Novas da lingua

Rexistros1171 a 1200 de 5280
26/10/2022. AXUDAS E PREMIOS

Convocatoria de axudas para a realización de teses de doutoramento en galego

A Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, a través do Servizo de Normalización Lingüística, publica unha Convocatoria de axudas para a realización de teses de doutoramento en galego.

Poden acceder a estas axudas os/as estudantes de programas de doutoramento da USC que realicen en lingua galega a redacción e defensa da tese de doutoramento no curso académico 2022/2023. O prazo de solicitude remata o 30 de setembro de 2023.
26/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

V Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no Ensino

O Instituto da Lingua Galega, o Departamento de Didácticas Aplicadas e o Departamento de Filoloxía Galega da USC convocan as V Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no Ensino.

Nesta edición, que vai ter lugar o 18 e 19 de novembro de 2022 na Facultade de Filoloxía, reflexionarase sobre a competencia discursiva plurilingüe, presentaranse propostas didácticas e debaterase sobre retos e estratexias de adaptación aos novos escenarios educativos. Ademais, darase a coñecer o Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico, CORTEGAL, que inclúe mil textos anotados extraídos da pregunta de comentario das probas de lingua e literatura galegas dos exames ABAU.

O prazo de inscrición para profesorado de centros públicos e concertados remata o 30 de outubro. O público xeral ten ata o 12 de novembro para realizala. Máis información aquí.
25/10/2022. OUTRAS

Datas de realización das probas de acreditación do Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou o pasado de mes de setembro de 2022 a convocatoria de probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 2, 3 e 4), e no DOG do 25 de outubro publica as datas concretas de realización destas probas, que se realizarán en Santiago de Compostela e Ponferrada.
Son as seguintes:
-Celga 2: 27 de novembro de 2022.
-Celga 3: 26 de novembro de 2022.
-Celga 4: 19 de novembro de 2022, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece polas letras letras T, U, V, W, X, Y, Z, A, B, C, D, E, F ou G; e 20 de novembro de 2022 para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece polas letras H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R ou S.
24/10/2022. DINAMIZACIóN

Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia

Co gallo da vindeira celebración do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) promove, un ano máis, o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades, e facer pedagoxía sobre a incoherencia de enterrar os falecidos con lápidas escritas nun idioma diferente ao que falaban en vida. Con esta finalidade, a AFNLG, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias, convida a todas as entidades locais a adherirse á iniciativa coa celebración dun acto no que se coloque nun sitio ben visible dos camposantos unha placa ou monumento co seguinte texto: “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”.
No marco deste iniciativa, que se celebra anualmente, a AFNLG publicou tamén varios volumes de mandas testamentarias (En galego, agora e sempre 2008; En galego, agora e sempre 2010) nos que diferentes persoas, coñecidas e anónimas, deixan por escrito os seus afectos polo idioma galego e o seu desexo de que se respecten os seus dereitos lingüísticos despois da súa morte.
24/10/2022. AXUDAS E PREMIOS

V Premio Xela Arias

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) convoca a quinta edición do Premio Xela Arias, creado para recoñecer o labor de empresas, entidades ou persoas que contribúan á promoción do uso do galego no mercado da tradución e da interpretación. O prazo para a presentación de candidaturas remata o 25 de outubro. Para facelo cómpre enviar un correo electrónico a info@agpti.org co nome da empresa, entidade ou persoa candidata e os motivos polos que se considera que merece o premio.
Podes consultar as bases completas premendo aquí.
21/10/2022. DINAMIZACIóN

Évariste Galois e Ángeles Alvariño, homenaxeados no XIII Día da Ciencia en Galego

Coincidindo coa conmemoración do ano 2022 como “Ano internacional das ciencias básicas para o desenvolvemento sostible”, a Institución Galega da Ciencia (Igaciencia) promove a celebración do XIII Día da Ciencia en Galego, no que se renderá homenaxe ao matemático francés Évariste Galois e á oceanógrafa galega Ángeles Alvariño. Igual ca en edicións anteriores, ao longo de todo o mes de novembro Igaciencia organizará, coa colaboración da Xunta de Galicia, unha serie de videoconferencias didácticas dirixidas a centros de ensino galegos, especialmente aos de secundaria. O prazo de inscrición para asistir en liña remata unha semana antes da emisión de cada conferencia.

21/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

Curso de improvisación oral en verso en Vigo

O Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo organiza un Curso de improvisación oral en verso, que terá lugar no Verbum, todos os mércores en horario de 17:00 h a 20:00 h, a partir do vindeiro 26 de outubro de 2022. As sesións serán impartidas por Kike Estévez, de ORAL de Galicia, e os/as asistentes terán ocasión de aprender diferentes tipos de melodías de improvisación oral (repente galego, melodías lusófonas, catalás e americanas), así como as características e recursos literarios propios da regueifa. Para obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
18/10/2022. DINAMIZACIóN

"Ciencia Calidade", divulgación científica de calidade e en galego

O vindeiro 5 de novembro de 2022 terá lugar no Auditorio do Vello Cárcere (Lugo) o concurso de monólogos científicos en galego "Ciencia Calidade", onde oito persoas divulgarán contidos científicos de forma amena en menos de 3 minutos. Os/as divulgadores/as desta primeira edición son: Antonio Cagide Varela, Uxía Yáñez Ramil, Miriam Cebey López, Ángela Arnosa Prieto, Marta Trillo Domínguez, David García Dios, José Iglesias Moure e Alejandro Gómez Pazo.
A iniciativa está organizada polas divulgadoras Andrea Muras e Eva Cabanelas, en colaboración con Divulgaccion. Podes manterte ao día das novidades nas seguintes contas de Twitter e Instagram.
18/10/2022. DINAMIZACIóN

Música electrónica en galego para celebrar o Día das Bibliotecas na Coruña

Co gallo da celebración, o vindeiro 26 de outubro, do Día da Biblioteca, o Servizo de Normalización Lingüística e as Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña organizan o AgoraSón 2022, unha iniciativa de carácter musical que nesta edición terá como protagonista a Nuno Pico, coñecido como Grande Amore, que acaba de recibir o Premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de música electrónica.
O evento terá lugar no auditorio do Centro Sociocultural Ágora o 22 de outubro de 2022 ás 21:00 horas. A entrada é de balde, mais cómpre ter invitación. Entregaranse un máximo de dúas invitacións por carné de socia/o das Bibliotecas Municipais da Coruña ao coller libros ou outro material en galego para os levar en préstamo. As invitacións sobrantes (de ser o caso) estarán ao dispor do público xeral o mesmo día do concerto, a partir das 20:00 h, na conserxería do Centro Ágora. Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
18/10/2022. OUTRAS

Novo espazo para a proxección internacional da cultura galega

O Consello da Cultura Galega presenta Galicia, unha cultura por descubrir, proxecto deseñado para amosar no exterior o potencial creativo da cultura galega contemporánea. A primeira entrega, Unha literatura por descubrir, ofrece pezas audiovisuais protagonizadas por escritores e escritoras de referencia nas nosas letras, así como diversos recursos complementarios.

Estes contidos, que se dirixen a un público internacional especializado, poden consultarse en galego e en inglés no espazo web do Consello da Cultura Galega culture.gal, xunto con informacións básicas da propia institución e novos contidos que se irán incorporando sobre outras áreas da cultura galega.
17/10/2022. OUTRAS

Vocabulario panlatino do dixital: ataques e devasas

A Delegación xeral para a lingua francesa e as linguas de Francia, en colaboración coa Rede panlatina de terminoloxía (Realiter), presenta o Vocabulario panlatino do dixital: ataques e devasas, unha obra terminográfica na que se ofrecen solucións para 100 conceptos claves relacionados cos erros e problemas detectados no eido da informática, a telefonía e Internet. Xunto co termo e a definición en francés, preséntanse as correspondencias nas seguintes linguas: catalán, español, galego, italiano, portugués, romanés e inglés. De elaborar as correspondencias para o galego ocupáronse Manuel Núñez Singala e Xusto Rodríguez Río, do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.
17/10/2022.

A mocidade de Ferrolterra participa nun laboratorio de apoderamento lingüístico

O alumnado de bacharelato de catro centros de ensino medio da comarca de Ferrolterra (IES Carvalho Calero, IES Concepción Arenal, IES Sofia Casanova e IES Punta Candieira) está a participar estes días no proxecto "Laboratorio de Apoderamento Lingüístico", un proxecto piloto de dinamización do uso do galego e de xestión do conflito lingüístico na mocidade, desenvolvido pola cooperativa Rexenerando ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22. Os principais obxectivos do programa son a creación de espazos seguros para o uso do galego, a análise dos prexuízos existentes arredor do idioma propio e o deseño de prototipos de intervencións dinamizadoras para a creación dunha comunidade de activistas a prol do galego formada polos propios mozos e mozas participantes. Entre os días 13 e 27 de outubro o alumnado terá ocasión de traballar en grupo cos compañeiros/as de aula e posteriormente, o 11 de novembro, terá lugar un encontro intercentros para expor as propostas e recursos compilados. O programa rematará cun acto de peche, o 29 de novembro, onde se proxectará un vídeo resumo e se presentarán os resultados á comunidade educativa e ao conxunto da sociedade. Podes manterte ao tanto do desenvolvemento desta iniciativa a través da conta de instagram @laboratorio_lingua.
14/10/2022. DINAMIZACIóN

Concurso para atopar as palabras perdidas do galego

Docentes de Português na Galiza e AGAL organizan Perdidos e achados'22. Trátase dun concurso dirixido a alumnado de 3º da ESO a 2º de bacharelato, que consiste en localizar palabras galegas en desuso coincidentes co código internacional da lingua portuguesa. O obxectivo, recuperarmos e reaprendermos palabras perdidas a través da mocidade, dun xeito divertido e atractivo, así como aumentar a presenza da nosa lingua nas redes sociais.

O prazo para participar remata o 30 de novembro. Consulta as bases completas.
13/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

I Xornada sobre Variación e Cambio Lingüístico

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Línguas, Literaturas e Culturas da Universidade de Aveiro organizan, o 14 de novembro de 2022, a I Xornada sobre Variación e Cambio Lingüístico, un encontro que reunirá investigadores e investigadoras para promover e difundir os estudos sobre a variación e o cambio lingüístico nas linguas románicas.

A data límite de inscrición é o 10 de novembro. Podes consultar o programa e información adicional na páxina do ILG.
13/10/2022. DINAMIZACIóN

Campaña "Un outono cheo de letras" nas redes sociais

A Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña botou a andar Un outono cheo de letras, campaña destinada á promoción do libro e a lectura en galego.

Esta iniciativa vai lanzando diariamente nas redes microentrevistas con diferentes actores sociais, vídeos divulgativos e entradas que mostran a importancia de termos unha lingua que nos permite construír unha visión propia do mundo. Ademais, ten en marcha un concurso: aquelas persoas que compartan post da campaña entrarán no sorteo de 10 bonos-libros a canxear en calquera libraría da provincia da Coruña.

A actividade remata o 24 de outubro de 2022, Día das Bibliotecas. Para obter máis información, preme aquí.
11/10/2022. OUTRAS

Axuntar presenta un informe sobre a situación lingüística do Eo-Navia

A asociación Axuntar presentou o pasado sábado, 8 de outubro de 2022, no concello de Boal (Asturias) o Informe lingüístico del Eo-Navia. Sen fronteiras: galego de Asturias. Trátase dun documento divulgativo que achega datos históricos sobre a realidade lingüística do Eo-Navia e sobre a situación sociolingüística actual desta comarca. O informe tamén trata o tema dos prexuízos lingüísticos e a percepción que os propios falantes de galego teñen da súa lingua, e valora as políticas deseñadas polas autoridades gobernamentais e lingüísticas asturianas en relación ao "galego de Asturias". Na canle de Youtube de Axuntar tes ao teu dispor catro vídeos coas intervencións dos participantes no acto de presentación deste informe.

11/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornada formativa sobre os recursos didácticos relacionados co Camiño de Santiago

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago organiza a XV Xornada "Os recursos educativos en galego”, que terá lugar o 3 de novembro de 2022 na Facultade de Ciencias da Educación da USC. Nesta edición o fío condutor das diferentes intervencións serán os recursos didácticos vinculados tematicamente co Camiño de Santiago. A xornada está dirixida a alumnado, PDI e PAS das universidades galegas, que ten de prazo para inscribirse ata o 31 de outubro de 2022.
10/10/2022. DINAMIZACIóN

Volve o LGx15 con ideas inspiradoras para o futuro do galego

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza unha nova edición do LGx15, un proxecto pensado para difundir, a través de charlas breves e amenas, argumentos e experiencias inspiradoras para o futuro do galego. Nesta ocasión os participantes serán Olaia Maneiro (Tanxugueiras), Pedro González Boquete, Fátima Barros, Beatriz Busto Miramontes, Padrorua e Fabiana Ambroa Ibarruri, Isaac González, Elsa Quintas Alborés e Guido Álvarez Parga. Da presentación e da música encargarase Lois Pérez. O acto terá lugar o 27 de outubro de 2022, ás 18 h, na Sala Capitol (Santiago de Compostela). Podes conseguir xa a túa entrada, a través da venda anticipada, premendo aquí.
10/10/2022. DINAMIZACIóN

Xa podes comezar a regueifar

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo presentaron a sexta edición do certame Enreguéifate, unha iniciativa deseñada para difundir a regueifa como forma de improvisación oral e para promover o uso do idioma galego. O certame inclúe dúas categorías, unha xeral (na que pode participar calquera persoa) e outra escolar (dirixida ao alumnado do ensino non universitario). Para participar cómpre enviar un vídeo, dunha duración máxima de 3 minutos, no que aparezan, cando menos, dúas persoas regueifando en galego. O xurado outorgará diferentes premios, de carácter simbólico, que incluirán o recoñecemento e difusión do traballo. O prazo para enviar os vídeos comeza o 10 de novembro de 2022 e remata o 10 de marzo de 2023.
10/10/2022. DINAMIZACIóN

XXI Concurso de Relato Oral "Tíralle da lingua"

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza unha nova edición deste certame, dirixido á comunidade educativa, co obxectivo de normalizar o uso oral do galego e contribuír a que este idioma se converta en instrumento normal de comunicación e creación de historias no ámbito educativo. Os participantes poderán contar historias en galego, de base popular, de base literaria ou de creación propia, durante un tempo máximo de cinco minutos. Na fase final o xurado outorgará un primeiro premio de 250 euros e, se o considerase oportuno, un segundo de 150 euros. Os centros de ensino dos participantes premiados tamén recibirán un premio do mesmo importe. O prazo para realizar a inscrición remata o vindeiro 14 de novembro de 2022.
Para acceder ás bases completas do concurso e mais á ficha de inscrición, preme aquí.
10/10/2022. DINAMIZACIóN

Fraseoloxía en galego nos servizos de pediatría lugueses

A Mesa pola Normalización Lingüística, a través da súa delegación de Monforte de Lemos, está a desenvolver unha campaña de promoción do uso do galego no ámbito da pediatría. A principal acción desta iniciativa consiste na difusión de adhesivos con fraseoloxía galega adaptada á poboación infantil que acode á consulta de pediatría. As láminas cos deseños, elaborados por doce ilustradores/as lugueses, repartiranse nos servizos de pediatría dos ambulatorios do sur de Lugo, para que os máis pequenos/as poidan gozar destas mensaxes de apoio en lingua galega. No Xornal de Lemos podes ampliar información sobre esta campaña.
07/10/2022. AXUDAS E PREMIOS

I Certame de TikTok "O galego vai contigo. Novas plataformas para crear comunidade”

Galiza Nova convoca o seu primeiro certame de TikTok, co obxecto de visibilizar a comunidade galegofalante nesta plataforma e promover o diálogo arredor dos motivos, as experiencias ou as reflexións que levan ás persoas usuarias a decidir usar a lingua galega nas redes sociais.

Para quen teña interese en presentarse, non hai restriccións de idade e o prazo para subir os vídeos remata o domingo 16 de outubro de 2022 ás 23:59 h. Máis información aquí.
07/10/2022. AXUDAS E PREMIOS

Publícase a resolución das axudas á tradución de 2022

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica, no DOG do 4 de outubro de 2022, a listaxe de obras subvencionadas con axudas á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. Podes consultar o texto completo da resolución premendo aquí.
06/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

Comezan as xornadas “Bueu e a fala: o galego 3.0”

Mañá venres, 7 de outubro de 2022, darán comezo as xornadas “Bueu e a fala: o galego 3.0”, que se estenderán ata o domingo 9 de outubro, co obxectivo de presentar iniciativas exitosas que usan o galego como lingua vehicular nos ámbitos do audiovisual, da industria do videoxogo e mais das redes sociais. Ao remate terá lugar a galega de premios do certame “Mergullándonos no TikTok”. Podes ampliar información premendo aquí.
06/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de escrita creativa en Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza un obradoiro de escrita creativa en galego, dirixo a todas as persoas que senten pracer pola literatura e queren coñecer ferramentas para poder iniciar a creación dun texto literario. O curso, impartido por María Lado Lariño, desenvolverase ao longo de varios sesións, durante os meses de outubro e novembro de 2022, no edificio Mar de Vigo. Para obter máis información sobre esta iniciativa, así como sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
05/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

Fran da Lobeira e Nee Barros conversan cos participantes dos XXIV Encontros

O vindeiro 20 de outubro de 2022 terá lugar no Consello da Cultura Galega a vixésimo cuarta edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, a nosa cita anual para o debate e a reflexión arredor da normalización do idioma galego. Nesta ocasión o fío condutor será “a arte e a lingua como ferramentas de construción masiva”, polo que terás ocasión de escoitar a diferentes creadoras e creadores do país ofrecendo o seu punto de vista sobre como tecer redes no sector artístico para potenciar a lingua de xeito cooperativo.

Con antelación á xornada presencial, Nee Barros Neeumatiko e mais Fran da Lobeira A Lobeira Today conversaron cos convidados/as desta edición, que nos ofrecen un pequeno adianto dos temas que tratarán o 20 de outubro nas respectivas mesas de debate.
05/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de recursos educativos en galego para nais e pais

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza un obradoiro de carácter práctico, de tres horas de duración, dirixido a nais e pais que desexen coñecer e probar materiais educativos útiles para a crianza en galego. As sesións terán lugar os días 10 e 24 de outubro de 2022, de 17:30 a 19 h, no Espazo Apego, en Santiago. Para obter máis información sobre a iniciativa, así como sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
05/10/2022. AXUDAS E PREMIOS

Manuel González, Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua

O xurado dos Premios da Cultura Galega fixo públicas as persoas, colectivos ou iniciativas que son recoñecidas este ano 2022 polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua o galardoado foi o catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega Manuel González González, pola súa dedicación ao estudo, defensa e promoción do idioma galego. Nas restantes categorías, os/as premiados/as son Marica Campo (Letras), María Victoria Carballo-Calero (Artes Plásticas), Melania Cruz (Artes Escénicas), os Cursos Universitarios Internacionais "Música en Compostela" (música), Xosé Ramón Gayoso (Audiovisual), a Asociación Cultural Xacarandaina (Patrimonio Cultural) e o programa de divulgación científica ConCiencia (Proxección Exterior). Para ampliar esta información, preme aquí.
04/10/2022. EMPREGO

Bolsa de formación no SNL do Concello de Ames

O Concello de Ames, a través do programa de formación da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), convoca unha bolsa para realizar prácticas no seu Servizo de Normalización Lingüística. Poden presentarse todas aquelas persoas que teñan o título de grao en Lingua e Literatura Galegas, posúan coñecementos sobre o manexo de procesadores de texto e teñan o carné de conducir. A duración da bolsa será de doce meses. O prazo para presentar as solicitudes remata o 21 de outubro, ás 14:00 horas. Para ampliar información, preme aquí.

04/10/2022. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os XXVIII Premios Publicidade en Galego

O Parlamento de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Foro Enrique Peinador entregaron onte, 3 de outubro de 2022, na sede do Parlamento galego os XXVIII Premios Publicidade en Galego. Nesta edición, na categoría de televisión resultou galardoado o anuncio "Vai escampar", elaborado pola axencia Quattro IDCP para R Cable e Telecable Telecomunicacións. Na categoría de radio, recibiu o premio o proxecto "Abre na rede", tamén da axencia Quattro IDCP, neste caso para a Asociación PuntoGal. Na categoría de Internet, premiouse o anuncio "Treixadura-Modo Ribeiro", da axencia Nasas para o Consello Regulador Denominación de Orixe Ribeiro. A campaña "A auga en Vigo é de alta calidade", elaborada pola axencia Ecovigo Publicidade para Aqualia, recibiu o galardón na categoría de prensa escrita. Pola súa parte, o CIFP Leixa de Ferrol foi galardoado na categoría de centro educativo polo seu proxecto "Cambio climático". A maiores, o xurado acordou por unanimidade outorgarlle unha mención de honra á empresa Sistemas de Seguridade A1, polo seu uso continuado do galego na comunicación publicitaria. Podes obter máis información premendo aquí.