Novas da lingua

Rexistros4801 a 4830 de 5280
27/11/2006. OUTRAS

Galicia, a forza da palabra

A Real Academia Galega, no marco dos actos de conmemoración do seu centenario, organiza a exposición Galicia, a forza da palabra, percorrido pola toma de conciencia da entidade nacional dun pobo a través da súa lingua.

A mostra poderá visitarse do 17 de novembro de 2006 ao 16 de febreiro de 2007 na sede da Fundación Caixa Galicia, na Coruña.
24/11/2006. DINAMIZACIóN

Comeza o programa VAL: Voluntariado de Activación Lingüística

A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e mais A Mesa pola Normalización Lingüística presentarán o vindeiro 30 de novembro, ás 13:30 h no Hotel NH Obradoiro (Santiago de Compostela), esta nova iniciativa pioneira en Galicia.

O programa VAL coordinará unha rede de voluntarios/as que desexen prestar axuda lingüística a determinados colectivos de non galegofalantes, coma os inmigrantes ou os estudantes de fóra de Galicia, colaborando así na súa integración social e cultural.

Se desexa máis información, prema aquí.

23/11/2006. INVESTIGACIóN

Novos recursos terminográficos na rede

O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo acaba de publicar en rede o dicionario especializado Terminoloxía da tradución, que achega as 200 nocións máis eficaces para a didáctica da tradución.

Así mesmo, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes publica no seu web un Glosario de termos náuticos que compila 106 nocións relacionadas coa navegación e as instalacións portuarias.
22/11/2006. CURSOS E CONGRESOS

II Xornadas de Coordinación de Políticas Lingüísticas

A Fundación Enclave e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo organizan a segunda edición destas xornadas, que teñen como obxectivo establecer un debate arredor das mudanzas na xestión lingüística que debe implicar o cambio de goberno na Administración autonómica.

As sesións desenvolveranse os días 22, 27, 29 de novembro e 11 de decembro de 2006 no Campus Universitario de Vigo (Edificio Miralles. Lagoas-Marcosende).

Se desexa consultar o programa, prema aquí.

21/11/2006. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Santiago

O Concello de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública para a contratación, con carácter laboral de duración determinada, dun/ha técnico/a de normalización lingüística. Para participar nas probas de selección os/as aspirantes deberán estar en posesión do título de licenciado/a.
O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio (19 de novembro).

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

20/11/2006. AXUDAS E PREMIOS

Nova edición do Premio Manuel Beiras

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación e o Concello de Santiago convocan a sétima edición deste premio que ten como finalidade outorgar un recoñecemento público ao esforzo de normalización lingüística no sector empresarial.

O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que leven feito un uso continuado do galego e outra para os que se incorporaron recentemente. Os interesados teñen de prazo para presentar as solicitudes ata o 23 de novembro.

Se desexa máis información, prema aquí.
20/11/2006. CURSOS E CONGRESOS

Seminarios de formación para docentes do ensino non regrado da lingua

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, un curso de formación de profesores de galego, que se desenvolverá entre os días 11 e 20 de decembro na Escola Galega de Administración Pública (Santiago de Compostela) e no IES A Xunqueira (Pontevedra). O prazo de inscrición remata o 5 de decembro.

Así mesmo, o vindeiro 21 de decembro terá lugar no Instituto Torrente Ballester (Pontevedra) un seminario para profesores de linguaxe xurídica. Neste caso o prazo de presentación de solicitudes é do 21 de novembro ao 1 de decembro.
20/11/2006. OUTRAS

Probas libres de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia a convocatoria das probas libres de lingua galega para obter os certificados de competencia lingüística correspondentes aos niveis de iniciación e perfeccionamento.

As probas realizaranse os vindeiros 2 de decembro (nivel iniciación) e 16 de decembro (nivel perfeccionamento) e os prazos de presentación de solicitudes rematan o 24 de novembro (nivel iniciación) e 12 de decembro (nivel perfeccionamento).

Se desexa máis información, prema aquí.
16/11/2006. EMPREGO

Praza de técnico superior de normalización lingüística na Universidade de Santiago

A Universidade de Santiago de Compostela publica, no DOG do 15 de novembro de 2006, a convocatoria das probas selectivas para cubrir unha praza de técnico superior de normalización lingüística. O sistema de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/11/2006. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o Premio Xoán Manuel Pintos

O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) outorgáronlle o Premio Xoán Manuel Pintos 2006 ao maxistrado da Audiencia Provincial Xosé Xoán Barreiro Prado e á empresa de telecomunicacións R.

O xoves 16 de novembro, ás 20:30 h, na Biblioteca Pública de Pontevedra, a profesora Carme Hermida Gulías reflexionará sobre a figura de Xoán Manuel Pintos e o venres 24 de novembro, ás 22 h, terá lugar a entrega de premios, no transcurso dunha cea no Pazo da Cultura.
15/11/2006. AXUDAS E PREMIOS

Certame de recollida de tradición oral

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!, co patrocinio da Consellería de Cultura e Deporte, convoca un certame de recollida de tradición oral, tanto en prosa coma en verso, co ánimo de que os centros educativos continúen o labor desenvolvido co “Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués” e o alumnado se achegue ás manifestacións culturais do seu contorno.

O prazo de inscrición remata o 22 de decembro de 2006 e a data límite para presentar os traballos é o 1 de maio de 2007. Para coñecer o texto completo da convocatoria, prema aquí.

07/11/2006. CURSOS E CONGRESOS

Seminario de formación de linguaxe administrativa

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organiza este seminario de formación complementaria destinado aos/ás licenciados/as en Filoloxía Galega que están en condicións de impartir cursos de linguaxe administrativa ao funcionariado.

As sesións terán lugar os días 2 e 16 de decembro de 2006 e o prazo para presentar as solicitudes é do 6 ao 20 de novembro.

Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.
07/11/2006. CURSOS E CONGRESOS

I Curso de formación en voluntariado lingüístico

A Universidade da Coruña organiza un curso de formación en voluntariado lingüístico, de 6 horas de duración, dirixido principalmente aos membros da comunidade universitaria. O principal obxectivo é sentar as bases teóricas e prácticas para desenvolver un programa de acollida ao estudantado de intercambio da UDC.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 24 de novembro.
07/11/2006. INVESTIGACIóN

Créase o Centro de Estudos Galegos en Gales

A Facultade de Linguas Modernas da Universidade de Gales conta, desde o pasado 1 de novembro, cun Centro de Estudos Galegos, que se une aos outros 41 centros de estudos, cátedras ou lectorados que xa existen en diferentes universidades do exterior.

Este novo centro de estudos quere constituírse nun punto de encontro e reflexión en Gales e no Reino Unido arredor da investigación interdisciplinaria sobre a Galicia contemporánea. Ademais das tarefas de docencia da lingua galega, as principais liñas de investigación do centro serán o bilingüismo, a identidade cultural e a súa importancia nas culturas galega e galesa.

31/10/2006. OUTRAS

Nova versión do paquete ofimático OpenOffice.org

Mancomún.org-Iniciativa galega polo software libre presenta a versión 2.0.4 do paquete ofimático OppenOffice.org, válida tanto para os usuarios de GNU/Linux como de MS-Windows.

O OppenOffice inclúe as ferramentes máis habituais no traballo ofimático (precesador de textos, folla de cálculo, base de datos, etc.), así como un corrector ortográfico de galego que contén máis de 21 millóns de palabras, 500 abreviaturas, 1500 nomes e apelidos, 400 siglas e acrónimos e 1500 topónimos.
31/10/2006. CURSOS E CONGRESOS

III Xornadas sobre Lingua e Usos

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza, en colaboración coa Real Academia Galega, a terceira edición destas xornadas, que nesta ocasión xirarán arredor do tema “Lingua e idade”.

As sesións desenvolveranse os días 8, 9 e 10 de novembro na Sala de Xuntas do Consello de Goberno da UDC (A Coruña).

O prazo de inscrición remata o vindeiro 3 de novembro. Se desexa consultar o programa ou obter máis información sobre os trámites da inscrición, prema aquí.

31/10/2006. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 31 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos a presentación do III Concurso universitario de monólogos monolingües, organizado polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, ou a nova sobre o ciclo de conferencias e táboas redondas “Relacións laborais e lingua: unha oportunidade”, iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Universitaria de Relacións Laborais da USC.
31/10/2006. EMPREGO

Postos de coordinadores/as de área dos equipos de normalización lingüística

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia publica, no DOG do 20 de outubro, a convocatoria do concurso público para a provisión de catro prazas de coordinador/a de área, a nivel provincial, dos equipos de normalización lingüística.

Poderán participar neste concurso os mestres que sexan licenciados en filoloxía hispánica (subsección galego-portugués), filoloxía románica (subsección galego-portugués) ou filoloxía galega, así coma os profesores de educación secundaria de lingua e literatura galega que teñan destino en centros dependentes desta consellería.

O prazo de presentación de instancias e documentos é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.

19/10/2006. CURSOS E CONGRESOS

I Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organiza diferentes seminarios de formación destinados ao profesorado non universitario, en especial aos membros dos equipos de normalización lingüística, que se celebrarán ao longo do mes de novembro nas sete principais cidades galegas.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 6 de novembro.

Para obter máis información sobre os programas das diferentes edicións, así como sobre os trámites da inscrición, prema aquí.
18/10/2006. CURSOS E CONGRESOS

O patrimonio común galego-portugués a debate en Estremadura

O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Estremadura organiza o I Congreso de Estudos Galegos “Galiza e Portugal: un patrimonio común”, que xirará arredor da candidatura da cultura común galego-portuguesa para ser proclamada pola Unesco Obra Mestra do Patrimonio Oral e Inmaterial.

As sesións terán lugar os vindeiros días 8 e 9 de novembro no Paraninfo da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Estremadura (Cáceres).

Se desexa máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, prema aquí.

18/10/2006. EMPREGO

Praza de profesor titular de universidade na área de filoloxía galega e portuguesa

A Universidade de Vigo publica, no DOG do 17 de outubro de 2006, a convocatoria do concurso de acceso a unha praza de profesor titular desta universidade, adscrita ao seu Departamento de Filoloxía Galega e Latina, para desenvolver actividades de docencia e investigación en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
11/10/2006. OUTRAS

Concurso para a creación dun observatorio sociolingüístico

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria pública para a contratación dunha asistencia destinada á creación dun observatorio da situación da lingua galega na sociedade.

Todas as empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o 27 de novembro de 2006.

Se desexa máis información prema aquí.
06/10/2006. AXUDAS E PREMIOS

Premios a proxectos de innovación lingüística en lingua galega no ámbito educativo

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia convoca 10 premios a proxectos de innovación lingüística destinados a centros de ensino da súa titularidade.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
05/10/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal da Administración local

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 5 de outubro de 2006, a convocatoria de cursos de nivel medio e superior de linguaxe administrativa galega para o cadro de persoal da Administración local galega.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
26/09/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua e cultura galegas na Universitat de Barcelona

A Sección de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universitat de Barcelona e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organizan a programación de cursos de lingua e cultura galegas para o curso 2006-2007.

A oferta formativa está destinada a maiores de 17 anos, sexan ou non alumnos/as desta universidade, e contempla diferentes niveis e tipos de cursos (galego oral, iniciación á lingua galega, perfeccionamento da lingua galega e extensión cultural).

O prazo de inscrición é ata o vindeiro 11 de outubro. Se desexa máis información, prema aquí.
21/09/2006. DINAMIZACIóN

Festa da lingua no Porriño

O Concello do Porriño celebrará os vindeiros días 25 e 30 de setembro, dentro das Festas do Cristo 2006, diferentes actos lúdico-festivos de promoción e difusión da lingua galega.

Ao longo destes dous días terán lugar concertos de música, mostras de iniciativas lingüísticas, ceiba de libros e animacións na rúa.

Se desexa coñecer o programa completo de actividades, prema aquí.
19/09/2006. AXUDAS E PREMIOS

III Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a terceira edición do Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas entre a comunidade universitaria.

O premio está dirixido a todo o alumnado de 1º, 2º e 3º ciclo das facultades e escolas universitarias galegas e contará con dúas modalidades: “artigo xornalístico” e “deseño dunha campaña de promoción da lingua galega”.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de outubro de 2006.

19/09/2006. CURSOS E CONGRESOS

Producir, espallar, localizar... software en galego

As Concellarías de Política Lingüística e Relacións Veciñais; Educación e Mocidade; Cultura e Promoción Económica, Emprego e Comercio do Concello de Santiago de Compostela organizan a xornada de traballo Producir, espallar, localizar... software en galego.

A iniciativa conta coa colaboración do proxecto Mancomun.org e ao longo das sesións debaterase sobre a produción e difusión de software propio en lingua galega, así como sobre as políticas gobernamentais existentes ao respecto.

Esta xornada celebraranse o vindeiro día 29 de setembro no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal (rúa de Frei Rosendo Salvado, 14-16) e o número de prazas é limitado, polo que cómpre comunicar a asistencia antes do 26 de setembro no seguinte enderezo electrónico: dlg@aytocompostela.es
04/09/2006. CURSOS E CONGRESOS

V Simposio Internacional Mercator sobre Linguas Minorizadas

O Centro Mercator-Legislació organiza a quinta edición do Simposio Internacional Mercator, que nesta ocasión se centrará no tema dos dereitos lingüísticos como factor de inclusión social.

As sesións desenvolveranse entre os días 19 e 21 de outubro de 2006 no Institut d´Estudis Catalans (Barcelona) e a inscrición é de balde.

Se desexa coñecer o programa provisional, prema aquí.
01/09/2006. EMPREGO

Praza de técnico/a superior para o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia

O Consello da Cultura Galega publica, no DOG do 22 de agosto de 2006, a convocatoria do proceso selectivo para o acceso a diferentes prazas laborais desta institución. Os licenciados en Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués) poderán optar á praza de técnico/a superior do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro luns, 11 de setembro. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.