Novas da lingua

Rexistros1081 a 1110 de 5280
10/01/2023. OUTRAS

Proxector celebra o seu aniversario publicando un especial sobre quecemento global

Cando se cumpre un ano da nova etapa de Proxector, resultado da colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega, publícase o seu especial número 12: Quecemento global. Ameazas e oportunidades.

A día de hoxe, esta páxina ofrece xa 1016 audiovisuais para a docencia, clasificados en 32 áreas de coñecemento, e un espazo para os especiais que se van elaborando cada mes en función de efemérides e acontecementos de interese.

09/01/2023. INVESTIGACIóN

Nova web sobre os materiais galegos do ALPI

O Instituto da Lingua Galega publica a páxina web Os materiais galegos do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica. Nela ofrece información sobre o proxecto ALPI, mapas elaborados a partir dos datos galegos, imaxes dos cadernos de campo e fotografías.
09/01/2023. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Ourense

O Concello do Ourense publica as bases reguladoras da convocatoria
dos procesos selectivos, mediante concurso, para a provisión
das prazas incluídas na oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal. Entre as prazas ofertadas inclúese unha de normalizador/a lingüístico/a (persoal funcionario, subgrupo A1).

Os/as aspirantes deben estar en posesión do grao en Filoloxía Galega ou equivalente. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo no Boletín Oficial da Provincia do 31 de decembro.
30/12/2022. EMPREGO

Praza de “mestre/a - normalizador/a lingüístico/a” no Concello de Santa Comba

O Concello de Santa Comba publica as bases xerais e específicas que rexerán os procesos selectivos para cubrir as prazas incluídas na oferta de emprego público extraordinario para a estabilización de emprego temporal. Entre as prazas ofertadas inclúese unha coa denominación “Mestre/a –LFH- (Normalizadora lingüística, impartición ESA)” (persoal laboral, grupo I). O proceso selectivo será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura de Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués); do grao en Lingua Galega, ou de calquera outra licenciatura/grao da área de humanidades ou ciencias xurídicas, sempre que dispoñan do Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días soltos, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
30/12/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Pontedeume

O Concello do Pontedeume publica as bases xerais e específicas que rexerán os procesos selectivos correspondentes ás prazas de estabilización de emprego temporal. Entre as prazas ofertadas inclúese unha de normalizador/a lingüístico/a (persoal laboral, grupo II). O proceso selectivo será o concurso de méritos. As persoas que non superen o proceso selectivo incluiranse nunha bolsa de persoal laboral temporal específica. Os/as aspirantes deben estar en posesión do grao en Lingua e Literatura Galegas; ou da licenciatura en Filoloxía Galego Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugues). O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo das bases xerais e específicas premendo aquí:
-Bases xerais.
-Bases específicas.
30/12/2022. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a resolución da convocatoria de subvencións destinadas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego. Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias, xunto co importe concedido, premendo aquí.
29/12/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello do Grove

O Concello do Grove publica a convocatoria para cubrir as vacantes do persoal laboral fixo, no marco do proceso de estabilización do emprego temporal. Entre as prazas convocada inclúese unha de normalizador/a lingüístico/a (persoal laboral, grupo II). O proceso selectivo será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben estar en posesión da titulación de diplomatura ou grao. Para aquelas persoas que non superen o proceso selectivo, prevese a súa inclusión en bolsas de persoal laboral temporal específicas para as prazas convocadas. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo da convotoria e mais das bases premendo aquí:
-Anuncio da convocatoria.
-Bases da convocatoria.

28/12/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Carral

O Concello de Carral publica as bases xerais e específicas polas que se rexerán os procesos selectivos para cubrir varias prazas, no marco do proceso extraordinario de estabilización do emprego temporal. Entre as prazas ofertadas inclúese unha de técnico/a de normalización lingüística (persoal laboral, grupo I). O proceso selectivo será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galega, Filoloxía Galego-Portuguesa ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués); do grao en Lingua e Literaturas Galegas, ou Galego e Portugués; ou calquera outra licenciatura ou grao pertencente á área de humanidades ou ciencias xurídicas e socias, sempre que se dispoña do Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
28/12/2022. EMPREGO

Praza de tradutor/a intérprete da Administración de Xustiza

No marco do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso no corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia publica a convocatoria para cubrir unha praza de tradutor/a intérprete da Administración de Xustiza (persoal laboral, grupo III). O proceso selectivo será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de bacharel ou técnico/a. O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días hábiles, que se contarán a partir do día 16 de xaneiro de 2023.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
27/12/2022. OUTRAS

A Palabra do Ano 2022 é comadre

O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, acaba de facer público o termo elixido como Palabra do Ano 2022, que nesta ocasión resultou ser comadre. Como ben explica a RAG, "na fala popular esta voz refírese tamén á veciña ou á amiga na que se ten especial confianza" e " bebendo deste herdo tradicional, hoxe reivindícase dende o feminismo consciente como un xeito de se referir a aquelas que practican a sororidade, a solidariedade entre mulleres". O termo que quedou en segunda posición foi candorca, en clara alusión á frecuente presenza de cetáceos nas nosas costas.

Podes ampliar esta información premendo aquí.
27/12/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Santiago

O Concello de Santiago de Compostela publica as bases do proceso selectivo para a cobertura de diferentes prazas, dentro do proceso extraordinario de estabilización. Entre as prazas ofertadas inclúese unha de técnico/a de normalización lingüística (funcionario/a, grupo A1). O proceso selectivo será o concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión do grao en Lingua e Literatura Galega. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
27/12/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Ribeira

O Concello de Ribeira publica as bases polas que se rexeran as convocatorias para a estabilización de emprego temporal de longa duración. Entre as prazas ofertadas inclúese unha de técnico/a de normalización lingüística (persoal laboral, grupo I).
O proceso selectivo será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben estar en posesión dalgún dos seguintes graos: Lingua e Literatura Galegas; Estudos de Galego e Español; Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; ou das licenciaturas en Filoloxía Galego-Portuguesa; ou Filoloxía Galega; ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués); ou doutras titulacións superiores que pertenzan á área de humanidades ou de ciencias xurídicas e sociais, sempre que estean en posesión Celga 5. Rematado o proceso selectivo, o tribunal efectuará unha relación complementaria cos/as aspirantes que non obtivesen praza. Esta bolsa de emprego resultante terá unha vixencia máxima de 5 anos.
O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
27/12/2022. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego no ensino

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2022/2023, unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada. En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
26/12/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Ponteareas

O Concello de Ponteareas publica as bases xerais e específicas, así como a convocatoria do proceso selectivo para a provisión de varias prazas, entre as que se inclúe unha de técnico/a de normalización lingüística (funcionario/a, A1). O proceso selectivo é o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben estar en posesión dunha titulación de grao universitario, ou equivalente, nunha rama de humanidades ou ciencias sociais ou xurídicas que habilite para o exercicio das funcións do posto, así como do Celga 4. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
26/12/2022. EMPREGO

Prazas de lingüista na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

A Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia publica, no DOG do 26 de decembro de 2022, a convocatoria do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre as prazas convocadas inclúense 12 prazas da escala de expertos/as lingüistas (persoal funcionario, grupo A1), e 11 prazas de titulado/a superior lingüista (persoal laboral, grupo I). O proceso selectivo será o concurso de méritos.

Así mesmo, no DOG do 27 de decembro de 2022, publícase unha nova convocatoria de prazas para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e neste caso o sistema de selección será o concurso-oposición. Nesta segunda convocatoria inclúense 7 prazas de titulado/a superior lingüista (persoal laboral, grupo I).

Os aspirantes/as a todas estas prazas deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (especializada Galego-Portugués), ou do grao en Lingua e Literatura Galegas. O prazo para presentar as solicitudes remata o 17 de febreiro de 2023.

Podes consultar os textos completos das bases premendo aquí:
-Convocatoria de 12 prazas da escala de expertos/as lingüistas (funcionario/a, grupo A1) e 11 de titulados/as lingüistas (persoal laboral, grupo I) a través de concurso. [modificación das bases]

-Convocatoria de 7 prazas de titulados/as lingüistas(persoal laboral, grupo I) a través de concurso-oposición.[modificación das bases]
23/12/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística na Mancomunidade de Ordes

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes publica as bases xerais e específicas que rexerán a convocatoria do proceso selectivo de varias prazas, de acordo coas medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Entre as prazas convocadas está a de técnico/a de normalización lingüística (persoal laboral, grupo I). O sistema de selección será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de grao universitario, licenciado ou equivalente, e mais do Celga 4. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
22/12/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Miño

O Concello de Miño publica as bases que xererán a convocatoria do proceso selectivo para a cobertura dunha praza de técnico/a de normalización lingüística (persoal laboral, asimilado ao grupo A1). O sistema de selección será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben posuír, ou estar en condicións de obter na data de terminación do prazo de presentación de solicitudes, a licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), o grao en Lingua Galega, ou calquera outra licenciatura/grao pertencentes á área de humanidades ou de ciencias xurídicas e sociais, sempre que se dispoña do CELGA 5. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio do extracto da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
22/12/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Carnota

O Concello de Carnota publica as bases xerais e específicas que rexerán os procesos selectivos para a cobertura de diferentes prazas incluídas na oferta de emprego público para a estabilización do emprego temporal do ano 2022. Entre as prazas ofertadas inclúese a de técnico/a de normalización lingüística (persoal laboral, asimilado ao grupo A1). O sistema de selección será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben posuír, ou estar en condicións de obter na data de terminación do prazo de presentación de solicitudes, o grao en Lingua e Literatura Galegas, a licenciatura en Filoloxía Galega, Filoloxía Galego-Portuguesa ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), ou calquera outra licenciatura ou grao pertencente ás áreas de humanidades ou ciencias sociais e xurídicas, sempre que ademais estean en posesión do Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio do extracto da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
21/12/2022. INVESTIGACIóN

O castelán xa é a lingua maioritaria en Galicia, segundo os novos datos do INE

No marco da publicación do Censo de 2021, o Instituto Nacional de Estatística (INE) acaba de presentar novos datos demolingüísticos sobre o coñecemento e uso das linguas, que poden consultarse tanto a nivel estatal como desagregados por comunidades autónomas ou provincias. No que respecta a Galicia, malia que as diferenzas metodolóxicas non permiten unha comparación automática con outros datos presentados hai tres anos polo IGE, o máis salientable é que por primeira vez un estudo estatístico deste tipo amosa unha realidade sociolingüística onde, en termos xerais, o castelán xa é a lingua de uso maioritario en Galicia, tanto no ámbito familiar, como no laboral ou cos amigos.
Podes consultar toda a información con máis detalle premendo aquí.
21/12/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Oleiros

O Concello de Oleiros publica a convocatoria do proceso selectivo para cubrir diferentes prazas, de acordo coas medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Entre as prazas convocadas inclúese a de "Normalizador/a lingüístico". O sistema de selección será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben estar en posesión dunha diplomatura universitaria ou equivalente. Tal e como se indica nas bases xerais para os procedementos selectivos de persoal laboral fixo e persoal funcionario/a de carreira (publicadas no BOP do 23 de setembro de 2022), o prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no BOE.
20/12/2022. AXUDAS E PREMIOS

Os XXIII Premios Manuel Beiras xa teñen gañadores/as

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio celebraron onte, 19 de decembro de 2022, no Teatro Principal a gala de entrega dos XXIII Premios Manuel Beiras, deseñados para recoñecer publicamente o compromiso co galego do sector empresarial compostelán. As galardoadas desta edición foron Kómic Librería, na categoría de empresas cun uso continuado do galego; a consultora Abeluria Sociedade Cooperativa Galega, na categoría de nova incorporación ao galego; e o restaurante e tenda de ultramarinos Orixe, na categoría de empresa cunha comunicación innovadora.

Podes ampliar esta nova premendo aquí.


20/12/2022. AXUDAS E PREMIOS

O Concello de Ames entrega o V Premio Lingua e Empresa

O Concello de Ames fixo entrega, nun acto público que tivo lugar o sábado 17 de decembro de 2022, do V Premio Lingua e Empresa, promovido anualmente polo Servizo de Normalización Lingüística municipal para fomentar o uso do galego na actividade económica local. Nesta quita edición as empresas galardoadas foron We Robots Academy, de Bertamiráns, na categoría de uso consolidado da lingua galega; e SOMA Centro de Terapia Integral, do Milladoiro, na categoría de empresas que que incorporaron o galego na súa comunicación nos dous últimos anos.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
20/12/2022. EMPREGO

O Concello de Outes convoca a praza de técnico/a de promoción, dinamización lingüística e sociocultural

O Concello de Outes publica as bases xerais e específicas que rexerán os procesos selectivos de estabilización do emprego temporal. Entre as prazas convocadas inclúese a de "Técnico/a Promoción / Dinamización Lingüística e Sociocultural" (persoal laboral, grupo equivalente a A1). O sistema de selección será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), do grao en Lingua Galega, ou calquera outra licenciatura ou grao da área de humanidades ou ciencias xurídicas, sempre que se dispoña do Celga 5 ou equivalentes. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio do extracto da convocatoria no BOE. [BOE do 29 de maio de 2023: novo prazo]

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.

19/12/2022. EMPREGO

Praza de asesor/a lingüístico/a no Concello de Pontevedra

O Concello da Pontevedra publica as bases xerais e específicas da convocatoria para cubrir as prazas vacantes recollidas na OEP para a estabilización de emprego temporal do ano 2022. Entre as prazas incluídas neste proceso está a de asesor/a lingüístico/a (funcionario/a, grupo A1). O sistema de selección será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), do grao en Lingua Galega ou calquera outra licenciatura ou grao ou outras titulacións superiores pertencentes a área de humanidades ou ciencias xurídicas e sociais, sempre que estean en posesión do certificado de lingua galega do nivel 5 (CELGA 5), ou en condición de obtelo na data de terminación do prazo de presentación de instancias. O prazo de presentación de instancias é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio do extracto da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.

19/12/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Fisterra

O Concello da Fisterra publica as bases xerais e específicas da convocatoria excepcional dos procesos selectivos correspondentes ás prazas estruturais vacantes de persoal laboral fixo do concello, incluídas no proceso de estabilización do emprego temporal de longa duración. Entre as prazas incluídas neste proceso está a de técnico/a de normalización lingüística (persoal laboral, grupo II). O sistema de selección será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben estar en posesión, ou en condicións de obter na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, do título de grao ou antiga diplomatura ou equivalentes. O prazo de presentación de instancias é de 20 días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio do extracto da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí. [modificación das bases]
19/12/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Ferrol

O Concello da Ferrol publica as bases que rexerán os procesos selectivos extraordinarios de estabilización de emprego temporal. Entre as prazas incluídas neste proceso de estabilización está a de técnico/a de normalización lingüística (funcionario/a, subgrupo A1). O sistema de selección será o concurso de méritos. Os aspirantes deben estar en posesión da licenciatura ou grao en Filoloxía Hispánica (Subsección Galego- Portugués) ou Filoloxía Galega. O prazo de presentación de instancias é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio do extracto da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.

16/12/2022. DINAMIZACIóN

Os prexuízos lingüísticos protagonizan o novo calendario da Área de Normalización Lingüística da UVigo

As viñetas do ilustrador e humorista gráfico Luis Davila, nas que se representan os prexuízos lingüísticos existentes no ámbito universitario, protagonizan o calendario de 2023 da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. 2000 exemplares en formato físico deste almanaque estarán dispoñibles nas conserxerías das facultades, escolas e centros dos tres campus da UVigo. A maiores, tamén está accesible en formato PDF na páxina web da ANL.
No Diario da Universidade de Vigo podes obter máis información sobre esta iniciativa.
16/12/2022. AXUDAS E PREMIOS

Premios á innovación científica en galego da mocidade

Veñen de fallarse os premios Inventa en Galego e Novos Poliedros, convocados por Igaciencia co gallo do Día da Ciencia en Galego.

O primeiro, que requiría a elaboración dunha app que reflectise os lugares interesantes e turísticos da zona na que o alumnado reside, foi para o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, polos proxectos Buscando a María Pita e Club dos famosos mortos.

No certame Novos Poliedros, centrado na xeometría e a simetría, resultaron gañadores o instituto IES Ramón Menéndez Pidal, da Coruña, por partida dobre cunha clase de Bacharelato e outra de terceiro da ESO; o IES Carlos Casares, de Vigo; o IES de Meaño e o CPI Plurilingüe Dr. López Suárez, de Friol.
16/12/2022. DINAMIZACIóN

Bota a andar unha nova edición de Nadal en Rede

Hoxe, 16 de decembro de 2022, bota a andar da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística unha nova edición do programa Nadal en Rede, que ata o vindeiro 30 de decembro percorrerá diferentes concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística. O programa, deseñado co obxectivo de crear espazos de uso para o galego nestas datas festivas, inclúe tres actividades lúdicas: “O Apalpador e os Monifates” (contacontos con música e monicreques); “Fazulas e o ladrón de paraugas” (espectáculo teatral); e “Son no berce” (concerto didáctico e sensorial para bebés).

Así mesmo, a SXPL pon ao dispor da cidadanía unha selección de recursos dixitais vinculados co Nadal, como o Libro dos Reis Magos; modelos de cartas; e o vídeo “Saborea Galicia”, para animar a consumir produtos etiquetados en galego.
15/12/2022. DINAMIZACIóN

Goza das películas e series subtituladas en galego con Pipocas

A Mesa pola Normalización Lingüística lanza un catálogo en liña de series e filmes orixinais, dobrados ou subtitulados en lingua galega.

Pipocas estréase con 100 títulos que redirixen o público ás plataformas onde se aloxan os audiovisuais. A Mesa ocuparase de ir actualizando permanentemente a listaxe e convida os usuarios e usuarias a contribuír tamén coas súas suxestións.