Novas da lingua

Rexistros4651 a 4680 de 5280
05/11/2007. OUTRAS

Probas para a obtención dos certificados de Celga 1 e Celga 4

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca as primeiras probas para a obtención dos certificados de coñecemento de lingua galega Celga 1 e Celga 4.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse nestas probas ata o 16 de novembro (para Celga 1) e ata o 28 de novembro (para Celga 4).

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
31/10/2007. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas de formación de avaliadores do Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e Cursos Internacionais da USC organizan as Xornadas de formación de avaliadores do Celga, que terán lugar os días 19 e 20 de novembro en Santiago de Compostela.

Para poder participar cómpre estar inscrito nas listas de profesorado colaborador para impartir os cursos de galego promovidos pola SXPL e ter realizado o Curso de formación de profesorado de galego que organizan conxuntamente a SXPL e Cursos Internacionais da USC.

O número máximo de prazas é de 30, que se cubrirán por orde de inscrición.
31/10/2007. CURSOS E CONGRESOS

I Xornadas sobre a normalización da lingua e a cultura no ámbito da educación

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da UdC organiza estas xornadas que teñen como principal obxectivo promover a reflexión e o debate sobre as posibilidades e as limitacións que ten na actualidade o proceso de normalización lingüística no ámbito educativo.

As sesións terán lugar os días 14 e 15 de novembro na Facultade de Ciencias da Educación da UdC. O prazo de inscrición remata o vindeiro 9 de novembro. Se desexa máis información, prema aquí.
02/11/2007. CURSOS E CONGRESOS

Curso de comunicación e mercadotecnia para accións de normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza un novo curso de formación que ten como principal obxectivo facilitar procedementos, ferramentas e estratexias comunicativas que faciliten a promoción e difusión de actividades de normalización lingüística.

O curso desenvolverase na Facultade de Filoloxía da USC os días 23 e 30 de novembro e 14 de decembro de 2007. O prazo de preinscrición remata o 15 de novembro. Se desexa máis información, prema aquí.

31/10/2007. INVESTIGACIóN

Enquisa en liña sobre a política lingüística da Unión Europea

A Unidade de Multilingüismo da Comisión Europea convida a todas as persoas e
entidades especializadas nas diferentes linguas de Europa a participar coa súa opinión e propostas no deseño da política lingüística europea.

Con este propósito, a Comisión pon ao dispor de todos/as os/as interesados/as un cuestionario en liña que estará accesible ata o vindeiro 15 de novembro. Os resultados da enquisa daranse a coñecer no primeiro semestre de 2008.

31/10/2007. LEXISLACIóN

A través de Europa, tamén en galego

A través de Europa é o nome da sección do web da Comisión Europea onde os diferentes estados membros publican as súas noticias relacionadas con Europa. A partir de agora aquelas novas relacionadas con Galicia e Europa poderán ser redactadas de xeito bilingüe, en galego e castelán.

O galego estréase nesta sección coa nova sobre o proxecto europeo de cooperación en Tanzania.

Esta iniciativa enmárcase no acordo do Consello de ministros de Asuntos Xerais e Relacións Exteriores da UE, do 13 de xuño de 2005, que aprobaba o uso das linguas cooficiais españolas (galego, catalán e éuscaro) nas institucións europeas, malia non posuír estas o rango de oficialidade.
31/10/2007. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Boimorto

O Concello de Boimorto anuncia a convocatoria para a contratación dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar, xestionar e executar accións destinadas a fomentar o uso e prestixio da lingua galega en todos os sectores do ámbito municipal.

O sistema de selección será o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
31/10/2007. AXUDAS E PREMIOS

XVI Certame literario lingüístico Ricardo Carvalho Calero

O Concello de Ferrol convoca unha nova edición deste certame literario lingüístico que consta dun premio de creación literaria (narración curta) e outro de investigación literaria ou lingüística. No premio de investigación lingüística os traballos presentados deberán ter unha extensión mínima de 50 folios e estar escritos en lingua galega, con liberdade normativa.

O prazo de presentación de orixinais, que deberán entregarse xunto con cinco copias, remata o 30 de novembro. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
30/10/2007. OUTRAS

Habilitación profesional para tradutores e intérpretes xurados

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 30 de outubro de 2007, a convocatoria pública de probas de habilitación profesional para a tradución e a interpretación xurada do galego para outras linguas, e viceversa.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 9 de novembro. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
29/10/2007. CURSOS E CONGRESOS

I Encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña organiza, coa colaboración da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, este I Encontro de política lingüística que quere poñer en contacto os diferentes responsables políticos e técnicos das administracións locais para compartir experiencias e propostas en materia de normalización lingüística.

As sesións terán lugar o mércores 28 de novembro de 2007 no Pazo de Mariñán (Lugar de Mariñán, s/n, Bergondo).
26/10/2007. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o Premio Xoán Manuel Pintos

O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) outorgáronlle o Premio Xoán Manuel Pintos 2007 ao ilustrador Kiko da Silva e á Asociación Puntogal.

O obxectivo deste premio é recoñecer o labor daquelas persoas ou entidades que axudan a impulsar a presenza da lingua na sociedade e ao mesmo tempo manter viva a figura do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos.

A entrega dos galardóns terá lugar o 16 de novembro no Pazo de Cultura de Pontevedra.
23/10/2007. CURSOS E CONGRESOS

Xustiza e lingua, reflexións para a normalización

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a xornada Xustiza e lingua, reflexións para a normalización, que ten como principal obxectivo reflexionar sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza.

As sesións, que están especialmente dirixidas á avogacía compostelá, terán lugar o vindeiro 8 de novembro na sede do Colexio de Avogados de Santiago e no transcurso da xornada presentarase a campaña “Avogamos polo galego”.
23/10/2007. CURSOS E CONGRESOS

O futuro da política europea cara ao multilingüismo e a aprendizaxe das linguas

O Centro Europeo Mercator de Investigación sobre o Multilingüismo organiza un congreso internacional que reflexionará sobre a política europea que se desenvolve no ámbito da diversidade lingüística e da aprendizaxe de linguas.

As sesións desenvolveranse entre os días 21 e 23 de novembro de 2007 en Ljouwert/Leeuwarden (Frisia, Países Baixos). Se desexa máis información, prema aquí.
23/10/2007. LEXISLACIóN

Normalízanse os usos lingüísticos nos rexistros civís

Tras a aprobación da Lei 12/2005, do 22 de xuño, pola que se modifica o artigo 23 da Lei do 8 de xuño de 1957, do Rexistro Civil, nas comunidades con lingua oficial propia distinta do castelán, as follas dos libros do Rexistro Civil, os impresos, os selos e os sistemas informáticos deben distribuírse nas dúas linguas oficiais.

Agora o Rexistro Civil da Coruña comeza a facer cumprimento deste imperativo legal e, grazas á aplicación informática Inforeg 4, os nacementos, matrimonios e demais trámites relacionados co estado civil das persoas poderán inscribirse en galego. Tras este primeiro paso, estase xa a traballar na informatización progresiva dos outros rexistros civís de Vigo, Pontevedra, Lugo, Ourense, Santiago e Ferrol.
18/10/2007. DINAMIZACIóN

Normalizando as relacións persoais en internet

A Asociación Fillos de Galicia presenta eTIqueTAL?, unha nova iniciativa para normalizar o uso do idioma galego no ámbito dos contactos persoais en internet.
Empregando un sistema de comunicación semántica, eTIqueTAL ten como obxectivo promover os contactos persoais entre mozos e mozas galegas que compartan afeccións, intereses, proxectos, gustos etc. O rexistro e emprego desta ferramenta é gratuito e a única esixencia é o emprego do galego.
18/10/2007. OUTRAS

Web provisional da CTNL

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua comunica que xa está accesible na rede o web provisional da asociación.
Este sitio, que contén a información básica da CTNL amais de novas de interese sobre a normalización do idioma galego, manterase activo durante uns meses ata poder contar co novo espazo web definitivo, que achegará máis información de utilidade e fomentará a participación e comunicación entre todos os/as socios/as.
16/10/2007. CURSOS E CONGRESOS

IV Xornadas sobre Lingua e Usos

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza, en colaboración coa Real Academia Galega, a cuarta edición destas xornadas, que nesta ocasión xirarán arredor do tema “Lingua e comunicación”.

As sesións desenvolveranse os días 7, 8 e 9 de novembro no Paraninfo da Reitoría da UdC (A Coruña).

O prazo de inscrición remata o vindeiro 2 de novembro. Se desexa consultar o programa ou obter máis información sobre os trámites da inscrición, prema aquí.
15/10/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o ensino en galego nos centros privados concertados

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 11 de outubro de 2007, axudas para implantar accións que potencien o ensino en lingua galega no segundo ciclo de educación infantil en centros privados concertados de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
10/11/2007. EMPREGO

Bolsas de cooperación no Instituto da Lingua Galega

O Instituto da Lingua Galega convoca dúas bolsas de colaboración para o proxecto Corpus romance da Galicia medieval.

Os/as solicitantes deberán estar en posesión da licenciatura de Filoloxía Galega ou Filoloxía Románica, non levar licenciados/as máis de 5 anos e ter unha nota media igual ou superior a 1,5 puntos no expediente académico.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
08/10/2007. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Sada

O Concello de Sada anuncia a contratación laboral temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar, xestionar e executar accións destinadas a fomentar o uso e prestixio da lingua galega en todos os sectores do ámbito municipal.

O sistema de selección será o de oposición e o prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de outubro de 2007.

Se desexa consultar as bases completas desta convocatoria, prema aquí.


05/10/2007. AXUDAS E PREMIOS

Premio de Ensaio Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia, coa colaboración de Unión Fenosa, convocan unha nova edición deste premio que ten como obxectivos principais homenaxear a figura do ilustre galeguista Ramón Piñeiro e contribuír á difusión do ensaio breve en lingua galega.
O prazo para a presentación de orixinais remata 1 de decembro de 2007 e o autor/a do traballo gañador recibirá 6 000 euros.

Se desexa máis información, prema aquí.
05/10/2007. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 36 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos a información sobre a resolución da ACSUG de incluír o labor de promoción do idioma galego como mérito para os PDI, a presentación do Programa de Acompañamento Lingüístico para estudantes ou a nova sobre o COPSOQGal21, a versión galega e en galego do método CoPsoQ de avaliación de riscos psicosociais.
02/10/2007. OUTRAS

Catálogo de publicacións periódicas do CDSG

Xa pode consultar en liña o catálogo de publicacións periódicas do CDSG. Trátase de 310 títulos que están ao seu dispor nos nosos fondos, accesibles a través do servizo de consulta en sala.

A hemeroteca do CDSG nútrese de adquisicións, intercambios e doazóns que fan ao centro persoas e colectivos, tanto públicos como privados, polo que os/as convidamos a seguir completando a nosa listaxe de publicacións con aqueles títulos que consideren interesantes para os nosos fondos.

28/09/2007. DINAMIZACIóN

Materiais didácticos para a planificación lingüística nos centros educativos

Co ánimo de facilitarlle ao profesorado o apoio técnico e teórico necesarios para desenvolver o labor de normalización lingüística no ámbito educativo, A Secretaría Xeral de Política Lingüística editou o manual A planificación lingüística nos centros educativos, xunto coa súa correspondente Guía práctica, que agora pode consultar tamén en formato PDF.

Con este manual preténdese axudar a clarexar conceptos, establecer tipoloxías e facilitar o acceso a materiais complementarios, mentres que a Guía está pensada para a aplicación de propostas prácticas.
24/09/2007. CURSOS E CONGRESOS

Simposio “Perspectivas sobre a oralidade”

O Instituto da Lingua Galega (USC) e o Consello da Cultura Galega organizan o Simposio “Perspectivas sobre a oralidade”, que abordará desde diferentes disciplinas o tema da comunicación oral.
As sesións desenvolveranse entre os días 17 de outubro e 9 de novembro na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e o prazo de inscrición remata o 15 de outubro.
24/09/2007. OUTRAS

Nova versión de Traducíndote

Óscar Hermida, alumno do IES Chan do Monte (Marín), presenta unha nova versión do seu tradutor en liña Traducíndote, ferramenta creada a partir da tecnoloxía xerada no proxecto Opentrad que agora permite tamén a tradución de arquivos de Microsoft Word.

O programa, de código aberto, pode descargarse desde o web de Mancomun.org.
17/09/2007. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Montederramo

O Concello de Montederramo publica, no BOP de Ourense do 11 de setembro de 2007, a convocatoria para a provisión dunha praza de técnico/a de normalización lingüística (persoal laboral temporal).

O sistema de selección é o de concurso de méritos e o prazo para a presentación de solicitudes é de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
13/09/2007. INVESTIGACIóN

Boletín en liña do Centro de Estudos Galegos de Bangor

O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Gales, Bangor, presenta o primeiro número do seu Boletín, de periodicidade anual, onde se recollerán todas aquelas actividades e proxectos de investigación que se desenvolvan no País de Gales para difundir a lingua e cultura galegas.

Este primeiro número, amais dunha breve presentación do Centro de Estudos, ofrécenos a descrición das principais actividades desenvolvidas desde o 1 de novembro de 2006, data na que comezou a súa andaina o Centro.
13/09/2007. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación de profesorado de galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia a convocatoria de oito cursos de formación destinados a profesores/as colaboradores/as da SXPL, profesorado de galego de calquera nivel educativo e lectores/as de galego en activo.

Para coñecer as datas concretas dos cursos e mais os prazos de matrícula, prema aquí.

10/09/2007. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese a convocatoria de subvencións ás entidades locais

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 7 de setembro de 2007, a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a normalización da lingua galega.