Novas da lingua

Rexistros4951 a 4980 de 5153
25/04/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros

A Real Academia Galega, O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago, a Universidade de Vigo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organizan unha nova edición destes cursos estivais que se desenvolverán entre os días 5 e 28 de xullo de 2006.

Os cursos, que se organizan en diferentes niveis (elemental, medio, curso superior de Filoloxía Galega e curso superior de Filoloxía Galega e Tradución), teñen como principal finalidade ofrecerlle ao alumnado de fóra de Galicia a posibilidade de se familiarizar coa lingua e a realidade sociocultural galegas.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 1 de maio. Se desexa máis información, prema aquí.
25/04/2006. AXUDAS E PREMIOS

Contrato de técnico/a de lingua e cultura no Concello de Ribadeo

O Concello de Ribadeo anuncia a contratación temporal dun técnico/a que deberá desenvolver os labores de planificación e normalización lingüística, así como de asesoramento na Concellería de Cultura.

As persoas interesadas en participar no proceso de selección deberán cumprir, entre outros requisitos, o de estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega. O prazo para presentar a correspondente documentación remata o vindeiro 28 de abril. Se desexa máis información debe poñerse en contacto co Concello de Ribadeo (982 128650).
17/04/2006. CURSOS E CONGRESOS

Traballando pola integración lingüística en Carballo

Tras a boa acollida da primeira edición do Obradoiro de integración lingüística e cultural para inmigrantes e emigrantes retornados/as, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza unha segunda edición desta actividade co ánimo de contribuír á integración deste sector da poboación no contexto sociolingüístico galego.

As sesións desenvolveranse entre os días 2 e 31 de maio e todas as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 25 de abril. Se desexa máis información prema aquí.
10/04/2006. OUTRAS

Créase a Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza crea unha comisión interdepartamental, baixo a autoridade da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que terá como principal obxectivo o seguimento e impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado polo Parlamento de Galicia o 22 de setembro de 2004.
A comisión estará composta por un/unha presidente/a (a secretaria xeral de Política Lingüística) e catro vogais (dous nomeados pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e dous pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza).

Se desexa máis información, prema aquí.
10/04/2006. EMPREGO

Bolsas de estadía no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 7 de abril de 2006, a convocatoria pública de doce bolsas de estadía destinadas a investigadores de fóra de Galicia para colaborar en proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O período da estadía será de entre dous e sete meses, non podendo superar a data tope do 31 de decembro de 2006.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para presentar a súa solicitude corenta días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
10/04/2006. DINAMIZACIóN

Ciclo de narración oral en Barcelona

A Agrupación Teatral Furafollas presenta, dentro do ciclo de contacontos e narración oral Os Troleiros de Provença, a nova entrega de abril “e agora pasa un tren”. A sesión terá lugar o vindeiro mércores, 19 de abril, ás 20:30 h na Galería Sargadelos de Barcelona.
05/04/2006. AXUDAS E PREMIOS

Subvención para a elaboración de guións e o desenvolvemento de proxectos audiovisuais

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 4 de abril, as convocatorias públicas de subvencións para a redacción individual de guións e o desenvolvemento de proxectos audiovisuais ou interactivos en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes para ambas as convocatorias é dun mes.

04/04/2006. DINAMIZACIóN

En liña o novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o número 27 do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos, entre outros, o anuncio dos II Premios á calidade lingüística, os datos estatísticos sobre as axudas para o uso do galego nos traballos de investigación básica ou a recensión do Dicionario de Física que acaba de publicar a editorial Baía.
04/04/2006. LEXISLACIóN

Presentación pública do Observatorio de Dereitos Lingüísticos

O pasado sábado, día 1 de abril, presentouse en Santiago de Compostela o Observatorio de Dereitos Lingüísticos (ODL), organismo promovido pola Mesa pola Normalización Lingüística e constituído por membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüistas, docentes universitarios e profesionais do Dereito.

Entre os principais obxectivos do Observatorio están a denuncia da vulneración de dereitos lingüísticos sufrida polos cidadás e a promoción da medidas lexislativas que melloren o status legal do galego.

Se desexa máis información, prema aquí.
04/04/2006. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o audiovisual en lingua galega

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 3 de abril, a convocatoria pública de subvencións para a produción de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega.

O prazo para a presentación de solicitudes é de corenta días, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
29/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

Ames aposta polos novos valores do rock en galego

O Concello de Ames organiza o I Certame Millarock 06, concurso destinado aos grupos noveis de Pop-Rock, Metal ou Hip-hop co obxectivo de promover a lingua galega entre os novos valores da música.

Os interesados teñen de prazo ata o vindeiro 28 de abril para presentar un caderno informativo e un CD con dúas cancións orixinais, das que unha delas debe ser en galego.

Con posterioridade ao ditame do xurado, que dará a coñecer os tres grupos vencedores, o venres 6 de agosto terá lugar o Millarock 06, concerto no que participarán todos os galardoados, ademais dun grupo de sona estatal. Se desexa máis información, prema aquí.
29/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

O Concello de Betanzos homenaxea a figura de Manuel Lugrís Freire

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos organiza unha mesa redonda arredor da figura de M. Lugrís Freire con motivo do Día das Letras Galegas 2006.

O acto terá lugar o vindeiro día 2 de maio, ás 19:30 horas, no Edificio Liceo (Betanzos) e nel participarán Rosario Álvarez Blanco, membro da Real Academia Galega, Xabier Campos Villar, docente e estudoso da obra de M. Lugrís e Manuel Lugrís Rodríguez, neto do escritor homenaxeado.
28/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

Vieiros convida a ler en galego os principais xornais escritos en castelán

O xornal electrónico Vieiros, en colaboración coa empresa Dimensiona, ofrece desde o seu web un servizo de tradución ao galego de xornais escritos en castelán, empregando o software do tradutor automático Traduza-G.

A iniciativa enmárcase dentro da celebración do décimo aniversario de Vieiros, que continuará ofrecendo nos vindeiros meses novos recursos e novidades relacionadas coa introdución do galego na rede.
27/03/2006. INVESTIGACIóN

Estudo sobre a evolución sociolingüística de Galicia entre os anos 1992 e 2003

A Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega presenta mañá, día 28 de marzo, ás 12:00 horas, a publicación A sociedade galega e o idioma. A evolución sociolingüística de Galicia (1992-2003), onde se ofrece unha completa radiografía da evolución social do galego nesta última década.

Na presentación, que terá lugar no Salón de actos do Consello da Cultura Galega e estará aberta ao público, participarán o presidente do CCG, Alfonso Zuleta de Haz, e o coordinador da Sección de Lingua, Henrique Monteagudo.
27/03/2006. CURSOS E CONGRESOS

Congreso sobre as linguas rexionais e minorizadas nos sistemas educativos

A Comisión europea organiza un congreso internacional para fomentar a cooperación e intercambio de información sobre a situación das linguas minorizadas nos diferentes sistemas educativos da Unión.

Ademais das sesións plenarias, desenvolveranse dez talleres temáticos que xirarán arredor de cuestións como a educación bilingüe e plurilingüe, a transmisión familiar, a formación do profesorado ou a introdución das TIC no ensino.

As sesións terán lugar os vindeiros 27 e 28 de abril en Bruxelas. Se desexa consultar o programa provisional, prema aquí.
24/03/2006. OUTRAS

Falando amodo sobre a lingua no Barbanza

As asociacións culturais Altofalante e Barbantia, coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística e de La Voz de Galicia, organizan unha xuntanza entre membros de entidades gobernamentais, académicas, sociais e privadas para reflexionar sobre a situación sociolingüística do Barbanza e tentar implicar a todos os axentes sociais da comarca no proceso de normalización do idioma.

O acto terá lugar o vindeiro venres 31 de marzo, ás 20:30 h., no Auditorio Municipal de Ribeira. Se desexa máis información, prema aquí.
17/03/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de actualización da lingua e da linguaxe administrativa galegas

Con motivo da reforma das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego de 2003, a Escola Galega de Administración Pública convoca un curso de actualización de lingua e linguaxe administrativa galegas destinado ao persoal ao servizo da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
17/03/2006. CURSOS E CONGRESOS

II Congreso Internacional de Onomástica Galega

A Asociación Galega de Onomástica, a Universidade de Vigo e o Instituto da Lingua Galega organizan o II Congreso Internacional de Onomástica Galega, que terá lugar os días 19, 20 e 21 de outubro de 2006 en Pontevedra.

O prazo para presentar comunicacións remata o vindeiro 20 de maio de 2006. Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.
16/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

III Certame Literario Concello de Ames

A Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Ames, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, convoca a terceira edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega.

O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega. O prazo de presentación de orixinais é ata o vindeiro 20 de abril. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
15/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a edición de recursos educativos en lingua galega

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, do DOG do 10 de marzo, a convocatoria pública de axudas para a edición en galego de materiais curriculares, para niveis non universitarios, e de materiais para a formación de adultos en formatos visuais ou audiovisuais, tanto en soporte impreso como dixital.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 31 de maio. Se desexa consultar a convocatoria completa, prema aquí.
15/03/2006. OUTRAS

Primeiros pasos na telefonía móbil en galego

Grazas ao convenio de colaboración asinado entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Telefónica Móbiles España (TME), e coa colaboración técnica do Centro Ramón Piñeiro, acaba de presentarse o primeiro dicionario preditivo en lingua galega.

Esta ferramenta informática, que na actualidade teñen incorporada dous terminais de Grundig (o G402i e o G410i), permite escribir mensaxes en galego de xeito abreviado, sen ter que pulsar todas as letras. Ambos terminais dan tamén a posibilidade de ter en galego o seu menú, servizo que viñan xa ofrecendo os terminais de Alcatel.

07/03/2006. CURSOS E CONGRESOS

A utilidade da formación virtual para a normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza un novo curso de formación destinado aos/ás técnicos/as de normalización que ten como principais obxectivos a creación e xestión de cursos en liña e a reflexión sobre a utilidade do ensino virtual para a dinamización lingüística.

O curso desenvolverase en 8 horas presenciais (29 de marzo) e 22 horas virtuais (do 30 de marzo ao 30 de abril). O prazo de preinscrición é do 7 ao 17 de marzo.

Se desexa máis información prema aquí.
07/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

II Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, en colaboración con diferentes medios de comunicación escritos, convoca a segunda edición deste Premio co ánimo de promover a reflexión sociolingüística, e en xeral o uso do galego, no ámbito da prensa escrita.

Os artigos deben ser inéditos, estar redactados en galego e tratar sobre un tema relacionado coa promoción, planificación ou normalización do noso idioma. O prazo de admisión de artigos remata o 21 de abril de 2006. Se desexa consultar as bases completas desta convocatoria, prema aquí.
24/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Campamentos con denominación de orixe

A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia, en colaboración coa Asociación Sociopedagóxica Galega, organiza varios cursos destinados a proporcionarlles aos monitores/as de tempo libre os recursos necesarios para fomentar o uso do galego no tempo de lecer.

Os cursos desenvolveranse en catro quendas diferentes ao longo dos meses de marzo e abril, en Gandarío (Bergondo) e nas Sinas (Vilanova de Arousa). A reserva de prazas poderase realizar a partir do vindeiro 1 de marzo na Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e nos servizos de xuventude das delegacións da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Se desexa máis información, prema aquí.
23/02/2006. EMPREGO

Contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística no Concello de Mugardos

O Concello de Mugardos anuncia, no BOP da Coruña do 23 de febreiro, a contratación temporal dun técnico/a que terá como función principal o mantemento do Servizo Municipal de Normalización Lingüística.

O procedemento de selección será o do concurso de méritos e o prazo de presentación de solicitudes é de 7 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
23/02/2006. INVESTIGACIóN

A Comisión europea avalía a situación lingüística da Unión

A Comisión europea presenta unha nova entrega do estudo periódico Os europeos a as súas linguas, onde por primeira vez se achegan tamén datos sobre o galego.

Segundo este estudo (baseado en máis de 28 000 entrevistas realizadas a cidadáns de máis de 15 anos da UE), o galego sería a lingua materna de 1.8 millóns de cidadáns da Unión. O alemán sería o idioma da UE máis falado como primeira lingua, mentres que o máis falado como lingua estranxeira sería o inglés. O español, pola súa parte, atoparíase entre as 5 linguas máis coñecidas. Con todo, 44% dos enquisados recoñece non coñecer máis idiomas ca o seu propio.

No que respecta ao Estado español, o 5% dos cidadáns afirman ter como lingua materna o galego, mentres que o español sería a lingua materna do 89%, o catalán do 9% e o éuscaro do 1%.
20/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para docentes

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza convoca cursos de iniciación e de perfeccionamento da lingua galega para mestres/as e profesores/as de primaria, secundaria, de ensinanzas especiais e de formación profesional, tanto de centros públicos como privados.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
13/02/2006. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino

Co ánimo de contribuír ao financiamento de proxectos destinados á promoción do galego no ensino, A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza convoca axudas para os equipos de normalización lingüística tanto dos centros públicos coma dos privados.

En ambos casos, o prazo de presentación de solicitudes é de 40 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación das respectivas ordes no DOG.
13/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal das administracións públicas, os adultos e os colectivos de Galicia

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 13 de febreiro de 2006, as seguintes convocatorias de formación lingüística:

-cursos de linguaxe administrativa galega, nivel medio, para o persoal das administracións públicas de Galicia.

-cursos de galego oral, de iniciación e de perfeccionamento da lingua galega para adultos e colectivos galegos.

Nos textos das convocatorias atopará toda a información sobre as datas de realización, os contidos e os prazos de presentación de solicitudes.
13/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación en lingua galega para o persoal das administracións públicas, os adultos e os colectivos de Galicia

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 13 de febreiro de 2006, as seguintes convocatorias de formación lingüística:

-cursos de linguaxe administrativa galega, nivel medio, para o persoal das administracións públicas de Galicia.

-cursos de galego oral, de iniciación e de perfeccionamento da lingua galega para adultos e colectivos galegos.

Nos textos das convocatorias atopará toda a información sobre as datas de realización, os contidos e os prazos de presentación de solicitudes.