Novas da lingua

Rexistros4621 a 4650 de 5153
08/04/2008. DINAMIZACIóN

Faille un clic ao galego

A empresa Microsoft presentou hoxe, no marco da xornada Novas ferramentas TIC para mellorar a produtividade, os paquetes de interface en galego para Windows Vista e Office 2007, que se poden descargar de balde desde o seu sitio web.

Esta aposta pola introdución do galego nas novas tecnoloxías terá continuidade coa campaña Faille un clic ao galego, organizada por Microsoft, coa colaboración de HP, DELL, Inves, INEO e a Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento. Trátase dun maratón de descargas das librerías de galego para os sistemas operativos de Windows XP e Vista, e para as versións de Office 2003 e 2007, que rematará o vindeiro 17 de maio con premios para os/as usuarios/as con cuxos códigos se realizase un maior número de descargas.
04/04/2008. EMPREGO

Contratación de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Malpica

Segundo informa no seu web a CTNL, o Concello de Malpica de Bergantiños anuncia a contratación laboral temporal dun técnico/a de normalización lingüística. O procedemento de selección consistirá en concurso de méritos e entrevista persoal.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 9 de abril de 2008. Se desexa consultar o texto desta convocatoria, prema aquí.
04/04/2008. CURSOS E CONGRESOS

Novas Ferramentas TIC en galego para mellorar a produtividade

A Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento (FSC), Ineo e Microsoft organizan a xornada Novas Ferramentas TIC en galego para mellorar a produtividade, onde se presentará a nova xeración de equipos que incorporarán as librerías de galego preinstaladas, as novidades incorporadas por Microsoft para facilitar a descarga e o uso dos programas en galego e a campaña “Faille un clic ao galego”.

A asistencia á xornada é gratuíta e as prazas, limitadas a 250 asistentes, outorgaranse por rigorosa orde de inscrición.
04/04/2008. AXUDAS E PREMIOS

Língua de amor 2008

O Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, organiza a 2ª edición do concurso Lingua de amor.
Trátase dun concurso de declaracións de amor a través do correo electrónico pensado para promover o uso do galego nas actividades de lecer.
No certame establécense dúas categorías (unha para mozos/as de 14 a 19 anos e outra para mozos/as de 20 a 30). As mensaxes, que se enviarán a través do propio web do CXG, non deben exceder os 350 caracteres.

A data límite para o envío das declaracións é o 14 de maio de 2008.
04/04/2008. AXUDAS E PREMIOS

Oferta de traballo para atender a Liña do Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística publica no seu web a oferta de emprego para incorporar unha persoa que atenda as solicitudes de asesoramento sobre dereitos lingüísticos que se canalizan a través da Liña do Galego.

O prazo para entregar os currículos remata o 11 de abril de 2008.
04/04/2008. DINAMIZACIóN

Consulte en liña o novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 41 do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a presentación da nova colección de unidades didácticas de diferentes eidos (economía, matemáticas, filoloxía, antropoloxía, dereito, enxeñaría, medicina...) en lingua galega, a nova sobre o peso dos usos lingüísticos na avaliación docente da USC ou a información sobre os obxectivos fixados no Plan Estratéxico da USC ata 2010 para o ámbito da docencia, entre os que figura a promoción do uso da lingua galega.
03/04/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a promoción do galego no Concello de Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo convoca subvencións para asociacións e organizacións sen ánimo de lucro para a realización de actividades de dinamización e promoción do uso do galego.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.

02/04/2008. DINAMIZACIóN

O Contador percorre Galicia fiando historias

A Secretaría Xeral de Política Lingüística botou a andar O Contador, unha nova iniciativa de dinamización lingüística coa que quere fomentar o uso do galego nos espazos públicos. O Contador, un cubo que se instalará en lugares públicos de 30 localidades galegas, será o espazo no que se irán construíndo contos colectivos, encadeando retallos de historias narradas por distintas persoas.

Se desexa escoitar as historias do Contador ou coñecer o calendario da actividade, prema aquí.
28/03/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en lingua galega de materiais didácticos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 28 de marzo de 20087, a convocatoria de axudas para a edición en lingua galega de materiais didácticos curriculares para niveis non-universitarios.

O prazo para a presentación de solicitudes é de un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.
27/03/2008. AXUDAS E PREMIOS

Máis cursos estivais de galego para estranxeiros

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Real Academia Galega organizan a 21ª edición dos Cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia, que se desenvolverán entre os días 2 e 30 de xullo de 2008.

Os cursos, que se organizan en diferentes niveis (elemental, medio e curso superior de Filoloxía Galega) teñen como principal finalidade ofrecerlle ao alumnado de fóra de Galicia a posibilidade de se familiarizar coa lingua e a realidade sociocultural galegas.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 1 de maio. Se desexa máis información, prema aquí.
18/03/2008. AXUDAS E PREMIOS

IV Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a cuarta edición deste premio que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e crear espazos nos xornais para analizar este tema.

O certame outorga un primeiro premio de 1000 euros e un segundo de 350, ademais da publicación dos artigos gañadores nos nove medios de comunicación que colaboran coa iniciativa.

O prazo de presentación dos artigos remata o 18 de abril de 2008.

Se desexa consultar as bases, prema aquí.
17/03/2008. CURSOS E CONGRESOS

Curso de verán 2008 de lingua e cultura galegas para estranxeiros

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo convoca por segundo ano este curso de verán que se desenvolverá entre os días 1 e 24 de xullo de 2008 en Vigo e Allariz e que nesta edición contará con dous niveis, elemental e intermedio.

O prezo da matrícula é de 90 € e haberá 25 bolsas de 450 € para os mellores expedientes entre os inscritos.

O prazo de preinscrición remata o 11 de abril de 2008. Se desexa obter máis información sobre os trámites da matrícula ou coñecer os contidos do curso, prema aquí.


13/03/2008. DINAMIZACIóN

O Arcebispado de Santiago de Compostela propón que se fomente o uso do galego nas celebracións litúrxicas

A través dunha nota publicada no seu boletín oficial, o Arcebispado de Santiago de Compostela recoméndalles aos sacerdotes que fomenten o uso do galego nas celebracións culturais e litúrxicas naquelas comunidades de fieis nas que o galego é a lingua habitual. O Arcebispado proponlles que “non só acollan ben as peticións que poidan presentar os fieis, senón que, adiantándose, sexan eles os que ofrezan a posibilidade de ter as celebracións en lingua galega”.

Para obter máis información sobre esta nova, prema aquí.
13/03/2008. DINAMIZACIóN

Mil festas máis para a lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Concellería de Cultura do Concello de Redondela e mais a Televisión de Galicia están a desenvolver a campaña Mil festas máis para a lingua galega, que ten como principal obxectivo fomentar o uso do galego nas festas populares.

Os impulsores da iniciativa convidan a todos os concellos galegos a adherirse á campaña e con este fin o vindeiro 4 de abril terá lugar unha xuntanza para asinar unha declaración conxunta.
19/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

V Certame Literario Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca a quinta edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega.

O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega. O prazo de presentación de orixinais remata o 12 de abril de 2008. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
11/03/2008. INVESTIGACIóN

Preséntase no CCG a publicación “A emerxencia do galego como lingua escrita na Idade Media”

Hoxe martes, día 11 de marzo, presentarase no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega a obra Na nosa lyngoage galega. A emerxencia do galego como lingua escrita na Idade Media, que recolle as actas do simposio organizado en novembro de 2005 polo Instituto da Lingua Galega, en colaboración co CCG.

Na presentación, que terá lugar ás 11:00 h, intervirán Ramón Villares, presidente do CCG; Henrique Monteagudo, secretario do CCG; Rosario Álvarez, directora do ILG, e Ana Boullón, editora da publicación.

10/03/2008. LEXISLACIóN

O 60% dos centros de secundaria do Salnés cumpren a lexislación lingüística

A Coordinadora de ENDL dos Centros de Secundaria do Salnés fixo público o seu informe anual, no que se sinala que “no 60% destes centros cúmprese a legalidade vixente no referido ao uso do galego nas aulas”, datos que melloran considerablemente con respecto ao informe do ano pasado, onde se constataba que só o 20% dos centros cumpría a lei.

A Coordinadora sinala tamén a predisposición favorable do alumnado ao uso do galego como lingua vehicular no currículo educativo e aproveita a ocasión para demandar máis formación e recursos sociolingüísticos para a comunidade educativa.

07/03/2008. CURSOS E CONGRESOS

Curso de comunicación e mercadotecnia para accións de normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza a segunda edición deste curso de formación que ten como principal obxectivo facilitar procedementos, ferramentas e estratexias comunicativas que faciliten a promoción e difusión de actividades de normalización lingüística.

O curso desenvolverase na Facultade de Filoloxía da USC os días 28 de marzo e 4 e 11 de abril de 2008. O prazo de preinscrición remata o 17 de marzo. Se desexa máis información, prema aquí.
07/03/2008. DINAMIZACIóN

En liña o número 40 do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a convocatoria da terceira edición do concurso de publicidade Comunicándomos, os datos sobre a evolución das axudas da USC para o uso do galego nos traballos de investigación ou a información sobre a programación de actos lingüístico-culturais que organizará o Centro de Linguas Modernas da USC, sumándose así á conmemoración do 2008 Ano Internacional das Linguas.
03/03/2008. CURSOS E CONGRESOS

Curso de galego para bibliotecarios/as

A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Consellería de Cultura e Deporte, convoca un curso de galego dirixido ao persoal da rede de bibliotecas de Galicia. O curso, de 25 h de duración, desenvolverase entre os días 5 e 9 de maio, das 9:00 ás 14:00 horas.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de marzo de 2008. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

03/03/2008. EMPREGO

Resólvese a convocatoria de bolsas no Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega publica as propostas das comisións de valoración cos titulares e suplentes das dezaseis bolsas de colaboración nos diferentes proxectos que se están a desenvolver nesta institución.

Para acceder ao documento prema aquí.
28/02/2008. EMPREGO

Bolsas de estadías no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 28 de febreiro de 2008, a convocatoria pública de 10 bolsas de estadías destinadas a investigadores de fóra de Galicia para colaborar en proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O período da estadía será de entre dous e sete meses e non pode superar a data tope do 31 de decembro de 2008. O prazo de presentación das solicitudes é de 40 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG desta convocatoria.
26/02/2008. CURSOS E CONGRESOS

As universidades galegas impartirán un Máster en Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega

O Consello Galego de Universidades aprobou onte, 25 de febreiro de 2008, a posta en funcionamento para o curso 2008/09 de 34 novos títulos enmarcados nos Programas Oficiais de Posgrao, entre os que destaca o Máster en Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega. Os estudos de posgrao teñen como finalidade a especialización do estudante na súa formación académica, profesional ou investigadora e as universidades galegas impartirán o vindeiro curso un total de 105 títulos de posgrao adaptados ás liñas xerais emanadas do Espazo Europeo de Educación Superior.
26/02/2008. AXUDAS E PREMIOS

Contratación para a organización dunha exposición sobre a lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia, no DOG do 22 de febreiro de 2008, a contratación dun servizo para o deseño, produción, execución, promoción e itinerancia dunha exposición sobre a lingua galega na diversidade lingüística.

O prazo para a presentación de ofertas remata o vindeiro 24 de marzo de 2008. Se desexa máis información, prema aquí.
21/02/2008. DINAMIZACIóN

O Concello de Ferrol constitúe o Consello Municipal da Lingua

Este organismo, formado por representantes políticos, veciñais, sindicais e de entidades culturais e académicas, constitúese como o órgano de participación cidadá para a consulta, seguimento, información e proposta na xestión municipal na área de normalización lingüística.

Entre as principais funcións desta entidade están as de presentar iniciativas, propostas e suxestións para a súa discusión nas comisións informativas correspondentes, colaborar na elaboración de programas e proxectos e facer un seguimento da actuación municipal no que se refire á normalización lingüística. A tarefa inmediata que teñen previsto acometer será a de poñer en marcha o Plan de Normalización Lingüística municipal.

Se desexa máis información, prema aquí.
20/02/2008. DINAMIZACIóN

A Terra de Melide organízase para traballar conxuntamente a prol do galego

Os responsables de normalización lingüística do IES de Melide, dos colexios núm. 1 e Mestre Pastor Barral de Melide, do Colexio de Arcediago de Visantoña e dos concellos de Melide, Santiso e Toques acaban de constituír o colectivo SNL Terra de Melide.

Está dirixido pola coordinadora territorial dos ENDL da provincia da Coruña e ten como principal obxectivo traballar de xeito conxunto e coordinado a prol da normalización lingüística nestes tres concellos, unindo os esforzos e recursos da Administración educativa e da Administración local.

A primeira iniciativa que teñen previsto desenvolver será unha diagnose das actitudes e usos lingüísticos na comarca, para posteriormente poder implementar medidas normalizadoras nos diferentes ámbitos sociais, como a hostalaría, a sanidade ou o comercio.
20/02/2008. DINAMIZACIóN

O Concello de Teo edita o calendario “Doce con lingua”

O calendario recolle doce lemas que inciden na defensa do idioma e do seu uso. Os lemas van acompañados de reflexións sobre o uso do galego realizadas polos alumnos dos centros de ensino do municipio e de fotografías antigas de persoas do concello de Teo recollidas grazas á participación veciñal.

A iniciativa elaborouse a partir do concurso escolar Un lema para o galego, organizado polo Departamento de Normalización Lingüística en colaboración cos centros de ensino do concello.
20/02/2008. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro para a integración lingüística en Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza un obradoiro de lingua e cultura co obxectivo de facilitar a integración lingüística e cultural das persoas de fóra de Galicia que se instalan no municipio.

As sesións desenvolveranse entre o 12 de marzo e o 23 de abril de 2008 e o prazo de inscrición remata o vindeiro 7 de marzo. Se desexa máis información, prema aquí.
20/02/2008. CURSOS E CONGRESOS

Seminario de actualización e reciclaxe da lingua galega

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago organiza o seminario Actualización e reciclaxe da lingua galega: principais cambios introducidos no texto das normas no ano 2003, dirixido a profesionais do Dereito.

As sesións desenvolveranse entre os días 10 e 13 de marzo de 2008 e a matrícula é gratuíta. Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.
19/02/2008. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para adultos e colectivos de Galicia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 19 de febreiro de 2008, a convocatoria de cursos de lingua galega, niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, destinados a adultos e colectivos de Galicia.

O prazo para presentar as solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.