Novas da lingua

Rexistros121 a 150 de 5273
27/10/2025. DINAMIZACIóN

O cemiterio de Bande acollerá o acto do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia

O vindeiro 8 de novembro de 2025, ás 12:00 horas, terá lugar na igrexa parroquial de San Pedro de Bande (Ourense) un acto oficial no que se dará lectura á Declaración de Bande pola lingua galega nos actos de memoria, na que diferentes rexedores municipais asumen publicamente o compromiso de celebrar nos seus concellos actos de restauración da memoria lingüística.

A seguir, no cemiterio municipal de Bande descubriranse novas lápidas en galego no panteón familiar de Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia.

O acto enmárcase nas actividades conmemorativas do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, que organiza todos os anos a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) coincidindo coa celebración do Día de Defuntos, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades, e de facer pedagoxía sobre a incoherencia de despedir os falecidos con epitafios escritos nun idioma diferente ao que falaban en vida.
24/10/2025. OUTRAS

Tinder axúdache a facer as beiras en galego

A aplicación de citas máis coñecida e descargada, Tinder, acaba de incorporar o galego á listaxe dos 60 idiomas nos que está dispoñible a ferramenta. Segundo afirman os propios representantes de Tinder na nota de prensa que difundiron: “O idioma é algo profundamente persoal: moldea como nos expresamos, como conectamos cos demais e como nos sentimos recoñecidos. Ao sumar o galego a Tinder, axudamos a que máis usuarios poidan vivir a experiencia das citas dunha maneira auténtica e na súa propia voz”.

Para obter máis información sobre os axustes de configuración do idioma na app, preme aquí.
24/10/2025. DINAMIZACIóN

O Concello de Oleiros presenta a programación de Apego para o outono

No marco do proxecto Apego, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros proponlles ás familias con nenos e nenas de ata 6 anos un amplo abano de actividades para socializar en galego nos meses de outono. O programa inclúe música, monicreques, espectáculos de rúa, narración oral, teatro e obradoiros de olería.

A asistencia é de balde, pero cómpre reservar praza a través dos formularios que se habilitarán na páxina web municipal os propios días das actividades.
24/10/2025. OUTRAS

RTVE ofrece a narración en galego dos partidos da selección española

Desde o pasado 11 de outubro, día no que se xogou o partido España-Georgia, os afeccionados ao fútbol poden seguir en galego os diferentes partidos de clasificación da selección española para o próximo Mundial de 2026. É a primeira vez que se retransmiten no noso idioma os partidos da selección española, polo que se trata dun novo fito para a normalización do galego no eido deportivo e audiovisual.

O próximo partido de clasificación será o vindeiro 15 de novembro de 2025, ás 18:00 h: Georgia-España. Os/as espectadores/as que desexen escoitar a locución en galego poden facelo escollendo esa opción a través da segunda pista de audio dos televisores.

Para ampliar información, preme aquí.
24/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

Curso de galego para neofalantes en Lourenzá

A Escola de Neofalantes, un proxecto cultural que naceu a comezos deste ano 2025 en Lourenzá (Lugo), convoca unha nova edición do curso Galego para Neofalantes, dirixido a todas aquelas persoas que desexen aprender o noso idioma e adquirir a competencia lingüística necesaria para acadar a certificación Celga. Tamén se organizarán actividades de carácter cultural.

As sesións serán presencias e en liña e comezarán a partir do 23 de novembro de 2025. A inscrición é gratuíta e estará aberta ata o 16 de novembro.

Podes obter máis información na páxina de Facebook do Proxecto Neo.
24/10/2025. OUTRAS

Datas e lugares das probas para a obtención do Celga

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia anuncia as datas e lugares de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 2, 3 e 4), que foron convocadas ao abeiro da resolución publicada no DOG do pasado 12 de setembro de 2025.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela (IES Antonio Fraguas), Ponferrada (Escola Oficial de Idiomas) e Madrid (Casa de Galicia en Madrid).

As datas serán as seguintes:
-Celga 2: 23 de novembro de 2025
-Celga 3: 22 de novembro de 2025
-Celga 4: 15 de novembro de 2025 para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: F, G, H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P e Q; e 16 de novembro de 2025 para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por: R, S, T, U, V, W, X, Y, Z, A, B, C, D e E.
23/10/2025. OUTRAS

O Cancioneiro Galego-Portugués, nova ferramenta didáctica para difundir a nosa literatura oral común

Co gallo da conmemoración do Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial, que se celebrou o pasado 17 de outubro, a Asociación Ponte…nas ondas! e a Deputación de Coruña presentaron o Cancioneiro Galego-Portugués, unha ferramenta pedagóxica elaborada polos estudosos Domingo Blanco e Carlos Nogueira (con ilustracións de Andrés Meixide) co ánimo de achegar ás novas xeracións a literatura de tradición oral compartida por Galicia e Portugal.

O libro compleméntase cunha proposta didáctica para o traballo nas aulas e un apartado web con diversos materiais audiovisuais e musicais. Podes acceder a todos estes recursos premendo aquí.

Se o precisas, na páxina web de Ponte... nas Ondas! tes máis información sobre esta iniciativa.
23/10/2025. DINAMIZACIóN

Os obradoiros “Falamos nas Ondas” percorren 10 centros educativos de Pontevedra

A Asociación Ponte…nas ondas! e a Deputación de Pontevedra puxeron en marcha os obradoiros “Falamos nas Ondas”, unha iniciativa pedagóxica organizada no marco do convenio de colaboración que ambas as dúas entidades asinaron para a difusión e a posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial común galego-portugués entre as novas xeracións.

Os obradoiros, que percorrerán dez centros educativos da provincia de Pontevedra, consistirán nunha sesión práctica na que o alumnado poderá achegarse ás principais expresións do noso patrimonio inmaterial ao tempo que aprenden a realizar un podcast en directo.

Para ampliar información, preme aquí.

Nesta páxina de Ponte... nas Ondas! tamén podes escoitar os podcast elaborados na edición do ano pasado.
22/10/2025. INVESTIGACIóN

Accesible en liña o informe sobre a situación dos SNL da Administración pública galega e dos EDLG dos centros de ensino

Onte presentouse, no marco dos XXVII Encontros para a Normalización Lingüística, a Análise da situación dos SNL da Administración pública galega e dos EDLG dos centros de ensino, un estudo co que se pretende describir a situación actual destes dous importantes axentes normalizadores, así como identificar as súas principais debilidades e fortalezas. Os datos foron obtidos a partir de dous cuestionarios, un enviado aos servizos, que respondeu a práctica totalidade deles; e outro aos equipos, contestado por unha mostra representativa (420 centros educativos de toda Galicia).

O documento está accesible en liña na páxina web do CCG, para a súa libre consulta ou descarga.
20/10/2025. AXUDAS E PREMIOS

Premio da Crítica de Galicia para o programa Apego

O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de “Iniciativas Culturais e Científicas” acordou por unanimidade outorgar o premio ao programa Apego, por tratarse dunha “iniciativa que neste momento de emerxencia lingüística potencia a inmersión no idioma propio dos núcleos familiares, dotándoos de ferramentas e recursos para a mantenza e consolidación do proceso de transmisión do galego”.

A entrega dos galardóns tivo lugar o pasado sábado, 18 de outubro, no auditorio de Afundación, en Vigo.

Podes coñecer o resto de gañadores/as nas diferentes categorías premendo aquí.
20/10/2025. LEXISLACIóN

Acordo entre o Congreso dos Deputados e a RAG para traducir ao galego as leis da cámara baixa

O Congreso dos Deputados e a Real Academia Galega asinaron un convenio de colaboración no marco do cal a RAG se encargará de traducir ao galego os textos lexislativos aprobados pola cámara baixa, así como de prestar o apoio puntual que se lle solicite para a tradución, validación e redacción en galego de documentos relacionados coa actividade non parlamentaria do Congreso.

Trátase dun importante paso no recoñecemento da pluralidade lingüística do Estado que permitirá que a cidadanía no seu conxunto, pero especialmente determinados profesionais do ámbito xurídico e da Administración pública poidan ter acceso á versión en galego de documentación lexislativa que empregan habitualmente no seu traballo.

Na páxina web da RAG podes ampliar información.
17/10/2025. AXUDAS E PREMIOS

Axuntar concede os Premios Folgueira 2025 a Xabier Fortes e Antonio José Meilán

A asociación Axuntar, creada para a normalización lingüística do galego de Asturias, outorga anualmente os Premios Folgueira, uns galardóns cos que recoñece publicamente as iniciativas, persoas ou institucións que traballan a prol da dignificación do idioma galego. Nesta edición de 2025 os galardoados son o xornalista e presentador de TVE Xabier Fortes López, polo seu xornalismo comprometido e respectuoso coa diversidade lingüística e cultural do Estado; e o catedrático da Universidade de Oviedo Antonio José Meilán García, por ser “un dos referentes destacados na investigación e defensa del galego como idioma de Asturias”.

A entrega dos premios terá lugar o 14 de novembro de 2025 no Club de Prensa de La Nueva España (Oviedo), ás 18:00 horas.

Na páxina web de Axuntar podes ampliar información.
17/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

Aínda estás a tempo de inscribirte nos XXVII Encontros para a Normalización Lingüística

O vindeiro martes, 21 de outubro de 2025, van ter lugar os XXVII Encontros para a Normalización Lingüística, a nosa cita anual para o encontro, o debate e a reflexión sociolingüística. Nesta ocasión imos poñer o foco en dous axentes fundamentais no proceso de normalización do idioma galego: os servizos de normalización lingüística (SNL) da Administración pública e mais os equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) dos centros de ensino.

Consideramos que o seu labor estratéxico e a súa longa traxectoria demandan unha análise profunda que permita coñecer a súa situación actual e facer novas propostas para enfrontar os retos do futuro. A xornada rematará coa actuación especial de Regueifa Tour, na que un grupo de adolescentes festeiras nos amosarán o poder transformador da improvisación oral.

Aínda estás a tempo de inscribirte para asistir presencialmente á xornada.

As sesións tamén se transmitirán en directo a través da páxina web do CCG.
17/10/2025. DINAMIZACIóN

O deporte local de Santiago ficha polo galego

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago, en colaboración co Departamento de Deportes, promoven a campaña Ficha polo galego. Trátase dunha iniciativa coa que se quere fomentar e reforzar o uso do galego no ámbito deportivo, un espazo de socialización de grande importancia para a promoción do galego, nomeadamente entre a infancia e a mocidade.

Nesta primeira fase da campaña o obxectivo é visibilizar o compromiso co idioma galego de todas as persoas relacionadas co deporte local. Os clubs, deportistas, adestradoras e adestradores, árbitros e árbitras, familias, ou seareiros e seareiras de Santiago de Compostela que desexen adherirse publicamente á campaña, poden facelo a través deste formulario.

Podes ampliar información premendo aquí.
16/10/2025. OUTRAS

O CCG presenta o informe coas conclusións do foro “Un país coa súa lingua”

O Consello da Cultura Galega presentou publicamente hoxe, 16 de outubro de 2025, o informe que recolle as conclusións do foro “Un país coa súa lingua”, deseñado para fomentar un diálogo aberto e plural sobre o futuro do galego. O proxecto, de carácter propositivo, estruturouse arredor de sete mesas de traballo nas que se debateu sobre o futuro da lingua e se propuxeron accións normalizadoras en ámbitos como a educación, a administración, a economía, os medios, a cultura e a sociedade.

O documento está accesible en liña na páxina web do CCG.
16/10/2025. OUTRAS

Proba en liña para a obtención do Certificado de lingua galega 4 (Celga 4)

A Secretaría Xeral da Lingua convoca unha proba en liña para a obtención do Certificado de lingua galega 4 (Celga 4). Poderán participar nas probas todas as persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras.

A proba terá lugar no cuarto trimestre de 2025, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. A data concreta será debidamente publicada no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua.

O prazo de inscrición será de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

XXI Xornada Científica REALITER. Terminoloxía e cambio social

A Rede Panlatina de Terminoloxía (REALITER), o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo de Terminoloxía Galega (TERMIGAL) do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades están a organizar a XXI Xornada Científica REALITER «Terminoloxía e cambio social», no que se debaterá sobre a repercusión que os cambios sociais dos últimos tempos teñen tanto no desenvolvemento do traballo terminolóxico coma no propio produto e na súa difusión.

As sesións terán lugar o 23 e 24 de outubro de 2025 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 22 de outubro.
15/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

Seminario sobre os dereitos lingüísticos na Administración de Xustiza

A Área de Normalización Lingüística e a Facultade de Dereito da Universidade de Vigo organizan o seminario O dereito tamén en galego. Dereitos lingüísticos na administración de xustiza, que terá lugar o 17 de outubro de 2025 na Facultade de Dereito da UVigo (campus de Ourense).

A actividade ten como obxectivo reflexionar sobre o uso do galego no exercicio das profesións xurídicas e está dirixida especialmente a alumnado, docentes e investigadores/as do Grao en Dereito e do plan conxunto ADE-Dereito, así como a profesionais do ámbito xurídico.

Podes consultar o programa completo premendo aquí.
14/10/2025. AXUDAS E PREMIOS

Bases da convocatoria de axudas para os SNL das entidades locais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica as bases reguladoras da convocatoria de subvencións dirixidas aos concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades e outras entidades locais da provincia da Coruña, para contribuír ao financiamento do persoal técnico de normalización lingüística durante o ano 2026.

Poderán participar todos os concellos da provincia da Coruña de 5000 ou máis habitantes, ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima. No caso dos concellos sometidos ao réxime de organización de municipios de gran poboación, só poderán ser beneficiarios os que teñan máis dunha persoa técnica de normalización lingüística cun posto de traballo recollido na relación de postos de traballo ou instrumento de ordenación de persoal que corresponda.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 21 de novembro de 2025, segundo consta no extracto da convocatoria publicado no BOP do 20 de outubro.
13/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

A USC organiza unha nova edición das Xornadas “Educación e linguas”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organizan unha nova edición das Xornadas “Educación e linguas”, nas que se debaterá sobre a situación actual e os desafíos da normalización lingüística no ámbito educativo e se presentarán diferentes iniciativas e campañas de promoción do uso do galego implementadas neste ámbito nos últimos anos.

As sesións desenvolveranse os días 29 e 30 de outubro de 2025 na Facultade de Ciencias da Educación da USC.

A inscrición é de balde e podes facela a través deste formulario.
13/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

XVII Xornada de recursos educativos en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago organiza a XVII Xornada de recursos educativos en galego, que terá lugar o 30 de outubro de 2025 na Facultade de Ciencias da Educación da USC. Nesta edición o fío condutor das diferentes intervencións será o aproveitamento das novas tecnoloxías para a promoción dos recursos didácticos en galego.

A xornada está dirixida nomeadamente ao alumnado e o PDI da Facultade de Ciencias da Educación da USC, pero tamén a calquera profesional interesado/da no tema.
13/10/2025. AXUDAS E PREMIOS

O VIII Premio Xela Arias recoñecerá o labor de promoción do galego no sector da tradución e a interpretación

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) convoca a oitava edición do Premio Xela Arias, creado para recoñecer o labor de empresas, entidades ou persoas que contribúan á promoción do uso do galego no mercado da tradución e da interpretación.

Todas as persoas interesadas en presentar candidaturas teñen de prazo ata o vindeiro 29 de outubro de 2025 para enviar un correo electrónico a info@agpti.org co nome da candidata ou candidato e os motivos polos que se considera que merece o premio.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
10/10/2025. EMPREGO

Bolsa de formación no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames

O Concello de Ames, a través da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), convoca unha bolsa Feuga para realizar prácticas no seu Servizo de Normalización Lingüística durante un ano (do 10 de novembro de 2025 ao 9 de novembro de 2026), a xornada completa.

Poden presentarse todas aquelas persoas que teñan o título de grao en Lingua e Literatura Galegas e ademais cumpran estes dous requisitos:

-Que non transcorreran máis de tres anos desde que estiveron vinculadas coa Universidade (nun grao ou nun máster).
-Que non estiveran traballando cun contrato no que lles requirisen estar en posesión do grao en Lingua e Literatura.

O prazo para presentar as solicitudes remata o 22 de outubro de 2025, ás 14:00 horas.

Podes acceder a formulario de inscrición premendo aquí.
10/10/2025. DINAMIZACIóN

A Universidade de Vigo organiza unha nova edición do ciclo “A lingua galega no cinema”

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo organiza a segunda edición do ciclo "A lingua galega no cinema", que se desenvolverá entre o 15 de outubro e o 5 de novembro de 2025 na sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia (edificio Cambón, Vigo).

O programa inclúe a proxección de tres longametraxes (Filmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño; Antes de nós, de Ángeles Huerta; e Prefiro condenarme, de Margarita Ledo) e unha selección das curtametraxes galegas máis premiadas dos últimos anos (Na pel da memoria, de Coral e Laura Piñeiro; To bird or not to bird, de Martín Romero; Histeria do meu pequeno mundo, de Pablo Fontenla; Pura, de Carmen Méndez; e Abellón, de Fon Cortizo).

Tras as proxeccións organizaranse unha serie de charlas-coloquio que permitirán reflexionar sobre a presenza da lingua galega no ámbito do cinema.

A entrada é de balde ata completar a capacidade da sala.

No Diario da Universidade de Vigo podes ampliar información.
09/10/2025. AXUDAS E PREMIOS

A CTNL convoca os VII Premios Mil Primaveras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca, en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, a sétima edición dos Premios Mil Primaveras, co obxectivo de recoñecer e difundir exemplos de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística.

Poden optar a estes galardóns as accións, campañas, programas e proxectos que teñan como obxectivo principal fomentar a lingua e incrementar o seu uso e/ou prestixio e que foran desenvolvidos total ou parcialmente en 2022, 2023, 2024 e/ou 2025. O xurado seleccionará un máximo de catro iniciativas, sen establecer ningunha xerarquía entre os premios que se outorguen.

O prazo para a inscrición dos proxectos, que debe tramitar a propia entidade ou persoa organizadora da iniciativa, remata o 31 de xaneiro de 2026.

Para consultar o texto completo das bases da convocatoria, preme aquí.
09/10/2025. DINAMIZACIóN

O XVI Día da Ciencia en Galego porá o foco nas ciencias e tecnoloxías cuánticas

A Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) convida un ano máis a toda a comunidade educativa a conmemorar o XVI Día da Ciencia en Galego, que neste ano 2025 porá o foco na celebración do “Ano Internacional das Ciencias e Tecnoloxías Cuánticas”. Con todo, as temáticas a tratar nas diferentes conferencias didácticas que se ofertan aos centros de ensino son variadas, pois ademais da física cuántica, tamén se tocará o tema do glaciarismo (con motivo do Ano Internacional da Preservación dos Glaciares) ou da xenómica.

Na páxina web de Igaciencia xa podes consultar o programa de conferencias didácticas organizadas no mes de novembro co patrocinio da Xunta de Galicia, así como acceder ao formulario de inscrición. Serán impartidas por Marta Vila, que falará de glaciarismo o 6 de novembro; por Jorge Mira, que falará da mecánica cuántica e da teoría da relatividade o 20 de novembro; e por Ángel Carracedo, que falará de xenómica o 25 de novembro.

Xa no mes de decembro, concretamente o día 5, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo, Igaciencia organiza a conferencia “125 anos de Física Cuántica”, impartida por Cibrán Santamarina, á que tamén están convidados os centros de ensino.

08/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

III Xornadas de actualización en lingua galega e literatura no ensino

O Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) da Universidade da Coruña organiza as III Xornadas de actualización en lingua galega e literatura no ensino, baixo a coordinación dos profesores Cilha Lourenço Módia e Xoán López Viñas. As sesións desenvolveranse en horario de tarde o vindeiro 14 de outubro de 2025 na Facultade de Filoloxía da UDC.

Podes consultar o programa completo premendo aquí.
07/10/2025. DINAMIZACIóN

Nova edición de "Teatro con lingua" en Pontevedra

Se tes entre 18 e 30 anos e che interesa practicar o galego facendo teatro, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra ten unha proposta para ti: o grupo teatral “Teatro con Lingua”, unha iniciativa que busca dinamizar o uso do galego entre a mocidade a través do teatro amador improvisado.
Os ensaios terán lugar no Centro Sur (Campolongo) de outubro de 2025 a maio de 2026 (os mércores de 19 h a 21 h).

Podes ampliar información sobre esta iniciativa, así como sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.
07/10/2025. DINAMIZACIóN

O certame “Vémolo Nós 2025” xa ten gañadores

A terceira edición do concurso de vídeos “Vémolo Nós”, un certame deseñado para fomentar o uso do galego como lingua de divulgación científica, xa ten gañadores. Os vídeos que recibiron o primeiro premio nas diferentes categorías desta edición de 2025 foron: Mens sana in bacteria sana, de Marta Trillo, na categoría “Divulgación do coñecemento”; e Un estudante como ti, de Iker Fernández, na categoría “Descubrindo a USC”.

Podes ver todos os traballos galardoados (tanto co primeiro coma co segundo premio) na páxina do SNL da USC.
07/10/2025. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a investigación en galego na Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo anuncia a convocatoria de axudas ao alumnado que presentase e defendese en galego a tese de doutoramento (TD), o traballo de fin de grao (TFG) ou o traballo de fin de mestrado oficial (TFM) na UVigo entre o 16 de setembro de 2024 e o 15 de setembro de 2025. Quedan excluídos os TFG do grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos literarios (módulo de lingua galega), do grao en Tradución e Interpretación (Galego-Inglés) e do grao en Tradución e Interpretación (Galego-Francés).

O prazo de presentación das solicitudes para optar a estas axudas estará aberto ata o 9 de outubro de 2025.

Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí. Tamén podes obter máis información sobre esta iniciativa no Diario da Universidade de Vigo.