Novas da lingua

Rexistros961 a 990 de 5153
11/07/2023. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega dirixidos ao persoal de seguridade pública de Galicia

A Academia Galega de Seguridade Pública convoca cursos de linguaxe administrativa galega (dous de nivel medio e dous de nivel superior) na modalidade de teleformación, dirixidos ao pesoal dos servizos de seguridade pública de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o 28 de xullo de 2023.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
10/07/2023. AXUDAS E PREMIOS

Entrega oficial dos premios do VI Concurso de microrrelatos organizado pola RAG e PuntoGal

Hoxe, 10 de xullo de 2023, terá lugar ás 17:30 h, na Fundación Luis Seoane (A Coruña), o acto de entrega de premios do VI Concurso de microrrelatos organizado pola Real Academia Galega e a asociación PuntoGal, en colaboración coa revista Luzes. A entrada é libre ata completar a capacidade do auditorio.

Os/as autores/as dos nove relatos gañadores son Nel Vidal Barral, Nada Misa, Mónica Fraga Rodríguez, Andrea Bravo López, Mencía Jorge Cabaleiro, Beatriz Martínez García, Ainhoa Valverde Silva, Arwen Fernández García e Mai Lemmen.

Na páxina web da RAG xa está accesible a publicación cos relatos gañadores desta edición.
06/07/2023. CURSOS E CONGRESOS

Aberto o prazo de inscrición na VIII Xornada de Onomástica Galega

A Real Academia Galega, coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, organiza a oitava edición da Xornada de Onomástica Galega, que nesta ocasión se centrará na relación entre a onomástica e a cultura popular. A xornada terá lugar o 21 de outubro de 2023 no Museo de Pontevedra. O prazo de inscrición remata o 14 de outubro.

Para consultar o programa completo ou obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
06/07/2023. AXUDAS E PREMIOS

Xa están na rede os traballos gañadores do “Nós tamén creamos! 2023”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia fixeron pública a resolución da XI edición de Nós tamén creamos!, un certame que ten como obxectivo fomentar a creatividade en galego e o uso das TIC entre o alumnado de educación infantil e primaria. Nesta edición recibiron o 1º premio os seguintes traballos: Tonino. Un pingüín en Ames (EEI do Milladoiro, Ames), O cascabel da gata (CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera, Ponteareas) e Sígueme (CEIP Padre Feijoo, Allariz). Así mesmo, foron recoñecidos cun accesit: Non fai falta a voz (CEE A Barcia, Santiago de Compostela), A princesa do Caurel (CEIP A Canicouva, Vigo) e A Princesa do Caurel (CEIP Plurilingüe Virxe do Carme, Sober).

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
05/07/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas da Xunta de Galicia aos concellos para a promoción do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica a resolución das subvencións ás entidades locais para o ano 2023, destinadas á creación, mantemento ou reforzamento dos seus servizos de normalización lingüística; así como ao desenvolvemento de programas de dinamización lingüística. Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.
30/06/2023. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega publica a convocatoria de catro bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta entidade. Unha destas bolsas, de perfil lingüístico, estará adscrita á Unidade de Publicacións do CCG. Para optar a ela cómpre estar en posesión do título de licenciatura ou grao en Filoloxía Galega, Galego-Portuguesa, Lingua e Literatura Galegas, ou titulacións equivalentes. As bolsas finalizarán o 30 de xullo de 2024 e terán unha duración máxima de nove meses. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
30/06/2023. OUTRAS

Informe sobre o uso do galego na docencia da USC no curso 22-23

O pasado mes de marzo o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC adiantaba os gráficos cos datos sobre os usos lingüísticos docentes no curso 2022-2023, con información segundo o tipo de titulación (grao ou mestrado), o departamento no que se imparte a docencia ou a categoría do profesorado. Unha vez rematado o curso, o SNL presenta agora o informe O galego na docencia: curso 22-23, cunha análise máis detallada destes datos.
Malia que a realidade sociolingüística dos diferentes centros e titulacións é moi diversa, en termos xerais, a docencia en galego na USC chega ao 25% (acadando o 33% nos másters). Así pois, o SNL conclúe que, sendo certo que a presenza do galego na USC “está por baixo do que cabería agardar dunha lingua que se define como "propia" desta institución”, se temos en conta os datos de cursos anteriores, “a evolución é positiva”.
30/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese a convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia resolveron a convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística durante o curso académico 2022/2023, dirixida a centros de ensino de titularidade pública. Os cinco proxectos aos que se lle outorgou a consideración de excelentes, e polo tanto recibirán unha dotación económica de 2.000 euros, son: "A literatura galega a escena", do IES Martaguisela (O Barco de Valdeorras); “3,2,1... Acción!”, do CEIP Plurilingüe de Reboreda (Redondela); “Rachando roles”, do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), o IES Ricardo Carvalho Calero (Ferrol) e o CEIP A Solaina (Narón); “Luces, cámara... A falar!”, do IES Ramón Cabanillas (Cambados); e “Musigalíza-te”, do CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto (Boqueixón). A maiores, recibiu tamén unha Mención de Honra o proxecto "Comer e ler en galego", do CIFP Paseo das Pontes (A Coruña). Todos estes proxectos serán difundidos na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Podes consultar o texto completo da resolución premendo aquí.
30/06/2023. DINAMIZACIóN

Vídeos gañadores e finalistas do “Vémolo Nós 2023”

O xurado da 1ª edición do concurso “Vémolo Nós” (un certame de vídeos curtos deseñado para fomentar o galego como lingua de divulgación científica) fixo públicos os traballos gañadores nas diferentes categorías. Os vídeos premiados foron: Con: as dinámicas costeiras e cambio global, de Alejandro Gómez, na categoría “divulgación do coñecemento”; O cronómetro, de Paulo Miguel Mouriño, Celia Eiras e Estrela Ocaña, na categoría “descubrindo a USC”; e A costa galega en galego, de Alejandro Gómez, na categoría “a utilidade do galego”. Podes ver todos os traballos gañadores e finalistas nesta lista de Youtube.
A entrega de premios terá lugar nun acto organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en setembro de 2023.

Na páxina do Servizo de Normalización Lingüística da USC tes máis información sobre esta iniciativa.
29/06/2023. OUTRAS

Luísa Villalta será a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024

O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do 29 de xuño de 2023, que as Letras Galegas do vindeiro ano 2024 estarán dedicadas a Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004): intelectual polifacética, música e creadora literaria. Como escritora, foi especialmente recoñecida a súa faceta poética, mais tamén nos deixou un importante legado no campo da narrativa, o ensaio, o articulismo e a tradución.

Na páxina web da RAG podes ampliar información.
28/06/2023. OUTRAS

Nova Escola Galega celebra 40 anos educando desde a diferenza para o común

A asociación pedagóxica Nova Escola Galega organiza un programa de actos de conmemoración do seu 40 aniversario, que terán lugar entre os días 30 de xuño e 2 de xullo de 2023 no Museo do Pobo Galego. No marco do I Congreso NEG terán lugar as exposición dos diferentes grupos de traballo da asociación, a conferencia de Mª Ángeles Llorente, a presentación dun relatorio sobre educación pública, a lectura do manifesto Modelo de Educación Pública que defendemos, o nomeamento de socios e socias de honra, así como outras actividades de carácter festivo, coma a actuación musical de A Banda da Loba ou un xantar de irmandade. O programa pecharase coa celebración dunha asemblea de socios/as.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa, así como sobre os trámites para inscribirte nos actos, premendo aquí.
27/06/2023. LEXISLACIóN

O Concello de Narón xa conta con ordenanza de normalización lingüística

O Concello de Narón publica, no BOP da Coruña do 27 de xuño de 2023, a súa Ordenanza de normalización lingüística, documento no que se recollen as obrigas e liñas de actuación que rexerán os usos lingüísticos tanto deste ente municipal e os organismos que del dependen (padroados, organismos autónomos, sociedades, centros de formación, escolas, bibliotecas municipais, escolas infantís municipais etc.), como das empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratas cando actúen en función desa adxudicación, concesión ou contrato.

No Kit para a normalización en rede podes consultar a listaxe completa de ordenanzas e regulamentos lingüísticos en vigor na Administración local galega.
27/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra publica as axudas concedidas aos concellos para a promoción do galego

A Deputación de Pontevedra publica, no BOP do 27 de xuño de 2023, a resolución das axudas concedidas durante o primeiro semestre deste ano a diferentes concellos da provincia de Pontevedra para o mantemento de servizos de normalización lingüística, así como para o desenvolvemento de actividades de dinamización e promoción do idioma galego.
Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.

26/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

Luís Davila recibe o Premio Trasalba 2023

Por primeira vez, a Fundación Otero Pedrayo outorgou o Premio Trasalba a un ilustrador, pintor e viñetista. Trátase de Luís Davila, o Bichero, que ve recoñecida, deste xeito, a "súa implicación coa defensa da nosa lingua e a nosa cultura a través do humor e dunhas mensaxes moi próximas á sociedade galega", un referente na reivindicación sociolingüística.

A laudatio, nun acto organizado na Casa Grande de Cimadevila, correspondeulle a Carlos Blanco, amigo e compañeiro de Davila na súa faceta de creador de espectáculos teatrais.
23/06/2023. DINAMIZACIóN

Os Bolechas convídante a facer deporte en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, no marco do programa FalaRedes 2023, levará este verán a 15 concellos galegos o espectáculo de monicreques Os Bolechas deportistas xogan no tempo, para concienciar os nenos e nenas de 4 a 9 anos sobre a importancia de levar unha vida activa, e animalos/as a usar o galego na súa práctica deportiva.
Na páxina web da iniciativa atoparás o calendario completo do espectáculo, así como unha sección de recursos educativos que podes descargar en formato PDF: unidade didáctica, ficha para colorear, encrucillado, sopa de letras e test de avaliación.
23/06/2023. OUTRAS

Recursos en galego para unha biblioteca inclusiva

Gálix publica, coa colaboración da Xunta de Galicia, a guía Para a inclusión, na que presenta unha selección de materiais e recursos en galego que deben formar parte dunha biblioteca inclusiva. A guía, dirixida ás persoas que exercen o labor de mediación lectora (familias, persoal de bibliotecas e profesorado dos centros educativos), estrutúrase nos seguintes apartados: audiolibros; libros con pictogramas; libros de lectura fácil; libros en braille; libros sen texto; libros de abecedario, dicionarios visuais e coleccións básicas; xogos e xoguetes; libros sobre desigualdade e diversidade.

Para obter máis información ou acceder ao documento en formato PDF, preme aquí.
22/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

Margarita Ledo, Premio Luís Porteiro Garea 2023

O xurado do VI Premio Luís Porteiro Garea acordou por unanimidade outorgar este galardón a Margarita Ledo Andión, promotora da creación da actual Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, da que foi a súa primeira decana no período de 1992 a 1996. O xurado pon de relevo o seu compromiso “incuestionable coa lingua galega”, que “atravesa de parte a parte a súa traxectoria vital e profesional”. A entrega pública do premio terá lugar o 29 de setembro de 2023 no Paraninfo da USC.

O premio Luís Porteiro Garea, que leva o nome do profesor de dereito civil e membro das Irmandades da Fala que en 1915 pronunciou a primeira lección en galego na USC, ten como finalidade recoñecer o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan, ou traballaron, a prol do galego na universidade.

No Xornal da USC atoparás máis información sobre esta iniciativa.
22/06/2023. CURSOS E CONGRESOS

Convocatoria de cursos de galego nas escolas oficiais de idiomas

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convoca cursos de linguaxe administrativa galega en liña (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 2, 3 e 4), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2023/2024. Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos ao persoal das administracións autonómica e local galegas, así como ao da Administración periférica do Estado en Galicia, exceptuando o persoal docente e sanitario. Aos cursos preparatorios dos Celga poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas. O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá dende o día 3 ata o 14 de xullo de 2023, para os cursos do primeiro cuadrimestre (setembro-decembro); e dende o 13 ata o 24 de novembro de 2023, para os cursos do segundo cuadrimestre (febreiro-maio).

Para consultar o texto da convocatoria, preme aquí.
22/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a tradución do libro galego

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia publica a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

20/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

A UVigo recoñecerá co distintivo “Gal Ego” os centros que promovan o noso idioma

A partir do vindeiro curso 2023-2024, a Universidade de Vigo recoñecerá co distintivo de galeguización “Gal Ego” a facultade ou escola universitaria que máis promova o emprego do galego. O recoñecemento outorgarase a través dunha convocatoria pública anual e os distintivos outorgados terán unha vixencia de catro anos. Ademais dunha insignia deseñada para a exposición pública, os centros que obteñan o "Gal Ego" recibirán tamén unha contía de 3.000 euros, que poderán destinar a actividades de promoción lingüística. O prazo de solicitude desta primeira convocatoria remata o 30 de setembro de 2023.

Se precisas máis información, preme aquí.
20/06/2023. DINAMIZACIóN

Festichío con música en galego para os máis pequenos de Moaña

O Servizo de Normalización Lingüística e a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Moaña organizan o Festichío, un festival musical dirixido a público infantil e familiar que pon o ramo ao programa Rechouchíos dos meses de maio e xuño de 2023. O festival terá lugar o vindeiro xoves, 22 de xuño, a partir das 19:00 h, no arboredo da Xunqueira (Meira) e os/as máis pequenos/as e a súas familias poderán gozar das actuacións de María Faltri, Jorge Juncal, Magín Blanco, Gloria Mosquera, Paco Nogueiras, Pakolas, Uxía e Brais das Hortas. A entrada é de balde.
20/06/2023. DINAMIZACIóN

Todas as “historias co galego” nunha mesma lista de Youtube

O galego, como lingua propia de Galicia, constitúe unha parte importante da nosa historia vital, polo que Alingua (Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega) convidou a unha serie de persoas, que pola súa actividade profesional son referentes para a mocidade, a contarnos a súa “historia co galego”. Estas historias publícanse periodicamente nas redes sociais co cancelo #amiñahistoriacogalego e agora Alingua reúne todos os contidos nunha mesma lista de Youtube. Xa podes poder ver os seis primeiros vídeos coas experiencias lingüísticas de Tania Veiras, Rodri Míguez, Gabri Fuentes, María Vázquez, Fátima Pego e Gabi García.
19/06/2023. OUTRAS

A Igrexa evanxélica publica unha versión do Novo Testamento en galego

O libro máis lido, traducido e difundido da historia conta xa cunha nova edición en lingua galega. O Novo Testamento publicado por Wycliffe Associates xorde da iniciativa da Igrexa evanxélica, no ánimo de ofrecer unnha versión máis accesible desta obra, tanto para o culto coma para actividades evanxelizadoras.

Consulta máis detalles sobre esta iniciativa e outras asociadas aquí.
19/06/2023. OUTRAS

O catálogo de Filmin ofrece, por primeira vez, unha serie orixinal en galego

Pringadas é o título da serie, dirixida por Belén Puime e recoñecida nos premios Mestre Mateo e no Carballo Interplay, que abre a oferta de contidos audiovisuais galegos e en lingua galega da plataforma Filmin.

Desde que en 2019 Netflix estrease O sabor das margaridas, o goteo de produción propia e dobrada no conxunto das plataformas internacionais sitúa a presenza do noso idioma nun 0,92% dos catálogos xerais e un 1,1% do infantil. Das plataformas estatais, só inclúen contidos en galego RTVE Play (o 0,53% da súa oferta xeral) e Filmin (o 0,30% do seu catálogo xeral e o 0,74% do infantil). Para coñecer máis datos, podes consultar o Informe Xabarín 2023.
16/06/2023. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación en lingua galega para o PDI da Universidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade da Coruña convoca tres cursos de formación en lingua galega para o persoal docente e investigador da UDC, que se desenvolverán en liña a través do Campus Virtual entre o 2 de outubro e o 3 de decembro de 2023. Os cursos, deseñados segundo o nivel de competencia previa do alumnado, son os seguintes: Curso Básico de Aproximación á Lingua Estándar, Curso de Actualización de Competencias Lingüísticas e Curso Superior de Competencias Lingüísticas. O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de setembro de 2023.

Na páxina web do SNL da UDC podes obter máis información sobre os contidos e mais os trámites de inscrición.
16/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

X Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito e mais o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña convocan a décima edición do Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega. O premio inclúe dúas modalidades, unha dirixida ao alumnado matriculado no curso 2023/24 nunha titulación oficial (de grao ou mestrado) impartida en calquera das facultades de Dereito do sistema universitario galego; e outra na que poderá participar calquera persoa licenciada ou graduada en Dereito. Outorgarase un premio de 500 euros en cada unha das modalidades. A maiores, os traballos gañadores publicaranse no Anuario da Facultade de Dereito. O prazo de presentación remata o 20 de outubro de 2023.

Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
15/06/2023. OUTRAS

Ximnasio Léxico, a aplicación para poñer en forma a túa lingua

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié presentan o “Ximnasio Léxico”, unha aplicación dispoñible para dispositivos móbiles de Android e iOS que che axudará a adestrar os teus coñecementos léxicos de xeito divertido. A ferramenta, dirixida a todos os públicos, componse de seis xogos baseados no vocabulario normativo recollido no Dicionario da Real Academia Galega. Os/as usuarios/as poderán optar pola opción de adestramento (que permite a libre elección do xogo que máis interese en cada momento) ou pola opción de competición.

Na páxina web da RAG atoparás información detallada sobre esta iniciativa e os diferentes xogos que a compoñen.
15/06/2023. LEXISLACIóN

O Parlamento de Galicia acolle unha mostra conmemorativa dos 40 anos da Lei de Normalización Lingüística

Onte, 14 de xuño de 2023, tivo lugar na sede do Parlamento de Galicia a inauguración da exposición “A forza da palabra. Lei de Normalización Lingüística de Galicia (1983-2023)", promovida pola Xunta de Galicia e comisariada por Henrique Monteagudo. Trátase dunha mostra conmemorativa dos 40 anos da aprobación desta norma que, en palabras do propio presidente do Parlamento de Galicia, “se enmarca no que con xustiza poderiamos denominar leis fundacionais da autonomía galega".

Para ampliar información, preme aquí.
14/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse os Premios da Cultura Galega 2023

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convoca os Premios da Cultura Galega para o ano 2003, nas seguintes modalidades: Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior. O premio da modalidade de Lingua está dirixido a persoas, colectivos ou entidades de ampla traxectoria no ámbito da promoción da lingua galega. As candidaturas só poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio, sen que os candidatos se poidan postular a si mesmos. O prazo de presentación de candidaturas será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
14/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

Traballos gañadores dos V Premios de podcast “O vello dos contos”

O xurado dos Premios de podcast en galego e portugués Xosé Mosquera Pérez "O vello dos contos" fixo públicos os traballos gañadores da quinta edición deste certame escolar, organizado polo IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, Arraianos Producións e a asociación Ponte... nas Ondas!, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Na categoría de educación primaria, o podcast gañador do primeiro premio foi “Un pobo lírico”, do CEIP de Atín-Cela (Mos), mentres que na categoría de educación secundaria o principal galardón recaeu no traballo “Ping Pong con Francisco Fernández del Riego”, do IES de Cotobade.

Podes consultar todos os traballos premiados, así coma os finalistas e premiados nas diferentes edicións, premendo aquí.