Novas da lingua

Rexistros781 a 810 de 5280
14/11/2023. CURSOS E CONGRESOS

Escolas Católicas Galicia organiza a XIX Xornada de Normalización Lingüística

Escolas Católicas Galicia organiza, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a décimo novena edición da súa Xornada de Normalización Lingüística, co obxectivo de intercambiar información, experiencias e recursos didácticos en galego entre o profesorado e os membros dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia. As sesións terán lugar o 24 novembro de 2023, en horario de 9:30 h a 14:00 h, na sede do Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela).

Igual ca en edicións anteriores, no marco destas xornadas entregaranse os Premios Irmán Reboiras ás mellores iniciativas de fomento do galego, organizados tamén por Escolas Católicas Galicia, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e co patrocinio da editorial Rodeira-Edebé.

Para obter máis información sobre o programa das xornadas e mais os trámites de inscrición, preme aquí.
13/11/2023. AXUDAS E PREMIOS

Convócase o VI Certame de podcasts en galego e portugués Xosé Mosquera Pérez

Un ano máis, o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e Arraianos Producións, en colaboración con Ponte... nas ondas!, organizan os Premios de podcast en galego e portugués Xosé Mosquera Pérez "O vello dos contos".

A este certame pode presentarse alumnado de primaria e secundaria de centros que impartan ensinanzas de galego de réxime xeral tanto dentro coma fóra de Galicia. Os participantes deberán elaborar un podcast inédito e orixinal, cunha duración de entre 3 e 5 minutos, relacionado coa escritora Luisa Villalta ou aspectos do patrimonio cultural de Galicia e norte de Portugal.

A solicitude de participación para os centros está aberta ata o 21 de decembro de 2023. Os traballos poden entregarse ata o 1 de maio de 2024. Consulta as bases da convocatoria.
13/11/2023. CURSOS E CONGRESOS

O Simposio do ILG 2023 céntrase nas identidades e ideoloxías lingüísticas

Entre o 28 e o 30 de novembro de 2023, o Instituto da Lingua Galega desenvolve unha nova edición do seu Simposio Anual. Nesta ocasión, a vixésimo terceira, o programa ofrece tres seccións: variación, contacto e cambio lingüísticos en situacións de minorización lingüística; identidades e ideoloxías lingüísticas; e diversidade lingüística.

A inscrición debe realizarse antes do 23 de novembro a través deste formulario.
10/11/2023. INVESTIGACIóN

Fernando Ramallo explica no seu novo libro que está a pasar co galego

O sociolingüista Fernando Ramallo formula no seu novo libro, que leva por título Que pasa co galego?, 32 preguntas coas que trata de explicar, de xeito sinxelo e didáctico, cal é a situación da lingua galega neste século XXI, ofrecendo unha reflexión crítica sobre diferentes aspectos de carácter sociolingüístico: os usos lingüísticos da mocidade, o papel dos neofalantes, os prexuízos lingüísticos, o papel do sistema educativo no proceso de normalización lingüística etc.

A obra está editada por Xerais e na súa páxina web podes consultar os principais datos bibliográficos, así coma un breve perfil do seu autor.
10/11/2023. INVESTIGACIóN

Nova guía didáctica sobre a figura de frei Martín Sarmiento

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) presenta a guía didáctica Frei Martín Sarmiento, elaborada no marco dos actos conmemorativos dos 250 anos do falecemento do sabio beneditino (1695-1772), que tiveron lugar o pasado ano 2022.

A guía, editada pola Editorial CSIC co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, estrutúrase en 15 bloques teóricos (coas súas respectivas actividades) e ten como obxectivo que o alumnado máis novo coñeza a obra e a figura do padre Sarmiento, así como a súa relevancia histórica nos ámbitos científico e lingüístico.

A obra conta cunha versión impresa e outra dixital. Esta última pode descargarse de xeito gratuíto na páxina web da Editorial CSIC.

Se precisas máis información, preme aquí.
10/11/2023. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse en Castro Caldelas os I Premios Foro do Bo Burgo

Mañá, 11 de novembro de 2023, ás 18:30 h, terá lugar na igrexa do Burgo (Castro Caldelas) o acto público de entrega dos I Premios Foro do Bo Burgo, promovidos polo Concello de Castro Caldelas e mais a Unidade Parroquial do Burgo para recoñecer a persoas físicas e xurídicas que destacan pola promoción do idioma galego e, ao tempo, conmemorar o 795 aniversario do Foro do bo burgo de Castro Caldelas (documento dado por Afonso IX en 1228 e redactado en galego).

Os/as galardoados/as nesta primeira edición son o doutor Eduardo López Collazo, a Fundación Vicente Risco, a escritora Helena Villar Janeiro, o arcebispo da diocese de Santiago monseñor Francisco José Prieto Fernández e a directora xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia Maria del Carmen Martínez Ínsua.

O acto contará tamén coa intervención do historiador Manuel Carrete, que explicará a importancia histórica do Foro, e coa actuación musical de Marcelo Dobode.

No Facebook do Concello de Castro Caldelas podes atopar máis información sobre esta iniciativa.
10/11/2023. OUTRAS

A Mesa pola Normalización Lingüística promove unha carta aberta aos membros da UE

O vindeiro 15 de novembro de 2023 terá lugar no Consello de Asuntos Xerais da Unión Europea o debate no que se tratará o recoñecemento do galego, o catalán e o éuscaro como linguas oficiais da UE. Con este motivo, a Mesa pola Normalización Lingüística promove unha carta aberta, dirixida aos estados membros da UE, na que lles piden que voten afirmativamente para que o galego sexa considerado tamén idioma oficial das institucións da Unión Europea.

A carta, que se publica coa sinatura de máis de 30 representantes de entidades públicas e sociais galegas, pode ser asinada a título particular por toda a cidadanía.

Na páxina web da Mesa podes ler o texto íntegro da carta.
10/11/2023. AXUDAS E PREMIOS

A Asociación Galega de Editoras, galardoada co VI Premio Xela Arias

O xurado do VI Premio Xela Arias acordou por unanimidade galardoar nesta sexta edición á Asociación Galega de Editoras, polo “labor e dedicación da AGE na promoción do libro galego e a visibilidade ao labor da tradución, cun diálogo aberto e directo entre profesionais e empresas”.

O Premio Xela Arias é unha iniciativa que promove anualmente a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) para recoñecer o labor de empresas, entidades ou persoas que contribúan á promoción do uso do galego no mercado da tradución e da interpretación.

Na páxina web da AGPTI podes ampliar información.
09/11/2023. OUTRAS

A RAG exhorta aos deputados/as galegos/as a usar o galego no Parlamento español

O plenario da Real Academia Galega acordou por unanimidade facer pública unha declaración institucional en relación ao uso do galego no Parlamento español. A RAG manifesta a súa satisfacción polo feito de que o Parlamento español, a través da reforma do seu regulamento, recoñeza oficialmente o dereito ao uso do galego, o éuscaro e o catalán nas súas sesións e no conxunto da actividade parlamentaria e “exhorta a todos os deputados e deputadas galegos nas Cortes españolas a que fagan uso do seu dereito a empregar o galego na súa actividade parlamentaria”.

Así mesmo, a RAG remata o comunicado manifestando a súa esperanza en que tamén cheguen a bo porto as xestións do goberno español para acadar a plena oficialidade do galego nas institucións da Unión Europea.

Para ler o texto completo da declaración, preme aquí.
08/11/2023. DINAMIZACIóN

Alingua presenta unha cartografía sensorial é un catálogo de referentes para a mocidade

Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, presenta dúas novas iniciativas no marco da súa campaña de promoción do galego É túa. Pásaa!.

A primeira delas está dirixida ao alumnado de educación secundaria. Trátase dun Catálogo de referentes (en continua actualización), que recolle figuras destacadas de diferentes ámbitos sociais e culturais que empregan o galego na súa vida cotiá e profesional. O catálogo complétase cunha guía didáctica para traballar na aula diferentes contidos transversais relacionados co uso do idioma.

A segunda das accións, neste caso dirixida á poboación xeral, é unha Cartografía sensorial, un espazo virtual que compila paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman Alingua. O obxectivo é amosar a diversidade paisaxística e lingüística de Galicia e, ao mesmo tempo, ofrecerlle á cidadanía un repositorio dixital para elaborar postais sonoras con mensaxes personalizadas en galego.

Para ampliar información, preme aquí.
07/11/2023. OUTRAS

A RAG estrea a serie documental Irmás na Fala

A Real Academia Galega estrea hoxe, 7 de novembro de 2023, ás 21:00 horas, na súa canle de Youtube a serie documental Irmás na Fala, coa que quere render homenaxe e divulgar a memoria das mulleres que formaron parte das Irmandades da Fala. A serie componse de catro episodios nos que se irá debullando a historia invisibilizada destas 200 irmandiñas, poñendo o foco nas biografías de Micaela Chao Maciñeira, María Miramontes, Elvira Bao, Amparo López Jeán e Emilia Docet.

Irmás na Fala está producida pola Real Academia Galega e realizada por Nós Televisión, co apoio do Concello da Coruña.
06/11/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resoltos os Premios á Calidade Lingüística da USC

A Universidade de Santiago de Compostela publica a listaxe de estudantes recoñecidos pola calidade lingüística dos seus traballos de curso de grao, fin de grao e fin de mestrado, ao abeiro do premio organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade e que cumpre xa a súa decimonovena edición.

Aos Premios presentáronse un total de 101 propostas. Podes consultar toda a información na acta do xurado.
03/11/2023. AXUDAS E PREMIOS

Premio Ramón Piñeiro Facer País para a cantautora Sés

A Asociación Val de Láncara outorgou a María Xosé Silvar, Sés, o XXI Premio Ramón Piñeiro Facer País, recoñecendo así o labor a prol da lingua e da cultura galega que realiza a través da súa música.

En palabras da secretaria da asociación: "É unha muller que pisa forte sobre os escenarios, moi fiel ás súas ideas que, sen se cinguir a un estilo concreto, mestura ritmos pero sempre en galego e a atender á identidade do pobo". Podes comprobalo navegando pola súa discografía.

03/11/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas a publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a resolución da convocatoria de subvencións para o ano 2023 destinadas a empresas que realizan publicacións periódicas escritas integramente en galego.

Podes consultar a listaxe de empresas beneficiarias premendo aquí.
02/11/2023. DINAMIZACIóN

Novembro volve ser o mes da ciencia en galego nas bibliotecas públicas

Xa podes consultar o amplo programa de actividades didácticas e divulgativas que van ter lugar no marco da iniciativa “Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas públicas – 2023”, que promove a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Igual ca en edicións anteriores, o programa de actividades está acompañado dun manifesto, que nesta ocasión asina Elena Vázquez Cendón, doutora en matemáticas, decana da Facultade de Matemáticas da USC, membro do Consello da Cultura Galega, presidenta do Estalmat-Galicia e Premio María Josefa Wonenburger no 2022.

A maiores, tamén atoparás en Internet unha compilación de recursos dixitais en lingua galega de temática científica: materiais didácticos e divulgativos; selección bibliográfica en Pinterest e maletas viaxeiras.

Na páxina web de Bibliotecas Escolares de Galicia atoparás toda a información sobre esta iniciativa.
02/11/2023. DINAMIZACIóN

Inauguración da exposición XII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

O vindeiro sábado, 4 de novembro de 2023, ás 12:00 h, terá lugar no auditorio do Museo do Pobo Galego a inauguración da exposición XII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, que promove a Fundación Antonio Fraguas Fraguas. Tras o acto inaugural, quedarán expostos no claustro alto do Museo os dous proxectos que resultaron gañadores na duodécima edición do certame:

- Ecoparloteo, froitos da terra, do CEIP Plurilingüe da Ramallosa (Teo), no que se traballan de xeito multidisciplinar contidos relacionados coa nosa lingua, música, historia, tradición, ecoloxía ou natureza autóctona.

-Ao son da oralidade. O noso patrimonio. Da pedra á palabra. Da prehistoria ao século XXI, presentado conxuntamente polo IES do Milladoiro (Ames) e o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), que ten como obxectivo achegar o alumnado ao patrimonio material e inmaterial da súa contorna (improvisación oral, toponimia, petróglifos...).
31/10/2023. EMPREGO

A Valedora do Pobo convoca unha bolsa para realizar tarefas lingüísticas

A Valedora do Pobo convoca unha bolsa destinada á formación en prácticas para colaborar na comunicación escrita, edición e asesoramento, corrección lingüística e tradución das diversas publicacións da institución. As persoas aspirantes deben estar en posesión do grao en Tradución e Interpretación, en que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega; grao en Lingua e Literatura Galegas; grao en Estudos de Galego e Español con itinerario en lingua galega e española; ou equivalentes. A bolsa terá unha duración dun ano e a persoa beneficiaria recibirá unha asignación de 1.300 euros mensuais, suxeitos á retención que legalmente proceda.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
31/10/2023. DINAMIZACIóN

Farmatermos: terminoloxía farmacéutica nas redes

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela promove a iniciativa #farmatermos, que ten como obxectivo divulgar a través das redes sociais a terminoloxía farmacéutica de uso máis común. Cada semana divulgarase unha imaxe cun termo farmacéutico, acompañado dunha ligazón ao bUSCatermos, para quen desexe ampliar información.

A colección estréase co termo comprimido.
27/10/2023. DINAMIZACIóN

Alexander Fleming e Domingo García-Sabell serán os homenaxeados no XIV Día da Ciencia en Galego

No XIV Día da Ciencia en Galego, que este ano leva por título “Saúde para todos”, renderáselles homenaxe ao científico británico Alexander Fleming, que pasou á historia por ser o descubridor da penicilina, e mais ao médico e intelectual galego Domingo García-Sabell. No marco desta conmemoración, Igaciencia organizará ao longo de todo o mes de novembro unha serie de videoconferencias didácticas dirixidas a centros de ensino galegos, especialmente aos de secundaria. Serán as seguintes:

- A Física de partículas no século XXI, impartida por Diego Martínez Santos. Data: 3 de novembro, ás 12:00 horas.
- Historia de vocación dun médico reumatólogo, impartida por Fco. Javier de Toro Santos. Data: 17 de novembro, ás 12:00 horas.
- A complexidade escondida no miúdo, impartida por Mónica Cartelle Gestal. Data: 24 de novembro, ás 12:30 horas.

O prazo de inscrición para asistir en liña a estas charlas remata unha semana antes da súa emisión.
27/10/2023. CURSOS E CONGRESOS

Congreso internacional “Patrimonio cultural inmaterial e educación”

Transcorridas xa dúas décadas da aprobación da Convención para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial (PCI) da Unesco, a Asociación Ponte... nas Ondas!, a Universidade de Vigo, a Universidade de Trás-Os-Montes e Alto Douro e mais o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo organizan o congreso internacional “Patrimonio cultural inmaterial e educación”, no que se reflexionará sobre o papel do ensino superior na identificación, valoración, interpretación e dinamización do PCI galego-portugués. As sesións terán lugar os días 16, 17 e 18 novembro de 2023 en Ourense e en Vilarelho da Raia (Chaves, Portugal).

Para coñecer o programa completo do congreso e obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
27/10/2023. INVESTIGACIóN

Proxecto de investigación para aprender a falar galego en Madrid

No marco do proceso de elaboración da súa tese doutoral, a investigadora Vera Santomé está a organizar un proxecto sociolingüístico que ten como obxectivo construír horizontalmente un espazo seguro no que os/as participantes (que deben ter entre 18 e 30 anos) poidan falar galego en Madrid e, ao mesmo tempo, contribuír a que persoas de diferentes lugares tamén aprendan o noso idioma empregando as redes sociais.

No marco deste proxecto desenvolveranse entrevistas individuais e grupos de discusión para decidir como van usarse as redes sociais e para deseñar conxuntamente os obradoiros presenciais que van organizarse no segundo semestre do curso (2024).

Se estás interesado/a en participar, podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
27/10/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios San Martiño de Normalización Lingüística 2023

O Padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística fixo públicos os/as galardoados/as da súa trixésimo segunda edición. Na categoría “Comarca de Tabeirós-Terra de Montes”, o premio foi para a Pastelería Mimela, xestionada por Antonio Sanmartín Chao. Na categoría “Galicia enteira” recibe o premio desta edición o programa da Televisión de Galicia (TVG) Dígocho eu. Por último, o obradoiro de gaitas García de Riobó foi o galardoado na categoría “Toda unha vida”.

O acto de entrega destes premios que promove o Concello da Estrada, terá lugar o 15 de novembro, ás 20:30 h, no Teatro Principal da Estrada.
27/10/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resolución provisional das axudas da Deputación da Coruña para o audiovisual en galego

A Deputación da Coruña publica a resolución pola que se aproban de xeito provisional as subvencións para a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galga na provincia da Coruña durante o ano 2023.

A partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, abrirase un prazo de 10 días hábiles para que os solicitantes poidan comunicar, se é o caso, a desistencia da solicitude, presentar solicitude de reformulación, alegacións ou emenda de erros. [Ver a resolución definitiva].
26/10/2023. OUTRAS

Datas e lugares das probas para a obtención do Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) anuncia as datas e lugares de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 2, 3 e 4), que foron convocadas ao abeiro da resolución publicada no DOG do pasado 4 de setembro de 2023.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela (IES Antonio Fraguas Fraguas) e Ponferrada (na Escola Oficial de Idiomas da localidade) nas seguintes datas:

-Celga 2: 28 de novembro de 2023
-Celga 3: 25 de novembro de 2023
-Celga 4: 18 de novembro de 2023 para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece polas letras V, W, X, Y, Z, A, B, C, D, E, F e G; e 19 de novembro de 2023 se o primeiro apelido empeza por H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T e U.
25/10/2023. DINAMIZACIóN

A Escola da Regueifa de Carballo medra con novas propostas

Un ano despois da súa creación, a Escola da Regueifa de Carballo duplica participantes e acumula premios que recoñecen o seu labor a prol da preservación e difusión da regueifa, así como de asegurar o relevo xeracional.

Froito desde impulso, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, responsable da escola, propón novas actividades como a xornada para aprender sobre regueifa bailada e decoración de regueifas, da man da Escola do Alprende. Se estás interesada ou interesado, a cita é o 27 de outubro, ás 19 h, no mercado municipal. Acceso libre.
24/10/2023. DINAMIZACIóN

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística promove un acto de restauración da memoria lingüística

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) promove, un ano máis, o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades, e facer pedagoxía sobre a incoherencia de enterrar os falecidos con lápidas escritas nun idioma diferente ao que falaban en vida.
Con este motivo e ante a proximidade da celebración do Día de Defuntos, o vindeiro sábado 28 de outubro terá lugar un acto simbólico na igrexa e cemiterio de Amoedo (Pazos de de Borbén) no que se substituirá a lápida de Marisol Míguez e Raúl Pereira por outra en galego, en coherencia co labor a prol da cultura galega que este matrimonio desenvolveu en vida. No acto participarán os seus familiares, o abade da parroquia, o alcalde do Concello e mais a secretaria da AFNLG. De poñer a música ocuparanse Óscar Franco, que tocará a zanfona, e mais Mateo Vázquez, que compuxo expresamente para a ocasión a peza Repenique da Galeguidade.
24/10/2023. DINAMIZACIóN

Aprender galego "de tranquis" na Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo lanza unha campaña para axudar a sumarse ao galego ás persoas da comunidade educativa, sexa cal sexa o seu dominio e as súas posibilidades de empregalo.

#GalegoDeTranquis, que é o cancelo para as redes sociais, anima a falar e escribir en lingua galega sen afogos, sen presión e como un acto voluntario. Suxire formas de apropiarse do idioma ao ritmo que cada persoa decida, a través de mensaxes que aparecerán en distintos espazos dos campus e do labor de voluntarios e voluntarias.

Se queres coñecer mellor a campaña, aquí tes as claves.
20/10/2023. AXUDAS E PREMIOS

Axuntar premia a Rodrigo Cuevas pola súa defensa do galego

A Xunta Directiva de Axuntar, asociación prá normalización del galego de Asturias, acordou o pasado mes de setembro crear os Premios Folgueira, co ánimo de recoñecer publicamente as persoas, institucións ou iniciativas que traballan a prol da dignificación do galego en Asturias. Nesta primeira edición, o galardoado co Premio Folgueira 2023 foi o artista multidisciplinar Rodrigo Cuevas. Así mesmo, Axuntar acordou premiar na categoría Folgueira Dixital a Juan Carlos Riopedre Villa, responsable do equipo informático que elaborou o sitio web axuntar.eu; e recoñecer como Socio de Honor a Benigno Fernández Braña.

Os galardóns entregaranse o vindeiro 28 de outubro de 2023 na Casa da Cultura de Boal, ás 16:00 h, no transcurso do acto público de presentación do II Informe sobre a lingua del Eo-Navia. Bilingüismo en Asturias.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
19/10/2023. DINAMIZACIóN

Novos adhesivos de Alingua para Whatsapp e Telegram

A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua) ofrécenos unha nova entrega de adhesivos para empregar nas conversas de Whatsapp ou Telegram. Trátase das coñecidas ilustracións (denominadas en inglés “stickers”) que empregamos habitualmente nas conversas para expresar mensaxes curtas ou sentimentos dun xeito instantáneo.

Podes descargar os novos adhesivos de Alingua nas seguintes ligazóns:

-Adhesivos para Whatsapp.

-Adhesivos para Telegram.
19/10/2023. DINAMIZACIóN

Concurso escolar para elaborar a exposición das Letras Galegas 2024

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso para elaborar a exposición sobre Luísa Villata, a autora homenaxeada o Día das Letras Galegas 2024, dirixido aos centros de ensino público non universitario. Os/as participantes deben elaborar unha exposición relacionada coa obra, época e lingua de Luísa Villalta, e/ou a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviu. O concurso consta de dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes (educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial). Outorgarase un premio en metálico de 2.000 euros para cada categoría.

O prazo de presentación dos traballos remata o 19 de xaneiro de 2024.

Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.