Novas da lingua

Rexistros4651 a 4680 de 5153
15/02/2008. DINAMIZACIóN

Na Universidade de Vigo tamén se celebrará o Día Internacional da Lingua Materna

Co gallo da conmemoración o vindeiro día 21 de febreiro do Día Internacional da Lingua Materna, A Oficina de Voluntariado e Integración do Campus de Ourense organiza, en colaboración coa Oficina de Relacións Internacionais (ORI), dous actos de intercambio cultural e lingüístico entre os estudantes galegos e estranxeiros da Universidade de Vigo.
As actividades que se desenvolverán o día 28 de febreiro na Facultade de Humanidades (campus de Ourense) serán as seguintes:


1. Redacción de mensaxes en cada unha das linguas maternas dos estudantes da Universidade de Vigo, coa súa posterior difusión.

2. Encontro dos estudantes estranxeiros (regulares e bolseiros) e estudantes voluntarios nun xantar con sabor internacional, onde terán oportunidade para intercambiar os seus respectivos coñecementos lingüísticos e culturais.


Pode obter máis información no seguinte teléfono: 988 387 171

14/02/2008. AXUDAS E PREMIOS

Neville Alexander, Premio Linguapax 2008

O vindeiro 21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna, o Instituto Linguapax dará a coñecer publicamente o fallo do xurado do Premio Linguapax 2008, que este ano decidiu outorgarlle o seu galardón ao Dr. Neville Alexander, lingüista surafricano experto en temas de planificación lingüística e promoción de linguas minorizadas.

Os Premios Linguapax outórganse anualmente a lingüistas, investigadores, docentes ou membros da sociedade civil que teñan destacado na promoción da diversidade lingüística e/ou a educación multilingüe.
14/02/2008. DINAMIZACIóN

Namórate da lingua, namórate en galego

A Concellaría de Política Lingüística do Concello de Santiago presenta a campaña Namórate da lingua, namórate en galego, para promover o uso da lingua galega no ámbito das relacións afectivas e persoais.

Os materiais da campaña serán distribuídos o 14 de febreiro entre todo o alumnado dos institutos composteláns e mais nos comercios de agasallos de Área Central.
14/02/2008. CURSOS E CONGRESOS

A Universidade da Coruña analiza o futuro do galego nunha Europa multilingüe

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza unha xornada de análise sobre o futuro do galego nunha Europa multilingüe, que se desenvolverá o vindeiro 21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna, no Paraninfo da UDC (rúa da Mestranza, 9).

O acto, que comezará ás 19:00 h, consistirá nunha mesa redonda na que participarán Andrés Barreiro Pardo (intérprete da Comisión Europea), Jairo Dorado Cadilla (profesor en Serbia, intérprete e tradutor) e Celia Armas García (delegada galega na Axencia Europea para as Linguas Menos Estendidas). Ao remate, proxectarase o documental Linguas cruzadas.
14/02/2008. AXUDAS E PREMIOS

Ferve a rede no “mes dos namorados”

Vieiros, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca o concurso de microrrelatos eróticos en lingua galega Ferve a Rede.
O prazo para enviar os textos, que deben ter unha extensión máxima de 550 caracteres, remata o 10 de marzo. O gañador/a, que se dará a coñecer o 17 de marzo, terá como premio unha viaxe de catro días a Venecia para dúas persoas.
11/02/2008. CURSOS E CONGRESOS

A debate a Lei de normalización lingüística no seu XXV aniversario

Coincidindo co XXV aniversario da aprobación da Lei de normalización lingüística, o club de opinión Foro Cívico da Coruña organiza os vindeiros días 14 e 15 de febreiro dúas mesas redondas para facer un balance do seu contido e aplicación.

A primeira delas (14 de febreiro) xirará arredor do contido da citada lei e dos decretos, normas e plans de normalización posteriores que a desenvolven. Nela participarán Xosé Ramón Freixeiro, Alba Nogueira e Mercedes Queixas. Na segunda sesión (15 de febreiro) tomarán a palabra Xaquín Monteagudo, Xabier Seoane, Xesús Pablo González Moreiras e Ermitas Valencia para debater sobre o estado actual do proceso de normalización lingüística e sobre a aplicación da lexislación vixente.
Se desexa coñecer o programa completo destes actos, prema aquí.

11/02/2008. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiros de novas tecnoloxías e lingua no Concello da Coruña

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza cinco obradoiros sobre novas tecnoloxías e lingua, que se desenvolverán en diferentes asociacións da cidade. Nestes obradoiros incidirase na identificación do software libre en lingua galega co acceso ao coñecemento, coa utilidade e coas melloras do desenvolvemento social, ao tempo que se presentarán os recursos compilados no web recursosparaogalego.com.
Se desexa máis información sobre as datas e os horarios desta actividade, prema aquí.
11/02/2008. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para preparar os CELGA

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de lingua galega preparatorios para a obtención dos Celga (niveis 1 e 4).

Os cursos desenvolveranse nas diferentes escolas oficiais de idiomas de Galicia e impartiranse en dúas quendas, unha que comezará en febreiro e outra en outubro de 2008. O prazo de presentación de solicitudes varía segundo a quenda elixida. Se desexa máis información, prema aquí.
08/02/2008. OUTRAS

Preséntase hoxe a Declaración de París pola pluralidade lingüística

Os responsables de política lingüística do Goberno Vasco, da Generalitat de Catalunya e da Xunta de Galicia presentarán hoxe na Expolingua de París a Declaración de París pola pluralidade lingüística. Esta iniciativa enmárcase no Protocolo de colaboración entre o Goberno Vasco, a Generalitat de Catalunya e a Xunta de Galicia en materia de política lingüística, que os tres gobernos asinaron en marzo de 2007 para a defensa e o impulso das respectivas linguas no marco estatal e no ámbito da Unión Europea.

Ademais desta intervención, entre os actos que a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia tamén está a organizar estes días en París cabe subliñar as aulas de galego e o sorteo dunha estadía en Galicia para aprender o idioma.
07/02/2008. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel medio e superior, dirixidos preferentemente ao persoal que realiza funcións administrativas nas diferentes administracións públicas de Galicia.

Os cursos desenvolveranse nas diferentes escolas oficiais de idiomas de Galicia e impartiranse en dúas quendas, unha que comezará en febreiro/marzo de 2008 e outra en outubro de 2008. O prazo de presentación de solicitudes varía segundo a quenda elixida. Se desexa máis información, prema aquí.

07/02/2008. CURSOS E CONGRESOS

Curso de planificación lingüística e novas ferramentas de formación

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) organiza un curso de planificación lingüística e novas ferramentas de formación destinado ao persoal da Administración autonómica (persoal da Secretaría Xeral de Política Lingüística e resto de persoal das administracións públicas). O curso, de 30 horas de duración, desenvolverase en Santiago de Compostela ao longo do mes de xuño, en horario de tarde (de 16:30 h a 19:00 h).

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de febreiro e todas as persoas interesadas deben tramitar a súa matrícula a través do seguinte formulario en liña.
04/02/2008. CURSOS E CONGRESOS

Curso de formación de profesorado de galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e Cursos Internacionais da USC organizan un curso de formación de profesorado de galego que se desenvolverá entre os días 18 e 27 de febreiro de 2008 no Campus Sur da Universidade de Santiago.

O custo do curso é de 50 euros e o prazo de matrícula remata o vindeiro 14 de febreiro.
01/02/2008. EMPREGO

O Concello de Carral precisa técnico/a de normalización lingüística

O Concello de Carral está a tramitar a través do Servizo Galego de Colocación a cobertura dun posto de tradutor/a con amplos coñecementos de galego para desenvolver labores de normalización lingüística neste concello.

Se desexa adscribirse a esta oferta de emprego, prema aquí.

01/02/2008. CURSOS E CONGRESOS

Curso de iniciación á lingua vasca na Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística e o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo organizan un curso de iniciación á lingua vasca, que se desenvolverá na Facultade de Filoloxía e Tradución entre os días 3 de marzo e 14 de maio (luns e mércores, de 15:00 h a 17:00 h).

A matrícula é gratuita e o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 25 de febreiro de 2008.

01/02/2008. DINAMIZACIóN

En liña un novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 39 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos os datos sobre a docencia en galego na USC no curso 2007-2008, o artigo sobre a proclamación por parte da Asemblea Xeral da ONU do ano 2008 como Ano Internacional das Linguas ou a información sobre novos cursos de formación lingüística para a comunidade universitaria.
01/02/2008. DINAMIZACIóN

A Universidade da Coruña anima a traspasar fronteiras

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña presenta unha nova campaña de dinamización lingüística que, baixo o lema Este tamén é territorio galego: nas aulas fala o teu idioma, ten como principal obxectivo fomentar o uso do galego nas aulas.

A iniciativa, que se desenvolverá nos campus da Coruña e de Ferrol, conta na parte gráfica con adhesivos e carteis nos que se representa un aramado de espiñas acompañado do lema Traspasa esta fronteira. Nas aulas tamén en galego.

29/01/2008. DINAMIZACIóN

Constitúese o Consello das Linguas Oficiais da Administración Xeral do Estado

Onte, luns 28 de xaneiro de 2008, constituíuse na sede do Ministerio de Administracións Públicas o Consello das Linguas Oficiais da Administración Xeral do Estado, que estará presidido polo secretario de Estado de Cooperación Territorial, Fernando Puig de la Bellacasa. Esta entidade constitúese como un órgano colexiado de análise, impulso e coordinación técnica entre os diferentes ministerios en relación co uso das linguas oficiais.

Así mesmo, nesta liña de potenciación dos dereitos lingüísticos dos cidadáns, crearase tamén a Oficina das Linguas, que apoiará administrativamente ao Consello.
Se desexa consultar o Real decreto de creación destes dous organismos, prema aquí.
28/01/2008. DINAMIZACIóN

Sabor a galego na cidade da Coruña

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña e mais a Asociación de Hostaleiros presentan a campaña Sabor a galego!, destinada a fomentar e prestixiar o uso da lingua galega no ámbito hostaleiro da cidade.

A campaña xirará arredor de dúas liñas básicas de actuación, crear unha imaxe que identifique a cidade co idioma, a identidade e os produtos galegos e mais ofrecer un servizo de tradución para as cartas e os menús dos establecementos.
24/01/2008. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística do Concello de Oroso

O Concello de Oroso anuncia a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística.

O proceso selectivo consistirá nun concurso de méritos e o prazo para presentar solicitudes é de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.

24/01/2008. DINAMIZACIóN

Novos Encontros dos Axóuxeres

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza cinco novos Encontros dos axóuxeres destinados a fomentar a transmisión familiar do idioma galego. Estas novas citas musicais terán lugar en Ribeira, Monforte, Ponte Caldelas, Betanzos e Ribadavia.

Se desexa descargar algunha das propostas musicais que pais e nenos/as poderán cantar nestes encontros, prema aquí.
24/01/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros privados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 23 de xaneiro de 2008, a convocatoria de axudas para financiar proxectos de fomento do uso do galego desenvolvidos polos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino privados.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
22/01/2008. DINAMIZACIóN

Conversas arredor do voluntariado lingüístico

A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia organiza, dentro do ciclo de conferencias Conversas con, unha mesa redonda dedicada á lingua onde se tratará o tema do voluntariado lingüístico e se analizará a súa aplicación no eido da normalización da lingua e a cultura galegas.
O debate terá lugar o día 30 de xaneiro, ás 12:00 h, na Universidade de Santiago de Compostela e o 31 de xaneiro, ás 12:30 h, na Universidade da Coruña e nel participarán os coordinadores/as das diferentes iniciativas de voluntariado lingüístico existentes no Estado español. Se desexa máis información, prema aquí.

22/01/2007. AXUDAS E PREMIOS

Concurso Letras Galegas 2008

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso destinado aos centros de ensino non universitario para a elaboración dunha exposición relacionada coa obra e época do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008, Xosé María Álvarez Blázquez.

O concurso contempla dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. As exposicións gañadoras en cada unha destas categorías serán distribuídas entre os centros de ensino de toda Galicia, ademais de recibir un premio en metálico de 3 000 euros.

O prazo de presentación dos traballos remata o vindeiro 22 de febreiro. Se desexa máis información, prema aquí.
21/01/2008. EMPREGO

Contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística no Concello de Aranga

O Concello de Aranga anuncia a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística.

O proceso selectivo consistirá nun concurso de méritos e o prazo para presentar solicitudes é de 7 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.

16/01/2008. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Mazaricos

O Concello de Mazaricos anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar, xestionar e executar accións destinadas a fomentar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os sectores do ámbito municipal.

O sistema de selección será o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.[corrección de erros]

11/01/2007. EMPREGO

Contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística no Concello de Irixoa

O Concello de Irixoa anuncia a contratación temporal, a media xornada, dun técnico/a de normalización lingüística.

O proceso selectivo consistirá na valoración de méritos e nunha proba escrita que terá lugar o 23 de xaneiro. O prazo para presentar solicitudes remata o luns 21 de xaneiro de 2008.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
10/01/2008. CURSOS E CONGRESOS

Normalizando a fe

A Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas organiza a terceira edición das súas Xornadas de Normalización e Dinamización Lingüística, que terán lugar o vindeiro venres 11 de xaneiro no Hotel Os Abetos (Santiago de Compostela). O obxectivo principal desta iniciativa é promover foros de debate e intercambio de experiencias que contribúan a fomentar o uso do galego nos centros de ensino de titularidade católica.
04/01/2008. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións a entidades privadas sen fin de lucro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica, no DOG do 4 de xaneiro de 2008, a convocatoria pública de axudas a entidades privadas sen fin de lucro para incrementar os usos da lingua galega nos ámbitos da familia, da infancia, da mocidade e do tempo de lecer.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.

03/01/2008. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas aos centros privados concertados

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 3 de xaneiro de 2008, a resolución da convocatoria de axudas para implantar accións que potencien o ensino en lingua galega no segundo ciclo de educación infantil en centros privados concertados de Galicia.

Para consultar o texto completo da resolución, prema aquí.
02/01/2008. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a edición de publicacións periódicas en lingua galega

A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia anuncia, no DOG do 27 de decembro de 2007, a convocatoria de subvencións para empresas que editen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución.