Novas da lingua

Rexistros121 a 150 de 5280
29/09/2025. DINAMIZACIóN

Conversa coa mocidade para “mover os marcos” no tema da lingua

Entre o 1 e o 3 de outubro de 2025 desenvolverase no Auditorio de Xornalismo da USC o proxecto Mover os Marcos 2025, un encontro deseñado para que a mocidade reflexione sobre os temas que condicionan o seu futuro: a vivenda, o medio, as identidades ou os dereitos civís e lingüísticos. Sobre esta última cuestión, o 1 de outubro, ás 18:30 h, terá lugar a conversa Proxectos para vivir en galego, na que participarán Carlos Callón (autor de "O libro negro da lingua galega"), Alberto Pombo (un dos promotores da iniciativa “Aquí tamén se fala”) e Noemí García (autora do web “As chaves da lingua”).

O proxecto Mover os Marcos está organizado pola Deputación da Coruña, en colaboración co Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela. Podes consultar o programa completo premendo aquí.
26/09/2025. OUTRAS

26 de setembro: Día Europeo das Linguas

Hoxe, 26 de setembro, o Consello de Europa celebra o Día Europeo das Linguas, unha conmemoración instaurada en 2001 co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre a cidadanía.

Para conmemoralo, a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia organiza un acto institucional que terá lugar ás 18:00 horas nos soportais do Museo das Peregrinacións, na praza de Praterías de Santiago de Compostela. No transcurso deste acto, alumnado de ESO e de bacharelato recitará poemas en diferentes idiomas.

O Congreso dos Deputados, pola súa parte, tamén organiza hoxe, a partir das 12:00 horas, unha mesa redonda na que participan Cristian Llorens, Lucía García Batanero e María Rua Rodríguez (Prado Rua), como creadores de contido en linguas cooficiais. O debate está moderado polo xornalista Josep Capella e podes velo en directo premendo aquí.
26/09/2025. AXUDAS E PREMIOS

VI Premio Morales para a promoción da lingua galega no Bierzo e na Seabra

A Xunta de Galicia e Edicións Positivas convocan a sexta edición do Premio Morales para a promoción da lingua galega no Bierzo e na Seabra, un certame dirixido ao alumnado adscrito ao “Programa para a promoción do idioma galego no Bierzo e na Seabra (Lubián)”. O certame conta con dúas categorías: “Debuxando a poesía”, na que pode participar o alumnado de educación infantil e primaria; e “Poetizando ou narrando a poesía”, para alumnado de educación secundaria e bacharelato. En ambos casos deberán interpretar un fragmento do poema “Vilafranca e a vendima”, de Antonio Fernández Morales.

O xurado seleccionará 12 traballos en cada categoría, que terán como premio a publicación das súas creacións nun “Calendario 2026”, que se distribuirá no Bierzo e na Seabra.

O prazo de participación remata o 5 de decembro de 2025.

Podes consultar as bases completas premendo aquí.
24/09/2025. DINAMIZACIóN

En Coruña e Pontevedra tamén recibirán o outono con Apego

As familias da Coruña con nenos e nenas de 0 a 6 anos poderán gozar dun amplo programa de actividades de fomento do galego, de carácter lúdico e didáctico (música, teatro, contos, obradoiros...), promovido polo Servizo de Normalización Lingüística municipal. As actividades terán lugar no auditorio do Centro Ágora durante os meses de setembro, outubro de novembro de 2025.

Pola súa parte, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra deseñou tamén, no marco do proxecto Apego, un completo programa de actividades lúdicas e didácticas que se desenvolverán ao longo deste outono e que teñen como obxectivo crear espazos de lecer e socialización en galego. De xeito complementario, o programa inclúe unha nova edición do ciclo Un pobo con historia de seu, deseñado para divulgar a nosa historia e cultura propias entre o público infantil e familiar.
24/09/2025. DINAMIZACIóN

A RAG galardoa o CEIP Milladoiro (Malpica) co Premio “Na lingua que eu falo”

Coincidindo coa vindeira celebración do Día Europeo das Linguas (26 de setembro), a Real Academia Galega fixo pública a resolución do I Premio “Na lingua que eu falo”, un galardón creado ao abeiro do proxecto educativo Primavera das Letras “co propósito de recoñecer persoas, proxectos, iniciativas ou experiencias que, ben no ámbito escolar ben noutros espazos, destaquen polo seu traballo a prol da normalización lingüística na infancia”.

Nesta primeira edición o galardoado é o CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños, en recoñecemento ao labor do profesorado e do conxunto da comunidade educativa en materia de normalización e promoción do galego.

Na páxina da RAG podes ampliar información.
23/09/2025. DINAMIZACIóN

XVI Certame de Cinema Internacional Escolar Ouff Escola

O Concello de Ourense, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galica, convoca unha nova edición do Certame Ouff Escola, que ten como obxectivos impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, fomentar a creatividade audiovisual e promover o traballo en equipo. Poderán participar centros educativos públicos e privados de ensino non universitario de Galicia, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan materias en lingua galega. Outorgaranse diferentes premios en metálico en cada unha das dúas categorías: infantil e primaria; e secundaria (agás escolas de Imaxe e Son).

Os/as participantes deben elaborar obras audiovisuais en lingua galega, de temática libre, de ata 20 minutos de duración. O prazo de inscrición remata o 1 de outubro de 2025.

Para consultar as bases completas, preme aquí.
22/09/2025. DINAMIZACIóN

Os centros educativos do Grove participan no programa “Lingua e cinema”

O Concello do Grove organiza, co apoio económico da Deputación de Pontevedra, o programa “Lingua e cinema”, un espectáculo-obradoiro de carácter lúdico e didáctico que se desenvolverá en todos os centros educativos da vila para achegarlle ao alumnado as técnicas de dobraxe en galego e, ao mesmo tempo, promover a creación de espazos de uso para o noso idioma vinculados á creatividade e ao lecer.

O obradoiro será impartido por Manuel Pombal Pérez e adaptarase ás diferentes etapas educativas e grupos.

Para ampliar a nova preme aquí.
18/09/2025. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para a tradución do libro galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia publica a resolución de dúas liñas de axudas para o libro galego, unha delas dirixida á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e outra dirixida á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.

Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias nas seguintes ligazóns:
-Axudas á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.
-Axudas á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.
17/09/2025. DINAMIZACIóN

Inscríbete en Youtubeiras+ e alborota o algoritmo

A novena edición de Youtubeiras+ xa está en marcha e, baixo o lema “Albotota o algoritmo”, repartirá un total de 7.500€ en varios premios clasificados en sete categorías.

O certame está organizado por dez concellos galegos, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, co obxectivo de fomentar a produción de contidos en galego nas redes sociais, así como de visibilizar os diferentes perfís de persoas creadoras na rede.

Poden optar a estes premios as persoas maiores de 16 anos que teñan canles autoproducidas nas redes sociais en activo e accesibles durante o certame, coa maioría das publicacións en galego. As persoas menores de idade poderán inscribirse coa autorización dunha persoa titora legal.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 16 de novembro de 2025.

Podes consultar as bases completas premendo aquí.
17/09/2025. DINAMIZACIóN

Máis rechouchíos en galego para o público infantil de Moaña

Chega unha nova edición do programa Rechouchíos, cunha oferta diversa de actividades de teatro, monicreques, narración oral e música en directo para o público infantil e familiar de Moaña. As actividades desenvolveranse entre o 19 de setembro e o 24 de outubro de 2025 en diferentes locais socioculturais.

Rechouchíos é o un programa organizado polo Servizo de Normalización Lingüística, o Servizo de Benestar Social, Muller e Igualdade e a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Moaña, co obxectivo de fomentar a lectura en galego e crear espazos de uso para o noso idioma no tempo de lecer dos máis pequenos.
17/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación lingüística para a comunidade universitaria da UVigo

A Universidade de Vigo publica a convocatoria de cursos de formación en lingua galega do primeiro cuadrimestre do curso académico 2025/2026, dirixidos á súa comunidade universitaria e organizados pola Área de Normalización Lingüística. Os cursos ofertados son os seguintes: Curso de iniciación á lingua galega (40 h); Os erros máis frecuentes na lingua galega (30 h); A calidade lingüística na universidade (30 h); Obradoiro de lingua oral (15 h); Galego hoxe (40 h); Cuestións de sociolingüística e de léxico (30 h).

As sesións desenvolveranse durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2025, na modalidade en liña. O prazo de inscrición remata o vindeiro26 de setembro, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual https://bubela.uvigo.es.
16/09/2025. OUTRAS

Péchase o foro “Un país coa súa lingua” cunha mesa de conclusións

O vindeiro 2 de outubro de 2025, a partir das 16:30 h, terá lugar na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela) a última sesión do foro Un país coa súa lingua. Trátase dunha mesa de conclusións coa que se pecha o proceso participativo iniciado en xaneiro deste mesmo ano, na que se exporán as principais reflexións, suxestións e propostas obtidas nas sete mesas temáticas anteriores.

Esta última sesión está aberta a todas as persoas que participaron nas diferentes mesas sectoriais e, en xeral, á cidadanía no seu conxunto. Podes inscribirte para asistir presencialmente cubrindo o formulario que atoparás nesta ligazón.

O foro Un país coa súa lingua é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que ten como obxectivo fomentar un diálogo aberto e plural sobre o futuro do galego. O proxecto, de carácter propositivo, estruturouse arredor de sete mesas de traballo nas que se debateu sobre o futuro da lingua e se propuxeron accións normalizadoras en ámbitos como a educación, a administración, a economía, os medios, a cultura e a sociedade.
16/09/2025. DINAMIZACIóN

Aberto o prazo de inscrición no DivúlgaT 2025

A Asociación de Investigadores AgroMar organiza o DivúlgaT 2025, unha iniciativa deseñada para promover a utilización do galego como ferramenta para a comunicación científica e para darlle visibilidade ao traballo desenvolvido polos investigadores/as do Campus de Lugo, a través de charlas divulgativas de 10 minutos de duración.

As sesións terán lugar os días 22 e 30 de outubro de 2025, a partir das 19:30 h, no Vello Cárcere. Se es investigador/a do Campus Terra da USC e estás interesado/a en participar, podes inscribirte ata o vindeiro 1 de outubro cubrindo este formulario.

No Xornal da USC tes máis información.
16/09/2025. OUTRAS

Novos materiais accesibles en cREAgal, o repositorio de recursos educativos abertos

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia anunciou a incorporación de novos contidos ao proxecto cREAgal, un repositorio de recursos educativos abertos elaborados por profesorado galego, empregando a ferramenta eXeLearning. Os materiais poden empregarse e modificarse libremente, coa única condición de respectar a licenza aberta (CC BY-NC-SA).

Neste momento o repositorio dá acceso a 124 recursos educativos (76 deles en galego) deseñados para o alumnado de educación primaria e ESO, coas correspondentes guías didácticas para o profesorado.
16/09/2025. OUTRAS

Nova edición dos espazos de conversa en galego “Faladoiros Vigo”

A Asociación Faladoiros Vigo presenta a sexta tempada dos seus Faladoiros, espazos de conversa en galego gratuítos nos que se xuntan persoas que falan habitualmente en galego (voluntarios/as da asociación) con outras que desexan practicar e mellorar a súa fluidez e competencia comunicativa no noso idioma.

A edición 2025-2026 comezará o vindeiro 1 de outubro de 2025 con catro quendas semanais; tres delas presenciais (luns ás 19:00 h ou venres ás 11:30 h na cafetería da EOI de Vigo; e mércores ás 20:00 h no café de Catro a Catro) e unha cuarta que se organiza en liña (xoves ás 20:00 h).

Podes inscribirte no formulario que atoparás na páxina web da asociación.
12/09/2025. DINAMIZACIóN

Os concellos de Alingua exploran o potencial do proxecto “Modo Galego, actívao!”

A Real Academia Galega e a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega-Alingua organizaron onte, 11 de setembro de 2025, unha xornada en Rois na que os representantes dos concellos de Alingua tiveron ocasión de coñecer polo miúdo o potencial dinamizador da iniciativa Modo galego, actívao!, un proxecto de investigación e acción que a RAG e o SNL do Concello de Ames levan catro anos desenvolvendo para intervir nas actitudes e usos lingüísticos da comunidade educativa (alumnado, profesorado, familias e persoal dos servizos complementarios).

A intención deste encontro é promover a cooperación entre institucións e replicar esta experiencia normalizadora noutros municipios, unha vez que xa foi probada a súa eficacia coa comunidade educativa amesá.

Nas páxinas web da RAG e mais de Alingua podes ampliar información.
12/09/2025. OUTRAS

Convocatoria de probas para a obtención dos certificados Celga

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados de lingua galega dos niveis Celga 2, 3 e 4. Poderán presentarse todas as persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras. As probas realizaranse en Santiago de Compostela, Ponferrada e Madrid na segunda quincena de novembro de 2025. As datas concretas publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua.

O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da preme convocatoria.
12/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Curso de galego para persoas non galegofalantes na USC

O Centro de Linguas Modernas da USC oferta un curso de galego de nivel básico (A2) dirixido a persoas que veñen de fóra de Galicia e desexan aprender galego. O curso, de carácter presencial, desenvolverase na Facultade de Filosofía da USC desde o 24 de setembro de 2025 ata o 12 de xaneiro de 2026.

Para realizar estes cursos non é necesario ser alumno/a da USC. O único requisito é ser maior de 16 anos. A matrícula estará aberta ata o vindeiro 16 de setembro de 2025.

Para ampliar información, preme aquí.
11/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua e cultura galegas en Madrid

A Casa de Galicia en Madrid e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia convocan unha nova edición dos cursos de lingua e cultura galegas, que neste curso 2025/2026 contarán tamén cun terceiro nivel de coñecemento.

Os cursos, de 70 horas de duración cada un, impartiranse os martes e mércores entre o 7 de outubro de 2025 e o 24 de xuño de 2026.

O prazo de inscrición estará aberto entre o 15 e o 26 de setembro de 2025.

Para ampliar información, preme aquí.
11/09/2025. DINAMIZACIóN

Coa lingua de fóra: grupo de conversa para practicar galego na Coruña

As Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña organizan “Coa lingua de fóra”, unha actividade formativa dirixida a persoas adultas que desexen practicar galego nun grupo de conversa dinamizado por unha persoa nativa. O grupo reunirase semanalmente na Biblioteca Ágora entre os meses de outubro e decembro de 2025, todos os mércores entre as 19:00 h e as 20:15 h.

O prazo de inscrición estará aberto a partir do 15 de setembro.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
11/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de escrita creativa en Vigo

O Concello de Vigo organiza dous cursos de escrita creativa: un de nivel 1 (30 horas), para aquelas persoas que desexen iniciarse na escrita creativa en lingua galega; e outro de nivel 2 (20 horas), para as que queiran mellorar as súas destrezas literarias no noso idioma. Estes cursos impartiranse entre os meses de outubro de 2025 e xaneiro de 2026.

Podes obter máis información sobre as datas e lugares de celebración premendo nas seguintes ligazóns:
-Curso de escrita creativa. Nivel 1 (outubro-novembro 2025)
-Curso de escrita creativa. Nivel 2 (novembro 2025)
-Curso de escrita creativa. Nivel 2 (decembro 2025-xaneiro 2026)
09/09/2025. DINAMIZACIóN

Se acabas de chegar á universidade, agora é o momento. O galego xa é teu!

As tres universidades galegas (UDC, UVigo e USC), coa colaboración da Xunta de Galicia, lanzan unha campaña conxunta de dinamización lingüística dirixida ao novo alumnado que acaba de incorporarse aos estudos universitarios. Conscientes de que estes mozos e mozas acaban de comezar unha etapa importante de formación académica, pero tamén de formación e transformación da súa identidade, con esta iniciativa buscan animalos/as para que descubran ese "superpoder" que levan dentro: o idioma galego.

Podes seguir nas redes sociais os vídeos e imaxes divulgativas da campaña co cancelo #OGalegoXaÉTeu [Facebook; Instagram; TikTok].
08/09/2025. DINAMIZACIóN

A volta ao cole e mais o outono chegan a Ames e Santiago con moito Apego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames presenta a programación do proxecto Apego para o último cuadrimestre do ano 2025. Trátase dun amplo abano de actividades didácticas e lúdicas (xogos, contos, música, espectáculos teatrais, maxia, cine...) deseñadas para fomentar o uso do galego na socialización da primeira infancia.

Pola súa parte, as familias compostelás adscritas ao programa Apego tamén poderán gozar durante todo este mes de setembro das actividades que o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago preparou para que os máis pequenos/as comecen o curso con moito apego á lingua: obradoiros de cociña, actividades de psicomotricidade, ciencia, contos, xogos e mesmo un obradoiro de arte urbana.
08/09/2025. AXUDAS E PREMIOS

Embutidos Lalinense e Adegas Bordel, premiadas cos Bacelos de Prata 2025

O xurado da décimo sétima edición dos Premios Bacelos de Prata, deseñados para recoñecer o labor de empresas que apostan polo galego como marca de calidade na etiquetaxe dos seus produtos, acordou por unanimidade que as entidades galardoadas nesta edición de 2025 son Embutidos Lalinense (empresa cárnica fundada en 1949 en Agruchave, Lalín) e Adegas Bordel (adega familiar situada en Sarandóns, Abegondo).

Podes consultar a acta do xurado premendo aquí.
01/09/2025. DINAMIZACIóN

Carballo aposta un ano máis pola promoción do galego na hostalaría

Por terceiro ano consecutivo, as concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica do Concello de Carballo promoven unha campaña de dinamización lingüística para difundir o patrimonio natural e lingüístico entre a clientela do sector hostaleiro. Nesta terceira edición a iniciativa desenvólvese coa colaboración de Axober - Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños, que se ocupará da distribución de gardamanteis con pasatempos en galego da revista A Píllara (editada polo Concello de Carballo en colaboración coa AS-PG) entre os establecementos do municipio que o soliciten.

Na páxina web do SNL do Concello de Carballo tes máis información.
01/09/2025. DINAMIZACIóN

Festa do Apego no Concello da Coruña

O vindeiro vernes, 5 de setembro de 2025, ás 17:00 horas terá lugar no Campo da Leña (A Coruña) a Festa do Apego, un evento organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña co obxectivo de ofrecer espazos de socialización en galego a familias con nenos/as de 0 a 6 anos. O público asistente poderá gozar de dous concertos musicais, un de Paco Nogueiras e outro de Mamá Cabra.

A entrada é de balde e non se precisa inscrición previa. Para ampliar información, preme aquí.
01/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Novos obradoiros de acollemento lingüístico en Santiago

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza dous obradoiros de acollemento lingüístico, un deles dirixido a persoas doutras comunidades lingüísticas que se achegan por primeira vez ao galego (nivel iniciación) e outro para aquelas que xa realizaron unha primeira aproximación e que desexan continuar a súa formación (nivel continuación). Os cursos, que se desenvolverán entre os meses de setembro e decembro de 2025, teñen unha duración de 36 horas, distribuídas en dúas sesións semanais. A matrícula é gratuíta e o prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 8 de setembro, ás 12:00 horas.

Para ampliar información preme aquí.
27/08/2025. INVESTIGACIóN

Languages dedica un número especial á lingüística galega

A revista en liña Languages dedica un número especial aos novos estudos da lingüística galega, publicado baixo o título “New Developments in Galician Linguistics”.

O volume está editado por Elisa Fernández Rei e Xosé Luís Regueira e podes consultar en aberto os once traballos incluídos neste número especial premendo aquí.
27/08/2025. INVESTIGACIóN

O Atlas Lingüístico Galego suma un novo volume

O Instituto da Lingua Galega (ILG) presentou a finais do pasado mes de xullo de 2025 a obra Atlas Lingüístico Galego VIII. Léxico. O ser humano (III), oitavo volume desta obra de referencia dos estudos de dialectoloxía, tanto a nivel galego coma europeo.

Este oitavo volume contén 280 mapas dialectais que recollen 3.695 variantes léxicas asociadas a 259 conceptos vinculados á educación, a música, os xogos, as actividades de lecer, a relixión, as festas relixiosas e profanas, os seres míticos, as características psicolóxicas do ser humano e a roupa e o seu coidado.

Na páxina web do ILG podes ampliar información.
26/08/2025. CURSOS E CONGRESOS

O CIOV de Vigo abre a inscrición para os cursos do vindeiro trimestre

O Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo, creado polo Servizo de Normalización Lingüística municipal para poñer en valor a nosa tradición oral e as novas formas de improvisación oral, abre o prazo de inscrición para os cursos do vindeiro trimestre. En concreto as persoas interesadas poden inscribirse nos módulos de poesía que impartirá Vanessa Glemsel entre o 9 de setembro e o 13 de novembro de 2025; e no curso de improvisación oral en verso-regueifa que impartirá Kike Estévez durante os meses de setembro, outubro e novembro de 2025.