Novas da lingua

Rexistros5101 a 5130 de 5280
14/09/2004. LEXISLACIóN

O Plan Normalización Lingüística de Galicia, a debate no Parlamento

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que leva dous anos traballando na elaboración do Plan de Normalización Lingüística de Galicia, xunto cun amplo grupo de especialistas, fará chegar hoxe á Xunta de Voceiros do Parlamento galego o primeiro borrador deste documento.

A proposta será debatida en sesión plenaria o vindeiro día 21 de setembro e a súa aprobación definitiva está prevista para finais deste mesmo mes.

14/09/2004. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega no Concello de Santiago

A Concellería de Política Lingüística do Concello de Santiago convoca dous cursos de lingua galega (niveis de iniciación e perfeccionamento) abertos ao público xeral. A inscrición realizarase no Rexistro Xeral do Concello entre o 15 e o 25 de setembro, en horario de 9 a 14 horas.

Se desexa máis información, pode dirixirse ao Departamento de Lingua Galega (981 542409 / dlg@aytocompostela.es)
06/09/2004. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega para a Administración local

A Consellaría de Xustiza, Interior e Administración Local convoca, no DOG do 20 de agosto de 2004, cursos de linguaxe administrativa galega (niveis básico, medio e superior) para o persoal da Administración local galega.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.


03/09/2004. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a normalización lingüística na Administración local

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración local publica, no DOG do 19 de agosto de 2004, a convocatoria de axudas destinadas tanto á creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística como á organización de campañas de fomento do uso do idioma.

O prazo de presentación de solicitudes é de corenta días, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.

15/07/2004. DINAMIZACIóN

Lingua Viva 40

O Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Vigo edita un novo número de Lingua Viva, boletín con información xeral sobre a planificación e normalización do galego e datos concretos sobre as actividades de dinamización lingüística que se están a desenvolver neste concello.
(Máis información)


13/07/2004. CURSOS E CONGRESOS

Convocatoria de cursos de lingua galega para a Universidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña presenta unha nova oferta de cursos de lingua galega destinada ao alumnado de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e ao persoal de administración e servizos desta universidade.

Os cursos desenvolveranse entre os meses de outubro e decembro deste mesmo ano e todas as persoas interesadas teñen de prazo para presentar as súas solicitudes ata o 9 de setembro.

Se desexa máis información, prema aquí.
12/07/2004. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese a concesión de axudas á produción audiovisual en lingua galega

A Consellaría de Cultura, Comunicación Social e Turismo publica, no DOG do 12 de xullo de 2004, a resolución de axudas a empresas vinculadas co sector audiovisual para a elaboración de proxectos audiovisuais en galego.

Se desexa consultar esta resolución, prema aquí.
12/07/2004. OUTRAS

Nova lista de correo electrónico “Galego Internacional”

Créase Galego Internacional, unha nova lista de correo electrónico que quere servir de foro de debate para todas aquelas persoas que consideren que o galego non só é útil para debater sobre arte e folclore, senón tamén sobre ciencia.
07/07/2004. INVESTIGACIóN

Elaboración e difusión da lingua

A Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega presenta o vindeiro luns, 12 de xullo, ás 12 h. no salón de actos desta institución, O proceso de normalización do idioma galego 1980-2000. Volume III. Elaboración e difusión da lingua.
(Máis información)
22/06/2004. EMPREGO

Bolsas de colaboración na Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca dúas bolsas para colaborar coa Área de Normalización Lingüística desta universidade. Poderán presentarse a esta convocatoria todos os/as licenciados/as en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo ou en Tradución e Interpretación (lingua A: galego) que estean matriculados/as nun curso de doutoramento desta universidade ou que posúan o Diploma de Estudos Avanzados.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 28 de xuño. Se desexa coñecer o texto completo desta convocatoria, prema aquí.
18/06/2004. AXUDAS E PREMIOS

II edición dos Premios Educacompostela

O Concello de Santiago e Nova Escola Galega convocan a segunda edición dos Premios Educacompostela de innovación educativa, que pretenden fomentar a creación de material educativo de calidade en lingua galega. O tema sobre o que deberán tratar os traballos presentados nesta edición é “A auga, fonte de vida”.

Os traballos deben entregarse no

Departamento de Educación
do Concello de Santiago entre o 15 de outubro e o 15 de novembro.
15/06/2004. EMPREGO

Bolsas para ensinar lingua, literatura e cultura galegas en universidades do exterior

A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 15 de xuño de 2004, a convocatoria dun concurso público de méritos para seleccionar profesorado bolseiro que imparta as materias de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades de Estremadura, Granada, A Habana, Oxford e Rennes.

Se desexa consultar esta convocatoria, prema aquí.
11/06/2004. OUTRAS

Novo pulo na introdución do galego no ámbito das novas tecnoloxías

Preséntanse en Santiago o paquete de interface en galego do Windows XP e o corrector ortográfico 2.mil3, dúas novas ferramentas para traballar en galego no ámbito da informática.
(Máis información)
08/06/2004. INVESTIGACIóN

Dicionario de frecuencias léxicas do galego escrito para nenos

O Grupo de Psicoloxía da Linguaxe (GPL) da Universidade de Santiago publica, en formato CD-Rom, o Dicionario de frecuencias léxicas do galego escrito para nenos.

A importancia deste dicionario reside no aproveitamento multidisciplinar que del se pode facer, xa que é unha ferramenta de utilidade tanto para o ámbito da Psicolingüísica como para o da Sociolingüística e a Didáctica da Lingua.
(Máis información)

08/06/2004. DINAMIZACIóN

Xa pode consultar o número 15 do Cartafol Dixital

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela edita o número 15 do Cartafol Dixital, voceiro da USC en materia de normalización lingüística.
(Máis información)
04/06/2004. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á edición de publicacións periódicas en lingua galega

A Consellaría de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública anuncia, no DOG do 4 de xuño de 2004, a convocatoria de axudas destinadas a empresas xornalísticas que editen publicacións periódicas escritas integramente en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de 40 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
03/06/2004. AXUDAS E PREMIOS

Novas iniciativas normalizadoras na Universidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, que comeza unha nova etapa da súa andaina baixo a dirección de Goretti Sanmartín, presenta dúas novas actividades de dinamización destinadas a fomentar o uso do idioma galego entre a comunidade universitaria.

Estas actividades son a convocatoria de axudas á investigación en lingua galega e o I Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras.
(Máis información)

01/06/2004. AXUDAS E PREMIOS

Premios Dorna de Informática

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo convoca os Premios Dorna de Informática, que teñen como obxectivo promover o uso do galego no eido das novas tecnoloxías.

O premio será de 1 000 euros para cada un dos gañadores das dúas categorías nas que se divide o certame, sitios web e aplicacións informáticas, ademais de 4 accésits de 400 euros. O prazo para a presentación dos proxectos é ata o 10 de outubro de 2004.
01/06/2004. DINAMIZACIóN

Plan de Política Lingüística da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo crea un novo sitio web para poñer á disposición da comunidade universitaria toda a información referente ao proceso de elaboración do Plan de Política Lingüística que esta universidade está a confeccionar.
(Máis información)
01/06/2004. INVESTIGACIóN

Datos comparativos do coñecemento de linguas propias no Estado español

O Instituto Nacional de Estadística (INE) elaborou, a partir dos datos obtidos nos Censos de poboación e vivendas 2001, o documento España al comienzo del siglo XXI,
onde se achegan, entre outros, datos da competencia lingüística na lingua propia en Cataluña, Illas Baleares, Comunidade Valenciana, País Vasco, Comunidade Foral de Navarra e Galicia.

Se desexa consultar estes datos, prema aquí.
31/05/2004. CURSOS E CONGRESOS

III Simposio Internacional Mercator

Mercator-Educación presenta a terceira edición do Simposio Internacional Mercator, que nesta edición centrarase no tema: Diversidade lingüística e educación: desafíos e oportunidades.

O simposio desenvolverase os días 26 e 27 de novembro de 2004 en Ljouwert/Leeuwarden (Frisia, Holanda). O prazo para enviar comunicacións é ata o 1 de xullo e progresivamente o Centro Mercator-Educación irá achegando máis información no seu web.
27/05/2004. DINAMIZACIóN

O Corpo Nacional de Policía reafirma o seu compromiso co galego

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística presenta a segunda fase dunha campaña que comezou o pasado xaneiro, coa edición do volume Contos da policía, e que ten como obxectivo normalizar o uso do idioma galego no ámbito policial.

Nesta segunda fase farase pública unha declaración a prol da lingua galega asinada por cinco sindicatos policiais e presentarase a edición dun manual con formularios da policía científica en galego.
25/05/2004. INVESTIGACIóN

Novos datos de coñecemento e uso do idioma galego

O Instituto Galego de Estatística achega no seu web os datos da Enquisa de condicións de vida das familias. Ano 2003, que nesta ocasión se centrou na análise do uso e coñecemento do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais.

Se desexa coñecer estes datos, prema aquí.
14/05/2004. INVESTIGACIóN

Publicacións do Consello da Cultura Galega para homenaxear a Xaquín Lorenzo

O CCG homenaxea a figura de Xaquín Lorenzo Fernández, autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas este ano, coa publicación de tres obras que xiran arredor da vida e obra do etnógrafo galego.
(Máis información)
14/05/2004. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese a concesión de axudas a entidades sen fin de lucro

A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria publica no DOG do 14 de maio de 2004 a resolución do concurso público de subvencións a asociacións e institucións privadas sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua galega.
13/05/2004. DINAMIZACIóN

Lingua Viva 39

Sae á luz un novo número de Lingua Viva, boletín de normalización lingüística do Concello de Vigo, con información xeral sobre a planificación e normalización do galego e datos concretos sobre as actividades de dinamización lingüística que se están a desenvolver neste concello.
(Máis información)
07/05/2004. INVESTIGACIóN

Porcentaxe de uso do galego nos medios de comunicación

O Arquivo de Comunicación do Consello da Cultura Galega publica o Catálogo de medios impresos e electrónicos de Galicia, que achega a listaxe de publicacións periódicas e cibermedios galegos vixentes na actualidade.

Ademais doutros datos editoriais como temática, tiraxe, periodicidade ou distribución, ofrécense tamén os datos porcentuais de usos lingüísticos de cada publicación.

Se desexa consultar este catálogo en formato PDF, prema aquí.

06/05/2004. INVESTIGACIóN

Edítase o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa)

O Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega editan a versión definitiva do VOLGa, obra de referencia para a elaboración do estándar do galego moderno.
(Máis información)

05/05/2004. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 14 do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.
(Máis información)
03/05/2004. OUTRAS

O Día das Letras Galegas a debate no Consello da Cultura Galega

A Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega está a organizar unha nova tertulia que terá lugar o vindeiro 6 de maio, ás 17:00 h., e que versará nesta ocasión sobre o significado do Día das Letras Galegas.

Nesta tertulia, que será moderada por Miguel Anxo Fernán-Vello, intervirán como convidados Carlos Negro, Xosé Antón Pedreira e Pilar Sampedro.