Novas da lingua

Rexistros91 a 120 de 5280
16/10/2025. OUTRAS

O CCG presenta o informe coas conclusións do foro “Un país coa súa lingua”

O Consello da Cultura Galega presentou publicamente hoxe, 16 de outubro de 2025, o informe que recolle as conclusións do foro “Un país coa súa lingua”, deseñado para fomentar un diálogo aberto e plural sobre o futuro do galego. O proxecto, de carácter propositivo, estruturouse arredor de sete mesas de traballo nas que se debateu sobre o futuro da lingua e se propuxeron accións normalizadoras en ámbitos como a educación, a administración, a economía, os medios, a cultura e a sociedade.

O documento está accesible en liña na páxina web do CCG.
16/10/2025. OUTRAS

Proba en liña para a obtención do Certificado de lingua galega 4 (Celga 4)

A Secretaría Xeral da Lingua convoca unha proba en liña para a obtención do Certificado de lingua galega 4 (Celga 4). Poderán participar nas probas todas as persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras.

A proba terá lugar no cuarto trimestre de 2025, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. A data concreta será debidamente publicada no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua.

O prazo de inscrición será de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

XXI Xornada Científica REALITER. Terminoloxía e cambio social

A Rede Panlatina de Terminoloxía (REALITER), o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo de Terminoloxía Galega (TERMIGAL) do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades están a organizar a XXI Xornada Científica REALITER «Terminoloxía e cambio social», no que se debaterá sobre a repercusión que os cambios sociais dos últimos tempos teñen tanto no desenvolvemento do traballo terminolóxico coma no propio produto e na súa difusión.

As sesións terán lugar o 23 e 24 de outubro de 2025 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 22 de outubro.
15/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

Seminario sobre os dereitos lingüísticos na Administración de Xustiza

A Área de Normalización Lingüística e a Facultade de Dereito da Universidade de Vigo organizan o seminario O dereito tamén en galego. Dereitos lingüísticos na administración de xustiza, que terá lugar o 17 de outubro de 2025 na Facultade de Dereito da UVigo (campus de Ourense).

A actividade ten como obxectivo reflexionar sobre o uso do galego no exercicio das profesións xurídicas e está dirixida especialmente a alumnado, docentes e investigadores/as do Grao en Dereito e do plan conxunto ADE-Dereito, así como a profesionais do ámbito xurídico.

Podes consultar o programa completo premendo aquí.
14/10/2025. AXUDAS E PREMIOS

Bases da convocatoria de axudas para os SNL das entidades locais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica as bases reguladoras da convocatoria de subvencións dirixidas aos concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades e outras entidades locais da provincia da Coruña, para contribuír ao financiamento do persoal técnico de normalización lingüística durante o ano 2026.

Poderán participar todos os concellos da provincia da Coruña de 5000 ou máis habitantes, ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima. No caso dos concellos sometidos ao réxime de organización de municipios de gran poboación, só poderán ser beneficiarios os que teñan máis dunha persoa técnica de normalización lingüística cun posto de traballo recollido na relación de postos de traballo ou instrumento de ordenación de persoal que corresponda.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 21 de novembro de 2025, segundo consta no extracto da convocatoria publicado no BOP do 20 de outubro.
13/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

A USC organiza unha nova edición das Xornadas “Educación e linguas”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organizan unha nova edición das Xornadas “Educación e linguas”, nas que se debaterá sobre a situación actual e os desafíos da normalización lingüística no ámbito educativo e se presentarán diferentes iniciativas e campañas de promoción do uso do galego implementadas neste ámbito nos últimos anos.

As sesións desenvolveranse os días 29 e 30 de outubro de 2025 na Facultade de Ciencias da Educación da USC.

A inscrición é de balde e podes facela a través deste formulario.
13/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

XVII Xornada de recursos educativos en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago organiza a XVII Xornada de recursos educativos en galego, que terá lugar o 30 de outubro de 2025 na Facultade de Ciencias da Educación da USC. Nesta edición o fío condutor das diferentes intervencións será o aproveitamento das novas tecnoloxías para a promoción dos recursos didácticos en galego.

A xornada está dirixida nomeadamente ao alumnado e o PDI da Facultade de Ciencias da Educación da USC, pero tamén a calquera profesional interesado/da no tema.
13/10/2025. AXUDAS E PREMIOS

O VIII Premio Xela Arias recoñecerá o labor de promoción do galego no sector da tradución e a interpretación

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) convoca a oitava edición do Premio Xela Arias, creado para recoñecer o labor de empresas, entidades ou persoas que contribúan á promoción do uso do galego no mercado da tradución e da interpretación.

Todas as persoas interesadas en presentar candidaturas teñen de prazo ata o vindeiro 29 de outubro de 2025 para enviar un correo electrónico a info@agpti.org co nome da candidata ou candidato e os motivos polos que se considera que merece o premio.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
10/10/2025. EMPREGO

Bolsa de formación no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames

O Concello de Ames, a través da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), convoca unha bolsa Feuga para realizar prácticas no seu Servizo de Normalización Lingüística durante un ano (do 10 de novembro de 2025 ao 9 de novembro de 2026), a xornada completa.

Poden presentarse todas aquelas persoas que teñan o título de grao en Lingua e Literatura Galegas e ademais cumpran estes dous requisitos:

-Que non transcorreran máis de tres anos desde que estiveron vinculadas coa Universidade (nun grao ou nun máster).
-Que non estiveran traballando cun contrato no que lles requirisen estar en posesión do grao en Lingua e Literatura.

O prazo para presentar as solicitudes remata o 22 de outubro de 2025, ás 14:00 horas.

Podes acceder a formulario de inscrición premendo aquí.
10/10/2025. DINAMIZACIóN

A Universidade de Vigo organiza unha nova edición do ciclo “A lingua galega no cinema”

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo organiza a segunda edición do ciclo "A lingua galega no cinema", que se desenvolverá entre o 15 de outubro e o 5 de novembro de 2025 na sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia (edificio Cambón, Vigo).

O programa inclúe a proxección de tres longametraxes (Filmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño; Antes de nós, de Ángeles Huerta; e Prefiro condenarme, de Margarita Ledo) e unha selección das curtametraxes galegas máis premiadas dos últimos anos (Na pel da memoria, de Coral e Laura Piñeiro; To bird or not to bird, de Martín Romero; Histeria do meu pequeno mundo, de Pablo Fontenla; Pura, de Carmen Méndez; e Abellón, de Fon Cortizo).

Tras as proxeccións organizaranse unha serie de charlas-coloquio que permitirán reflexionar sobre a presenza da lingua galega no ámbito do cinema.

A entrada é de balde ata completar a capacidade da sala.

No Diario da Universidade de Vigo podes ampliar información.
09/10/2025. AXUDAS E PREMIOS

A CTNL convoca os VII Premios Mil Primaveras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca, en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, a sétima edición dos Premios Mil Primaveras, co obxectivo de recoñecer e difundir exemplos de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística.

Poden optar a estes galardóns as accións, campañas, programas e proxectos que teñan como obxectivo principal fomentar a lingua e incrementar o seu uso e/ou prestixio e que foran desenvolvidos total ou parcialmente en 2022, 2023, 2024 e/ou 2025. O xurado seleccionará un máximo de catro iniciativas, sen establecer ningunha xerarquía entre os premios que se outorguen.

O prazo para a inscrición dos proxectos, que debe tramitar a propia entidade ou persoa organizadora da iniciativa, remata o 31 de xaneiro de 2026.

Para consultar o texto completo das bases da convocatoria, preme aquí.
09/10/2025. DINAMIZACIóN

O XVI Día da Ciencia en Galego porá o foco nas ciencias e tecnoloxías cuánticas

A Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) convida un ano máis a toda a comunidade educativa a conmemorar o XVI Día da Ciencia en Galego, que neste ano 2025 porá o foco na celebración do “Ano Internacional das Ciencias e Tecnoloxías Cuánticas”. Con todo, as temáticas a tratar nas diferentes conferencias didácticas que se ofertan aos centros de ensino son variadas, pois ademais da física cuántica, tamén se tocará o tema do glaciarismo (con motivo do Ano Internacional da Preservación dos Glaciares) ou da xenómica.

Na páxina web de Igaciencia xa podes consultar o programa de conferencias didácticas organizadas no mes de novembro co patrocinio da Xunta de Galicia, así como acceder ao formulario de inscrición. Serán impartidas por Marta Vila, que falará de glaciarismo o 6 de novembro; por Jorge Mira, que falará da mecánica cuántica e da teoría da relatividade o 20 de novembro; e por Ángel Carracedo, que falará de xenómica o 25 de novembro.

Xa no mes de decembro, concretamente o día 5, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo, Igaciencia organiza a conferencia “125 anos de Física Cuántica”, impartida por Cibrán Santamarina, á que tamén están convidados os centros de ensino.

08/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

III Xornadas de actualización en lingua galega e literatura no ensino

O Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) da Universidade da Coruña organiza as III Xornadas de actualización en lingua galega e literatura no ensino, baixo a coordinación dos profesores Cilha Lourenço Módia e Xoán López Viñas. As sesións desenvolveranse en horario de tarde o vindeiro 14 de outubro de 2025 na Facultade de Filoloxía da UDC.

Podes consultar o programa completo premendo aquí.
07/10/2025. DINAMIZACIóN

Nova edición de "Teatro con lingua" en Pontevedra

Se tes entre 18 e 30 anos e che interesa practicar o galego facendo teatro, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra ten unha proposta para ti: o grupo teatral “Teatro con Lingua”, unha iniciativa que busca dinamizar o uso do galego entre a mocidade a través do teatro amador improvisado.
Os ensaios terán lugar no Centro Sur (Campolongo) de outubro de 2025 a maio de 2026 (os mércores de 19 h a 21 h).

Podes ampliar información sobre esta iniciativa, así como sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.
07/10/2025. DINAMIZACIóN

O certame “Vémolo Nós 2025” xa ten gañadores

A terceira edición do concurso de vídeos “Vémolo Nós”, un certame deseñado para fomentar o uso do galego como lingua de divulgación científica, xa ten gañadores. Os vídeos que recibiron o primeiro premio nas diferentes categorías desta edición de 2025 foron: Mens sana in bacteria sana, de Marta Trillo, na categoría “Divulgación do coñecemento”; e Un estudante como ti, de Iker Fernández, na categoría “Descubrindo a USC”.

Podes ver todos os traballos galardoados (tanto co primeiro coma co segundo premio) na páxina do SNL da USC.
07/10/2025. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a investigación en galego na Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo anuncia a convocatoria de axudas ao alumnado que presentase e defendese en galego a tese de doutoramento (TD), o traballo de fin de grao (TFG) ou o traballo de fin de mestrado oficial (TFM) na UVigo entre o 16 de setembro de 2024 e o 15 de setembro de 2025. Quedan excluídos os TFG do grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos literarios (módulo de lingua galega), do grao en Tradución e Interpretación (Galego-Inglés) e do grao en Tradución e Interpretación (Galego-Francés).

O prazo de presentación das solicitudes para optar a estas axudas estará aberto ata o 9 de outubro de 2025.

Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí. Tamén podes obter máis información sobre esta iniciativa no Diario da Universidade de Vigo.
06/10/2025. OUTRAS

A Universidade de Vigo promove unha mostra sobre os videoxogos en galego

Durante os vindeiros meses poderase visitar en diferentes institutos de educación secundaria da provincia de Pontevedra a exposición “O videoxogo en galego”, un proxecto promovido pola Universidade de Vigo para darlle visibilidade aos videoxogos desenvolvidos orixinalmente ou traducidos ao galego, así como para reivindicar a importancia desta industria cultural para a normalización do noso idioma.

A mostra inclúe pezas expositivas en formato físico e dixital, materiais informativos e un catálogo divulgativo. De xeito complementario, desenvolveranse tamén obradoiros e charlas co alumnado.

No Diario da Universidade de Vigo podes ampliar información sobre esta iniciativa.
06/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de deseño e presentación de proxectos de normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza o Obradoiro de deseño e presentación de proxectos de normalización lingüística “Da idea á forma”, unha nova actividade formativa na que poderás adquirir as competencias necesarias para deseñar accións concretas e executables, dirixidas a incidir no futuro do uso e do prestixio da lingua galega.

O obradoiro será impartido por Nel Vidal Barral, docente e impulsor de diferentes proxectos de normalización lingüística, e as sesións presenciais terán lugar os días 7 e 13 de novembro de 2025, de 16:30 h a 20:30 h, na Facultade de Filoloxía da USC.
A inscrición estará aberta ata o 26 de outubro.

Na páxina web da CTNL tes toda a información sobre os contidos e mais os trámites de inscrición.
06/10/2025. DINAMIZACIóN

Chega unha nova edición do LGx15

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua presenta a nova edición do LGx15, un proxecto pensado para difundir, a través de charlas breves e amenas, argumentos e experiencias inspiradoras para o futuro do galego.

Nesta edición de 2025 os participantes serán Carlos Callón, María Maroño, Miguel López del Pueyo, Mariña Lema, Artur Trillo e Fátima Pego. Da condución do acto, a música e a poesía ocuparase Cintaadhesiva.

O acto terá lugar o sábado 25 de outubro de 2025, ás 18:30 h, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Podes conseguir xa a túa entrada, a través da venda anticipada, premendo aquí.
03/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

O Simposio ILG 2025 analiza as oportunidades e riscos da IA para o futuro do galego

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela organiza o Simposio ILG 2025, que nesta edición leva por título “A intelixencia artificial e a lingua galega”. No transcurso das sesións analizarase o salto tecnolóxico producido nos últimos anos pola intelixencia artificial (IA), así como os riscos e as oportunidades que a IA representa para o futuro do galego.

As sesións desenvolveranse os días 18, 19 e 20 de novembro de 2025 no salón de graos da Facultade de Filoloxía da USC.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 13 de novembro de 2025.
03/10/2025. DINAMIZACIóN

O Concello de Ames organiza o VI Certame Galetiktokers

O Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Mocidade do Concello de Ames convocan a sexta edición do Certame Galetiktokers, co obxectivo de estimular a creatividade, fomentar a creación de vídeos en galego con novos formatos e darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers.

Poderán participar todas as persoas a partir dos 13 anos de idade, que presenten vídeos de creación propia, de temática libre, difundidos a través da aplicación TikTok ou dos reels de Instagram, cunha duración de entre 15 e 60 segundos. Os vídeos deben estar en lingua galega (con presenza oral, escrita ou musical).

Outorgaranse seis premios de 300 euros. O prazo de inscrición remata o 30 de outubro de 2025.

Como actividade complementaria organizaranse xornadas de formación nos centros de ensino secundario do concello de Ames.

Podes ampliar información premendo aquí.
03/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de introdución á lingua e á cultura galegas na Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia organizan dous cursos de introdución á lingua e cultura galegas, dirixidos a persoas maiores de 16 anos que se achegan por primeira vez ao noso idioma.

O primeiro curso impartirase no Centro Cívico Sagrada Familia do 13 ao 24 de outubro de 2025, de luns a venres en horario de mañá (das 10:00 ás 12:00 horas).

O segundo curso terá lugar no Centro Sociocultural Ágora, do 3 ao 14 de novembro de 2025, de luns a venres en horario de tarde (das 17:00 ás 19:00 horas).

Na páxina web do SNL do Concello da Coruña podes ampliar información sobre os trámites de inscrición.
03/10/2025. OUTRAS

Charla de Xosé-Enrique Costas sobre as falas de orixe galega do Val do Ellas

O Instituto de Estudos Miñoráns organiza o faladoiro “Orixe e actualidade das Falas Galegas do Val do Rio Ellas”, no que o profesor Xosé-Enrique Costas falará das falas de orixe galega usadas nos concellos de Valverde, As Ellas e San Martiño de Trebello, no noroeste de Cáceres.

A charla terá lugar hoxe, 3 de outubro de 2025, ás 20:00 h, en Gondomar (Aula Ponte de Rosas. Avenida da Feira, 10).
03/10/2025. DINAMIZACIóN

Concurso escolar para elaborar a exposición das Letras Galegas

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia convoca un concurso para elaborar a exposición sobre Begoña Caamaño, a autora homenaxeada o Día das Letras Galegas 2026, dirixido aos centros de ensino público non universitario. Os/as participantes deben elaborar unha exposición relacionada coa obra e o percorrido biográfico da autora, así como sobre a situación sociolingüística do momento en que viviu. O concurso consta de dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes (educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial). Outorgarase un premio en metálico de 2.000 euros para cada categoría.

O prazo de presentación dos traballos remata o 23 de xaneiro de 2026.

Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
03/10/2025. DINAMIZACIóN

CIG-Ensino promove a campaña “Eu ensino en galego”

O sindicato CIG-Ensino promove a campaña “Eu ensino en galego”, unha iniciativa coa que pretenden fomentar o compromiso do colectivo docente para que se converta en axente activo da normalización lingüística no ámbito educativo e, ao mesmo tempo, poñer o foco nos efectos nocivos do Decreto do Plurilingüístico durante os últimos 15 anos.

No marco desta campaña estanse a distribuír nos centros escolares chapas, adhesivos, calendarios de mesa e de peto, carteis e unha Guía para a posta ao día do Proxecto Lingüístico de Centro (PLC), en formato físico e dixital. Podes acceder a todos estes materiais premendo aquí.

Na páxina web da CIG-Ensino atoparás toda a información sobre a campaña.
30/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Xa podes inscribirte nos XXVII Encontros para a Normalización Lingüística

O vindeiro 21 de outubro van ter lugar os XXVII Encontros para a Normalización Lingüística, a nosa cita anual para o encontro, o debate e a reflexión sociolingüística, que nesta ocasión porá o foco en dous axentes fundamentais no proceso de normalización do noso idioma: os servizos de normalización lingüística (SNL) da Administración pública e mais os equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) dos centros de ensino. O seu labor estratéxico e a súa longa traxectoria demandan unha análise profunda que permita coñecer a súa situación actual e facer novas propostas para enfrontar os retos do futuro.

A xornada rematará coa actuación especial de Regueifa Tour, na que un grupo de adolescentes festeiras nos amosarán o poder transformador da improvisación oral.

A inscrición é gratuíta e as prazas (limitadas a 100) cubriranse por orde de chegada das solicitudes.

Na páxina web do CCG podes consultar o programa completo e mais acceder ao formulario de inscrición.

30/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de creación de contidos dixitais en galego

No marco do proxecto Youtuberas+, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza un obradoiro de creación de contidos dixitais en galego dirixido a persoas maiores de 16 anos que queiran comezar a crear contido de calidade en galego nas redes sociais.

O obradoiro será impartido por Nuria Espasandín (Toxío) e por Laura Veiga (Pingando), e desenvolverase no centro cívico social do Alto, o 9 de outubro, de 18:00 a 19:40 h.

Para ampliar información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.
30/09/2025. DINAMIZACIóN

Lamatumbá protagonizará o AgoraSón do outono de 2025

O Servizo de Normalización Lingüística e as Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña conmemorarán o Día das Bibliotecas organizando unha nova edición do programa AgoraSón, unha iniciativa que ten como principais obxectivos fomentar a lectura en lingua galega e promover o préstamo bibliotecario de materiais no noso idioma (libro, película, CD...). A principal acción do programa é a celebración dun concerto e nesta edición do outono 2025 o protagonista é o grupo musical Lamatumbá, que actuará o vindeiro 17 de outubro, ás 21:00 h, no Centro Sociocultural Ágora.

A entrada é de balde, mais cómpre ter invitación. A partir do venres 10 de outubro entregaranse un máximo de dous convites por carné de socia/o das Bibliotecas Municipais da Coruña ao solicitar un préstamo de material en galego.

Na páxina web do SNL do Concello da Coruña tes máis información.
30/09/2025. OUTRAS

O Consello das Linguas Oficiais coordinará o uso dos idiomas oficiais na Administración Xeral do Estado

O Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática creou, a través do Real Decreto 798/2025, do 9 de setembro, o Consello das Linguas Oficiais, un órgano colexiado dedicado á análise, o impulso e a coordinación técnica da Administración Xeral do Estado en relación co uso das linguas oficiais.

Así mesmo, este mesmo Real Decreto recolle tamén a creación da Oficina para as Linguas Oficiais, concibida como unha “unidade permanente de asistencia e apoio ao Consello”, que se dedicará ao estudo, promoción, asesoramento, planificación e constatación do uso dos idiomas oficiais na Administración Xeral do Estado.

Podes ampliar información premendo aquí.
30/09/2025. DINAMIZACIóN

O Foro Enrique Peinador organiza un acto de galeguidade empresarial

O vindeiro 18 de outubro de 2025, ás 12:30 h, na sede da Adega Terras de Asorei (San Martiño de Meis) terá lugar o acto Medrando co galego. Economía e compromiso coa identidade, no que se porá de manifesto a importancia da galeguidade empresarial como ferramenta de compromiso social, cultural e económico.

O evento, que contará tamén coa actuación musical de María do Ceo, está organizado polo Foro Enrique Peinador, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a Adega Terras de Asorei.