Novas da lingua

Rexistros4741 a 4770 de 5153
05/10/2007. AXUDAS E PREMIOS

Premio de Ensaio Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia, coa colaboración de Unión Fenosa, convocan unha nova edición deste premio que ten como obxectivos principais homenaxear a figura do ilustre galeguista Ramón Piñeiro e contribuír á difusión do ensaio breve en lingua galega.
O prazo para a presentación de orixinais remata 1 de decembro de 2007 e o autor/a do traballo gañador recibirá 6 000 euros.

Se desexa máis información, prema aquí.
05/10/2007. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 36 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos a información sobre a resolución da ACSUG de incluír o labor de promoción do idioma galego como mérito para os PDI, a presentación do Programa de Acompañamento Lingüístico para estudantes ou a nova sobre o COPSOQGal21, a versión galega e en galego do método CoPsoQ de avaliación de riscos psicosociais.
02/10/2007. OUTRAS

Catálogo de publicacións periódicas do CDSG

Xa pode consultar en liña o catálogo de publicacións periódicas do CDSG. Trátase de 310 títulos que están ao seu dispor nos nosos fondos, accesibles a través do servizo de consulta en sala.

A hemeroteca do CDSG nútrese de adquisicións, intercambios e doazóns que fan ao centro persoas e colectivos, tanto públicos como privados, polo que os/as convidamos a seguir completando a nosa listaxe de publicacións con aqueles títulos que consideren interesantes para os nosos fondos.

28/09/2007. DINAMIZACIóN

Materiais didácticos para a planificación lingüística nos centros educativos

Co ánimo de facilitarlle ao profesorado o apoio técnico e teórico necesarios para desenvolver o labor de normalización lingüística no ámbito educativo, A Secretaría Xeral de Política Lingüística editou o manual A planificación lingüística nos centros educativos, xunto coa súa correspondente Guía práctica, que agora pode consultar tamén en formato PDF.

Con este manual preténdese axudar a clarexar conceptos, establecer tipoloxías e facilitar o acceso a materiais complementarios, mentres que a Guía está pensada para a aplicación de propostas prácticas.
24/09/2007. CURSOS E CONGRESOS

Simposio “Perspectivas sobre a oralidade”

O Instituto da Lingua Galega (USC) e o Consello da Cultura Galega organizan o Simposio “Perspectivas sobre a oralidade”, que abordará desde diferentes disciplinas o tema da comunicación oral.
As sesións desenvolveranse entre os días 17 de outubro e 9 de novembro na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e o prazo de inscrición remata o 15 de outubro.
24/09/2007. OUTRAS

Nova versión de Traducíndote

Óscar Hermida, alumno do IES Chan do Monte (Marín), presenta unha nova versión do seu tradutor en liña Traducíndote, ferramenta creada a partir da tecnoloxía xerada no proxecto Opentrad que agora permite tamén a tradución de arquivos de Microsoft Word.

O programa, de código aberto, pode descargarse desde o web de Mancomun.org.
17/09/2007. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Montederramo

O Concello de Montederramo publica, no BOP de Ourense do 11 de setembro de 2007, a convocatoria para a provisión dunha praza de técnico/a de normalización lingüística (persoal laboral temporal).

O sistema de selección é o de concurso de méritos e o prazo para a presentación de solicitudes é de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
13/09/2007. INVESTIGACIóN

Boletín en liña do Centro de Estudos Galegos de Bangor

O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Gales, Bangor, presenta o primeiro número do seu Boletín, de periodicidade anual, onde se recollerán todas aquelas actividades e proxectos de investigación que se desenvolvan no País de Gales para difundir a lingua e cultura galegas.

Este primeiro número, amais dunha breve presentación do Centro de Estudos, ofrécenos a descrición das principais actividades desenvolvidas desde o 1 de novembro de 2006, data na que comezou a súa andaina o Centro.
13/09/2007. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación de profesorado de galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia a convocatoria de oito cursos de formación destinados a profesores/as colaboradores/as da SXPL, profesorado de galego de calquera nivel educativo e lectores/as de galego en activo.

Para coñecer as datas concretas dos cursos e mais os prazos de matrícula, prema aquí.

10/09/2007. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese a convocatoria de subvencións ás entidades locais

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 7 de setembro de 2007, a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a normalización da lingua galega.
10/09/2007. LEXISLACIóN

Novidades lexislativas no ámbito das administracións públicas

O vindeiro 16 de setembro entrará en vigor a Lei 13/2007, do 27 de xullo, de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia. No que respecta ás modificacións do artigo 33, dedicado á normalización do idioma galego, sinálase agora que, como mínimo, unha das probas do proceso selectivo deberá realizarse exclusivamente en lingua galega, sen prexuízo doutras probas adicionais que poidan realizarse para aqueles postos que requiran un especial coñecemento do galego.

Outra novidade salientable neste eido recóllea a Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, que entraba en vigor o pasado mes de maio. Segundo esta lei, o conxunto do persoal funcionario e laboral das diferentes administracións públicas deberá garantir a atención ao cidadán na lingua que este solicite, sempre que sexa oficial no territorio.
10/09/2007. DINAMIZACIóN

Normalizando a avogacía compostelá

O Colexio de Avogados de Santiago de Compostela conta desde o pasado mes de xuño cun Servizo de Asesoramento Lingüístico que ten como obxectivo principal contribuír á normalización do uso do idioma galego por parte da avogacía compostelá.
Nesta liña, a publicación Avogacía Compostelá incluirá en todos os seus números un espazo onde se publicarán contidos específicos da lingua xurídica así como artigos divulgativos sobre o proceso de normalización do galego.

Outras actuacións que se desenvolverán ao longo deste ano 2007 serán a creación dun servizo de asesoramento lingüístico en liña, a organización de actividades formativas sobre linguaxe xurídica e o lanzamento dunha campaña de dinamización lingüística, amais do traballo cotiá de asesoramento e investigación terminolóxica.

10/09/2007. LEXISLACIóN

Preséntase o segundo informe sobre o cumprimento en España da “Carta”

O Goberno español presenta o segundo informe periódico de avaliación e seguimento sobre a aplicación da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, que España asinou en 1992 e posteriormente ratificou en 2001.

A coordinación do informe correspondeulle ao Ministerio de Administracións Públicas, que contou para a súa redacción coa colaboración de diferentes departamentos ministeriais así como das comunidades autónomas con lingua propia.
03/09/2007. DINAMIZACIóN

Festa dos Axóuxeres para os pequenos e os grandes da casa

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convida aos máis cativos a participar coa súa familia na Festa dos Axóuxeres, actividade lúdica deseñada para promover a transmisión familiar da lingua galega.

Os actos celebraranse os días 4, 6 e 8 de setembro en Santiago, Vigo e A Coruña, respectivamente. Todas as actuacións serán ás 19:00 h, en diferentes espazos públicos destas cidades, e as entradas serán de balde.

Esta iniciativa, que se enmarca nas actividades realizadas para dar cumprimento ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, terá continuidade nos meses de outono e inverno en diferentes vilas de Galicia.
03/09/2007. EMPREGO

Bolsa de colaboración no SNL da Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña convoca unha bolsas de colaboración para desenvolver labores de apoio ao seu Servizo de Normalización Lingüística. Poden optar a estas bolsas todas as persoas que obtivesen o título de licenciado/a en Filoloxía Galega nos últimos cinco anos e que ademais sexan estudantes de terceiro ciclo na UDC. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 7 de setembro de 2007.

Se desexa máis información, prema aquí.
03/09/2007. EMPREGO

Bolsas de cooperación no Instituto da Lingua Galega

O Instituto da Lingua Galega convoca cinco bolsas de colaboración para os proxectos Atlas Lingüístico Galego (1), Tesouro Informatizado da Lingua Galega (1), Dicionario de dicionarios da lingua galega (1), Corpus romance da Galicia medieval (2) e Arquivo do Galego Oral (1).

Os/as solicitantes deberán estar en posesión da licenciatura de Filoloxía Galega ou Filoloxía Románica, non levar licenciados/as máis de 5 anos e ter unha nota media igual ou superior a 1,5 puntos no expediente académico.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
03/09/2007. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para adultos e colectivos de Galicia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 22 de agosto de 2007, a convocatoria de cursos de lingua galega, niveis Celga 1 e Celga 4, destinados a adultos e colectivos de Galicia.

O prazo para presentar as solicitudes remata o día 12 de setembro. Para consultar a convocatoria prema aquí.
03/09/2007. CURSOS E CONGRESOS

Actividades de formación sociolingüística destinadas ao persoal docente

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, convocan o II Seminario de dinamización lingüística no ensino e mais o Curso de especialización en planificación lingüística nos centros de ensino.

Os prazos para presentar as solicitudes rematan os vindeiros días 7 de setembro (Curso de especialización en planificación lingüística) e 1 de outubro (II Seminario de dinamización lingüística). Se desexa máis información, prema aquí.
03/09/2007. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello da Laracha

O Concello da Laracha anuncia a contratación laboral temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo botar a andar o Servizo de Normalización Lingüística municipal.

O sistema de selección será o de concurso e o prazo de presentación de solicitudes remata o 4 de setembro.

Se desexa consultar as bases completas desta convocatoria, prema aquí.

30/07/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o desenvolvemento e produción de contidos dixitais interactivos en galego

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 30 de xullo de 2007, a convocatoria de subvencións para o desenvolvemento e produción de contidos dixitais interactivos en lingua galega.

O prazo de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
30/07/2007. LEXISLACIóN

Apróbase o novo sistema para acreditar o coñecemento da lingua galega

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 30 de xullo de 2007, a orde pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

Esta orde establece cinco niveis de coñecemento de galego e os seus correspondentes certificados, elaborados segundo as directrices do Marco europeo común de referencia para as linguas e mais a Asociación de Avaliadores de Linguas Europeas (ALTE).

Así mesmo, regúlanse tamén as validacións e o programa de contidos para cada un dos niveis do Celga.
27/07/2007. DINAMIZACIóN

Promoción da lingua no ámbito turístico

A Secretaría Xeral de Política lingüística acaba de editar unha Guía de conversa en galego con frases básicas para que os turistas que visiten Galicia poidan empregar o noso idioma naquelas situacións comunicativas máis habituais.

A guía está dispoñible en seis idiomas e será distribuída de balde nunha ampla rede de oficinas de turismo, casas de turismo rural e establecementos hostaleiros.

No marco desta mesma campaña editáronse tamén 20 000 postais con palabras en galego que, o mesmo cás guías, serán distribuídas gratuitamente coa colaboración de Turgalicia.
20/07/2007. LEXISLACIóN

Créase o Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado

O Ministerio de Administracións Públicas crea o Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado, que nace co obxectivo de impulsar unha política axeitada con respecto ao uso das linguas oficiais das comunidades autónomas neste ámbito.

Así mesmo, como unidade permanente de apoio e asistencia ao Consello, créase tamén a Oficina para as Linguas Oficiais, que estará adscrita á Secretaría de Estado de Cooperación Territorial.

Para consultar o Real Decreto de creación destes organismos, prema aquí.

20/07/2007. EMPREGO

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 12 de xullo de 2007, a convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en diferentes universidades de España e do estranxeiro.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
20/07/2007. OUTRAS

As novas probas de competencia lingüística comezarán a finais de ano

Segundo informou a Secretaría Xeral de Política Lingüística, no último trimestre deste ano 2007 realizaranse as primeiras probas de lingua galega adaptadas ao novo sistema de certificación de competencia lingüística CELGA.

Para a preparación destas probas existirá a opción de asistir a cursos presenciais preparatorios ou ben botar man de diversos materiais de autoaprendizaxe que en breve estarán accesibles no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Se desexa máis información, prema aquí.
12/07/2007. DINAMIZACIóN

Ribadeo con moito gusto, na túa lingua

O Concello de Ribadeo e o IES Porta da Auga están a desenvolver conxuntamente a campaña de dinamización lingüística Ribadeo con moito gusto, na túa lingua, que ten como principais obxectivos promover a calidade e autenticidade dos servizos e produtos que se ofrecen na hostalería ribadense e dinamizar o uso do idioma galego neste ámbito.

No transcurso da campaña repartiranse entre os restaurantes e cafeterías do concello portamenús, a tradución dos respectivos menús en catro idiomas (galego, castelán, francés e inglés), modelos de carta en soporte informático, adhesivos co lema da campaña e diplomas de adhesión.
11/07/2007. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas aos equipos de normalización lingüística dos centros privados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 11 de xullo de 2007, a resolución das subvencións a proxectos de fomento do uso do galego desenvolvidos polos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino privados.

Para consultar o texto completo da resolución, prema aquí.
10/07/2007. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega publica, no DOG do 10 de xullo de 2007, a convocatoria de doce bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (2 bolsas), Proxecto Sarmiento (1 bolsa), Arquivo de Comunicación (2 bolsas), Arquivo Sonoro de Galicia (2 bolsas), web corporativo do CCG (2 bolsas), Área de Publicacións (1 bolsa), Xestión Cultural (2 bolsas).

A concesión das bolsas será ata o 31 de decembro de 2007. O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
06/07/2007. OUTRAS

O alumnado do Bierzo e Sanabria poderá estudar galego no Bacharelato

A Xunta de Castela e León acaba de aprobar a introdución da materia optativa “Lingua e Cultura Galega” dentro do currículo do Bacharelato, polo que a partir do vindeiro curso 2007-2008 os institutos de ensino secundario dos territorios limítrofes con Galicia poderán ofertar estes estudos, dándolle así continuidade ao programa de lingua galega establecido xa no Ensino Secundario Obrigatorio.

A medida insírese no Protocolo de colaboración que manteñen a Xunta de Galicia e a Xunta de Castela e León para promover o ensino do galego en centros do Bierzo e de Sanabria. Se desexa máis información, prema aquí.
04/07/2007. INVESTIGACIóN

Preséntase no CCG a publicación “A lingua galega na cidade no século XX”

Mañá xoves, día 5 de xullo, presentarase no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega a obra A lingua galega na cidade no século XX, editada por Edicións Xerais e da que é autor Gabriel Rei-Doval, profesor de sociolingüística da Universidade de Wisconsin.

Na presentación, que terá lugar ás 13:00 h, intervirán Henrique Monteagudo (secretario do CCG), Manuel Bragado (director de Xerais) e o propio autor.