Novas da lingua

Rexistros901 a 930 de 5153
06/10/2023. OUTRAS

Manuel María entra no Álbum de Galicia

O Consello da Cultura Galega incorpora ao Álbum de Galicia a entrada do escritor Manuel María (Outeiro de Rei, 1929 – A Coruña, 2004), cun texto biográfico asinado por Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María de Estudos Galegos.

A esta colaboración, engádeselle unha selección de documentación, materiais audiovisuais e referencias web de entre a inxente produción que Manuel María, figura fundamental da cultura galega do século XX, orixinou co seu labor literario e activista.

06/10/2023. DINAMIZACIóN

Convocado o concurso #DígochoEu 2023-2024

A Compañía de Radio Televisión de Galicia convoca a terceira edición do concurso #DígochoEu, dirixido a centros escolares de Galicia (educación primaria e secundaria), ou de fóra de Galicia que impartan a materia de lingua galega. O profesorado interesado en participar debe enviar un bosquexo de guión para un capítulo do #DígochoEu dunha duración inferior a 1 minuto, usando a lingua galega e contando coa participación activa do alumnado. Tras seleccionar as 12 propostas máis orixinais e creativas, o equipo do #DígochoEu elaborará o guión definitivo e acudirá ao centro para gravar os episodios. Unha vez emitidos, previsiblemente en maio de 2024, un xurado profesional independente outorgará tres premios (de 500, 300 e 200 euros) en cada unha das categorías (primaria e secundaria).

O prazo de presentación de candidaturas remata o 31 de outubro de 2023.

Podes consultar as bases completas e obter máis información sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.
05/10/2023. EMPREGO

Bolsa de formación no SNL do Concello de Ames

O Concello de Ames, a través do programa de formación da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), convoca unha bolsa para realizar prácticas no seu Servizo de Normalización Lingüística durante doce meses. Poden presentarse todas aquelas persoas que teñan o título de grao en Lingua e Literatura Galegas, posúan coñecementos sobre o manexo de procesadores de texto e teñan o carné de conducir. A maiores, para optar a unha bolsa FEUGA é preciso ser menor de 31 anos, que non transcorreran máis de 3 anos desde a obtención da última titulación universitaria e carecer de experiencia laboral relacionada coa titulación.

O prazo para presentar as solicitudes remata o 20 de outubro de 2023, ás 14:00 horas.

Para ampliar información, preme aquí.
05/10/2023. DINAMIZACIóN

O colectivo Brincarmos promove o Día da Crianza Galegofalante

A Fundaçom Artábria presentou publicamente onte, 4 de outubro, o colectivo Brincarmos, nacido no seo desta entidade cultural co obxectivo de darlle visibilidade aos nenos e nenas galegofalantes da comarca de Ferrol e reivindicar o seu dereito a medrar en galego.

A primeira iniciativa do colectivo Brincarmos será a celebración do Día da Crianza Galegofalente, que terá lugar o vindeiro sábado 7 de outubro, no centro cívico de Canido (Ferrol), cun amplo programa de actividades que podes consultar no Facebook da Fundaçom Artábria.
05/10/2023. AXUDAS E PREMIOS

Música e poesía galego-portuguesas na gala ari[t]mar 2023

O vindeiro 10 de outubro, a partir das 20:30 horas, terá lugar no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, a gala ari[t]mar 2023, na que se fará entrega dos premios da música e da poesía galego-portuguesas. Os galardoados desta edición son Fillas de Cassandra, Retimbrar, Arancha Nogueira, Maria Isabel Fidalgo e a Associação José Afonso.

A cerimonia, de entrada libre ata completar o aforo, contará coas actuacións musicais do dúo vigués Fillas de Cassandra e os portuenses Retimbrar.

Ari[t]mar é un proxecto didáctico e cultural organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega da EOI de Santiago, en colaboración cos Departamentos de Galego e de Portugués da escola. O seu obxectivo é divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade.
05/10/2023. CURSOS E CONGRESOS

Exposición sobre a riqueza do idioma galego na Alameda de Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza, no marco do programa FalaRedes que promove a Xunta de Galicia, unha exposición que leva por título "Orgullo da nosa lingua: o galego é un tesouro para compartir". A mostra, que pode visitarse na Alameda de Castelao ata o vindeiro 8 de outubro de 2023, estrutúrase en cinco paneis con información sobre o noso idioma, os seus aspectos máis característicos e a súa evolución. O público visitante poderá facer unha visita guiada, interactuar a través de xogos e optar a diferentes premios.

Para ampliar información, preme aquí.
03/10/2023. INVESTIGACIóN

O CCG presenta o volume “Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional”

O Consello da Cultura Galega (CCG) presenta a publicación Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, editada por María Álvarez de la Granja e Marta Negro Romero. O volume estrutúrase en dúas seccións: unha primeira que compila estudos nos que se explotan os datos contidos nos recursos documentais “Patrimonio léxico da Gallaecia” (PLG) e “Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués” (TLPGP), e unha segunda que xunta unha serie de experiencias didácticas relacionadas coa recolleita de léxico patrimonial.

A publicación está accesible (tanto para a súa consulta en liña como para a descarga) no sitio web do CCG.
03/10/2023. DINAMIZACIóN

O alumnado de primaria da Coruña descubre a maxia das palabras

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza, no marco do proxecto Falamos primaria, o espectáculo "Mil maxias máis", do Mago Antón, dirixido ao alumnado de primaria (a partir de 3º curso) dos CEIP públicos da cidade. Os obxectivos da iniciativa son a galeguización do sistema educativo, a creación de espazos de uso para o galego no ámbito escolar e o fomento do seu uso a través do xogo. As funcións terán lugar o 18 de outubro de 2023 no auditorio do Centro Ágora.

Na páxina web do SNL do Concello da Coruña tes máis información sobre os trámites de inscrición.
03/10/2023. CURSOS E CONGRESOS

Curso sobre a xestión de recursos públicos desde un SNL

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza o curso “Os SNL como centros xestores de recursos públicos”, co obxectivo de que os técnicos/as de normalización lingüística coñezan mellor a xestión pública e poidan desenvolver de xeito eficaz e seguro os trámites administrativos habituais dun SNL: expedientes administrativos, contratos, subvencións, orzamentos etc. O curso será impartido por Mónica Legaspi, licenciada en Ciencias Económicas e Dereito e interventora da Deputación de Ourense, e terá lugar os días 6, 9 e 14 de novembro de 2023 en Santiago de Compostela.

O prazo de inscrición estará aberto entre os días 5 e 25 de outubro de 2023.

Para obter máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, preme aquí.
02/10/2023. AXUDAS E PREMIOS

A CTNL convoca os V Premios Mil Primaveras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca a quinta edición dos Premios Mil Primaveras, co obxectivo de recoñecer e difundir exemplos de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística. Poden optar a estes galardóns as accións, campañas, programas e proxectos que teñan como obxectivo principal fomentar a lingua e incrementar o seu uso e/ou prestixio e que foran desenvolvidos total ou parcialmente en 2020, 2021, 2022 ou 2023.
O prazo para a inscrición dos proxectos, que debe ser realizada pola propia entidade ou persoa organizadora da iniciativa, remata o 31 de xaneiro de 2024.

Para consultar o texto completo das bases da convocatoria, ou obter máis información sobre esta iniciativa, preme aquí.
02/10/2023. AXUDAS E PREMIOS

“O Corno”, un filme rodado en galego, obtén a Cuncha de Ouro en San Sebastián

O xurado da 71 edición do Festival de Cine de San Sebastián outorgou a Cuncha de Ouro, o seu máximo galardón, a “O corno”, unha longametraxe rodada en galego; escrita e dirixida por Jaione Camborda. Este premio constitúe un fito histórico tanto para o audiovisual en lingua galega, como para o audiovisual dirixido por mulleres. Por un lado, “O corno” convértese no primeiro filme rodado en galego que é premiado nun certame internacional de clase A e, ao mesmo tempo, a cineasta Jaione Camborda é a primeira directora española que consegue a Cuncha de Ouro no Festival de Cine de San Sebastián.

"O corno" está ambientada na Illa de Arousa en 1971 e conta a historia de María, unha muller que traballa como mariscadora pero tamén é coñecida polo seu labor de parteira.

A película poderá verse nas salas de cine a partir do vindeiro 11 de outubro.
29/09/2023. AXUDAS E PREMIOS

VI Premio Lingua e Empresa do Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames publica as bases da sexta edición do Premio Lingua e Empresa, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego na actividade económica municipal e recoñecer publicamente a contribución do sector empresarial no incremento do uso social da lingua. O certame inclúe dúas categorías: unha para aquelas entidades que veñen realizando un uso continuado da lingua galega desde hai máis de dous anos, e outra para as que incorporaron o galego nos últimos dous anos. Na valoración das candidaturas terase en conta a utilización do galego na comunicación interna e externa, tanto oralmente como por escrito, medindo o impacto que a actividade da empresa poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.

O prazo de presentación de candidaturas remata o 26 de outubro de 2023.

Na páxina web do Concello de Ames tes toda a información sobre os trámites necesarios para a presentación das candidaturas.
29/09/2023. EMPREGO

Adxudicación de 8 bolsas de formación en lectorados universitarios de lingua, literatura e cultura galegas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución pola que se adxudican as bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas adscritos as centros de estudos galegos de oito universidades do exterior: Universidade do Algarve, Universitat de Barcelona, Freie Universität de Berlin, Universidad de Extremadura, Universidad de Granada, Universidade Nova de Lisboa, Università degli Studi di Padova e Universidade de São Paulo.

Podes consultar o texto completo da resolución premendo aquí.
29/09/2023. INVESTIGACIóN

Rinoceronte Editora incorpora un dicionario latín-galego e outro etimolóxico, no seu espazo dixital

Xa son tres os Rinodicionarios, pois, conmemorando o Día Europeo das Linguas, Rinoceronte ofrece, en liña e en aberto, dous novos títulos que sumarmos ao Dicionario castelán-galego.

Trátase do Dicionario de latín-galego, baseado no proxecto para dispositivos móbiles Latingal; e o Dicionario etimolóxico, que parte de 4000 entradas seleccionadas de obras anteriores, revisadas e aumentadas.
28/09/2023. OUTRAS

A Biblioteca da Tradución Galega celebra hoxe 20 anos

Con 5887 orixinais, 7233 traducións, 3041 autorías e 2187 tradutores e tradutoras de referencias literarias en formato libro, Bitraga chega aos 20 anos de actividade como referencia investigadora e espazo de documentación e produción científica.

Os actos de conmemoración, vinculados tamén á celebración do Día Internacional da Tradución, estenderanse polo campus e terán unha parte institucional que comeza ás 11:30h na Facultade de Filoloxía e Tradución coa conferencia do profesor Burghard Baltrusch Benjamin e a filosofía da tradución: un século con `A tarefa de quen traduce’.

Pola tarde, no edificio Redeiras, desenvolverase un faladoiro sobre tradución galega no que participarán as escritoras Casalderrey, Premio Nacional de LIX 1996, e Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, xunto coa tradutora e editora Patricia Buxán.

O evento será retransmitido en directo pola canle 1 de UVigoTV
27/09/2023. DINAMIZACIóN

O Concello de Ames convoca o IV Certame Galetiktokers

O Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Mocidade do Concello de Ames convocan a cuarta edición do Certame Galetiktokers, dirixido a mozas e mozos a partir de 13 anos, co obxectivo de estimular a creatividade, fomentar a creación de vídeos en galego con novos formatos e darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers. Os vídeos deben ser de creación propia, ser difundidos a través da aplicación TikTok ou dos reels de Instagram, ter unha duración de entre 15 e 60 segundos, e estar en lingua galega (con presenza oral, escrita ou musical). Outorgaranse seis premios de 300 euros . O prazo de inscrición remata o 23 de outubro de 2023.

Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
Así mesmo, na páxina web do Concello de Ames tes máis información sobre esta iniciativa.
26/09/2023. CURSOS E CONGRESOS

Aberto o prazo de inscrición para as Xornadas Enreguéifate

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Santiago, Pontevedra e Teo organizan, no marco do proxecto Enreguéifate, unhas xornadas formativas dirixidas a docentes que desexen achegarse ao mundo da improvisación oral en verso e coñecer a súa potencialidade como ferramenta educativa. As sesións, impartidas por Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Manolo Maseda e Séchu Sende, terán lugar no Espazo Apego de Santiago de Compostela o 6 de outubro de 2023. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 2 de outubro.

Podes obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición premendo aquí.
26/09/2023. DINAMIZACIóN

Bota a andar unha nova edición do Club de Debate Alingua

Xa está en marcha a nova edición do Club de Debate Alingua, un proxecto colaborativo promovido polos servizos de normalización lingüística de dez concellos galegos: Ames, Carballo, Ferrol, Pontevedra, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra.
A iniciativa ten como obxectivo a dinamización lingüística e cultural no ámbito educativo, fomentando a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Poden participar equipos mixtos de entre 4 e 10 mozos/as de 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos. Haberá diferentes premios nas fases de zona e o equipo que gañe a fase final será premiado cunha viaxe multiaventura.
O prazo de inscrición estará aberto entre o 2 e o 31 de outubro de 2023.
26/09/2023. INVESTIGACIóN

O Centro Ramón Piñeiro presenta un dicionario galego-italiano en liña

Co gallo do Día Europeo das Linguas, que se celebra cada 26 de setembro, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades presenta o Dicionario galego-italiano Galita, unha obra lexicográfica, dirixida pola catedrática emérita da USC Isabel González, que contén case 15.000 palabras e o dobre de equivalencias, seleccionadas segundo un criterio didáctico.
O dicionario está deseñado para o estudantado galego de filoloxía italiana, para os estudosos das filoloxías románica e galega e, en xeral, para o público galego que desexe aproximarse ao idioma italiano.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
25/09/2023. OUTRAS

O Consello da Cultura Galega celebra o Día Europeo das Linguas honrando a Rosalía

O Día Europeo das Linguas celébrase cada 26 setembro, tras ser instaurado polo Consello de Europa en 2001 co obxectivo de promover a diversidade lingüística e fomentar o plurilingüismo entre a cidadanía.

Hoxe, 25 de setembro, na véspera desta celebración, terá lugar na sede do Instituto Cervantes en Madrid un acto institucional no que a cultura e a lingua galegas terán un especial protagonismo. A partir das 11 h, Rosario Álvarez, en nome do Consello da Cultura Galega, depositará na Caixa das Letras un legado «in memoriam» de Rosalía de Castro.

O programa conmemorativo inclúe tamén a presentación, este mesmo luns, dunha edición multilingüe do poema «Grito hacia Roma», de Federico García Lorca; e mais o espectáculo poético e musical «A palabra na música», que neste caso terá lugar mañá, 26 de setembro, ás 19:00 h.

No web institucional do Consello da Cultura Galega tes información detallada sobre esta celebración.
22/09/2023. AXUDAS E PREMIOS

Chega Youtubeiras 2023 reivindicando unha rede en galego aberta e diversa

Nove concellos galegos, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo presentan as bases dos Premios Youtubeiras 2023, un certame deseñado para fomentar a produción de contidos en galego en Internet e darlle visibilidade á comunidade youtubeira. Poden optar a estes premios todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube autoproducidas. As canles deben ter a maioría dos seus vídeos en galego e, como mínimo, un deles subido a partir do 15 de novembro do 2022 co cancelo #youtubeiras, sen restricións de privacidade. Os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes (de habelos) teñen que estar en galego. O xurado outorgará 8 premios: 7 deles valorados en 1000 € e un en 500 €.

O prazo de inscrición das canles remata o 17 de novembro de 2023.

Na páxina web do proxecto podes consultar as bases completas desta sétima edición, visitar os recusos formativos que hai dispoñibles en liña e coñecer as canles gañadoras da pasada edición de 2022.

22/09/2023. LEXISLACIóN

Aprobado o uso indistinto no Congreso das catro linguas oficiais. Un manifesto insta ao emprego do galego

Como xa contamos, o día 19 foi tomada en consideración a proposición de modificar o Regulamento do Congreso en canto ao tratamento das distintas linguas recoñecidas na Constitución. A maioría absoluta acadada na votación permitiu continuar co procedemento e convocar un novo pleno o día 21 de setembro, en que se aprobou definitivamente a modificación do Regulamento sobre o uso das "linguas que teñan carácter de oficial nalgunha comunidade autónoma", co engadido dunha emenda presentada por EAJ-PNV: "no prazo máis breve posible", a Mesa "tomará os acordos necesarios para que as iniciativas lexislativas, unha vez aprobadas definitivamente pola Cámara, sexan publicadas na correspondente publicación oficial do Congreso dos Deputados, con carácter de versión auténtica, nas linguas que teñan carácter oficial nalgunha comunidade autónoma, de acordo coa Constitución e o correspondente Estatuto de Autonomía".

Este dereito afecta a todos os órganos da actividade parlamentaria e xa provocou reaccións de apoio como a difusión do manifesto Queremos galego no Congreso, asinado por personalidades da vida cultural e social galegas.

Ademais de felicitarse pola chegada desta tardía decisión, instan os deputados e deputadas representantes de Galicia a que "sexan consecuentes co compromiso co seu país e empreguen a lingua galega a partir de agora en todas as intervencións que realicen, contribuíndo desta maneira non só ao seu coñecemento e divulgación, senón tamén ao seu prestixio e normalización".
22/09/2023. DINAMIZACIóN

Créase a Asociación Pro Fundación Manoel Vello, para a promoción do idioma galego

O pasado 15 de setembro de 2023 rexistrouse formalmente a Asociación Pro Fundación Manoel Vello, unha entidade que ten como principais obxectivos promover e fomentar o uso do galego en todos os ámbitos da sociedade, así como impulsar a creación dunha fundación que leve o mesmo nome, en memoria deste galeguista, falecido o pasado 17 de decembro de 2022, que destacou, entre outras moitas cousas, polo seu activismo a prol da normalización plena do idioma galego.

Na páxina web da asociación podes obter máis información sobre a iniciativa e as vías de colaboración.

No documental Manoel Vello. A grandeza das cousas pequenas, dirixido por Xosé Bocixa e emitido en Nós Televisión, podes achegarte á vida e á figura do homenaxeado.
22/09/2023. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación en lingua galega na Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo anuncia unha nova convocatoria de sete cursos de formación en lingua galega, dirixidos á comunidade universitaria, para este primeiro cuadrimestre do curso académico 2023/2024. Os cursos ofertados son os seguintes: Curso de iniciación á lingua galega; A calidade lingüística no teu TFG ou TFM; Ciclo de lingua e calidade; Curso de linguaxe administrativa e xurídica; Os erros máis frecuentes na lingua galega; Curso de redacción e estilo; Curso de xestión de multilingüismo nas aulas.

As sesións desenvolveranse durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2023, na modalidade en liña. O prazo de inscrición remata o 22 de setembro de 2023, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual https://bubela.uvigo.es.

No Diario da Universidade de Vigo tes toda a información sobre esta oferta formativa.
21/09/2023. DINAMIZACIóN

Convocatoria aberta para participar nos programas lingüísticos do Plan Proxecta

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia publica o regulamento do “Plan Proxecta+” e mais as bases para a participación dos centros educativos nos diferentes programas que se van desenvolver neste curso 2023-2024. Ao abeiro do Plan Proxecta+ organizaranse os seguintes programas relacionados directamente coa promoción do idioma galego: Nós tamén creamos!; Proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística; Fitofaladoiro; Proxecto didáctico Antón Fraguas; Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional; Cóntame un conto.
Os centros educativos teñen de prazo para presentar as súas solicitudes ata o 29 de setembro de 2023.

Para obter máis información, preme aquí.
20/09/2023. EMPREGO

Praza de profesor/a lector/a na Universidade de Salamanca

A Universidade de Salamanca convoca o concurso público para a provisión dunha praza de profesor/a lector/a de lingua, literatura e cultura galegas (contrato temporal en réxime laboral). Os aspirantes deben estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou en Filoloxía Románica; ou dalgún dos seguintes graos: Lingua e Literatura Galegas; Estudos de Galego e Español; Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; Filoloxía Aplicada Galega e Española; Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios. A idade máxima dos aspirantes non debe superar os 35 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, que é o 20 de setembro de 2023.

Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
20/09/2023. DINAMIZACIóN

Aberto o prazo de inscrición no certame “Nós tamén creamos! 2023/2024”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, coa colaboración da CRTVG e Oqo Editora, convoca unha nova edición do certame Nós tamén creamos!, que promove a elaboración de curtametraxes en galego coa técnica de stop motion a partir dun álbum ilustrado. O obxectivo da iniciativa é fomentar a creatividade no noso idioma e o uso das TIC entre o alumnado de educación infantil e primaria.
O prazo de inscrición para participar no certame remata o 29 de setembro de 2023.

Podes obter máis información premendo aquí.
19/09/2023. OUTRAS

Día histórico para o galego no Congreso dos deputados

Hoxe, 19 de setembro de 2023, quedará sinalado coma un día histórico no proceso de normalización do idioma galego, sobre todo no que respecta ao seu uso no ámbito institucional. Por primeira vez o galego, o catalán e o éuscaro puideron ser empregados con total liberdade, en igualdade co castelán, no Congreso dos deputados. Aconteceu xustamente na sesión de toma en consideración da Proposición de reforma do regulamento do Congreso, que recolle, entre outras cuestións, que “os deputados e as deputadas terán o dereito de usar en todos os ámbitos da actividade parlamentaria, incluídas as intervencións orais e a presentación de escritos, calquera das linguas que teñan carácter oficial nalgunha comunidade autónoma de acordo coa Constitución e o correspondente Estatuto de Autonomía».

A citada Proposición foi tomada en consideración na sesión de hoxe por 176 votos a favor, 169 en contra e 2 abstencións. Así mesmo, acordouse, tamén coa maioría dos votos a favor, que será tramitada en lectura única no pleno do Congreso dos deputados do vindeiro xoves, 21 de setembro.

Para consultar o texto da Proposición, preme aquí.

Para consultar o resultado concreto das votacións (tanto da toma en consideración da proposición, coma do acordo de tramitación directa e en lectura única), preme aquí.

Se o precisas, na páxina web do Congreso dos deputados tes máis información sobre esta iniciativa.
19/09/2023. CURSOS E CONGRESOS

En liña o programa dos XXV Encontros para a Normalización Lingüística

Neste 2023 no que estamos a festexar o 40 aniversario do Consello da Cultura Galega, no CDSG presentamos o programa dos XXV Encontros para a Normalización Lingüística, unha iniciativia que se foi convertendo ao longo do tempo nunha das nosas marcas de identidade. Nesta vixésimo quinta edición imos poñer o foco no ámbito socioeconómico, polo que debateremos sobe o uso do idioma galego no eido empresarial como sinal de calidade, proximidade e sustentabilidade; ao tempo que falaremos dos dereitos dos usuarios/as e os consumidores/as, así como das diferentes canles que existen para facelos efectivos.

As sesións presenciais terán lugar o vindeiro 17 de outubro na sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. A matrícula é gratuíta e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Nos vindeiros días difundiremos unha serie de pílulas audiovisuais cunha breve presentación dos contidos, elaboradas por Café Derby 21 e A Lobeira Today.
15/09/2023. CURSOS E CONGRESOS

A Universidade de Vigo organiza unha xornada sobre os videoxogos en galego

Hoxe, 15 de setembro, terá lugar na Universidade de Vigo a xornada “Voute preservar, miñoca!”, que ten como obxectivo poñer de relevo a importancia do uso do galego nos videoxogos, un ámbito de especial importancia para intervir nos usos lingüísticos da xente moza. As sesións desenvolveranse ao longo de toda a xornada no edificio Redeiras, na praza do Berbés, e están abertas a todas as persoas interesadas.

Podes consultar o programa completo premendo aquí. No Diario da Universidade de Vigo tamén podes obter máis información sobre esta iniciativa.