Novas da lingua

Rexistros4981 a 5010 de 5153
09/02/2006. EMPREGO

Cobertura temporal de prazas de técnico/a de normalización lingüística na Universidade da Coruña

A convocatoria ten por obxecto a creación dunha listaxe de espera para a cobertura temporal de prazas de técnico/a de normalización lingüística, grupo I de persoal laboral da UDC.

O procedemento de selección será o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 10 dias naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
03/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua e cultura galegas para residentes no exterior

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 3 de febreiro de 2006, unha convocatoria de cursos de iniciación e perfeccionamento da lingua galega, de extensión cultural galega e de animación ao coñecemento do galego para galegos residentes no exterior.

A inscrición xestionarase desde os centros galegos ou asociacións de galegos residentes no exterior que soliciten estes cursos. Se desexa máis información, prema aquí.

02/02/2006. OUTRAS

Comezan as conmemoracións do centenario da Real Academia Galega

Hoxe, día 2 de febreiro, ás 19 horas, terá lugar no salón de actos da Real Academia Galega o acto solemne de inauguración do centenario desta institución.

No acto, que estará presidido pola conselleira de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, presentarase a colección Letras da Academia, que dedica o seu primeiro número á obra de Eduardo Pondal Os Eoas.

Ao longo de 2006 iranse desenvolvendo outras actividades para dar a coñecer a historia e obxectivos fundacionais da RAG.
31/01/2005. INVESTIGACIóN

Datos actualizados sobre o idioma da docencia na Universidade de Santiago

Xa pode consultar en liña o número 25 do
Cartafol Dixital
, que nesta ocasión nos achega, entre outros contidos, os datos actualizados sobre os idiomas nos que se imparte a docencia na USC. Segundo os datos extraídos do Plan de Organización Docente, impártese en galego o 20,14 % das horas de docencia.

Tamén pode consultar neste número a axenda de cursos de formación en lingua galega ou as bases dos II Premios á calidade lingüística.
30/01/2006. EMPREGO

Praza de tradutor/a no Concello de Lugo

O Concello de Lugo fai pública a convocatoria dun proceso selectivo para a cobertura como funcionario/a interino/a dunha praza de tradutor/a.

A praza cubrirase polo sistema de oposición e os participantes deberán ter superados os tres primeiros cursos da licenciatura de Filoloxía Galega, posuír este mesmo título ou outro equivalente.

O prazo de presentación de instancias é de 10 días naturais, contados a partir da publicación desta convocatoria.
26/01/2006. CURSOS E CONGRESOS

O Institut Linguapax promove un debate sobre a revitalización lingüística nos diferentes continentes

Co ánimo de conmemorar o Día Internacional da Lingua Materna, declarado pola Unesco no ano 2001, o vindeiro 21 de febreiro celebrarase en Barcelona unha mesa redonda sobre a revitalización lingüística nos diferentes continentes.
A iniciativa, organizada polo Institut Linguapax, quere dar a coñecer estudos sobre boas prácticas levadas a cabo en diferentes puntos do planeta.

Ao final da xornada darase a coñecer o galardoado do Premio Linguapax, co que se homenaxea anualmente a lingüistas, investigadores ou membros da sociedade civil que teñan desenvolvido un grande labor a prol da diversidade lingüística.

Prema aquí para consultar o programa provisional.
18/01/2006. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro Atender a clientela = atender á clientela?

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Pontevedra organiza un obradoiro de formación lingüística destinado aos traballadores do comercio con atención ao público. Os obxectivos principais desta iniciativa son mellorar a atención ao público e estender o uso do galego nos establecementos comerciais da cidade.

A data límite de inscrición é o vindeiro venres 20 de xaneiro. Se desexa máis información sobre os contidos do obradoiro ou os trámites de inscrición, prema aquí.
11/01/2006. CURSOS E CONGRESOS

Normalizando a fé

A Comisión de Normalización Lingüística da Federación Española de Relixiosos do Ensino (FERE-CECA Galicia) organiza as I Xornadas de Normalización Lingüística.
As xornadas, que inaugurará a secretaria xeral de Política Lingüística, terán lugar o venres 13 de xaneiro de 2006 no Gran Hotel Santiago. O eixo central das xornadas será a revisión do Plan Xeral de Normalización Lingüística da Federación de Centros Educación e Xestión, así como a presentación de diverso material didáctico que contribuirá á galeguización da materia de Relixión. Para obter máis información, pode premer no díptico e no programa.
10/01/2005. AXUDAS E PREMIOS

Axudas a entidades privadas sen fin de lucro para a promoción da lingua galega

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 10 de xaneiro, a convocatoria anual de subvencións destinadas a fomentar o uso da lingua galega no ámbito asociativo.

Todas as entidades interesadas en participar neste concurso teñen de prazo para presentar a súa solicitude 40 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.

03/01/2006. EMPREGO

Bolsas de linguaxe administrativa galega

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convoca dúas bolsas destinadas a desenvolver estudos e prácticas na materia de linguaxe administrativa galega nesta institución.

As/os bolseiras/os desenvolverán as súas actividades de formación desde o 1 de abril até o 31 de decembro de 2006, aínda que estas poderán ser prorrogadas por un ano máis. A dotación económica de cada bolsa será de 1200 euros brutos mensuais.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para presentar as súas solicitudes vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.
29/12/2005. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 28 de decembro de 2005, a convocatoria de bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que neste momento se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
(Máis información)
28/12/2005. EMPREGO

Bolsa de colaboración co SNL da Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña convoca unha bolsa para desenvolver labores de apoio ao seu Servizo de Normalización Lingüística. Poden optar a esta bolsa todas as persoas que teñan rematado a licenciatura en Filoloxía Galega no período dos últimos cinco anos e que ademais sexan estudantes de terceiro ciclo na UDC.

O prazo de presentación de solicitudes é ata o 13 de xaneiro de 2006. Se desexa consultar o texto íntegro da convocatoria, prema aquí.
26/12/2005. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os I Premios Xoán Manuel Pintos

O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) premiaron o xornal electrónico Vieiros e mais a asociación Pavís Pavós polo seu compromiso coa normalización do idioma galego. O xurado tamén lle outorgou a título póstumo unha mención especial á escritora María Victoria Moreno, recentemente falecida.

Os galardóns entregaranse o vindeiro 27 de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra.
21/12/2005. AXUDAS E PREMIOS

Premios á promoción do galego no sector empresarial compostelán

A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago entregaron onte os VI Premios Manuel Beiras, que teñen como finalidade outorgar un recoñecemento público ao esforzo de normalización lingüística no sector empresarial.

Os premiados deste ano son a inmobiliaria Rey Xestión, na categoría de empresas que se incorporaron recentemente ao uso do galego, a clínica veterinaria San Roque, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado da lingua galega, e a Sala Nasa, que recibiu unha distinción especial pola súa contribución á promoción do idioma.

Pode obter máis información sobre estes premios no web do Concello de Santiago.
16/12/2005. AXUDAS E PREMIOS

Luís Tosar e o Consejo Comarcal del Bierzo, Premios Xarmenta 2005

A Asociación Berciana da Lingua “Xarmenta” fixo público o ditame do xurado en relación á primeira convocatoria destes premios que teñen como obxectivo destacar o labor de persoas e institucións que traballan a prol da dignificación da lingua galega fóra da Galicia administrativa.

Nesta primeira edición os galardoados foron Luís Tosar, na categoría de “personalidade que se distinga pola defensa da lingua galega fóra da Galicia administrativa” e o Consejo Comarcal del Bierzo, na categoría de “institución que colabore de forma decidida co desenvolvemento e promoción do galego no Bierzo”.

A entrega dos premios terá lugar o vindeiro 11 de xaneiro de 2006, ás 19:30 h., no Teatro Bergidum de Ponferrada.
14/12/2005. EMPREGO

Praza conxunta de docente e investigador na Universidade de Gales

O Departamento de Linguas Modernas da Universidade de Gales (Bangor, Reino Unido) oferta unha praza conxunta de estudante de doutoramento e profesor de español (inclúe docencia de galego).

Os/as aspirantes deben ser falantes nativos de galego e español e ter rematada a licenciatura de Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica ou Filoloxía Inglesa na convocatoria de xuño de 2006. O prazo para enviar a documentación requirida remata o vindeiro 28 de abril.

Se desexa máis información, prema aquí.

14/12/2005. EMPREGO

Asistencia técnica para a redacción dun plan de normalización lingüística no Concello de Vigo

O Concello de Vigo fai pública, no DOG do 14 de decembro, a contratación dunha asistencia técnica para elaborar o plan de normalización lingüística do municipio.

As ofertas deberán ser presentadas na Oficina de Información Xeral do Concello de Vigo durante os 8 días naturais seguintes á publicación deste anuncio.
13/12/2005. CURSOS E CONGRESOS

Os novos retos socio-económicos e situacionais da lingua galega a debate en Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza a xornada A lingua galega ante os novos retos socio-económicos e situacionais, que se centrará en analizar a situación do galego en dous sectores claves: o socio-económico e o da comunicación.

As sesións terán lugar o vindeiro xoves 22 de decembro no Auditorio do Vérbum (Avda. de Samil, Vigo).

A entrada é libre aínda que o aforo é limitado, polo que pode reservar a súa praza chamando ao seguinte número de teléfono: 986 810281 (SNL do Concello de Vigo).
12/12/2005. LEXISLACIóN

A Mesa pola Normalización Lingüística creará un Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Coa creación deste observatorio A Mesa quere dotarse dunha estrutura estable que lle axude a xestionar a grande cantidade de queixas por discriminacións lingüísticas que recibe cada ano.

O Observatorio de Dereitos Lingüísticos ofrecerá asesoramento xurídico a institucións e organizacións sociais, elaborará relatorios anuais sobre a situación do idioma e proporá modificacións na lexislación vixente para garantir a plena normalización do galego.
07/12/2005. EMPREGO

Praza de técnico/a de cultura e normalización lingüística no Concello da Cañiza

O Concello da Cañiza fai pública as bases para a cobertura dunha praza de técnico/a de cultura e normalización lingüística. A praza, de persoal laboral fixo, cubrirase polo procedemento de concurso-oposición e os candidatos/as deberán estar en posesión do título de Licenciado en Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portugués).

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais contados a partir da publicación desta convocatoria.
05/12/2005. CURSOS E CONGRESOS

A obra filolóxico-lingüística de Ángel Amor Ruibal a debate no CCG

A sección de Filosofía e Pensamento do Consello da Cultura Galega organiza un simposio internacional sobre a obra filolóxico-lingüística do coñecido filólogo, filósofo e teólogo Ángel Amor Ruibal.

As sesións terán lugar os vindeiros días 15, 16 e 17 de decembro na sede do CCG. Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.
24/11/2005. OUTRAS

Xa está en liña o Tradutor Apertium Español-Galego, Galego-Español

O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo acaba de colgar na rede a primeira versión do Apertium, tradutor automático gratuíto español-galego-español.

O Apertium ofrece o servizo de tradución de textos escritos directamente na páxina do tradutor ou ficheiros previamente elaborados (txt., .rtf e .html), así como a posibilidade de navegar con tradución ao galego por webs escritas en castelán, ou viceversa.
28/11/2005. OUTRAS

O patrimonio oral galego-portugués deberá agardar polo merecido recoñecemento

A Unesco fixo públicas o pasado venres, 25 de novembro, as 43 candidaturas que obtiveron nesta edición de 2005 o recoñecemento de “Obra Mestra do Patrimonio Oral e Inmaterial da Humanidade”, distinción que este organismo internacional vén outorgando desde 2001 a aquelas manifestacións culturais que gozan da categoría de excelencia e, ao mesmo tempo, se atopan en perigo de extinción.

O patrimonio oral galego-portugués, malia reunir estes requisitos previos, non puido acadar nesta ocasión o merecido recoñecemento. Os promotores da candidatura aseguran que o traballo realizado non foi en balde e que terá continuidade.

Se desexa obter máis información sobre estes galardóns, prema aquí.
23/11/2005. CURSOS E CONGRESOS

VI Xornadas de Expresión Oral Tíralle da Lingua

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza a sexta edición destas xornadas, dirixidas ao profesorado, que teñen como obxectivo proporcionar técnicas para traballar a oralidade na aula.

As sesións desenvolveranse ao longo do vindeiro día 26 de novembro, no Museo do Pobo Galego (Santiago) e a matrícula é gratuíta, aínda que cómpre realizar a reserva de praza.

Coa mesma finalidade de fomentar o uso oral do galego entre a comunidade educativa, esta asociación convoca tamén o VI Concurso de Relato Oral Tíralle da Lingua, que se celebrará o vindeiro mes de abril en Santiago de Compostela.
Pode obter máis información sobre estas actividades no web da AS-PG.
23/11/2005. DINAMIZACIóN

Correlingua 2006

Baixo o lema Xogas? En galego gañamos bota a andar unha nova edición do Correlingua, proposta lúdico-educativa que pretende convidar os centros de ensino e a mocidade galega en xeral a reivindicar publicamente a normalización do idioma galego.

Nesta edición de 2006 os centros educativos que o desexen poderán ter un papel máis activo na organización e desenvolvemento desta iniciativa, participando por exemplo nos concursos de banda deseñada e elaboración do manifesto.
23/11/2005. AXUDAS E PREMIOS

Premios da Edición 2005

A Asociación Galega de Editores convoca estes premios co ánimo de recoñecer o traballo editorial en lingua galega realizado polos seus membros ao longo do ano 2005.

As distincións, que se darán a coñecer o vindeiro 17 de decembro, establecen cinco modalidades diferentes: “Libro traducido do 2005”, “Libro ilustrado do 2005”, “Colaboración no labor editorial do ano” e “Autor ou autora do ano”.

Se desexa máis información, prema aquí.
17/11/2005. EMPREGO

O Concello de Marín convoca dous postos de técnico/a de normalización lingüística

Co obxectivo de crear o Servizo Municipal de Normalización Lingüística, o Concello de Marín fai pública a convocatoria para a contratación urxente en réxime laboral temporal, a xornada completa, de dous postos de “especialista en lingua galega”.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro luns, día 21 de novembro.
(Máis información)

17/11/2005. DINAMIZACIóN

Nace a Asociación de Medios Escritos en Galego (AME)

Por iniciativa das empresas editoras de A Nosa Terra, A Peneira, Galicia Hoxe, Tempos Novos e Vieiros, acaba de constituírse esta nova asociación que nace co obxectivo de fomentar o uso do idioma galego nos medios de comunicación, así como de contribuír ao proceso de asentamento daqueles medios que xa empregan actualmente a nosa lingua.

Se desexa adherirse a esta entidade ou obter máis información sobre ela, prema aquí.
17/11/2005. INVESTIGACIóN

Cara a un novo sistema de avaliación lingüística no ensino de adultos

A Xunta de Galicia está a traballar para homoxeneizar o sistema de acreditación lingüística do ensino non regrado de adultos cos diferentes niveis que establece o Marco común europeo de referencia, elaborado polo Consello de Europa.

O pasado xoves, 10 de novembro, a Association of Language Testers in Europe (ALTE) admitiu a Xunta de Galicia como membro de pleno dereito desta asociación e aprobou a primeira proposta de modelo de exame de lingua galega para o nivel A2, elaborada por un grupo de traballo do Centro Ramón Piñeiro.

A partir de agora seguirase a traballar na elaboración das probas para os niveis B1, B2 e C1, que substituirán o actual sistema de cursos de iniciación e perfeccionamento e garantirán o recoñecemento internacional da certificación do coñecemento de lingua galega.
04/11/2005. DINAMIZACIóN

En liña o número 23 do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o número 23 do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos, entre outros, o anuncio da II edición do concurso de monólogos monolingües, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de CC. Económicas e Empresariais, as valoracións sobre as diferentes iniciativas de formación lingüística que se están a desenvolver entre a comunidade universitaria ou a presentación da ferramenta “bUSCatermos”.