Novas da lingua

Rexistros4621 a 4650 de 5280
14/12/2007. CURSOS E CONGRESOS

Formación para avaliadores do CELGA

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Cursos Internacionais da USC organizan novas xornadas de formación de avaliadores do CELGA, que se desenvolverán en xaneiro de 2008 (7 e 8 de xaneiro / 14 e 15 de xaneiro).

Se desexa acceder ao formulario de inscrición en liña, prema aquí.
14/12/2007. DINAMIZACIóN

Nadais diferentes na Coruña e Fene

Os concellos da Coruña e de Fene organizan escolas de Nadal dirixidas a nenos/as de Educación Infantil e Primaria, onde se desenvolverán diferentes actividades lúdicas e educativas que terán como eixo de unión a promoción e o uso do galego.

Na Escola “Un Nadal de viaxe polo mundo” participarán nenos/as da Coruña e da Comarca de Bergantiños e o prazo de matrícula remata o 22 de decembro. Pola súa parte, os máis novos/as do Concello de Fene teñen de prazo ata o 20 de decembro para inscribirse nun Nadal diferente.
12/12/2007. AXUDAS E PREMIOS

I Concurso literario Poeta Antonio Fernández Morales

O Concello de Cacabelos e a Asociación Berciana da Lingua Xarmenta organizan o I Concurso literario Poeta Antonio Fernández Morales, co obxectivo de fomentar o uso do idioma galego no Bierzo e ao mesmo tempo homenaxear a figura deste escritor berciano.

O certame, ao que poden presentarse obras escritas tanto en galego como en castelán, conta cunha modalidade de poesía e outra de relato breve, así como tres categorías para cada modalidade, segundo a idade do/a autor/a.

O prazo de admisión de orixinais remata o vindeiro día 20 de decembro.

11/12/2007. INVESTIGACIóN

A debate a relación cultural e lingüística entre Galicia e Portugal

A Fundación Vía Galego organiza os días 11 e 12 de decembro, na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, dúas conferencias para afondar na ligazón histórica entre os falares do norte e do sur do Miño, así como nas oportunidades que se derivan desta relación.

O primeiro acto terá lugar o día 11 as 19:30 h e leva por título Compostela e Braga, dúas capitais culturais do Reino de Galiza, a cargo do historiador Anselmo López Carreira.

O día 12, ás 19:30 h, o político e intelectual Camilo Nogueira, baixo o título A cultura galega abre portas á Lusofonía, falará da potencialidade do idioma galego no contexto global.
11/12/2007. DINAMIZACIóN

En liña o número 38 do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a recensión sobre novas utilidades informáticas para o galego, a presentación dos Premios á calidade e á excelencia lingüística ou a nova sobre o multilingüismo no ensino non universitario.
11/12/2007. EMPREGO

Bolsas de linguaxe administrativa galega

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convoca dúas bolsas destinadas a desenvolver estudos e prácticas na materia de linguaxe administrativa galega nesta institución. As/os bolseiras/os desenvolverán as súas actividades de formación desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2008, aínda que estas poderán ser prorrogadas por un ano máis. A dotación económica de cada bolsa será de 1 200 euros brutos mensuais.

O prazo> de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
11/12/2007. AXUDAS E PREMIOS

Múdase a data do exame Celga 4

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a modificación da data do exame para a acreditación do nivel de lingua galega Celga 4, que se realizará durante os días 26 e 27 de xaneiro de 2008. A partir do 3 de xaneiro de 2008 publicarase no web da SXPL a listaxe de admitidos/as, así como o día en que debe realizar a proba cada candidato.
30/11/2007. CURSOS E CONGRESOS

I Seminario de Planificación Lingüística

Os vindeiros días 3 e 4 de decembro desenvolverase no Consello da Cultura Galega o I Seminario de Planificación Lingüística, que reunirá a académicos, políticos, expertos e xestores galegos e non galegos para avaliar as políticas lingüísticas do Estado e obter ditames e recomendacións en materia de planificación lingüística.

O seminario, organizado polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, estrutúrase en dúas xornadas, unha primeira que xirará arredor do modelo lingüístico educativo no ensino non universitario (3 de decembro) e unha segunda centrada nas políticas lingüísticas en España (4 de decembro).

Como asistentes ao acto foron convidados arredor de 100 profesionais e investigadores relacionados coa política lingüística e a planificación do idioma galego.
27/11/2007. AXUDAS E PREMIOS

Premios á calidade e á excelencia lingüística

A Universidade de Santiago, a través das comisións de normalización lingüística dos centros, convoca os IV Premios á calidade lingüística e o II Premio á excelencia lingüística.

Estes galardóns teñen como principal obxectivo fomentar a cultura da calidade e o uso do galego nos traballos académicos entre o alumnado de 1º e 2º ciclo.

A data límite de recepción dos traballos é o día 24 de xullo de 2008.

27/11/2007. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o IV Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

O xurado do IV Premio Luísa Villalta fixo pública a resolución a través da cal acordaron conceder tres premios por cada unha das modalidades que inclúe este galardón: “artigo xornalístico” e “deseño dunha campaña de promoción da lingua galega”.

O certame, dirixido a todo o alumnado de 1º, 2º e 3º ciclo das facultades e escolas universitarias galegas, ten como principal obxectivo promover a reflexión e a dinamización lingüísticas entre a comunidade universitaria.

Prema aquí para consultar a lista de galardoados.
27/11/2007. LEXISLACIóN

Créase A Liña do Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística pon ao dispor de todas as persoas interesadas A Liña do Galego, un servizo gratuíto que atenderá consultas sobre dereitos lingüísticos e tramitará queixas sobre a súa vulneración. Así mesmo, tamén se recollerán e farán públicos os parabéns para as persoas e institucións que garantan e respecten o dereito a vivir en galego.

Pódese acceder a este servizo a través do teléfono 902 106474 (os días laborables, desde as 8:00 ás 22:00 horas) ou dirixíndose ao enderezo electrónico linhadogalego@amesanl.org.
26/11/2007. AXUDAS E PREMIOS

VIII Premio Manuel Beiras

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación e o Concello de Santiago convocan a oitava edición do Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade outorgar un recoñecemento público ao esforzo de normalización lingüística no sector empresarial.

O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que leven feito un uso continuado do galego e outra para os que se incorporaron recentemente. Os interesados teñen de prazo para presentar as solicitudes ata o 30 de novembro de 2007.
26/11/2007. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Cerceda

O Concello de Cerceda anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar, xestionar e executar accións destinadas a fomentar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os sectores do ámbito municipal.

O sistema de selección será o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
26/11/2007. DINAMIZACIóN

Deixa que o viño fale

A Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística está a desenvolver, baixo o lema “Deixa que o viño fale. Escolle un viño etiquetado en galego”, unha campaña a prol da etiquetaxe dos viños en galego, que conta co apoio da Consellería de Medio Rural e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Esta iniciativa inclúe un manifesto de adhesión a través do cal as institucións e personalidades asinantes se comprometen a que nos actos protocolarios, caso de servírense viños, teñan preferencia os etiquetados en lingua galega.
26/11/2007. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Comunicación publica, no DOG do 23 de novembro de 2007, a resolución da convocatoria de axudas ás empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

26/11/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a realización de proxectos de dinamización lingüística no ámbito educativo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca axudas para a realización de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos de Galicia, para o curso escolar 2007-2008.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
21/11/2007. AXUDAS E PREMIOS

Falemos da nosa historia

O Equipo de Normalización Lingüística do CEIP López Ferreiro organiza o IV Concurso de redacción e investigación histórica “Falemos da nosa historia”, dirixido a escolares que estean a cursar en centros educativos de Galicia o 3º ciclo de educación primaria ou o 1º ciclo da ESO.

O tema proposto para esta edición é “A lenda do Marechal Pardo de Cela”. Os traballos, que deben ser orixinais e estar redactados en lingua galega, poderán presentarse ao longo do mes de febreiro de 2008.
21/11/2007. CURSOS E CONGRESOS

Curso de formación de profesorado de galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e Cursos Internacionais da USC organizan un curso de formación de profesorado de galego que se desenvolverá os días 10-19 de decembro de 2007 no Campus Sur da Universidade de Santiago.

O custo do curso é de 50 euros e o prazo de matrícula remata o vindeiro 30 de novembro.
20/11/2007. CURSOS E CONGRESOS

Curso de ferramentas informáticas aplicadas ao traballo terminolóxico

A Sociedade Galega de Terminoloxía e o Departamento de Tradución e
Interpretación da Universidade de Vigo coorganizan a segunda edición do Curso de
ferramentas informáticas aplicadas ao traballo terminolóxico
.

As sesións desenvolveranse os días 22, 23, 29 e 30 de novembro de 2007 na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Todas as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa preinscrición ata o vindeiro 21 de novembro.

19/11/2007. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello da Laracha

O Concello da Laracha anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar, xestionar e executar accións destinadas a fomentar o uso e prestixio da lingua galega en todos os sectores do ámbito municipal.

O sistema de selección será o de concurso e o prazo de presentación de solicitudes é de 7 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
19/11/2007. AXUDAS E PREMIOS

Premios á publicidade en lingua galega

O Consello Asesor de RTVE-G e CRTVG deu a coñecer os galardoados da XIV edición dos Premios de Publicidade en Galego, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.

Nesta ocasión, o gañador na categoría de radio foi o anuncio “Agasalla Cultura 2006”, elaborado por Ovo Publicidade. Na categoría de televisión o galardoado foi o anuncio “Augas de Cabreiroá”, presentado por Continental Producciones e elaborado pola Axencia Imaxe Intermedia. Na modalidade de internet recibiu unha mención especial o web da Axencia Audiovisual Galega, creado pola empresa Interacción.

O premio especial do concurso “Campaña de autopromoción dos Premios de Publicidade en Galego e da páxina web do Consello” recibiuno o grupo A-VESPAS.
16/11/2007. EMPREGO

Prazas de técnico/a de normalización lingüística nos concellos de Betanzos e Vilasantar

Os concellos de Betanzos e de Vilasantar convocan cadansúa praza de técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar, xestionar e executar accións destinadas a fomentar o uso e prestixio da lingua galega en todos os sectores do ámbito municipal. O sistema de selección será en ambos os casos o de concurso-oposición.

Para obter máis información sobre as probas de acceso ou os prazos de presentación de solicitudes consulte os textos completos das respectivas convocatorias: convocatoria do Concello de Betanzos / convocatoria do Concello de Vilasantar.
14/11/2007. AXUDAS E PREMIOS

Premio Linguapax 2008

O Institut Linguapax convoca unha nova edición deste galardón, que quere contribuír ao recoñecemento de lingüistas, investigadores, docentes ou membros da sociedade civil que teñan destacado na promoción da diversidade lingüística e/ou a educación multilingüe.

As candidaturas deben enviarse á secretaría do Instituto Linguapax (info@linguapax.org) antes do 15 de decembro de 2007. O gañador do premio darase a coñecer o vindeiro 21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna.

Se desexa máis información, prema aquí.
14/11/2007. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o Premio Xeira de narracións curtas

Marisa López Diz, co seu relato A fiya do xastre, foi a gañadora dos XVII Premio “Xeira” de narracióis curtias.

Este certame, que convoca a Asociación Xeira desde 1991, ten como obxectivo fomentar o uso literario do galego de Asturias, colaborando así na súa dignificación e normalización social.
13/11/2007. EMPREGO

Convocatoria de prazas para mestres interinos de galego

A Dirección Provincial de Educación da Xunta de Castela e León convoca o proceso para a elaboración de listaxes de aspirantes a ocupar, en réxime de interinidade, postos vacantes e substitucións no corpo de mestres de galego.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de novembro de 2007. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
13/11/2007. CURSOS E CONGRESOS

VIII Xornadas de Expresión Oral “Tíralle da lingua”

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza a oitava edición destas xornadas, dirixidas ao alumnado e ao profesorado de Galicia, que teñen como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito educativo así como proporcionar técnicas para traballar a oralidade na aula.

As sesións desenvolveranse os días 16 e 17 de novembro e a matrícula é gratuíta, aínda que cómpre realizar a reserva de praza.

Coa mesma finalidade de fomentar o uso oral do galego entre a comunidade educativa, esta asociación convoca tamén o VIII Concurso de Relato Oral Tíralle da Lingua, que se celebrará en abril de 2008 en Santiago de Compostela.
13/11/2007. DINAMIZACIóN

Consulte en liña o novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 37 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos a nova sobre os traballos gañadores dos III Premios á calidade lingüística nos traballos académicos, a presentación da programación de cursos de galego para o último trimestre do ano ou a información sobre a Guia de Conversa Universitària. Aranés Castellano Euskara Galego Català, editada pola Universitat de Barcelona.
12/11/2007. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Arzúa

O Concello de Arzúa anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar, xestionar e executar accións destinadas a fomentar o uso e prestixio da lingua galega en todos os sectores do ámbito municipal.

O sistema de selección será o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes remata o martes 22 de novembro. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
12/11/2007. DINAMIZACIóN

A avogacía compostelá avoga polo galego

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza a campaña “Avogamos polo galego”, co ánimo de contribuír á normalización do idioma no ámbito da avogacía.

Entre as accións que se desenvolverán no marco desta iniciativa destaca a difusión dun tríptico informativo que contén unha declaración positiva cara ao galego e unha compilación de dereitos lingüísticos no ámbito da xustiza.

07/11/2007. DINAMIZACIóN

Encontro dos axóuxeres para bebés e familia

Co ánimo de dar continuidade á actividade lúdica Festa dos Axóuxeres, organizada o pasado mes de setembro na Coruña, Santiago e Vigo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza agora en dez vilas de Galicia o Encontros dos axóuxeres para bebés e familias, que ten como principal obxectivo promover a transmisión familiar da lingua galega.

Os encontros celebraranse durante as fins de semana do mes de novembro e serán as artistas Gaudi Galego, Mercedes Peón e Uxía as encargadas de establecer un diálogo de música e voz cos máis pequenos.