Novas da lingua

Rexistros4921 a 4950 de 5273
10/05/2006. DINAMIZACIóN

O Bierzo celebra o Día das Letras Galegas

A Asociación Berciana da Lingua “Xarmenta” presenta as actividades que desenvolverá ao longo deste mes de maio nas vilas de Ponferrada e Cacabelos para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano se dedica a Manuel Lugrís Freire. Entre os actos que se celebrarán destaca a exposición O compromiso coa terra, na que se fai un percorrido pola obra e vida do escritor homenaxeado, así como a conferencia didáctica a cargo do profesor Xabier Campos Villar sobre a historia do Días das Letras Galegas e mais a figura de Manuel Lugrís.

Se desexa coñecer o programa completo de actividades, prema aquí.
10/05/2006. AXUDAS E PREMIOS

Comunicándomos: I Concurso de publicidade en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC organiza o
I Concurso de publicidade en galego, que pretende incentivar a creación artística nos membros da comunidade universitaria e ao mesmo tempo promover o uso do galego no ámbito da publicidade.

O prazo de presentación dos traballos remata o 30 de setembro de 2006.

Se o desexa, pode obter máis información no número 28 do Cartafol Dixital.
10/05/2006. DINAMIZACIóN

Maio Cultural en Ribeira

Co ánimo de contribuír á conmemoración do Día das Letras Galegas, A Concellería de Cultura e Festexos do Concello de Ribeira organiza, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística municipal, o Maio Cultural 2006.

No que respecta á promoción da lingua, o grosso das actividades xirará arredor da animación á lectura e da creación literaria, polo que se organizarán recitais poéticos, conferencias sobre a literatura ou os blogs en galego, un concurso literario para os máis novos e unha exposición sobre Manuel Lugrís.
10/05/2006. AXUDAS E PREMIOS

Actividades de formación para os membros dos Equipos de Normalización Lingüística

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza anuncia a convocatoria de encontros, seminarios, xornadas e actividades de formación e de intercambio de experiencias para os responsables e os compoñentes dos Equipos de Normalización Lingüística dos centros educativos.

O prazo de presentación de solicitudes para participar nas diferentes actividades será de 20 días hábiles, contados a partir do anuncio que desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística se fará de cada actividade. Para obter máis información, prema aquí.
05/05/2006. DINAMIZACIóN

Un Día das Letras Galegas para reivindicar as novas tecnoloxías en galego

Con motivo da celebración simultánea o vindeiro día 17 de maio do Día das Letras Galegas, o Día de Internet e o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade de Información, A Consellería de Innovación e Industria presenta o web + Internet + Galego + Futuro.

O sitio nace para acubillar unha serie de iniciativas que buscan conectar a promoción do idioma coa das novas tecnoloxías, entendendo que o futuro da lingua galega nun mundo globalizado pasa necesariamente por normalizar os seus usos no ámbito das tecnoloxía dixitais.
28/04/2005. LEXISLACIóN

O Parlamento Europeo atranca o uso do galego na Unión

Despois de que o Consello de ministros de Asuntos Xerais e Relacións Exteriores da UE acordara o pasado 13 de xuño de 2005 o uso das linguas cooficiais españolas nas institucións europeas, a Mesa da Eurocámara decidiu finalmente non adherirse ao acordo e rexeitar o uso do galego, catalán e éuscaro nesta institución.

Así pois, os cidadáns non poderán dirixirse en galego ao Parlamento Europeo nin acceder nesta lingua aos principais textos emitidos pola Cámara, en contradición coa decisión doutros organismos europeos, como o Comité das Rexións ou o Consello, onde si se admite o uso destes idiomas cooficiais.
28/04/2006. LEXISLACIóN

Plan experimental para a introdución do galego na educación infantil

A Administración educativa implantará o vindeiro curso 2006-2007 un novo plan experimental destinado a
introducir o ensino en lingua galega na educación infantil.

Para levar a cabo esta iniciativa seleccionaranse, nunha primeira fase, dez centros educativos que ofertarán ensino integramente en galego nesta etapa educativa e que
deberán ter como mínimo outra unidade de educación infantil para garantir que os pais que o desexen poidan seguir escolarizando os seus fillos segundo a lexislación lingüística vixente.

No futuro a Consellería de Educación estudará a posibilidade de aumentar tanto o número de centros adscritos a este programa como as etapas educativas nas que se desenvolva. Se desexa máis información, prema aquí.
26/04/2006. OUTRAS

Presentación pública da Fundación Vía Galego

Onte, 25 de abril, presentouse en Santiago de Compostela a Fundación Vía Galego, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística e que terá entre os seus obxectivos principais promover a relación de Galicia cos outros países e territorios pertencentes ao sistema lingüístico galego-portugués.

Así, ademais de propiciar as relacións lingüístico-culturais coa lusofonía, a Fundación desenvolverá tamén diferentes liñas de acción destinadas a propiciar o intercambio cultural coas comunidades do galego estremeiro ou exterior (en Asturias, Castela e León e Estremadura).

Se desexa máis información, prema aquí.
25/04/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros

A Real Academia Galega, O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago, a Universidade de Vigo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organizan unha nova edición destes cursos estivais que se desenvolverán entre os días 5 e 28 de xullo de 2006.

Os cursos, que se organizan en diferentes niveis (elemental, medio, curso superior de Filoloxía Galega e curso superior de Filoloxía Galega e Tradución), teñen como principal finalidade ofrecerlle ao alumnado de fóra de Galicia a posibilidade de se familiarizar coa lingua e a realidade sociocultural galegas.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 1 de maio. Se desexa máis información, prema aquí.
25/04/2006. AXUDAS E PREMIOS

Contrato de técnico/a de lingua e cultura no Concello de Ribadeo

O Concello de Ribadeo anuncia a contratación temporal dun técnico/a que deberá desenvolver os labores de planificación e normalización lingüística, así como de asesoramento na Concellería de Cultura.

As persoas interesadas en participar no proceso de selección deberán cumprir, entre outros requisitos, o de estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega. O prazo para presentar a correspondente documentación remata o vindeiro 28 de abril. Se desexa máis información debe poñerse en contacto co Concello de Ribadeo (982 128650).
17/04/2006. CURSOS E CONGRESOS

Traballando pola integración lingüística en Carballo

Tras a boa acollida da primeira edición do Obradoiro de integración lingüística e cultural para inmigrantes e emigrantes retornados/as, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza unha segunda edición desta actividade co ánimo de contribuír á integración deste sector da poboación no contexto sociolingüístico galego.

As sesións desenvolveranse entre os días 2 e 31 de maio e todas as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 25 de abril. Se desexa máis información prema aquí.
10/04/2006. OUTRAS

Créase a Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza crea unha comisión interdepartamental, baixo a autoridade da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que terá como principal obxectivo o seguimento e impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado polo Parlamento de Galicia o 22 de setembro de 2004.
A comisión estará composta por un/unha presidente/a (a secretaria xeral de Política Lingüística) e catro vogais (dous nomeados pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e dous pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza).

Se desexa máis información, prema aquí.
10/04/2006. EMPREGO

Bolsas de estadía no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 7 de abril de 2006, a convocatoria pública de doce bolsas de estadía destinadas a investigadores de fóra de Galicia para colaborar en proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O período da estadía será de entre dous e sete meses, non podendo superar a data tope do 31 de decembro de 2006.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para presentar a súa solicitude corenta días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
10/04/2006. DINAMIZACIóN

Ciclo de narración oral en Barcelona

A Agrupación Teatral Furafollas presenta, dentro do ciclo de contacontos e narración oral Os Troleiros de Provença, a nova entrega de abril “e agora pasa un tren”. A sesión terá lugar o vindeiro mércores, 19 de abril, ás 20:30 h na Galería Sargadelos de Barcelona.
05/04/2006. AXUDAS E PREMIOS

Subvención para a elaboración de guións e o desenvolvemento de proxectos audiovisuais

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 4 de abril, as convocatorias públicas de subvencións para a redacción individual de guións e o desenvolvemento de proxectos audiovisuais ou interactivos en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes para ambas as convocatorias é dun mes.

04/04/2006. DINAMIZACIóN

En liña o novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o número 27 do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos, entre outros, o anuncio dos II Premios á calidade lingüística, os datos estatísticos sobre as axudas para o uso do galego nos traballos de investigación básica ou a recensión do Dicionario de Física que acaba de publicar a editorial Baía.
04/04/2006. LEXISLACIóN

Presentación pública do Observatorio de Dereitos Lingüísticos

O pasado sábado, día 1 de abril, presentouse en Santiago de Compostela o Observatorio de Dereitos Lingüísticos (ODL), organismo promovido pola Mesa pola Normalización Lingüística e constituído por membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüistas, docentes universitarios e profesionais do Dereito.

Entre os principais obxectivos do Observatorio están a denuncia da vulneración de dereitos lingüísticos sufrida polos cidadás e a promoción da medidas lexislativas que melloren o status legal do galego.

Se desexa máis información, prema aquí.
04/04/2006. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o audiovisual en lingua galega

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 3 de abril, a convocatoria pública de subvencións para a produción de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega.

O prazo para a presentación de solicitudes é de corenta días, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
29/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

Ames aposta polos novos valores do rock en galego

O Concello de Ames organiza o I Certame Millarock 06, concurso destinado aos grupos noveis de Pop-Rock, Metal ou Hip-hop co obxectivo de promover a lingua galega entre os novos valores da música.

Os interesados teñen de prazo ata o vindeiro 28 de abril para presentar un caderno informativo e un CD con dúas cancións orixinais, das que unha delas debe ser en galego.

Con posterioridade ao ditame do xurado, que dará a coñecer os tres grupos vencedores, o venres 6 de agosto terá lugar o Millarock 06, concerto no que participarán todos os galardoados, ademais dun grupo de sona estatal. Se desexa máis información, prema aquí.
29/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

O Concello de Betanzos homenaxea a figura de Manuel Lugrís Freire

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos organiza unha mesa redonda arredor da figura de M. Lugrís Freire con motivo do Día das Letras Galegas 2006.

O acto terá lugar o vindeiro día 2 de maio, ás 19:30 horas, no Edificio Liceo (Betanzos) e nel participarán Rosario Álvarez Blanco, membro da Real Academia Galega, Xabier Campos Villar, docente e estudoso da obra de M. Lugrís e Manuel Lugrís Rodríguez, neto do escritor homenaxeado.
28/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

Vieiros convida a ler en galego os principais xornais escritos en castelán

O xornal electrónico Vieiros, en colaboración coa empresa Dimensiona, ofrece desde o seu web un servizo de tradución ao galego de xornais escritos en castelán, empregando o software do tradutor automático Traduza-G.

A iniciativa enmárcase dentro da celebración do décimo aniversario de Vieiros, que continuará ofrecendo nos vindeiros meses novos recursos e novidades relacionadas coa introdución do galego na rede.
27/03/2006. INVESTIGACIóN

Estudo sobre a evolución sociolingüística de Galicia entre os anos 1992 e 2003

A Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega presenta mañá, día 28 de marzo, ás 12:00 horas, a publicación A sociedade galega e o idioma. A evolución sociolingüística de Galicia (1992-2003), onde se ofrece unha completa radiografía da evolución social do galego nesta última década.

Na presentación, que terá lugar no Salón de actos do Consello da Cultura Galega e estará aberta ao público, participarán o presidente do CCG, Alfonso Zuleta de Haz, e o coordinador da Sección de Lingua, Henrique Monteagudo.
27/03/2006. CURSOS E CONGRESOS

Congreso sobre as linguas rexionais e minorizadas nos sistemas educativos

A Comisión europea organiza un congreso internacional para fomentar a cooperación e intercambio de información sobre a situación das linguas minorizadas nos diferentes sistemas educativos da Unión.

Ademais das sesións plenarias, desenvolveranse dez talleres temáticos que xirarán arredor de cuestións como a educación bilingüe e plurilingüe, a transmisión familiar, a formación do profesorado ou a introdución das TIC no ensino.

As sesións terán lugar os vindeiros 27 e 28 de abril en Bruxelas. Se desexa consultar o programa provisional, prema aquí.
24/03/2006. OUTRAS

Falando amodo sobre a lingua no Barbanza

As asociacións culturais Altofalante e Barbantia, coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística e de La Voz de Galicia, organizan unha xuntanza entre membros de entidades gobernamentais, académicas, sociais e privadas para reflexionar sobre a situación sociolingüística do Barbanza e tentar implicar a todos os axentes sociais da comarca no proceso de normalización do idioma.

O acto terá lugar o vindeiro venres 31 de marzo, ás 20:30 h., no Auditorio Municipal de Ribeira. Se desexa máis información, prema aquí.
17/03/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de actualización da lingua e da linguaxe administrativa galegas

Con motivo da reforma das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego de 2003, a Escola Galega de Administración Pública convoca un curso de actualización de lingua e linguaxe administrativa galegas destinado ao persoal ao servizo da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
17/03/2006. CURSOS E CONGRESOS

II Congreso Internacional de Onomástica Galega

A Asociación Galega de Onomástica, a Universidade de Vigo e o Instituto da Lingua Galega organizan o II Congreso Internacional de Onomástica Galega, que terá lugar os días 19, 20 e 21 de outubro de 2006 en Pontevedra.

O prazo para presentar comunicacións remata o vindeiro 20 de maio de 2006. Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.
16/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

III Certame Literario Concello de Ames

A Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Ames, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, convoca a terceira edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega.

O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega. O prazo de presentación de orixinais é ata o vindeiro 20 de abril. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
15/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a edición de recursos educativos en lingua galega

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, do DOG do 10 de marzo, a convocatoria pública de axudas para a edición en galego de materiais curriculares, para niveis non universitarios, e de materiais para a formación de adultos en formatos visuais ou audiovisuais, tanto en soporte impreso como dixital.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 31 de maio. Se desexa consultar a convocatoria completa, prema aquí.
15/03/2006. OUTRAS

Primeiros pasos na telefonía móbil en galego

Grazas ao convenio de colaboración asinado entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Telefónica Móbiles España (TME), e coa colaboración técnica do Centro Ramón Piñeiro, acaba de presentarse o primeiro dicionario preditivo en lingua galega.

Esta ferramenta informática, que na actualidade teñen incorporada dous terminais de Grundig (o G402i e o G410i), permite escribir mensaxes en galego de xeito abreviado, sen ter que pulsar todas as letras. Ambos terminais dan tamén a posibilidade de ter en galego o seu menú, servizo que viñan xa ofrecendo os terminais de Alcatel.

07/03/2006. CURSOS E CONGRESOS

A utilidade da formación virtual para a normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza un novo curso de formación destinado aos/ás técnicos/as de normalización que ten como principais obxectivos a creación e xestión de cursos en liña e a reflexión sobre a utilidade do ensino virtual para a dinamización lingüística.

O curso desenvolverase en 8 horas presenciais (29 de marzo) e 22 horas virtuais (do 30 de marzo ao 30 de abril). O prazo de preinscrición é do 7 ao 17 de marzo.

Se desexa máis información prema aquí.