Novas da lingua

Rexistros4891 a 4920 de 5280
04/04/2006. LEXISLACIóN

Presentación pública do Observatorio de Dereitos Lingüísticos

O pasado sábado, día 1 de abril, presentouse en Santiago de Compostela o Observatorio de Dereitos Lingüísticos (ODL), organismo promovido pola Mesa pola Normalización Lingüística e constituído por membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüistas, docentes universitarios e profesionais do Dereito.

Entre os principais obxectivos do Observatorio están a denuncia da vulneración de dereitos lingüísticos sufrida polos cidadás e a promoción da medidas lexislativas que melloren o status legal do galego.

Se desexa máis información, prema aquí.
04/04/2006. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o audiovisual en lingua galega

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 3 de abril, a convocatoria pública de subvencións para a produción de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega.

O prazo para a presentación de solicitudes é de corenta días, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
29/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

Ames aposta polos novos valores do rock en galego

O Concello de Ames organiza o I Certame Millarock 06, concurso destinado aos grupos noveis de Pop-Rock, Metal ou Hip-hop co obxectivo de promover a lingua galega entre os novos valores da música.

Os interesados teñen de prazo ata o vindeiro 28 de abril para presentar un caderno informativo e un CD con dúas cancións orixinais, das que unha delas debe ser en galego.

Con posterioridade ao ditame do xurado, que dará a coñecer os tres grupos vencedores, o venres 6 de agosto terá lugar o Millarock 06, concerto no que participarán todos os galardoados, ademais dun grupo de sona estatal. Se desexa máis información, prema aquí.
29/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

O Concello de Betanzos homenaxea a figura de Manuel Lugrís Freire

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos organiza unha mesa redonda arredor da figura de M. Lugrís Freire con motivo do Día das Letras Galegas 2006.

O acto terá lugar o vindeiro día 2 de maio, ás 19:30 horas, no Edificio Liceo (Betanzos) e nel participarán Rosario Álvarez Blanco, membro da Real Academia Galega, Xabier Campos Villar, docente e estudoso da obra de M. Lugrís e Manuel Lugrís Rodríguez, neto do escritor homenaxeado.
28/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

Vieiros convida a ler en galego os principais xornais escritos en castelán

O xornal electrónico Vieiros, en colaboración coa empresa Dimensiona, ofrece desde o seu web un servizo de tradución ao galego de xornais escritos en castelán, empregando o software do tradutor automático Traduza-G.

A iniciativa enmárcase dentro da celebración do décimo aniversario de Vieiros, que continuará ofrecendo nos vindeiros meses novos recursos e novidades relacionadas coa introdución do galego na rede.
27/03/2006. INVESTIGACIóN

Estudo sobre a evolución sociolingüística de Galicia entre os anos 1992 e 2003

A Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega presenta mañá, día 28 de marzo, ás 12:00 horas, a publicación A sociedade galega e o idioma. A evolución sociolingüística de Galicia (1992-2003), onde se ofrece unha completa radiografía da evolución social do galego nesta última década.

Na presentación, que terá lugar no Salón de actos do Consello da Cultura Galega e estará aberta ao público, participarán o presidente do CCG, Alfonso Zuleta de Haz, e o coordinador da Sección de Lingua, Henrique Monteagudo.
27/03/2006. CURSOS E CONGRESOS

Congreso sobre as linguas rexionais e minorizadas nos sistemas educativos

A Comisión europea organiza un congreso internacional para fomentar a cooperación e intercambio de información sobre a situación das linguas minorizadas nos diferentes sistemas educativos da Unión.

Ademais das sesións plenarias, desenvolveranse dez talleres temáticos que xirarán arredor de cuestións como a educación bilingüe e plurilingüe, a transmisión familiar, a formación do profesorado ou a introdución das TIC no ensino.

As sesións terán lugar os vindeiros 27 e 28 de abril en Bruxelas. Se desexa consultar o programa provisional, prema aquí.
24/03/2006. OUTRAS

Falando amodo sobre a lingua no Barbanza

As asociacións culturais Altofalante e Barbantia, coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística e de La Voz de Galicia, organizan unha xuntanza entre membros de entidades gobernamentais, académicas, sociais e privadas para reflexionar sobre a situación sociolingüística do Barbanza e tentar implicar a todos os axentes sociais da comarca no proceso de normalización do idioma.

O acto terá lugar o vindeiro venres 31 de marzo, ás 20:30 h., no Auditorio Municipal de Ribeira. Se desexa máis información, prema aquí.
17/03/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de actualización da lingua e da linguaxe administrativa galegas

Con motivo da reforma das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego de 2003, a Escola Galega de Administración Pública convoca un curso de actualización de lingua e linguaxe administrativa galegas destinado ao persoal ao servizo da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
17/03/2006. CURSOS E CONGRESOS

II Congreso Internacional de Onomástica Galega

A Asociación Galega de Onomástica, a Universidade de Vigo e o Instituto da Lingua Galega organizan o II Congreso Internacional de Onomástica Galega, que terá lugar os días 19, 20 e 21 de outubro de 2006 en Pontevedra.

O prazo para presentar comunicacións remata o vindeiro 20 de maio de 2006. Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.
16/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

III Certame Literario Concello de Ames

A Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Ames, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, convoca a terceira edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega.

O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega. O prazo de presentación de orixinais é ata o vindeiro 20 de abril. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
15/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a edición de recursos educativos en lingua galega

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, do DOG do 10 de marzo, a convocatoria pública de axudas para a edición en galego de materiais curriculares, para niveis non universitarios, e de materiais para a formación de adultos en formatos visuais ou audiovisuais, tanto en soporte impreso como dixital.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 31 de maio. Se desexa consultar a convocatoria completa, prema aquí.
15/03/2006. OUTRAS

Primeiros pasos na telefonía móbil en galego

Grazas ao convenio de colaboración asinado entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Telefónica Móbiles España (TME), e coa colaboración técnica do Centro Ramón Piñeiro, acaba de presentarse o primeiro dicionario preditivo en lingua galega.

Esta ferramenta informática, que na actualidade teñen incorporada dous terminais de Grundig (o G402i e o G410i), permite escribir mensaxes en galego de xeito abreviado, sen ter que pulsar todas as letras. Ambos terminais dan tamén a posibilidade de ter en galego o seu menú, servizo que viñan xa ofrecendo os terminais de Alcatel.

07/03/2006. CURSOS E CONGRESOS

A utilidade da formación virtual para a normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza un novo curso de formación destinado aos/ás técnicos/as de normalización que ten como principais obxectivos a creación e xestión de cursos en liña e a reflexión sobre a utilidade do ensino virtual para a dinamización lingüística.

O curso desenvolverase en 8 horas presenciais (29 de marzo) e 22 horas virtuais (do 30 de marzo ao 30 de abril). O prazo de preinscrición é do 7 ao 17 de marzo.

Se desexa máis información prema aquí.
07/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

II Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, en colaboración con diferentes medios de comunicación escritos, convoca a segunda edición deste Premio co ánimo de promover a reflexión sociolingüística, e en xeral o uso do galego, no ámbito da prensa escrita.

Os artigos deben ser inéditos, estar redactados en galego e tratar sobre un tema relacionado coa promoción, planificación ou normalización do noso idioma. O prazo de admisión de artigos remata o 21 de abril de 2006. Se desexa consultar as bases completas desta convocatoria, prema aquí.
24/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Campamentos con denominación de orixe

A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia, en colaboración coa Asociación Sociopedagóxica Galega, organiza varios cursos destinados a proporcionarlles aos monitores/as de tempo libre os recursos necesarios para fomentar o uso do galego no tempo de lecer.

Os cursos desenvolveranse en catro quendas diferentes ao longo dos meses de marzo e abril, en Gandarío (Bergondo) e nas Sinas (Vilanova de Arousa). A reserva de prazas poderase realizar a partir do vindeiro 1 de marzo na Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e nos servizos de xuventude das delegacións da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Se desexa máis información, prema aquí.
23/02/2006. EMPREGO

Contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística no Concello de Mugardos

O Concello de Mugardos anuncia, no BOP da Coruña do 23 de febreiro, a contratación temporal dun técnico/a que terá como función principal o mantemento do Servizo Municipal de Normalización Lingüística.

O procedemento de selección será o do concurso de méritos e o prazo de presentación de solicitudes é de 7 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
23/02/2006. INVESTIGACIóN

A Comisión europea avalía a situación lingüística da Unión

A Comisión europea presenta unha nova entrega do estudo periódico Os europeos a as súas linguas, onde por primeira vez se achegan tamén datos sobre o galego.

Segundo este estudo (baseado en máis de 28 000 entrevistas realizadas a cidadáns de máis de 15 anos da UE), o galego sería a lingua materna de 1.8 millóns de cidadáns da Unión. O alemán sería o idioma da UE máis falado como primeira lingua, mentres que o máis falado como lingua estranxeira sería o inglés. O español, pola súa parte, atoparíase entre as 5 linguas máis coñecidas. Con todo, 44% dos enquisados recoñece non coñecer máis idiomas ca o seu propio.

No que respecta ao Estado español, o 5% dos cidadáns afirman ter como lingua materna o galego, mentres que o español sería a lingua materna do 89%, o catalán do 9% e o éuscaro do 1%.
20/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para docentes

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza convoca cursos de iniciación e de perfeccionamento da lingua galega para mestres/as e profesores/as de primaria, secundaria, de ensinanzas especiais e de formación profesional, tanto de centros públicos como privados.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
13/02/2006. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino

Co ánimo de contribuír ao financiamento de proxectos destinados á promoción do galego no ensino, A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza convoca axudas para os equipos de normalización lingüística tanto dos centros públicos coma dos privados.

En ambos casos, o prazo de presentación de solicitudes é de 40 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación das respectivas ordes no DOG.
13/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal das administracións públicas, os adultos e os colectivos de Galicia

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 13 de febreiro de 2006, as seguintes convocatorias de formación lingüística:

-cursos de linguaxe administrativa galega, nivel medio, para o persoal das administracións públicas de Galicia.

-cursos de galego oral, de iniciación e de perfeccionamento da lingua galega para adultos e colectivos galegos.

Nos textos das convocatorias atopará toda a información sobre as datas de realización, os contidos e os prazos de presentación de solicitudes.
13/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación en lingua galega para o persoal das administracións públicas, os adultos e os colectivos de Galicia

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 13 de febreiro de 2006, as seguintes convocatorias de formación lingüística:

-cursos de linguaxe administrativa galega, nivel medio, para o persoal das administracións públicas de Galicia.

-cursos de galego oral, de iniciación e de perfeccionamento da lingua galega para adultos e colectivos galegos.

Nos textos das convocatorias atopará toda a información sobre as datas de realización, os contidos e os prazos de presentación de solicitudes.
09/02/2006. EMPREGO

Cobertura temporal de prazas de técnico/a de normalización lingüística na Universidade da Coruña

A convocatoria ten por obxecto a creación dunha listaxe de espera para a cobertura temporal de prazas de técnico/a de normalización lingüística, grupo I de persoal laboral da UDC.

O procedemento de selección será o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 10 dias naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
03/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua e cultura galegas para residentes no exterior

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 3 de febreiro de 2006, unha convocatoria de cursos de iniciación e perfeccionamento da lingua galega, de extensión cultural galega e de animación ao coñecemento do galego para galegos residentes no exterior.

A inscrición xestionarase desde os centros galegos ou asociacións de galegos residentes no exterior que soliciten estes cursos. Se desexa máis información, prema aquí.

02/02/2006. OUTRAS

Comezan as conmemoracións do centenario da Real Academia Galega

Hoxe, día 2 de febreiro, ás 19 horas, terá lugar no salón de actos da Real Academia Galega o acto solemne de inauguración do centenario desta institución.

No acto, que estará presidido pola conselleira de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, presentarase a colección Letras da Academia, que dedica o seu primeiro número á obra de Eduardo Pondal Os Eoas.

Ao longo de 2006 iranse desenvolvendo outras actividades para dar a coñecer a historia e obxectivos fundacionais da RAG.
31/01/2005. INVESTIGACIóN

Datos actualizados sobre o idioma da docencia na Universidade de Santiago

Xa pode consultar en liña o número 25 do
Cartafol Dixital
, que nesta ocasión nos achega, entre outros contidos, os datos actualizados sobre os idiomas nos que se imparte a docencia na USC. Segundo os datos extraídos do Plan de Organización Docente, impártese en galego o 20,14 % das horas de docencia.

Tamén pode consultar neste número a axenda de cursos de formación en lingua galega ou as bases dos II Premios á calidade lingüística.
30/01/2006. EMPREGO

Praza de tradutor/a no Concello de Lugo

O Concello de Lugo fai pública a convocatoria dun proceso selectivo para a cobertura como funcionario/a interino/a dunha praza de tradutor/a.

A praza cubrirase polo sistema de oposición e os participantes deberán ter superados os tres primeiros cursos da licenciatura de Filoloxía Galega, posuír este mesmo título ou outro equivalente.

O prazo de presentación de instancias é de 10 días naturais, contados a partir da publicación desta convocatoria.
26/01/2006. CURSOS E CONGRESOS

O Institut Linguapax promove un debate sobre a revitalización lingüística nos diferentes continentes

Co ánimo de conmemorar o Día Internacional da Lingua Materna, declarado pola Unesco no ano 2001, o vindeiro 21 de febreiro celebrarase en Barcelona unha mesa redonda sobre a revitalización lingüística nos diferentes continentes.
A iniciativa, organizada polo Institut Linguapax, quere dar a coñecer estudos sobre boas prácticas levadas a cabo en diferentes puntos do planeta.

Ao final da xornada darase a coñecer o galardoado do Premio Linguapax, co que se homenaxea anualmente a lingüistas, investigadores ou membros da sociedade civil que teñan desenvolvido un grande labor a prol da diversidade lingüística.

Prema aquí para consultar o programa provisional.
18/01/2006. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro Atender a clientela = atender á clientela?

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Pontevedra organiza un obradoiro de formación lingüística destinado aos traballadores do comercio con atención ao público. Os obxectivos principais desta iniciativa son mellorar a atención ao público e estender o uso do galego nos establecementos comerciais da cidade.

A data límite de inscrición é o vindeiro venres 20 de xaneiro. Se desexa máis información sobre os contidos do obradoiro ou os trámites de inscrición, prema aquí.
11/01/2006. CURSOS E CONGRESOS

Normalizando a fé

A Comisión de Normalización Lingüística da Federación Española de Relixiosos do Ensino (FERE-CECA Galicia) organiza as I Xornadas de Normalización Lingüística.
As xornadas, que inaugurará a secretaria xeral de Política Lingüística, terán lugar o venres 13 de xaneiro de 2006 no Gran Hotel Santiago. O eixo central das xornadas será a revisión do Plan Xeral de Normalización Lingüística da Federación de Centros Educación e Xestión, así como a presentación de diverso material didáctico que contribuirá á galeguización da materia de Relixión. Para obter máis información, pode premer no díptico e no programa.