Novas da lingua

Rexistros61 a 90 de 5493
23/09/2026. CURSOS E CONGRESOS

Chegan os XXVIII Encontros para a Normalización Lingüística: música, orgullo e identidade

Un ano máis, chega a cita cos Encontros para a Normalización Lingüística. Nesta edición, que fai a vinte e oito, poñen a súa mirada nun fenómeno emerxente, a mudanza da escena musical en galego que, por primeira vez en décadas, consegue interpelar de maneira directa á mocidade adolescente, un segmento de poboación moi relevante no mantemento e recuperación do uso da lingua galega.

Nesta xornada, que terá lugar o 20 de outubro de 2026 no pazo de Raxoi, artistas con propostas moi diversas conversarán sobre raíces e vangardas, mercado e compromiso e outros factores que dan forma a este espazo de oportunidade.

Consulta o programa e inscríbete. A inscrición é gratuíta e as prazas (limitadas a 100) cubriranse por orde de chegada das solicitudes.
21/09/2026. LEXISLACIóN

Presentada no Parlamento de Galicia unha ILP para reverter a emerxencia lingüística

Representantes das entidades sociais que promoveron o protocolo Lingua Vital entregaron no rexistro do Parlamento unha Iniciativa lexislativa popular que apela as autoridades para cumpriren coa normativa vixente en materia de política lingüística.

Esta ILP recolle os principais aspectos dos acordos pola lingua acadados por entidades do sector, sindicais, culturais, veciñais, educativas, do ecoloxismo ou das persoas consumidoras. Trátase de accións centradas en garantir a presenza do galego en todos os ámbitos e para todos os usos a partir de acordos unánimes como o actual Plan xeral de normalización da lingua galega, a Declaración universal dos dereitos lingüísticos ou a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.

Para coñecer o contido da ILP, preme aquí.

18/09/2026. AXUDAS E PREMIOS

A nova edición de Youtubeiras+ conmemora os seus dez anos en rede

Baixo o lema Dez anos en rede, acaba de presentarse a décima edición dos Premios Youtubeiras+, unha iniciativa promovida por 10 concellos galegos, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo co obxectivo de promover a creación de contidos en galego en todas as redes sociais, así como visibilizar os perfís das persoas creadoras.

Poden optar a estes premios as persoas maiores de 16 anos que teñan canles autoproducidas nas redes sociais en activo e accesibles durante o certame.
As canles deben ter a maioría dos seus vídeos en galego e un mínimo de tres publicacións subidas a partir do 16 de novembro de 2025, sen restricións de privacidade. Os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes (de habelos) deben estar en galego. O xurado outorgará sete premios con dotación económica (que no seu conxunto suman un total de 7500 euros) e un oitavo honorífico á traxectoria (sen dotación económica).

O prazo de inscrición remata o 15 de novembro de 2026.

Na páxina web do proxecto tes toda a información.
17/09/2026. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a resolución da convocatoria do ano 2026 de subvencións destinadas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias, xunto co importe concedido, premendo aquí.
16/09/2026. DINAMIZACIóN

O Concello da Coruña presenta o AgoraSón do outono

O Servizo de Normalización Lingüística e as Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña conmemorarán o Día das Bibliotecas do ano 2026 cunha nova edición do programa AgoraSón, unha iniciativa que ten como principais obxectivos fomentar a lectura en lingua galega e promover o préstamo bibliotecario de materiais no noso idioma (libro, película, CD...). A principal acción do programa é a celebración dun espectáculo musical, que nesta edición mesturará as sonoridades de Galicia e do Xapón, coas actuacións de A Banda da Loba, Icía Varela e Haruna Chatani.

O espectáculo terá lugar o 23 de outubro, ás 20:00 h, no Centro Sociocultural Ágora. A entrada é de balde, mais cómpre ter invitación. A partir do 14 de outubro entregaranse un máximo de dous convites por carné de socia/o das Bibliotecas Municipais da Coruña ao solicitar un préstamo de material en galego.

Na páxina web do SNL do Concello da Coruña tes máis información.
16/09/2026. DINAMIZACIóN

Rechouchíos e Apego para a cativada de Moaña e Narón

O outono chega con novas actividades de fomento do galego para as familias con nenos/as. Nesta ocasión son os concellos de Moaña e Narón os que presentan os seus respectivos programas para os meses de outono cunha variada oferta de teatro, monicreques, música, contos e xogos. Podes consultalos nas seguintes ligazóns:

-SNL do Concello de Moaña: Rechouchíos con Apego de setembro e outubro.

-SNL do Concello de Narón: Programación do Apego para o outono de 2026.
16/09/2026. OUTRAS

Convocatoria de probas para a obtención dos certificados Celga

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados de lingua galega dos niveis Celga 2, 3 e 4. Poderán presentarse todas as persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras. As probas realizaranse en Santiago de Compostela, en Ponferrada e en Madrid e terán lugar os días 14, 15, 21 e 22 de novembro de 2026. As sedes e os horarios publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua.

O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
14/09/2026. DINAMIZACIóN

O Concello da Coruña organiza unha nova edición de "Falamos secundaria"

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña presenta unha nova edición do programa Falamos secundaria, un proxecto de dinamización lingüística dirixido a centros de ensino secundario da cidade que pretende promover a normalización do idioma galego a través da interacción entre a escola e a súa contorna.

Nesta nova edición ofértase entre o alumnado de 1º e 2º de bacharelato a asistencia á charla “O galego nas redes sociais”, impartida por Orgullo Galego, que terá lugar o 28 de outubro. O prazo de inscrición estará aberto entre o 15 de setembro e o 15 de outubro, para os centros públicos. No caso de quedaren prazas libres, ofertaranse entre os centros concertados nun segundo prazo de inscrición, entre o 15 e o 26 de outubro.

Podes ampliar información premendo aquí.
14/09/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a investigación en galego na Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca axudas ao alumnado que presentase e defendese en galego a tese de doutoramento (TD), o traballo de fin de grao (TFG) ou o traballo de fin de mestrado oficial (TFM) na UVigo entre o 16 de setembro de 2025 e o 15 de setembro de 2026. Quedan excluídos os TFG do grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos literarios (módulo de lingua galega), do grao en Tradución e Interpretación (Galego-Inglés) e do grao en Tradución e Interpretación (Galego-Francés).

O prazo de presentación das solicitudes para optar a estas axudas estará aberto ata o 15 de setembro de 2026.

Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
11/09/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de introdución á lingua e cultura galegas en Vilalba

O Concello de Vilalba, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, convoca un curso de introdución á lingua e cultura galegas, dirixido principalmente a persoas maiores de 16 anos procedentes de fóra de Galicia que queren mellorar as súas competencias lingüísticas básicas en galego e coñecer a cultura de acollida.

O curso, de 20 horas de duración, impartirase na Sala de Xuntas do Concello os días 28, 29 e 30 de setembro, e 2, 5, 6, 7 e 9 de outubro de 2026, en horario de 19:00 h a 21:30 h. As persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse ata o 25 de setembro.

Podes ampliar información premendo aquí.
11/09/2026. DINAMIZACIóN

A Escola de Regueifa de Carballo comeza un novo curso

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Carballo promove desde o curso 2022-2023 a Escola de Regueifa de Carballo, dirixida pola regueifeira Lupe Blanco, co obxectivo de fomentar a recuperación e a renovación da improvisación oral en verso e, ao mesmo tempo, favorecer novos espazos de uso para o galego.

A primeira sesión do novo curso tivo lugar o pasado venres, 5 de setembro de 2026, mais as persoas interesadas en participar nesta iniciativa aínda están a tempo de inscribirse. Na páxina web do SNL tes máis información.
11/09/2026. DINAMIZACIóN

Os/as nenos/as de Betanzos consolidan o seu apego á lingua a través da danza

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos presenta a segunda edición do Obradoiro de movemento, lingua e apego. Danzando en familia, dirixido a familias con nenos/as de 0 a 6 anos.

O obradoiro contará cunha sesión mensual entre os meses de outubro e decembro de 2026 (19 de setembro, 17 de outubro, 14 de novembro e 12 de decembro), que terá lugar ás 12 horas no Edificio Arquivo (Betanzos).

Podes obter máis información sobre os trámites de inscrición premendo aquí.
11/09/2026. CURSOS E CONGRESOS

Formación en lingua galega para a comunidade universitaria da UVigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta a oferta de formación en lingua galega para o primeiro cuadrimestre do curso 2026-2027.
Os cursos, dirixidos á comunidade universitaria da UVigo, son os seguintes: Curso de iniciación á lingua galega (40 h); Os erros máis frecuentes na lingua galega (30 h); A calidade lingüística na universidade (30 h); Linguaxe administrativa e xurídica (40 h); Corrección da escrita coas TIC (30 h).

As sesións desenvolveranse durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2026, na modalidade en liña. O prazo de matrícula estará aberto ata o vindeiro 25 de setembro.

No Diario da Universidade de Vigo tes toda a información.
11/09/2026. OUTRAS

A RAG presenta o Dicionario castelán-galego en liña

Coincidindo co inicio do curso escolar, a Real Academia Galega presentou o Dicionario castelán-galego en liña, unha nova ferramenta pedagóxica que contén os equivalentes na lingua galega duns 26 000 lemas en castelán con máis de 55 000 acepcións, así coma dunhas 6000 unidades pluriverbais. A maiores, tamén se achega a orientación semántica das acepcións, a pronuncia das voces galegas (naqueles casos que se considera pertinente) e as diferenzas nas propiedades gramaticais entre os lemas en castelán e os equivalentes en galego (xénero, número, construcións verbais…).

Igual que acontece co dicionario monolingüe, o Seminario de Lexicografía da RAG ocuparase tamén da actualización continua deste novo dicionario bilingüe.

Na páxina da RAG tes máis información sobre a iniciativa.
10/09/2026. CURSOS E CONGRESOS

Chamada para presentar comunicacións no V Congreso Internacional en Variación Lingüística nas Linguas Románicas

O Centro de Línguas, Literaturas e Culturas da Universidade de Aveiro e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela coorganizan o V Congresso Internacional em Variação Linguística nas Línguas Românicas, que se desenvolverá presencialmente os días 23, 24 e 25 de xuño de 2027 na Universidade de Aveiro (Portugal).

O congreso terá como obxecto central de estudo a variación e o cambio lingüístico nas liñas románicas, abranguendo disciplinas como a dialectoloxía, a dialectometría, a fonética, a fonoloxía, a prosodia, a sociolingüística, a morfosintaxe ou a lingüística de corpus, entre outras. As persoas interesadas en presentar comunicacións orais (de 20 minutos de duración) ou pósteres teñen de prazo ata o 1 de febreiro de 2027 para enviar os seus resumos.

Para ampliar información, preme aquí.
08/09/2026. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de galego na USC para persoas de fóra de Galicia

O Centro de Linguas Modernas da USC presenta a oferta de cursos de galego deste primeiro semestre do curso 2026/2027. Trátase de cursos semestrais de galego (niveis A2, B1 e B2 do Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas) que se desenvolverán nos campus de Santiago de Compostela e Lugo.

Os cursos están dirixidos a persoas maiores de 16 anos procedentes de fóra de Galicia que desexan aprender o noso idioma. Non é imprescindible ser alumno/a da USC.

Para obter máis información sobre horarios e datas de docencia, así como sobre os prazos de matrícula, preme aquí.
08/09/2026. DINAMIZACIóN

A USC premia a subtitulación de vídeos TED ao galego

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago convoca o XI Concurso de subtitulación de vídeos TED ao galego, co obxectivo de estimular a presenza do galego na comunicación e a divulgación científica e de fomentar a existencia de recursos divulgativos audiovisuais neste idioma. O certame inclúe dúas modalidades de participación, unha dirixida a alumnado, PDI, PI ou PTXAS da USC durante o ano 2026 (modalidade A) e outra destinada a persoas alleas á USC (modalidade B). Os participantes da modalidade A terán a posibilidade de inscribirse nun obradoiro formativo.

Outorgaranse varios premios cunha dotación económica que vai desde os 200 aos 300 euros, ademais dun diploma honorífico. O prazo de inscrición remata o vindeiro 28 de setembro de 2026.

Podes ampliar información premendo aquí.
04/09/2026. AXUDAS E PREMIOS

Granxa Arqueixal e Viñedos Lareu, Premios Bacelos de Prata 2026

O xurado da décimo oitava edición dos Premios Bacelos de Prata, deseñados para recoñecer o labor de empresas que apostan polo galego como marca de calidade na etiquetaxe dos seus produtos, acordou por unanimidade que as entidades galardoadas na edición de 2026 son Granxa Arqueixal, proxecto ecolóxico de produción de queixos, iogur natural e leite fresco con sede en Palas de Rei; e Viñedos Lareu, adega da Ribeira Sacra (Chantada) cunha longa traxectoria vitivinícola.

Na páxina web de Galeguizar Galicia podes ampliar información.
03/09/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de introdución á lingua e cultura galegas en Oleiros

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, convoca un curso de introdución á lingua e cultura galegas, dirixido principalmente a persoas maiores de 16 anos procedentes de fóra de Galicia que queren mellorar as súas competencias lingüísticas básicas en galego e coñecer a cultura de acollida.

O curso, de 20 horas de duración, impartirase no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo os días 5, 7, 9, 14, 16, 19, 21 e 23 de outubro de 2026. As persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse ata o 14 de setembro.

Na páxina web do SNL do Concello de Oleiros tes máis información.

03/09/2026. DINAMIZACIóN

Actividades de fomento do galego para público infantil de Ames, Carballo, A Coruña e Santiago

Os Servizos de Normalización Lingüística dos concellos de Ames, Carballo, A Coruña e Santiago de Compostela presentan os seus respectivos programas de actividades que desenvolverán a partir deste mes de setembro no marco de Apego, programa de dinamización lingüística dirixido a familias con nenos/as de 0-6 anos. No caso de Carballo, a programación inclúe tamén iniciativas para público infantil de 6 a 12 anos, deseñadas ao abeiro do programa “De landras a carballos”.

Podes consultar todas as actividades nestas ligazóns:

-Concello de Ames: Programación infantil con Apego (setembro-decembro 2026).
-Concello de Carballo: «De landras a Carballos» e «Medrando con Apego» (setembro-decembro 2026).
-Concello da Coruña: Na Coruña témoslle apego á lingua! (setembro-decembro 2026).
-Concello de Santiago: Programación Apego (setembro 2026).
27/07/2026. CURSOS E CONGRESOS

En liña os vídeos do XIX Curso de Verán "Traballando en lingua"

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña xa ten dispoñibles na súa canle de Youtube os vídeos do XIX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística "Traballando en lingua", que se desenvolveu os días 7 e 8 de xullo deste ano 2026 en Carballo baixo o lema “Memoria democrática e lingua: a quimera da normalización”.

Podes consultalos premendo aquí.
22/07/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de introdución á lingua e cultura galegas en Narón

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, convoca un curso de introdución á lingua e cultura galegas, dirixido principalmente a persoas maiores de 16 anos chegadas de fóra de Galicia que se achegan por primeira vez ao noso idioma ou queren mellorar as súas competencias básicas.

O curso, de 20 horas de duración, impartirase no local da A.VV Chafarís (no Alto do Castaño) entre o 3 e o 24 de setembro de 2026. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 28 de xullo.

Na páxina web do SNL do Concello de Narón podes ampliar información.
22/07/2026. DINAMIZACIóN

Festa do Apego na Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza a Festa do Apego 2026, un evento deseñado para ofrecerlles espazos de socialización en galego ás familias con nenos/as de 0 a 6 anos.

A festa terá lugar o 28 de agosto, ás 17:00 horas, no Campo da Leña (A Coruña) e o público asistente poderá gozar do concerto "Cantaxoga", de Migallas; e dunha foliada con Pablo Díaz e Olga Kirk. A entrada é de balde e non se precisa inscrición previa.

Nos vindeiros meses de setembro, outubro e novembro de 2026 as familias inscritas no programa Apego poderán seguir gozando do seu tempo de lecer en galego, cun amplo programa de actividades que inclúe música, teatro, monicreques, obradoiros didácticos, narración oral e maxia.
22/07/2026. OUTRAS

O SNL da USC elabora un glosario cos termos esenciais de eclipses

Co gallo da eclipse total de Sol que vai poder observarse en boa parte de Galicia o vindeiro 12 de agosto, diferentes entidades científicas, medios de comunicación e divulgadores/as do ámbito da astronomía están a elaborar contidos sobre este fenómeno. Para facilitarlles o traballo, o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago pon ao seu dispor un novo glosario que compila preto de 100 termos relacionados coas eclipses, para os que se ofrece definición, denominación en galego e equivalentes en español e inglés.

Na páxina web do SNL da USC podes consultar este glosario.
22/07/2026. AXUDAS E PREMIOS

A Xunta de Galicia resolve a convocatoria de axudas a entidades locais para o fomento do galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia publica a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais para a promoción do galego durante o ano 2026. As axudas están destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística; así como ao desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega.

Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.
20/07/2026. INVESTIGACIóN

Diagnóstico exploratorio dunha enquisa aos Centros de Estudos Galegos

No marco da xornada Os Centros de Estudos Galegos a debate, que tivo lugar o pasado venres 17 de xuño de 2026, o Consello da Cultura Galega publicou o documento de traballo Diagnóstico exploratorio dunha enquisa aos Centros de Estudos Galegos, no que se presenta unha panorámica xeral da situación destes centros: a actividade cultural e lingüística que desenvolven, os públicos aos que se dirixen, as dificultades detectadas, as propostas de mellora que demandan e as condicións que consideran que deberían darse para activar unha programación cultural compartida.

O documento foi elaborado a partir dunha enquisa dirixida aos 29 Centros de Estudos Galegos con lectorado que están activos na actualidade, á que responderon 13, o que supón unha taxa de resposta do 44,8%.
16/07/2026. OUTRAS

A Xunta de Galicia presenta a proposta de actualización do Plan de normalización da lingua galega

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia presentou onte, 15 de xullo de 2026, na Cidade da Cultura a proposta de actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, deseñado para “actualizar e concretar os grandes obxectivos de política lingüística expresados nas súas liñas básicas na Lei de normalización lingüística de Galicia de 1983”, tendo en conta “as importantes dificultades polas que atravesa o galego como lingua social”.

O documento, que xa podes consultar en liña, recolle case 700 medidas obtidas a partir do traballo dos máis de 130 profesionais participantes nas 11 comisións de traballo que coordinou o académico Manuel González, así como das máis de 1400 achegas recibidas por parte de entidades, institucións, asociacións e particulares.
13/07/2026. AXUDAS E PREMIOS

Antón Santamarina, Premio Luís Porteiro Garea 2026

O xurado da novena edición do Premio Luís Porteiro Garea acordou por unanimidade outorgar este galardón ao catedrático emérito de Filoloxía Románica da USC Antón Santamarina. O xurado pon de relevo na súa resolución que se trata “dunha das figuras máis destacadas da lingüística galega contemporánea que xogou un papel esencial no coñecemento do estado da lingua galega e das súas variantes, e tamén no establecemento da súa forma culta actual”.

O premio Luís Porteiro Garea, que leva o nome do profesor de dereito civil e membro das Irmandades da Fala que en 1915 pronunciou a primeira lección en galego na USC, ten como finalidade recoñecer o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan, ou traballaron, a prol do galego na universidade.

No Xornal da USC atoparás máis información.
13/07/2026. AXUDAS E PREMIOS

Convocatoria de axudas para a elaboración de novos títulos de Esenciais USC

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta unha nova convocatoria de axudas para financiar a elaboración e a edición dixital de doce novos títulos que se sumarán á colección Esenciais USC. Esta colección está integrada por materiais didácticos de referencia (guías-resumo) que compilan en poucas páxinas os contidos esenciais dunha materia, ou dunha parte significativa dela.

O persoal docente e investigador da USC ten de prazo para presentar as súa propostas ata o 30 de setembro de 2026.

Para ampliar información preme aquí.
10/07/2026. EMPREGO

Bolsa de colaboración na Unidade de Publicacións do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) publica a convocatoria de catro bolsas de colaboración en diferentes proxectos que se desenvolverán nesta entidade durante os anos 2026-2027. Unha destas bolsas, de perfil lingüístico, estará adscrita á Unidade de Publicacións do CCG. Para optar a ela cómpre estar en posesión do título de licenciatura ou grao en Filoloxía Galega, Galego e Portugués, Lingua e Literatura Galegas, Filoloxía Aplicada Galega e Española e Tradución e Interpretación (con materia A1: Galego) ou titulacións equivalentes.

As bolsas finalizarán o 30 de setembro de 2027 e terán unha duración máxima de doce meses. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.