Novas da lingua

Rexistros4951 a 4980 de 5273
07/03/2006. AXUDAS E PREMIOS

II Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, en colaboración con diferentes medios de comunicación escritos, convoca a segunda edición deste Premio co ánimo de promover a reflexión sociolingüística, e en xeral o uso do galego, no ámbito da prensa escrita.

Os artigos deben ser inéditos, estar redactados en galego e tratar sobre un tema relacionado coa promoción, planificación ou normalización do noso idioma. O prazo de admisión de artigos remata o 21 de abril de 2006. Se desexa consultar as bases completas desta convocatoria, prema aquí.
24/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Campamentos con denominación de orixe

A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia, en colaboración coa Asociación Sociopedagóxica Galega, organiza varios cursos destinados a proporcionarlles aos monitores/as de tempo libre os recursos necesarios para fomentar o uso do galego no tempo de lecer.

Os cursos desenvolveranse en catro quendas diferentes ao longo dos meses de marzo e abril, en Gandarío (Bergondo) e nas Sinas (Vilanova de Arousa). A reserva de prazas poderase realizar a partir do vindeiro 1 de marzo na Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e nos servizos de xuventude das delegacións da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Se desexa máis información, prema aquí.
23/02/2006. EMPREGO

Contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística no Concello de Mugardos

O Concello de Mugardos anuncia, no BOP da Coruña do 23 de febreiro, a contratación temporal dun técnico/a que terá como función principal o mantemento do Servizo Municipal de Normalización Lingüística.

O procedemento de selección será o do concurso de méritos e o prazo de presentación de solicitudes é de 7 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
23/02/2006. INVESTIGACIóN

A Comisión europea avalía a situación lingüística da Unión

A Comisión europea presenta unha nova entrega do estudo periódico Os europeos a as súas linguas, onde por primeira vez se achegan tamén datos sobre o galego.

Segundo este estudo (baseado en máis de 28 000 entrevistas realizadas a cidadáns de máis de 15 anos da UE), o galego sería a lingua materna de 1.8 millóns de cidadáns da Unión. O alemán sería o idioma da UE máis falado como primeira lingua, mentres que o máis falado como lingua estranxeira sería o inglés. O español, pola súa parte, atoparíase entre as 5 linguas máis coñecidas. Con todo, 44% dos enquisados recoñece non coñecer máis idiomas ca o seu propio.

No que respecta ao Estado español, o 5% dos cidadáns afirman ter como lingua materna o galego, mentres que o español sería a lingua materna do 89%, o catalán do 9% e o éuscaro do 1%.
20/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para docentes

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza convoca cursos de iniciación e de perfeccionamento da lingua galega para mestres/as e profesores/as de primaria, secundaria, de ensinanzas especiais e de formación profesional, tanto de centros públicos como privados.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
13/02/2006. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino

Co ánimo de contribuír ao financiamento de proxectos destinados á promoción do galego no ensino, A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza convoca axudas para os equipos de normalización lingüística tanto dos centros públicos coma dos privados.

En ambos casos, o prazo de presentación de solicitudes é de 40 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación das respectivas ordes no DOG.
13/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal das administracións públicas, os adultos e os colectivos de Galicia

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 13 de febreiro de 2006, as seguintes convocatorias de formación lingüística:

-cursos de linguaxe administrativa galega, nivel medio, para o persoal das administracións públicas de Galicia.

-cursos de galego oral, de iniciación e de perfeccionamento da lingua galega para adultos e colectivos galegos.

Nos textos das convocatorias atopará toda a información sobre as datas de realización, os contidos e os prazos de presentación de solicitudes.
13/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación en lingua galega para o persoal das administracións públicas, os adultos e os colectivos de Galicia

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 13 de febreiro de 2006, as seguintes convocatorias de formación lingüística:

-cursos de linguaxe administrativa galega, nivel medio, para o persoal das administracións públicas de Galicia.

-cursos de galego oral, de iniciación e de perfeccionamento da lingua galega para adultos e colectivos galegos.

Nos textos das convocatorias atopará toda a información sobre as datas de realización, os contidos e os prazos de presentación de solicitudes.
09/02/2006. EMPREGO

Cobertura temporal de prazas de técnico/a de normalización lingüística na Universidade da Coruña

A convocatoria ten por obxecto a creación dunha listaxe de espera para a cobertura temporal de prazas de técnico/a de normalización lingüística, grupo I de persoal laboral da UDC.

O procedemento de selección será o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 10 dias naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
03/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua e cultura galegas para residentes no exterior

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 3 de febreiro de 2006, unha convocatoria de cursos de iniciación e perfeccionamento da lingua galega, de extensión cultural galega e de animación ao coñecemento do galego para galegos residentes no exterior.

A inscrición xestionarase desde os centros galegos ou asociacións de galegos residentes no exterior que soliciten estes cursos. Se desexa máis información, prema aquí.

02/02/2006. OUTRAS

Comezan as conmemoracións do centenario da Real Academia Galega

Hoxe, día 2 de febreiro, ás 19 horas, terá lugar no salón de actos da Real Academia Galega o acto solemne de inauguración do centenario desta institución.

No acto, que estará presidido pola conselleira de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, presentarase a colección Letras da Academia, que dedica o seu primeiro número á obra de Eduardo Pondal Os Eoas.

Ao longo de 2006 iranse desenvolvendo outras actividades para dar a coñecer a historia e obxectivos fundacionais da RAG.
31/01/2005. INVESTIGACIóN

Datos actualizados sobre o idioma da docencia na Universidade de Santiago

Xa pode consultar en liña o número 25 do
Cartafol Dixital
, que nesta ocasión nos achega, entre outros contidos, os datos actualizados sobre os idiomas nos que se imparte a docencia na USC. Segundo os datos extraídos do Plan de Organización Docente, impártese en galego o 20,14 % das horas de docencia.

Tamén pode consultar neste número a axenda de cursos de formación en lingua galega ou as bases dos II Premios á calidade lingüística.
30/01/2006. EMPREGO

Praza de tradutor/a no Concello de Lugo

O Concello de Lugo fai pública a convocatoria dun proceso selectivo para a cobertura como funcionario/a interino/a dunha praza de tradutor/a.

A praza cubrirase polo sistema de oposición e os participantes deberán ter superados os tres primeiros cursos da licenciatura de Filoloxía Galega, posuír este mesmo título ou outro equivalente.

O prazo de presentación de instancias é de 10 días naturais, contados a partir da publicación desta convocatoria.
26/01/2006. CURSOS E CONGRESOS

O Institut Linguapax promove un debate sobre a revitalización lingüística nos diferentes continentes

Co ánimo de conmemorar o Día Internacional da Lingua Materna, declarado pola Unesco no ano 2001, o vindeiro 21 de febreiro celebrarase en Barcelona unha mesa redonda sobre a revitalización lingüística nos diferentes continentes.
A iniciativa, organizada polo Institut Linguapax, quere dar a coñecer estudos sobre boas prácticas levadas a cabo en diferentes puntos do planeta.

Ao final da xornada darase a coñecer o galardoado do Premio Linguapax, co que se homenaxea anualmente a lingüistas, investigadores ou membros da sociedade civil que teñan desenvolvido un grande labor a prol da diversidade lingüística.

Prema aquí para consultar o programa provisional.
18/01/2006. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro Atender a clientela = atender á clientela?

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Pontevedra organiza un obradoiro de formación lingüística destinado aos traballadores do comercio con atención ao público. Os obxectivos principais desta iniciativa son mellorar a atención ao público e estender o uso do galego nos establecementos comerciais da cidade.

A data límite de inscrición é o vindeiro venres 20 de xaneiro. Se desexa máis información sobre os contidos do obradoiro ou os trámites de inscrición, prema aquí.
11/01/2006. CURSOS E CONGRESOS

Normalizando a fé

A Comisión de Normalización Lingüística da Federación Española de Relixiosos do Ensino (FERE-CECA Galicia) organiza as I Xornadas de Normalización Lingüística.
As xornadas, que inaugurará a secretaria xeral de Política Lingüística, terán lugar o venres 13 de xaneiro de 2006 no Gran Hotel Santiago. O eixo central das xornadas será a revisión do Plan Xeral de Normalización Lingüística da Federación de Centros Educación e Xestión, así como a presentación de diverso material didáctico que contribuirá á galeguización da materia de Relixión. Para obter máis información, pode premer no díptico e no programa.
10/01/2005. AXUDAS E PREMIOS

Axudas a entidades privadas sen fin de lucro para a promoción da lingua galega

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 10 de xaneiro, a convocatoria anual de subvencións destinadas a fomentar o uso da lingua galega no ámbito asociativo.

Todas as entidades interesadas en participar neste concurso teñen de prazo para presentar a súa solicitude 40 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.

03/01/2006. EMPREGO

Bolsas de linguaxe administrativa galega

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convoca dúas bolsas destinadas a desenvolver estudos e prácticas na materia de linguaxe administrativa galega nesta institución.

As/os bolseiras/os desenvolverán as súas actividades de formación desde o 1 de abril até o 31 de decembro de 2006, aínda que estas poderán ser prorrogadas por un ano máis. A dotación económica de cada bolsa será de 1200 euros brutos mensuais.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para presentar as súas solicitudes vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.
29/12/2005. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 28 de decembro de 2005, a convocatoria de bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que neste momento se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
(Máis información)
28/12/2005. EMPREGO

Bolsa de colaboración co SNL da Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña convoca unha bolsa para desenvolver labores de apoio ao seu Servizo de Normalización Lingüística. Poden optar a esta bolsa todas as persoas que teñan rematado a licenciatura en Filoloxía Galega no período dos últimos cinco anos e que ademais sexan estudantes de terceiro ciclo na UDC.

O prazo de presentación de solicitudes é ata o 13 de xaneiro de 2006. Se desexa consultar o texto íntegro da convocatoria, prema aquí.
26/12/2005. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os I Premios Xoán Manuel Pintos

O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) premiaron o xornal electrónico Vieiros e mais a asociación Pavís Pavós polo seu compromiso coa normalización do idioma galego. O xurado tamén lle outorgou a título póstumo unha mención especial á escritora María Victoria Moreno, recentemente falecida.

Os galardóns entregaranse o vindeiro 27 de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra.
21/12/2005. AXUDAS E PREMIOS

Premios á promoción do galego no sector empresarial compostelán

A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago entregaron onte os VI Premios Manuel Beiras, que teñen como finalidade outorgar un recoñecemento público ao esforzo de normalización lingüística no sector empresarial.

Os premiados deste ano son a inmobiliaria Rey Xestión, na categoría de empresas que se incorporaron recentemente ao uso do galego, a clínica veterinaria San Roque, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado da lingua galega, e a Sala Nasa, que recibiu unha distinción especial pola súa contribución á promoción do idioma.

Pode obter máis información sobre estes premios no web do Concello de Santiago.
16/12/2005. AXUDAS E PREMIOS

Luís Tosar e o Consejo Comarcal del Bierzo, Premios Xarmenta 2005

A Asociación Berciana da Lingua “Xarmenta” fixo público o ditame do xurado en relación á primeira convocatoria destes premios que teñen como obxectivo destacar o labor de persoas e institucións que traballan a prol da dignificación da lingua galega fóra da Galicia administrativa.

Nesta primeira edición os galardoados foron Luís Tosar, na categoría de “personalidade que se distinga pola defensa da lingua galega fóra da Galicia administrativa” e o Consejo Comarcal del Bierzo, na categoría de “institución que colabore de forma decidida co desenvolvemento e promoción do galego no Bierzo”.

A entrega dos premios terá lugar o vindeiro 11 de xaneiro de 2006, ás 19:30 h., no Teatro Bergidum de Ponferrada.
14/12/2005. EMPREGO

Praza conxunta de docente e investigador na Universidade de Gales

O Departamento de Linguas Modernas da Universidade de Gales (Bangor, Reino Unido) oferta unha praza conxunta de estudante de doutoramento e profesor de español (inclúe docencia de galego).

Os/as aspirantes deben ser falantes nativos de galego e español e ter rematada a licenciatura de Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica ou Filoloxía Inglesa na convocatoria de xuño de 2006. O prazo para enviar a documentación requirida remata o vindeiro 28 de abril.

Se desexa máis información, prema aquí.

14/12/2005. EMPREGO

Asistencia técnica para a redacción dun plan de normalización lingüística no Concello de Vigo

O Concello de Vigo fai pública, no DOG do 14 de decembro, a contratación dunha asistencia técnica para elaborar o plan de normalización lingüística do municipio.

As ofertas deberán ser presentadas na Oficina de Información Xeral do Concello de Vigo durante os 8 días naturais seguintes á publicación deste anuncio.
13/12/2005. CURSOS E CONGRESOS

Os novos retos socio-económicos e situacionais da lingua galega a debate en Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza a xornada A lingua galega ante os novos retos socio-económicos e situacionais, que se centrará en analizar a situación do galego en dous sectores claves: o socio-económico e o da comunicación.

As sesións terán lugar o vindeiro xoves 22 de decembro no Auditorio do Vérbum (Avda. de Samil, Vigo).

A entrada é libre aínda que o aforo é limitado, polo que pode reservar a súa praza chamando ao seguinte número de teléfono: 986 810281 (SNL do Concello de Vigo).
12/12/2005. LEXISLACIóN

A Mesa pola Normalización Lingüística creará un Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Coa creación deste observatorio A Mesa quere dotarse dunha estrutura estable que lle axude a xestionar a grande cantidade de queixas por discriminacións lingüísticas que recibe cada ano.

O Observatorio de Dereitos Lingüísticos ofrecerá asesoramento xurídico a institucións e organizacións sociais, elaborará relatorios anuais sobre a situación do idioma e proporá modificacións na lexislación vixente para garantir a plena normalización do galego.
07/12/2005. EMPREGO

Praza de técnico/a de cultura e normalización lingüística no Concello da Cañiza

O Concello da Cañiza fai pública as bases para a cobertura dunha praza de técnico/a de cultura e normalización lingüística. A praza, de persoal laboral fixo, cubrirase polo procedemento de concurso-oposición e os candidatos/as deberán estar en posesión do título de Licenciado en Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portugués).

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais contados a partir da publicación desta convocatoria.
05/12/2005. CURSOS E CONGRESOS

A obra filolóxico-lingüística de Ángel Amor Ruibal a debate no CCG

A sección de Filosofía e Pensamento do Consello da Cultura Galega organiza un simposio internacional sobre a obra filolóxico-lingüística do coñecido filólogo, filósofo e teólogo Ángel Amor Ruibal.

As sesións terán lugar os vindeiros días 15, 16 e 17 de decembro na sede do CCG. Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.
24/11/2005. OUTRAS

Xa está en liña o Tradutor Apertium Español-Galego, Galego-Español

O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo acaba de colgar na rede a primeira versión do Apertium, tradutor automático gratuíto español-galego-español.

O Apertium ofrece o servizo de tradución de textos escritos directamente na páxina do tradutor ou ficheiros previamente elaborados (txt., .rtf e .html), así como a posibilidade de navegar con tradución ao galego por webs escritas en castelán, ou viceversa.