Novas da lingua

Rexistros991 a 1020 de 5280
31/03/2023. OUTRAS

A calculadora científica Casio ClassWiz incorpora o galego

A calculadora científica ClassWiz, de CASIO, cumpre dez anos no mercado e para celebrar o seu décimo aniversario lanzará un novo modelo, dispoñible a partir do 1 de xuño de 2023, que incorpora o galego entre as opcións de configuración, sumándose aos outros catro idiomas (catalán, éuscaro, castelán e portugués) que xa ten incorporados esta ferramenta didáctica. O novo modelo foi presentado onte, 30 de marzo, nun acto celebrado na Facultade de Matemáticas da USC, no que tamén se anunciou a incorporación da imaxe da científica galega Ana Freire, líder do Proxecto STOP (Suicide Prevention in Social Platforms), á colección de calculadoras #científicasCASIO.

Así mesmo, a Xunta de Galicia e Casio organizarán obradoiros de aprendizaxe co ánimo de que o profesorado poida aprender a manexar con soltura o novo modelo da calculadora ClassWiz, que ademais de sumar o galego á súa oferta de idiomas, tamén incorpora novas funcionalidades.

Podes ampliar información premendo aquí.
31/03/2023. AXUDAS E PREMIOS

A Escola de Veterinaria de Lugo convoca unha nova edición de "Escolle en galego" e "O teu traballo ten premio"

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (USC), coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística, convoca o IV Premio Escolle en Galego. Esta iniciativa busca que o profesorado que dá as clases en castelán proporcione o material de aula tamén en galego. O alumnado que escolla esta opción e a aplique nos seus traballos, poderá optar a premios de 100 e 75 euros, respectivamente, segundo se recolle nas bases.

Por outra parte, a CNL publica a convocatoria da sexta edición do certame O teu traballo ten premio, que recoñecerá con 250 e 125 euros, respectivamente, os traballos de fin de grao redactados e defendidos en galego que presenten unha maior calidade lingüística e formal.

31/03/2023. OUTRAS

Suso de Toro cede ao Consello da Cultura Galega parte dos seus fondos sonoros

A través dun convenio asinado o pasado 24 de marzo de 2023, o escritor Suso de Toro deposita no Arquivo Sonoro de Galicia 30 cintas co contido das entrevistas que realizou para documentar o libro Camilo Nogueira e outras voces.

Entre os numerosos protagonistas da historia recente de Galicia que reúne este traballo, podemos atopar as voces de Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Paz López Facal, Ramón Piñeiro ou Xosé González.
31/03/2023. AXUDAS E PREMIOS

XIX Premios á calidade lingüística en galego

A Universidade de Santiago de Compostela convoca os XIX Premios á calidade lingüística, unha iniciativa impulsada polo Servizo de Normalización Lingüística co obxectivo de vincular calidade e uso do galego no ámbito académico.
Nas bases establécense quince premios en metálico e diploma acreditativo, que se distribúen nestas tres categorías: traballos académicos, de fin de grao e de fin de mestrado. A estes premios pode optar o alumnado da USC matriculado en titulacións oficiais de grao ou mestrado no curso 2022-2023.
30/03/2023. DINAMIZACIóN

Chega Olloboi 2023

A Asociación Olloboi presenta a nova edición do seu certame de cine, dirixido a todos os niveis educativos e ao conxunto da comunidade escolar (profesorado, alumnado e PAS). Poderán presentarse videocreacións (ficción ou documental) realizadas nos últimos tres anos, accesibles en Internet (nas canles Vimeo ou Youtube) e cunha duración non superior aos 20 minutos. A temática e a lingua é libre pero valorarase o uso do idioma galego, a sensibilidade medioambiental e social e o respecto ós dereitos dos animais. O prazo de inscrición dos traballos remata o 5 de maio.

Na páxina web da asociación podes consultar as bases do certame, obter información sobre a oferta de obradoiros en liña e inscribirte na “Muchachada”, a proposta de "creación rápida" que se desenvolverá na propia mañá do festival (26 de maio).
29/03/2023. AXUDAS E PREMIOS

Hoxe arrinca o Carballo Interplay cos premios aos contidos en galego

Carballo Interplay, o festival galego de contidos dixitais, bota a andar a súa décima edición coa entrega dos premios Dinoescolas, que teñen como obxectivo a incentivación e o fomento da creación de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega, para a súa difusión por internet mediante a creación de capítulos da serie Dinosaurio.

Esta é só a primeira actividade dun programa que, durante catro días, ofrecerá proxeccións e coloquios, nalgúns casos por estreaming, e que rematará o sábado, 1 de abril de 2023, coa entrega dos premios das seccións oficiais.
29/03/2023. DINAMIZACIóN

#ComunicaEnGalego23 enche as redes

O alumnado da Facultade de Comunicación de Pontevedra, Universidade de Vigo, crea unha campaña para visibilizar os creadores e creadoras de contidos en galego nas redes sociais. Tan simple e efectivo como propoñer etiquetar as publicacións con #ComunicaEnGalego23 e #talentofcom.
28/03/2023. CURSOS E CONGRESOS

I Xornadas de actualización en lingua galega e literatura no ensino

O Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega da Universidade da Coruña organiza as I Xornadas de actualización en lingua galega e literatura no ensino, baixo a coordinación dos profesores Cilha Lourenço Módia e Xoán López Viñas. As xornadas desenvolveranse en horario de tarde os días 13 e 14 de abril de 2023 na Sala de Xuntas da Facultade de Filoloxía da UDC. O prazo de inscrición remata o 12 de abril.
Podes ampliar información sobre o programa e mais os trámites de inscrición premendo aquí.
27/03/2023. CURSOS E CONGRESOS

Aberto o prazo de matrícula nas XXXII Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura co obxectivo de ofrecer ferramentas didácticas útiles para a docencia da lingua e a literatura galegas, así como reflexionar sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito do ensino. Nesta edición, o eixo sobre o que xirarán os diferentes relatorios e obradoiros será a expresión dramática e teatral nas aulas. As sesións, dirixida ao colectivo de profesorado non universitario de Galicia, terán lugar o 22 de abril de 2023 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). A matrícula é gratuíta. Podes inscribirte premendo aquí.
24/03/2023. DINAMIZACIóN

O programa Elos precisa voluntarios/as lingüísticos/as

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago está a desenvolver nas redes sociais unha campaña de difusión do seu programa de voluntariado lingüístico Elos, co obxectivo de convidar a galegofalantes a que se inscriban no programa e deste xeito axuden a outras persoas que desexan aprender o noso idioma.

No web Delingua podes obter toda a información do programa Elos: folletos informativos, formularios de inscrición, carteis e vídeos divulgativos.
24/03/2023. DINAMIZACIóN

A píllara das dunas protagoniza a campaña de promoción do galego na hostalaría de Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo e a Asociación de Hostalaría de Carballo organizan unha campaña de dinamización lingüística para difundir o patrimonio natural e lingüístico do concello entre a clientela do sector hostaleiro. A principal acción da iniciativa consistirá na distribución de 20.000 gardamanteis con pasatempos en galego da revista A Píllara, nos que tamén se inclúen imaxes da píllara das dunas, un poema de Eduardo Pondal no que fala desta ave protexida e un código QR que permite escoitar o seu canto.

Na páxina web do SNL do Concello de Carballo podes ampliar información sobre esta iniciativa.

24/03/2023. DINAMIZACIóN

Vídeos gañadores da VI edición do Certame Enreguéifate

O xurado da VI edición do Certame Enreguéifate fixo públicos os vídeos gañadores nas diferentes categorías (“regueifa máis brava”, “regueifa máis aguda”, “regueifa máis diversa”, “regueifa máis reivindicativa”, “regueifa mellor falada”, “regueifa mellor cantada”). Os galardóns entregaranse o vindeiro 14 de abril de 2023, no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela), no transcurso do “Enreguéifate-Regueifesta”, un festival conducido por Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Olalla Liñares, ao que asistirá alumnado de centros de ensino galegos e tamén de Cataluña e Euskadi.

Enreguéifate é un proxecto promovido polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega.
23/03/2023. OUTRAS

Conmemoración conxunta do centenario do Seminario de Estudos Galegos

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu a presentación pública do programa de actividades que diferentes institucións e entidades galegas, entre as que se atopa o propio CCG, desenvolverán ao longo de 2023 para conmemorar o centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG). Trátase dunha amplo abano de iniciativas entre as que se inclúen exposicións, publicacións (facsímiles, estudos e obras de divulgación), conferencias, espectáculos e un congreso sobre o SEG. A páxina web do centenario, elaborada polo Consello da Cultura Galega, ofrece información detallada sobre os eventos conmemorativos, e tamén recursos documentais sobre a historia e a traxectoria do SEG e dos seus membros.
Con este mesmo obxectivo de divulgar o importante labor científico, cultural e lingüístico desenvolvido no seo do Seminario entre 1923 e 1936, o Álbum de Galicia incorporou esta mesma semana sete novas entradas, coas que se chega xa a un total de 65 biografías de homes e mulleres vencellados ao SEG (número que se irá incrementando no futuro).

Podes ampliar información premendo aquí.
23/03/2023. OUTRAS

Estréase a serie “Francisco Fernández del Riego. O que nunca se rendeu”

A Real Academia Galega estreou o pasado luns, 20 de marzo, o primeiro capítulo da serie web Francisco Fernández del Riego. O que nunca se rendeu, que leva por título “As luces primeiras” e repasa a infancia, a adolescencia e os primeiros anos da mocidade de don Paco. A serie completa, realizada pola produtora Miramemira baixo a dirección de Damián Valera, consta de seis capítulos que nos permitirán achegarnos á traxectoria vital e ás múltiples facetas deste intelectual galeguista a quen neste 2023 se lle dedica o Día das Letras Galegas. As restantes entregas iranse estreando semanalmente, cada luns.

Para ampliar información, preme aquí.
23/03/2023. DINAMIZACIóN

A CTNL e PuntoGal asinan un convenio para promover os produtos en galego

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua e a asociación PuntoGal asinaron esta semana un acordo de colaboración para promover, a través do proxecto Agasallo, os produtos que empregan o galego na súa comercialización, etiquetaxe ou contido. Mensualmente a CTNL seleccionará un lote de produtos (libros, música, xogos, téxtil, alimentación, artesanía etc.) e a asociación PuntoGal encargarase de divulgar o traballo das empresas que os producen e de sortealos a través das redes sociais de Agasallo e da propia asociación PuntoGal. O primeiro destes sorteos realizarase o vindeiro mes de abril, data na que tamén se difundirán as bases de participación.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa nas páxinas web da CTNL ou de PuntoGal.
22/03/2023. DINAMIZACIóN

Presentación dos resultados da experiencia de compromiso lingüístico entre o alumnado de Ames

A Real Academia Galega e o Concello de Ames organizan un acto de presentación e valoración dos resultados da experiencia de compromiso lingüístico que se desenvolveu durante tres semanas en sete centros de educación infantil e primaria de Ames, no marco do proxecto Modo galego, actívao! . O acto, de entrada libre, terá lugar hoxe, 22 de marzo de 2023, ás 19:00 h, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nel intervirán Henrique Monteagudo, vicesecretario da RAG e coordinador do Seminario de Sociolingüística; Gabino Vázquez-Grandío, técnico do mesmo seminario; Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística de Ames; Enrique Gil Gil, coordinador do EDLG do CEP de Ventín; Javier Cacheiro López, presidente da ANPA do mesmo colexio; Alonso Barreiro Caxade, director do CEIP de Barouta; e Mª. Carmen Liñares Liñares, directora do CEIP Agro do Muíño. No transcurso do acto tamén se estreará un vídeo de sensibilización a favor do galego gravado polo alumnado participante na experiencia de compromiso lingüístico.

Podes ampliar información sobre este acto nas páxinas web da RAG ou do Concello de Ames.
22/03/2023. CURSOS E CONGRESOS

Comeza en Santiago o Seminario "Medios de comunicación en linguas minoritarias"

Hoxe, 22 de marzo de 2023, comeza en Santiago de Compostela o Seminario "Medios de comunicación en linguas minoritarias – O galego e as linguas minoritarias de Europa", organizado por Facundo Reyna-Muniain (Centro Europeo de Asuntos Minoritarios (ECMI) / Instituto da Lingua Galega, USC) e Craig Willis (Centro Europeo de Asuntos Minoritarios (ECMI) / EU Flensburg). A xornada de hoxe, na que se debaterá sobre o papel das linguas minoritarias e minorizadas de Europa nos medios de comunicación, terá lugar na sede do Consello da Cultura Galega, entidade que colabora na organización deste seminario, xunto coa Xunta de Galicia, o Instituto da Lingua Galega (USC) e o Grupo de investigación Estudos Audiovisuais (USC). O simposio continuará durante as xornadas do 23 e 24 de marzo con dous obradoiros de escritura, o primeiro deles na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e o segundo no Instituto da Lingua Galega.
Podes consultar o programa completo premendo aquí.

20/03/2023. INVESTIGACIóN

O Galego nos centros públicos de ensino secundario obrigatorio: avaliación do Decreto 79/2010

A Mesa pola Normalización Lingüística publica un informe sobre a presenza do galego nos centros públicos de ensino secundario obrigatorio, a partir do coñecido como Decreto do plurilingüismo.

A súa autora, Nuria Fociños, recolleu datos de 303 institutos dos que se tiran conclusións como que máis da metade non teñen plan lingüístico ou que a presenza da lingua galega nos libros e materiais empregados, en papel ou dixitais, é moito menor ca a do castelán. Tamén aborda a cuestión da formación do profesorado ou a distribución horaria do uso de ambas linguas. Podes consutar en internet o informe completo.
20/03/2023. CURSOS E CONGRESOS

Ferrol convoca cursos de comunicación en galego para persoas desempregadas

O Centro Municipal de Emprego do Concello de Ferrol oferta un curso para mellorar a competencia comunicativa en lingua galega. As sesións desenvolveranse entre o 22 e o 31 de marzo de 2023, en horario de 9.00 a 14.00 horas, cunha duración total de 38 horas.

As persoas interesadas poden dirixirse a emprego@ferrol.es para obter máis información. O curso conta con 15 prazas.
17/03/2023. DINAMIZACIóN

Programa de fomento do galego na Rede de Escolas Infantís Municipais da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña está a desenvolver un programa de fomento do galego na Rede de Escolas Infantís Municipais, co obxectivo de ofrecer recursos lúdicos e educativos en galego e promover a galeguización na etapa educativa de 0-3 anos. A acción principal do programa consiste na organización, entre os meses de marzo e maio de 2023, do espectáculo de narración oral "Ollo, piollo!", de Chus Álvarez, en todas as escolas infantís da cidade.
Na páxina web do SNL do Concello da Coruña tes máis información sobre esta iniciativa.
17/03/2023. OUTRAS

Novos datos sobre usos lingüísticos docentes na USC

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta os datos sobre os usos lingüísticos docentes no curso 2022-2023, con información detallada segundo o tipo de titulación (grao ou mestrado), o departamento no que se imparte a docencia ou a categoría do profesorado. En termos xerais, os datos son practicamente coincidentes cos presentados o pasado curso 2021-2022. Actualmente impártese en castelán o 71,6% das horas docentes, en galego o 24,4% e noutros idiomas estranxeiros o 4%.
Na páxina web do SNL da USC podes consultar os datos de anos anteriores, así como os gráficos da evolución dos usos lingüísticos desde o ano 2015.
17/03/2023. DINAMIZACIóN

Comeza a XII edición do FalaRedes cunha obra infantil sobre Castelao

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta a duodécima edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes, que nesta edición de 2023 bota a andar coa obra teatral “Castelao”, con texto de Paula Carballeira, dirixida por Fina Calleja e destinada a un público de seis a dez anos e ás súas familias. A obra estrearase en Teo o vindeiro 19 de marzo e percorrerá diferentes concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística ata finais de abril. Ao longo do ano o programa FalaRedes irá ampliando a súa oferta con novas actividades dirixidas a crear espazos de uso para o galego no ámbito do lecer.
Podes ampliar esta nova, premendo aquí.
17/03/2023. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a promoción do galego na Administración local

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia publica as bases das subvencións ás entidades locais para a promoción do galego durante o ano 2023. As axudas están destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística; así como ao desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega. Poderán optar a estas axudas os concellos ou os agrupamentos de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
15/03/2023. DINAMIZACIóN

Xa podes ver todos os episodios de Digochiño na súa páxina web

O espazo infantil “Digochiño”, que se emite na canle G2 da TVG todos os sábados desde o pasado 7 de xaneiro, ten agora unha páxina web propia onde podes atopar todos os episodios emitidos.
Digochiño é un espazo dirixido aos máis pequenos/as da casa no que un raposo azul e branco (a mascota do premiado espazo #DígochoEu) conversa con Esther Vázquez de temas diversos, ao tempo que axuda aos nenos e nenas a aprender o galego.
Se precisas máis información sobre esta iniciativa, preme aquí.
14/03/2023. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal da Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca, ao abeiro do Plan agrupado de formación continua para o ano 2023, os seguintes cursos de perfil lingüístico, que poderán realizarse en liña: "Linguaxe administrativa galega. Nivel medio" (19 de abril e o 19 de xuño de 2023); "Curso de linguaxe clara" (do 25 de setembro ao 2 de novembro de 2023); "A dinamización lingüística na Administración local" (do 2 de outubro ao 2 de novembro de 2023); "Linguaxe e estilo administrativo. Técnicas para mellorar a redacción" (do 2 de outubro ao 2 de novembro de 2023). Pode inscribirse en calquera destes cursos o persoal ao servizo da deputación provincial así como o persoal dos concellos da provincia adheridos a este plan formativo. O prazo de inscrición comezará a partir do día seguinte ao da publicación das bases no BOP de Pontevedra e rematará 20 días naturais antes do comezo das accións formativas.
14/03/2023. AXUDAS E PREMIOS

Convocado o VI Premio Luís Porteiro Garea

A Universidade de Santiago de Compostela convoca o VI Premio Luís Porteiro Garea, que lembra a figura do profesor e membro das Irmandades da Fala, quen o 16 de setembro de 1915 pronunciou a primeira lección en galego na Universidade de que se ten constancia.

Con este galardón, que ten carácter de distinción pública, quérese recoñecer o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan a prol do uso do galego na universidade. O prazo para presentar as candidaturas desta sexta edición remata o 30 de abril de 2023.

Os premios entregaranse nun acto protocolario que se desenvolverá na USC no mes de setembro de 2023, coincidindo co aniversario da lección do profesor Porteiro Garea.
14/03/2023. AXUDAS E PREMIOS

XX Certame Literario Concello de Ames de poesía e narrativa

A Área de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca unha nova edición do Certame Literario Concello de Ames, que ten como obxectivo principal promover a creatividade en lingua galega.

O concurso conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas establece tres categorías, segundo a idade das persoas participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega.

O prazo de presentación de orixinais remata o 12 de abril de 2023. Consulta as bases completas.
10/03/2023. INVESTIGACIóN

Caída no hábito de ler en galego

Segundo o Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros en España 2022, elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España, mantense a tendencia dos últimos anos con respecto ao aumento de lectores e lectoras nas distintas linguas do Estado.

Con todo, tamén se confirman os datos que veñen falando de perda de público para a edición en galego. O Barómetro indica que só o 3,4% prefire ler en lingua galega.
09/03/2023. INVESTIGACIóN

O galego, no posto 37 do Barómetro das linguas do mundo

O Ministerio de Cultura do Goberno de Francia publica o Barómetro das linguas do mundo 2022, realizado polos doutores Alain Calvet et Louis-Jean Calvet. Trátase da cuarta edición deste barómetro, que nesta ocasión clasifica 635 linguas, medindo a súa importancia ou peso segundo trece indicadores sociolingüísticos, tanto “intrínsecos” (número de falantes, status da lingua, ensino nos niveis universitarios etc.) como “contextuais” (índice de desenvolvemento humano, grao de penetración de Internet ou índice de fecundidade da poboación). No que respecta ao idioma galego, atópase entre os primeiros 50 clasificados, tanto na clasificación global como nas dúas clasificacións específicas feitas segundo o criterio do prestixio ou os factores intrínsecos. Concretamente o galego está no posto 37 segundo a clasificación global, o que supón un ascenso de 13 chanzos con respecto ao Barómetro de 2017. Segundo a clasificación de prestixio atópase no posto 44 e segundo a clasificación de factores intrínsecos no posto 47.
Podes consultar o informe completo en formato PDF premendo aquí.

08/03/2023. DINAMIZACIóN

A USC convoca a primeira edición do concurso "Vémolo Nós"

O Servizo de Normalización Lingüística e as Comisións de Normalización Lingüística dos distintos centros e organismos da Universidade de Santiago de Compostela convocan a primeira edición do concurso de vídeos "Vémolo Nós", dirixido a todos os membros da comunidade universitaria da USC no curso académico 2022/2023. O certame ten como obxectivo promover a produción e a difusión de vídeos curtos e orixinais que fomenten o galego como lingua de divulgación científica. Os vídeos deben presentarse en lingua galega, en formato 16:9 e cunha duración máxima de cinco minutos. Outorgarase un premio de 1.500 euros en cada unha das seguintes categorías: Divulgación do coñecemento, Descubrindo a USC e A utilidade do galego. O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de maio de 2023.
Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.