Novas da lingua

Rexistros4741 a 4770 de 5280
17/04/2007. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 34 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos os datos sobre a evolución das axudas para o uso do galego nos traballos de investigación básica, a presentación das convocatorias dos premios á calidade e á excelencia lingüísticas ou a nova sobre a tradución ao galego da versión 2.0 do navegador Firefox.

07/04/2007. DINAMIZACIóN

A lingua galega na XII Feira do Libro de Ponferrada

Por segundo ano consecutivo a Asociación Berciana da Lingua “Xarmenta” participará na XII Feira do Libro de Ponferrada presentando unha ampla mostra de volumes en lingua galega, con especial presenza do libro infantil e xuvenil.
Como actividade complementaria, presentaranse tamén libros escritos en galego por escritores nacidos no Bierzo, como Luís Paradelo, que presentará a súa novela Xelamonite (2006) ou o poeta Aínda, que falará do seu poemario A cor das bágoas (2006).

13/04/2007. EMPREGO

Prazas para profesores de lingua e literatura galegas no ensino secundario

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 13 de abril de 2007, a convocatoria do proceso selectivo para ocupar 90 prazas de profesores de lingua e literatura galegas no ensino secundario.

O proceso de selección será o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.

13/04/2007. EMPREGO

Praza de tradutor/a no Concello de Ponteceso

O Concello de Ponteceso anuncia, no BOP do 13 de abril de 2007, a convocatoria dunha praza de tradutor/a, que desenvolverá as súas funcións no Servizo de Normalización Lingüística municipal. O sistema de selección dos/as aspirantes será o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado.

Para consultar as bases, prema aquí.
12/04/2007. INVESTIGACIóN

Novo informe sobre a lingua galega no sistema educativo

O Consello Escolar de Galicia acaba de facer público o informe Evolución e estado actual do sistema educativo en Galicia, relativo aos cursos 2002-03, 2003-04 e 2004-05, que inclúe un capítulo específico sobre a situación da lingua galega no ensino.

Entre as conclusións sinálase o incumprimento da lexislación lingüística vixente, a desproporción dos usos lingüísticos (claramente favorable ao castelán), sobre todo na educación infantil e primaria, ou a necesidade de redeseñar as funcións e o status dos equipos de normalización lingüística.

12/04/2007. CURSOS E CONGRESOS

XVII Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, que se celebrarán os vindeiros días 20 e 21 de abril na Facultade de Ciencias da Educación, en Santiago de Compostela.

A matrícula é gratuíta. Se desexa máis información sobre o programa das xornadas ou os trámites de inscrición, prema aquí.

12/04/2007. AXUDAS E PREMIOS

III Concurso de mensaxes de móbil do Concello do Porriño

A Área de Normalización Lingüística do Concello de Porriño e a Biblioteca municipal organizan a terceira edición do Concurso de mensaxes SMS en lingua galega.

As mensaxes, que teñen que ser orixinais e non superar os 160 caracteres, deben enviarse ao número 679 039 567. A data límite para a recepción é o 11 de maio de 2007.

11/04/2007. DINAMIZACIóN

Lingua de amor

O Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, organiza a Iª edición do concurso Lingua de amor. Trátase dun concurso de declaracións de amor a través do correo electrónico pensado para promover o uso do galego nas actividades de lecer e ao mesmo tempo contribuír á celebración do 17 de maio, Día das Letras Galegas e Día Internacional de Internet.

Os/as participantes poderán realizar as súas mensaxes a través do formulario que atoparán no web do CXG. A data límite para o envío das declaracións é o 15 de maio de 2007. Se desexa consultar as bases da convocatoria, prema aquí.
11/04/2007. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros

A Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago e a Real Academia Galega organizan unha nova edición destes cursos estivais que se desenvolverán entre os días 3 e 27 de xullo de 2007.

Os cursos, que se organizan en diferentes niveis (elemental, medio e curso superior de Filoloxía Galega) teñen como principal finalidade ofrecerlle ao alumnado de fóra de Galicia a posibilidade de se familiarizar coa lingua e a realidade sociocultural galegas.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 1 de maio. Se desexa máis información, prema aquí.
11/04/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos centros de ensino do Concello do Carballiño

O Concello do Carballiño publica, no BOP de Ourense do 4 de abril de 2007, a convocatoria de axudas e subvencións destinadas a apoiar a dinamización educativa nos centros de ensino públicos e privados deste Concello. A convocatoria inclúe unha modalidade destinada especificamente á promoción e difusión lingüística que premiará a elaboración de murais relacionados coa autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, María Mariño Carou.

O prazo para a presentación de solicitudes é de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
04/04/2007. CURSOS E CONGRESOS

Curso de ferramentas comunicativas para xornalistas

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza un curso dirixido a xornalistas e profesionais que traballan no eido da comunicación co obxectivo principal de difundir recursos e ferramentas lingüísticas de utilidade para a redacción en lingua galega.

As sesións desenvolveranse entre o 16 de abril e o 4 de maio, de 9:00 a 11:00 horas, no Pazo da Cultura (Pontevedra). A inscrición é gratuíta e pode facerse enviando un correo electrónico a normalizacionlinguistica@concellopontevedra.es ou chamando ao teléfono 986 863 157. Se desexa máis información, prema aquí.

02/04/2007. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel intermedio, dirixidos preferentemente ao persoal que realiza funcións administrativas nas diferentes administracións públicas de Galicia.

Os cursos desenvolveranse nas diferentes escolas oficiais de idiomas de Galicia e impartiranse en dúas quendas, unha que comezará en abril e outra en outubro de 2007. O prazo de presentación de solicitudes varía segundo a quenda elixida. Se desexa máis información, prema aquí.
02/04/2007. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel intermedio, dirixidos preferentemente ao persoal que realiza funcións administrativas nas diferentes administracións públicas de Galicia.

Os cursos desenvolveranse nas diferentes escolas oficiais de idiomas de Galicia e impartiranse en dúas quendas, unha que comezará en abril e outra en outubro de 2007. O prazo de presentación de solicitudes varía segundo a quenda elixida. Se desexa máis información, prema aquí.
23/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a difusión de producións audiovisuais en lingua galega

A Secretaría Xeral de Comunicación publica, no DOG do 13 de marzo, a convocatoria de axudas destinadas a apoiar actos de estrea ou presentación en Galicia de producións audiovisuais en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de novembro de 2007. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria prema aquí.
23/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a edición de material didáctico en lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 22 de marzo de 2007, a convocatoria de axudas para a edición en lingua galega de materiais didácticos para o ensino regrado non universitario e máis para a formación de adultos.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o 31 de maio de 2007. Se desexa máis información, prema aquí.
21/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas a entidades sen fin de lucro do Concello de Santiago

O Concello de Santiago de Compostela publica, no BOP da Coruña do 21 de marzo de 2007, a convocatoria de axudas a entidades sen fin de lucro co fin de apoiar as súas accións de dinamización lingüística ou produción de materiais en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
21/03/2007. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Porto do Son

O Concello de Porto do Son publica, no BOP da Coruña do 21 de marzo de 2007, a convocatoria do proceso selectivo para a provisión dunha praza de técnico/a de normalización lingüística (contrato laboral temporal por obra ou servizo determinado).
O sistema de selección será o de concurso-oposición e os/as aspirantes deberán posuír o título da licenciatura en Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués).

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
20/03/2007. OUTRAS

Protocolo de colaboración entre Galicia, Cataluña e o País Vasco

A secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e os seus homólogos catalán e vasco asinaron un acordo de colaboración en materia de política lingüística que inclúe unha serie de medidas conxuntas destinadas á promoción das respectivas linguas propias tanto no ámbito do Estado como da Unión Europea.

O acordo ten unha vixencia de tres anos prorrogables e con el preténdese consolidar un marco estable de colaboración entre as tres administracións. Se desexa máis información, prema aquí.
12/03/2007. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 12 de marzo de 2007, a convocatoria de oito bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: dicionarios de literatura (1 bolsa), síntese de voz en galego (1 bolsa), cadernos de fraseoloxía galega (1 bolsa), corpus de referencia do galego actual (1 bolsa), corpus documentale latinum gallaeciae (1 bolsa), dimensións de identidade colectiva en Galicia (2 bolsas) e catalogación dos fondos bibliográficos do Centro Ramón Piñeiro (1 bolsa).

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
12/03/2007. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua e cultura galegas para residentes no exterior

A Secretaría Xeral de Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística publican, no DOG do 9 de marzo de 2007, a convocatoria de cursos de iniciación e perfeccionamento da lingua galega, de extensión cultural galega e de animación ao coñecemento do galego para a súa realización nos centros galegos e comunidades galegas do exterior.

O prazo para que as entidades galegas presenten as súas solicitudes remata o 9 de abril de 2007. Se desexa máis información, prema aquí.
12/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a creación de páxinas web en galego

A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia publica, no DOG do 7 de marzo de 2007, a convocatoria de axudas a entidades sen ánimo de lucro para a creación de páxinas web en galego na internet.

O prazo para a presentación de solicitudes é de 31 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
08/03/2007. CURSOS E CONGRESOS

Máis alá do nacional na produción cultural galega contemporánea

O Centro de Estudos Galegos en Gales (Universidade de Gales, Bangor) e mais a Universidade de Liverpool organizan o congreso internacional Saíndo da nación? Máis alá do nacional na produción cultural galega contemporánea, que terá lugar os días 18, 19 e 20 de marzo de 2008.

O prazo para enviar as comunicacións remata o 1 de setembro de 2007. Se desexa máis información sobre as liñas temáticas propostas pola organización ou sobre outras cuestións organizativas, prema aquí.
08/03/2007. EMPREGO

Bolsas de estadía no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 7 de marzo de 2007, a convocatoria pública de 10 bolsas de estadía destinadas a investigadores de fóra de Galicia para colaborar en proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O período da estadía será de entre dous e sete meses, non podendo superar a data tope do 31 de decembro de 2007. O prazo de presentación das solicitudes é de 40 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG desta convocatoria.
08/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos equipos de normalización lingüística dos centros públicos

Co ánimo de contribuír ao financiamento de proxectos destinados á promoción do galego no ensino, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca axudas para os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino públicos.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días, que comezarán a contar desde a publicación no DOG desta convocatoria.

06/03/2007. DINAMIZACIóN

Consulte en liña o novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 33 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos os datos sobre a docencia en galego na USC no curso 2006-2007, o artigo sobre o proxecto de novo decreto para o uso do galego no ensino non universitario ou as convocatorias de cursos de galego para non galegofalantes e de axudas para a investigación en lingua galega.

02/03/2007. CURSOS E CONGRESOS

Curso de formación de profesores de galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Cursos Internacionais da USC organizan un curso de formación de profesores de galego que se desenvolverá entre o 19 e o 28 de marzo de 2007 en Santiago de Compostela.

O custo do curso é de 40 euros e o prazo de matrícula remata o vindeiro 13 de marzo.

02/03/2007. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para adultos e colectivos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 23 de febreiro de 2007, a convocatoria de cursos de galego oral, de iniciación e de perfeccionamento da lingua galega para adultos e colectivos de Galicia e de fóra de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
02/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Premios Letras Galegas 2007 para o alumnado e o profesorado

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocan, con motivo do Día das Letras Galegas 2007, premios para o profesorado que realice webquests e para o profesorado e o alumnado que elabore libros web colectivos sobre a autora homenaxeada, María Mariño Carou.

A iniciativa ten como principais obxectivos propiciar a reflexión sociolingüística sobre a etapa histórica da autora, enriquecer a oferta de materiais didácticos en lingua galega e fomentar o uso das novas tecnoloxías na aula.

Para acceder ao texto completo da convocatoria, prema aquí.

02/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos equipos de normalización lingüística dos centros privados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 23 de febreiro de 2007, a convocatoria de axudas a equipos de normalización lingüística dos centros de ensino privados.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
02/03/2007. DINAMIZACIóN

Dinamizando as aulas en Betanzos

A Concellaría de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, coa colaboración do Equipo de Normalización Lingüística do IES Francisco Aguiar, organizan o obradoiro Máis Alá, iniciativa de intervención lúdico-educativa que quere fomentar entre os/as adolescentes o respecto pola diversidade cultural e lingüística.

Esta mesma actividade foi xa desenvolvida con éxito durante o primeiro trimestre do curso 2006-2007 no IES As Mariñas, do mesmo concello.