E CONGRESOS

Culturas que falan: ensino de linguas e inmigración

A Universidade de Santiago de Compostela organiza o curso de verán Culturas que falan: ensino de linguas e inmigración, que ten como principal obxectivo presentar propostas metodolóxicas e materiais didácticos de utilidade para o ensino de segundas linguas a inmigrantes.

O curso, de 30 h de duración, desenvolverase entre os días 9 e 11 de xullo de 2008 en Santiago de Compostela. O prazo de matrícula remata o 27 de xuño.
02/06/2008. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 43 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos a información sobre o curso Universidades, dereito e pluralismo lingüístico: experiencias comparadas, dirixido ao persoal docente e investigador da Facultade de Dereito, a entrevista a Pedro Saco, autor da unidade didáctica en galego Imaxe dixital, ou a nova sobre a adhesión de catro novos departamentos da USC ao compromiso de uso do galego na docencia.

28/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

V Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a quinta edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas entre a comunidade universitaria.

O premio está dirixido a todo o alumnado de 1º, 2º e 3º ciclo das facultades e escolas universitarias galegas e contará con dúas modalidades: “artigo xornalístico” e “deseño dunha campaña de promoción da lingua galega”.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2008.


28/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

XII Congreso da Fundación para as Linguas Minorizadas

A Fundación para as Linguas Minorizadas (FEL), en colaboración co Centro Europeo Mercator de Investigación sobre o Multilingüismo e a Aprendizaxe de Linguas, organiza a XII edición do seu congreso anual, que nesta ocasión xirará arredor do tema da aprendizaxe de linguas minorizadas en contextos multilingües.

O evento terá lugar entre os días 25 e 27 de setembro en Ljouwert/Leeuwarden (Países Baixos).
Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.

28/05/2008. EMPREGO

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 28 de maio de 2008, a convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en diferentes universidades de España e do estranxeiro.
O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
28/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

Congreso Mundial de Tradución Especializada 2008

Baixo o título Linguas e diálogo intercultural nun mundo en globalización, a Rede Mundial para a Diversidade Lingüística (MAAYA) e Unión Latina organizan un congreso mundial que ten como principal obxectivo subliñar a importancia do labor do tradutor/a especializado/a como garantía do multilingüismo.

O evento terá lugar entre os días 8 e 13 de decembro de 2008 na Habana (Cuba). As prazas son limitadas. Se desexa obter máis información sobre os trámites da inscrición, prema aquí.
26/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade

No marco da conmemoración dos seus vinte e cinco anos, o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza o foro de debate Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade, que terá lugar os vindeiros días 19 e 20 de xuño no Salón de Actos do CCG.

No evento, coordinado por Henrique Monteagudo, participarán profesores e expertos de diferentes universidades europeas, que reflexionarán sobre a problemática actual do idioma galego desde diversas perspectivas: o escenario global da mundialización, o espazo europeo da diversidade lingüística, o marco do multilingüismo español ou a dimensión da especial relación co ámbito luso-brasileiro.
26/05/2008. DINAMIZACIóN

XIV edición de Ponte... nas ondas!

O museo Verbum-Casa das Palabras acollerá o vindeiro 6 de xuño a XIV edición de Ponte...nas ondas!, xornada de comunicación audiovisual que nesta edición pretende fomentar a reflexión sobre a identidade e o territorio.

A xornada inclúe, entre outras actividades, un espectáculo audiovisual, a retransmisión dos programas radiofónicos elaborados polos diferentes centros de ensino participantes e a celebración da VII Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa. Se desexa coñecer o programa completo desta actividade, prema aquí.
23/05/2008. EMPREGO

Oferta laboral para colaborar nun proxecto de investigación da Universidade de Vigo

O Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo anuncia unha oferta laboral para colaborar nun proxecto de investigación relacionado coa análise de modelos e casos de política e de planificación lingüísticas.

Os/as candidatos/as deberán posuír a licenciatura en Filoloxía Galega e ter unha competencia alta para ler en inglés. A duración do contrato é de 6 meses e o salario aproximado será de 1000 euros brutos mensuais.

As persoas interesadas deben enviar o seu CV antes do 29 de maio ao seguinte correo electrónico: framallo@uvigo.es.


23/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a realización de probas de tradución

A Consellería de Cultura e Deporte convoca axudas para a realización de probas de tradución de obras escritas orixinariamente en lingua galega, co obxectivo de favorecer a súa difusión fóra de Galicia.

Todas as persoas interesadas teñen un mes de prazo para presentar as súas solicitudes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.





23/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación para o profesorado de linguaxes específicas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca cursos de formación para o profesorado colaborador da SXPL que vai impartir cursos de linguaxes específicas, administrativa e xurídica.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 29 de maio.
Se desexa máis información, prema aquí.


23/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos centros privados concertados para fomentar o ensino en galego na educación infantil

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca subvencións a centros educativos privados concertados para a implantación de accións que potencien o ensino en lingua galega no segundo ciclo de educación infantil.

Poderán optar a estas axudas os centros educativos privados con concerto para o segundo ciclo de educación infantil que estean situados en contornos maioritariamente castelanfalantes.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
23/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

Premios a ferramentas educativas TIC en galego

As consellarías de Educación e Ordenación Universitaria e de Innovación e Industria convocan conxuntamente 15 premios a recursos educativos para a sociedade da información entre o profesorado de centros de ensino non universitario.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de setembro de 2008.

Se desexa consultar o texto da convocatoria, prema aquí.



23/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

A transmisión xeracional do idioma en imaxes

O xornal electrónico Vieiros convoca a terceira edición do certame Unha imaxe para o galego, que seleccionará a imaxe ou vídeo que describa de xeito máis orixinal o valor da transmisión xeracional do idioma.
O prazo para enviar as propostas remata o vindeiro 30 de xuño.

23/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os XIV Premios Lois Peña Novo

A Fundación Lois Peña Novo fixo públicos os gañadores da XIV edición dos Premios Peña Novo, pensados para animar o proceso de normalización lingüística nas administracións públicas de Galicia.

Nesta edición os galardoados foron Xesús Ferro Ruibal, catedrático e académico da Real Academia Galega, Manuel Pereira Costas, maxistrado do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, e o Concello de Vilar de Santos.
16/05/2008. DINAMIZACIóN

O Concello de Carballo difunde os seus sitios web favoritos en galego

O SNL do Concello de Carballo elixiu festexar o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas e Día de Internet, coa difusión de 10 000 exemplares da guía Os meus favoritos, unha selección de 150 sitios web en galego, organizados por áreas temáticas: música, lingua, mocidade, xogos, educación, software, banda deseñada, deporte, literatura, etc.

Boa parte dos exemplares editados serán distribuídos o vindeiro 17 de maio xunto co xornal La Voz de Galicia (edición Carballo) por toda a comarca de Bergantiños e a Costa da Morte.
16/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza convoca cursos de nivel medio e superior de linguaxe administrativa galega para o cadro de persoal da Administración local galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/05/2008. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Tomiño

O Concello de Tomiño anuncia a convocatoria para a contratación temporal a tempo parcial dun técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o Concello.

O proceso de selección consistirá na realización de tres exercicios prácticos, todos eles de carácter eliminatorio, e mais nun concurso de méritos. O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de maio de 2008. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
14/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

Galicia Hoxe celebra o seu quinto aniversario acollendo a Asemblea xeral de MIDAS

Co gallo da celebración do seu quinto aniversario, o xornal Galicia Hoxe será o anfitrión este ano da Asemblea xeral da Asociación Europea de Xornais en Linguas Minoritarias e Rexionais (MIDAS). Esta asociación está constituída por 31 xornais europeos que chegan a 45 millóns de persoas que falan unha lingua distinta á oficial dos seus países.

Na xuntanza, que terá lugar os vindeiros días 15, 16 e 17 de maio en Santiago de Compostela, participarán profesionais do xornalismo, da informática e da lingüística, xunto con representantes de diferentes organismos oficiais.

Se desexa coñecer o programa de actividades, prema aquí.

14/05/2008. CURSOS E CONGRESOS

A xestión da diversidade lingüística a debate en Barcelona

No marco da celebración do Ano Internacional das Linguas 2008, o Institut Linguapax organiza o seminario A xestión da diversidade lingüística e os procesos de paz. Unha panorámica internacional con estudos de caso, que terá lugar en Barcelona os días 2 e 3 de xuño de 2008.
Todas as persoas interesadas en asistir ao seminario deberán enviar debidamente cuberto o seguinte boletín de inscrición.
14/05/2008. INVESTIGACIóN

O Consello da Cultura Galega homenaxea a Xosé María Álvarez Blázquez

Co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega presentou a edición facsímile do manuscrito autógrafo Égloga de Belmiro e Benigno, de Nicomedes Pastor Díaz, así como o facsímile da edición que deste texto fixo en 1951 a editorial Monterrey, dirixida por Xosé María Álvarez Blázquez. Con esta iniciativa o CCG quere homenaxear a figura do autor a quen este ano a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas, subliñando o seu importante papel como editor, bibliófilo e erudito.

Se desexa máis información, prema aquí.
14/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

Premios a proxectos de innovación lingüística no ámbito educativo

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan 10 premios a proxectos de innovación en normalización lingüística de centros de ensino públicos para desenvolver no curso académico 2008-2009.

O prazo de presentación de solicitudes é de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
14/05/2008. DINAMIZACIóN

O Concello de Cerceda únese á difusión do idioma a través da rede

Co motivo da celebración do Día das Letras Galegas e o Día da Internet, o Concello de
Cerceda acaba de presentar o Bloc de normalización lingüística do Concello de Cerceda, sitio web que ten como finalidade converterse no portal de referencia do municipio para obter información sobre as novidades de promoción do idioma e as actividades que neste ámbito se desenvolvan desde a
Administración local e, en xeral, no conxunto do país.
14/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

I Concurso de microrrelatos “Sentir a Laracha”

Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Laracha convoca o I Concurso de microrrelatos “Sentir a Laracha”, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego na creación literaria. O Concello incluirá os relatos gañadores nos diferentes documentos de difusión e promoción turística do municipio.

O prazo de presentación dos traballos remata o vindeiro 30 de maio.
14/05/2008. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o IV Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O xornalista e escritor Xesús Fraga, autor de A bendita intranscendencia do pop, obtivo o 1º premio da cuarta edición deste concurso, dotado con 1 000 euros, que convoca anualmente o Concello de Carballo. O 2º premio, dotado con 350 euros, recaeu no artigo titulado Carta dun trífido esquizoide, do tamén xornalista e locutor de radio Kiko Novoa.
Ademais do premio en metálico, os artigos gañadores sairán publicados nos nove medios de comunicación que colaboran no certame.

A entrega dos premios terá lugar o vindeiro sábado, día 17 de maio, a partir das 19:00 horas no Xardín Municipal (Carballo). Se desexa ampliar esta información, prema aquí.


09/05/2008. LEXISLACIóN

Os secretarios, tesoureiros e interventores deberán acreditar o seu coñecemento do galego

O Goberno Galego aprobou, no Consello da Xunta do 8 de maio de 2008, o decreto que regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados á escala de funcionarios con habilitación estatal, é dicir, secretarios, tesoureiros e interventores da Administración local.

Nos concursos ordinarios e nas convocatorias para a provisión de postos de libre designación, os/as aspirantes poderán acreditar o seu coñecemento do galego presentando o certificado de lingua galega Celga 4, e no caso de non posuílo, terán que someterse a unha proba de carácter eliminatorio.