Novas da lingua

Rexistros511 a 540 de 5280
24/07/2024. AXUDAS E PREMIOS

Premios á creación e produción de contidos dixitais en galego

No marco do XII Festival Carballo Interplay, que terá lugar entre os días 24 e 27 de abril de 2025, o Concello de Carballo publica dúas convocatorias de premios que teñen como obxectivo poñer en valor, visibilizar e fomentar o traballo dos creadores e creadoras que difunden contidos en lingua galega en Internet.

No BOP da Coruña do 24 de xullo de 2024 podes consultar as bases completas:

-Bases dos premios a mellor contido dixital en galego Festival Carballo Interplay 2025. Prazo de inscrición ata o 23 de febreiro de 2025.

-Bases do premio a produción de contido dixital en galego Festival Carballo Interplay 2025.Prazo de inscrición ata o 31 de marzo de 2025.
23/07/2024. OUTRAS

Novos glosarios multilingües de voleibol de praia, trampolín, escalada e surf

A Delegación xeral para a lingua francesa e as linguas de Francia do Goberno francés, en colaboración coa Rede panlatina de terminoloxía (Realiter), publica catro novos glosarios multilingües co léxico básico de deportes que acadaron a categoría de olímpicos nas últimas edicións: voleibol de praia, trampolín, escalada e surf.

De elaborar as correspondencias en galego para os glosarios de voleibol de praia e trampolín ocupouse o SNL da Universidade de Santiago, que tamén colaborou, xunto coa Universidade de Vigo e a Federación Galega de Montañismo, no vocabulario de escalada. Das correspondencias en galego para o vocabulario de surf ocupouse a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Podes consultar estes catro novos glosarios (xunto co de rugby, publicado en 2023) premendo aquí.
18/07/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas concedidas pola Deputación de Pontevedra aos SNL municipais

A Deputación de Pontevedra publica, no BOP do 18 de xullo de 2024, a listaxe de axudas concedidas no primeiro semestre de 2024 para o mantemento dos servizos de normalización lingüística dos concellos da provincia.

Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.

16/07/2024. DINAMIZACIóN

IX Concurso de subtitulación de vídeos TED ao galego

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago convoca o IX Concurso de subtitulación de vídeos TED ao galego, co obxectivo de estimular a presenza do galego na comunicación e a divulgación científica e de fomentar a existencia de recursos divulgativos audiovisuais neste idioma. Como novidade, nesta edición a temática dos vídeos non ten que estar circunscrita exclusivamente ás ciencias da saúde, senón que se abre o abano para dar cabida a todas as disciplinas científicas. Existen dúas modalidades de participación, unha dirixida a alumnado, PDI ou PTXAS da USC durante o ano 2024 (modalidade A) e outra destinada a persoas alleas á USC (modalidade B). Os participantes da modalidade A terán a posibilidade de inscribirse nun obradoiro formativo. Outorgaranse varios premios cunha dotación económica que vai desde os 200 aos 300 euros, ademais dun diploma honorífico.

O prazo para inscribirse no certame remata o 27 de setembro de 2024.

Para consultar as bases completas preme aquí.

16/07/2024. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca dez bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os/as beneficiarios/as colaborarán nos seguintes proxectos: Bibliografía da literatura galega; Fraseoloxía Galega; Corpus de referencia do galego actual (Corga); Cantigas de Santa María; Prosa literaria medieval; Terminoloxía científico-técnica; Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala; Base de datos do ALIR; Dicionarios de literatura; e Literatura infantil e xuvenil.

As actividades de formación iniciaranse coa incorporación da persoa seleccionada (previsiblemente o 1 de decembro de 2024) e rematarán, en calquera caso, o 30 de novembro de 2026. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
12/07/2024. LEXISLACIóN

Aprobado no Congreso o Proxecto de Lei que permitirá o uso do galego ante o Tribunal Supremo e a Audiencia Nacional

O Congreso dos Deputados aprobou onte, 11 de xullo de 2024, por maioría absoluta o Proxecto de Lei orgánica de dereito de defensa, que ten como obxecto regular o dereito de defensa, recoñecido no artigo 24 da Constitución Española. No que respecta ao uso das linguas oficiais, o texto recolle expresamente que as persoas teñen dereito “nos procesos ante órganos con xurisdición en todo o Estado, a empregar calquera das linguas oficiais da comunidade autónoma onde residan ou onde se iniciaran as actuacións xudiciais, así como a recibir en calquera desas linguas a comunicacións producidas”.
A efectos prácticos, esta nova Lei garantirá o dereito a empregar o galego, o catalán e o éuscaro nos procesos xudiciais ante órganos como o Tribunal Supremo, a Audiencia Nacional ou os Xulgados Centrais.

A partir de agora, a iniciativa continuará a súa tramitación no Senado.

Podes ampliar información premendo aquí.
12/07/2024. AXUDAS E PREMIOS

A Xunta de Galicia resolve as axudas ás entidades locais para a promoción do galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica a resolución das subvencións ás entidades locais para a promoción do galego durante o ano 2024. Estas axudas están destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística; así como ao desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega.

Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.
11/07/2024. OUTRAS

O Concello do Porriño publica unha guía de linguaxe administrativa

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello do Porriño, no marco das funcións de asesoramento lingüístico que ten encomendadas, acaba de publicar unha Guía de linguaxe administrativa, co obxectivo de fornecer ao cadro de persoal deste concello dunha nova ferramenta que lle axude a resolver as súas dúbidas máis recorrentes e a mellorar a calidade lingüística do seu traballo.

Este nova guía complementa un traballo anterior, editado tamén polo SNL en 2022, centrado no uso de linguaxe inclusiva na redacción de documentos administrativos públicos.
10/07/2024. CURSOS E CONGRESOS

Curso de lingua galega para o PAS das universidades galegas

A Escola Galega de Administración Pública convoca as actividades de formación para o persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia. Entre os cursos ofertados inclúese un de carácter lingüístico: “A normativa do galego estándar: actualización gramatical, ortográfica e léxica”, que se desenvolverá na modalidade mixta de teleformación e mais telepresenza durante os meses de setembro e outubro de 2024. O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 22 de xullo de 2024.
09/07/2024. INVESTIGACIóN

Recursos e novas metodoloxías para as aulas de Lingua Galega e Literatura

O Consello da Cultura Galega (CCG) publica o documento de traballo Recursos e novas metodoloxías para as aulas de Lingua Galega e Literatura, elaborado por Pilar Ponte e Sofía Rama no marco da xornada «Recursos para a aprendizaxe de lingua, literatura e cultura galegas na educación secundaria. Cara a unha plataforma colaborativa», organizada polo propio CCG, en colaboración co Instituto da Lingua Galega, en abril de 2023.

No documento ofrécese un análise sobre a necesidade dun cambio metodolóxico na materia de Lingua Galega e Literatura en educación secundaria, así como unha reflexión sobre os posibles contidos dun repositorio de recursos educativos para o ensino desta materia. Tamén se inclúe un anexo cunha selección de recursos accesibles actualmente en Internet.
09/07/2024. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra crea o circuíto “+Escénicas”, para a promoción das artes escénicas en galego

A Deputación de Pontevedra publica as bases reguladoras para a creación, regulación e convocatoria para o ano 2024 do circuíto “+Escénicas” de apoio á programación de espectáculos profesionais de artes escénicas en galego nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra. Ao abeiro desta convocatoria crearase con vixencia indefinida o catálogo “+Escénicas”, ao que poderán acceder os concellos para solicitar os espectáculos en galego que desexen incluír nas súas programacións.

O prazo de inscrición de espectáculos no catálogo por parte das compañías é do 10 ao 24 de xullo de 2024. Posteriormente, os concellos poderán presentar as súas solicitudes do 2 ao 16 de setembro de 2024.

Podes consultar as bases completas do programa premendo aquí.
08/07/2024. OUTRAS

As Letras Galegas 2025 renderán homenaxe á poesía popular oral e ás cantareiras galegas

O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do 5 de xullo de 2024, que o Día das Letras Galegas do vindeiro ano 2025 estará dedicado á poesía popular oral e ás cantareiras galegas. En representación de todas elas, homenaxearanse as figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda); Eva Castiñeira (Muxía); e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños).

Con esta homenaxe colectiva a RAG quere poñer de relevo a gran contribución que as cantareiras e pandeireteiras fixeron á cultura galega e, ao mesmo tempo, busca visibilizar o traballo das novas xeracións de artistas que están a levar o noso idioma por todo tipo de palcos e escenarios (nacionais e internacionais) con repertorios que beben da fonte da poesía popular oral.

Na páxina web da RAG atoparás máis información.

08/07/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega dirixidos ao persoal de seguridade pública de Galicia

A Academia Galega de Seguridade Pública convoca cursos de linguaxe administrativa galega (dous de nivel medio e un de nivel superior) na modalidade de teleformación, dirixidos ao pesoal dos servizos de seguridade pública de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o 26 de xullo de 2024.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
05/07/2024. INVESTIGACIóN

Elsa Quintas e Marcos Maceira confirman con datos as limitacións existentes para usar o galego

Edicións Laiovento acaba de sacar do prelo a obra Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua, autoría de Elsa Quintas e Marcos Maceira. O traballo documental realizado por ambos os dous autores nos informes periódicos solicitados á Mesa pola Normalización Lingüística polo Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas ou, en 2019, polo Relator especial da ONU para os dereitos da minorías, foi o xermolo deste ensaio, no que se ofrecen datos e se reflexiona sobre as limitacións existentes para usar libremente o galego nos principais ámbitos sociais.
05/07/2024. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas para o fomento do galego a centros de ensino privado

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia publica a resolución definitiva das axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino de titularidade privada que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios.

No DOG do 5 de xullo de 2024 podes consultar a listaxe de centros beneficiarios.
04/07/2024. INVESTIGACIóN

O alumnado do IES Xermán Ancochea Quevedo recolle o léxico patrimonial da contorna de Trives

O alumnado do IES Xermán Ancochea Quevedo cédelle ao Instituto da Lingua Galega (USC) o froito do seu proxecto de investigación sobre o léxico patrimonial da contorna de Trives. Trátase dun traballo realizado neste último curso escolar 2023-2024 no que compilaron arredor de 200 termos de léxico tradicional en risco de desaparición recollidos nos concellos de Manzaneda, Castro Caldelas, San Xoán de Río, Chandrexa de Queixa e A Pobra de Trives. Agora o ILG incorporará esta valiosa información ao corpus do proxecto Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués.

Esta información foi obtida do xornal O Sil.

Tamén podes coñecer máis datos sobre o proxecto educativo nesta entrevista a Iria Fernandez (docente de Lingua Galega no IES Xermán Ancochea Quevedo) emitida en Radio Valdeorras o pasado 3 de xullo.
04/07/2024. OUTRAS

A Universidade de Vigo difunde a historia do galego en banda deseñada

A Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo acaba de sacar do prelo unha nova publicación en banda deseñada na que se fai un percorrido polos fitos fundamentais da historia da lingua galega. O obxectivo é sensibilizar a mocidade sobre o gran valor cultural que supón termos un idioma propio, ofrecendo unha ferramenta que permite achegarse, de xeito visual e accesible, aos datos máis salientables da historia social do galego.

Podes descargar de balde a obra en formato PDF na páxina web da ANL.

Se o precisas, no Diario da Universidade de Vigo tamén podes ampliar información sobre esta publicación.
04/07/2024. INVESTIGACIóN

O ILG contará cun Foro Social como órgano de asesoramento externo

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela constituíu formalmente o seu Foro Social, un órgano de asesoramento externo integrado por 12 membros procedentes de entidades sociais de diferentes ámbitos (educativo, editorial, cultural, científico, dos medios de comunicación...). As funcións deste Foro Social serán “debater as tendencias e cambios nas demandas sociais que resulten de interese para o desenvolvemento das actividades de investigación, difusión e transferencia do Instituto, prestar apoio na elaboración e implantación dos plans estratéxicos do centro e trasladar á sociedade información sobre o ILG”.

No Xornal da USC tes máis información sobre esta iniciativa.
03/07/2024. DINAMIZACIóN

Certame de música xuvenil en galego Nova Nicra

A Asociación Cultural Gazafellos do Val, coa colaboración do Concello de Negreira, organiza o certame de música xuvenil en galego “Nova Nicra”, dirixido a bandas ou solistas de entre 12 e 18 anos (tamén poden inscribirse bandas con integrantes menores de 12 anos, sempre que sexan menos da metade da formación). Os participantes deben presentar unha canción escrita en lingua galega, que terá que ser unha composición propia ou a musicalización propia dun poema galego, inédita e non premiada anteriormente noutro certame. O prazo de inscrición remata o 3 de novembro de 2024.
As bandas ou solistas seleccionadas polo xurado (un máximo de 5) actuarán en directo o 30 de novembro en Negreira. O/a gañador/a será premiado coa gravación nun estudio profesional do tema finalista (ou outro da súa elección) e mais a realización dun videoclip.

Para consultar as bases completas do certame e acceder á ficha de inscrición, preme aquí.
03/07/2024. DINAMIZACIóN

O Concello de Santiago convídate a gozar dun verán con moito Apego

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta o programa de actividades do proxecto Apego que se van desenvolver ao longo deste mes de xullo de 2024. Os luns os/as nenos/as terán ocasión de xogar, cociñar e experimentar coa ciencia; mentres que os martes poderán gozar de tardes de contos para imaxinar novos mundos. Os mércores crearanse espazos de entretemento activo a través do xogo (libre ou guiado) e dous xoves do mes poderán asistir aos espectáculos de Çé Orquestra Pantasma (día 4) e Raquel Queizás (día 18).
A asistencia ás diferentes actividades ofertadas require inscrición previa, cubrindo cadanseu formulario.

Podes ampliar información premendo aquí.
02/07/2024. DINAMIZACIóN

Curtas gañadoras do certame Nós tamén creamos! 2023-2024

A comisión de selección da duodécima edición do certame Nós tamén creamos! acordou que os traballos premiados co primeiro premio neste curso 2023-2024 son: Caracola, da EEI do Vao (Poio); Quen levou a Lúa?, do CEIP Carlos Casares (Nigrán); Quen levou a Lúa?, do CEIP Igrexa-Calo (Teo); e O que ten que aprender un cempés, do CEIP Viñagrande-Deiro (Vilanova de Arousa).

Así mesmo, foron galardoadas cun accésit as curtas Quen levou o pemento de Padrón, das EEI da Escravitude, Pontecesures, Arretén e Extramundi de Arriba (Padrón); Chocolata, do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa (O Barco de Valdeorras); e A sopa queima, do CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha).

Se queres participar na convocatoria do vindeiro curso 2024-2025, no Portal da Lingua Galega tes toda a información que precisas para tramitar a inscrición.

28/06/2024. OUTRAS

Bernardo Penabade, impulsor do Modelo Burela, despídese das aulas

"O educador eterniza-se em cada ser que educa". Así remata o vídeo-homenaxe que xeracións de alumnado lle dedicaron a Bernardo Penabade Rei na data da súa xubilación.

Persoa coñecida por unha traxectoria difícil de resumir, o mundo da normalización lingüística está en débeda con el por lanzar desde o IES Perdouro o Modelo Burela, así como o Proxecto Neo. Ambos os dous son tomados como referencia na colaboración entre o ámbito do Ensino e a Administración, pola planificación do diálogo intercultural na Mariña e o labor de recuperación da identidade lingüística da súa sociedade. Así o contou o Consello da Cultura Galega na web serie Aquí medra a lingua.

Na actualidade, é membro da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, desde onde participa na organización dos Encontros para a Normalización Lingüística.
28/06/2024. DINAMIZACIóN

O alumnado do IES Castro Alobre implícase coa galeguización do comercio vilagarcián

O alumnado do IES Castro Alobre de Vilagarcía presentou a nova edición da campaña “Implicados co galego”, unha iniciativa que organiza anualmente o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, co apoio do Concello de Vilagarcía, cun dobre obxectivo: fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e apoiar o pequeno comercio da cidade. Nesta edición de 2024 distribuiranse entre os comercios 6.000 bolsas da compra de tea con seis deseños diferentes, seleccionados a partir dun certame realizado entre o propio alumnado.

No xornal La Voz de Galicia podes ampliar información sobre a campaña e ver a galería de imaxes cos seis deseños empregados nas bolsas de tea.
28/06/2024. INVESTIGACIóN

O CIRP elabora o mapa da toponimia presente na lírica profana galego-portuguesa

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP) presenta Canticar. Cartografía da lírica profana galego-portuguesa, un recurso que permite visualizar nun mapa a toponimia medieval presente na lírica profana galego-portuguesa, ao tempo que axuda a comprender as dimensións sociopolíticas nas que foron elaborados os textos, pois posibilita a reconstrución das fronteiras dos reinos peninsulares entre os séculos XII e XIV.
26/06/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e mais preparatorios para o Celga nas EEOOII

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca cursos de linguaxe administrativa galega en liña (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 2, 3 e 4), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2024/2025. Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos ao persoal das administracións autonómica e local galegas, así como ao da Administración periférica do Estado en Galicia, exceptuando o persoal docente e sanitario. Aos cursos preparatorios dos Celga poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas. O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá dende o día 1 ata o 12 de xullo de 2024, para os cursos do primeiro cuadrimestre (setembro-decembro); e dende o 11 ata o 22 de novembro de 2024, para os cursos do segundo cuadrimestre(febreiro-abril).

Para consultar o texto da convocatoria, preme aquí.
25/06/2024. INVESTIGACIóN

Modesto García Quintáns doa á RAG 8000 microtopónimos compilados en Dumbría

O enxeñeiro en topografía Modesto García Quintáns doa á Real Academia Galega un total de 8000 microtopónimos xeorreeferenciados no Concello de Dumbría, que pasarán a formar parte do banco de datos da plataforma Galicia Nomeada.

O compromiso deste profesional nado en Dumbría, así como o inmenso labor realizado durante anos, fóronlle recoñecidos tanto pola RAG coma pola Xunta de Galicia nun acto de honra organizado na súa localidade o 19 de xuño de 2024. Amplía a información aquí.
21/06/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada "A intelixencia artificial: un novo desafío para o ensino da lingua, literatura e cultura galegas na educación secundaria"

A Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega organiza unha actividade para reflexionar sobre os desafíos que traen canda si as ferramentas de intelixencia artificial xerativa; sobre o impacto que teñen na docencia de lingua, literatura e cultura galegas no ensino medio; e tamén sobre as oportunidades que nos ofrecen.

A xornada, que leva o título A intelixencia artificial: un novo desafío para o ensino da lingua, literatura e cultura galegas na educación secundaria, vai ter lugar o 9 de xullo de 2024 no pazo de Raxoi. Toda a información sobre horarios, programa e inscrición atoparala aquí.
21/06/2024. AXUDAS E PREMIOS

Marilar Aleixandre recibe o Premio Luís Porteiro Garea 2024

O xurado da sétima edición do Premio Luís Porteiro Garea acordou outorgar este galardón a Marilar Alexandre, catedrática da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais e profesora ad Honorem da Facultade de Ciencias da Educación da USC desde a súa xubilación en 2017. O xurado recoñece con este galardón o compromiso co idioma das disciplinas científicas da profesora Alexandre, que tamén foi pioneira no ensino das ciencias en galego na Educación Secundaria e na elaboración de materias didácticos no noso idioma dende o ano 1976.

O premio Luís Porteiro Garea, que leva o nome do profesor de dereito civil e membro das Irmandades da Fala que en 1915 pronunciou a primeira lección en galego na USC, ten como finalidade recoñecer o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan, ou traballaron, a prol do galego na universidade.

No Xornal da USC atoparás máis información sobre esta iniciativa.
20/06/2024. AXUDAS E PREMIOS

O alumnado do CPI O Cruce premia o uso do galego nas empresas de Cerceda

O alumnado de 3º e 4º de ESO do CPI O Cruce, en Cerceda, outorgou o I Premio ao uso do galego nas empresas 2024, un galardón instaurado por primeira vez neste curso escolar no marco dun proxecto educativo da materia de Lingua Galega. O obxectivo é recoñecer publicamente os negocios de Cerceda que destaquen por usaren o galego nos rótulos, información, traballo, atención ao público, publicidade e redes sociais. Nesta primeira edición o negocio premiado foi IPR Xestión.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa no xornal Nós Diario.
20/06/2024. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas a centros de ensino público para o fomento do galego

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia publica a resolución definitiva das axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino de titularidade pública que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios.

No DOG do 20 de xuño de 2024 podes consultar a listaxe de centros beneficiarios.