Novas da lingua

Rexistros121 a 150 de 5493
01/06/2026. AXUDAS E PREMIOS

O SNL da USC convoca o IX Premio Luís Porteiro Garea

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela convoca a novena edición do Premio Luís Porteiro Garea, un galardón que ten como obxectivos recoñecer as traxectorias ou iniciativas de persoas que contribuíron á normalización da lingua galega na propia USC e, ao mesmo tempo, homenaxear a figura de Luís Porteiro Garea (profesor da cátedra de dereito civil e membro das Irmandades da Fala que impartiu en 1915 a primeira lección en galego nesta Universidade).

O prazo para presentar candidaturas remata o 20 de xuño de 2026. Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
01/06/2026.

A Deputación de Pontevedra oferta a proxección dun documental sobre a regueifa en centros de secundaria

Co fin de divulgar entre a xuventude o papel da regueifa na revitalización do idioma galego, a Deputación de Pontevedra ofrécelles aos centros de educación secundaria da provincia sostidos con fondos públicos a proxección de Ao son da nova regueifa, un documental dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas no que se trata o proceso de recuperación e transformación desta arte da improvisación oral.

O prazo de presentación de solicitudes comeza a partir do quinto día hábil seguinte ao da publicación da convocatoria, e remata o 30 de novembro de 2026.


01/06/2026. AXUDAS E PREMIOS

A USC premia a calidade lingüística en galego

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela convoca os “XXII Premios á calidade lingüística en galego dos traballos académicos, traballos de fin de grao e traballos de fin de máster”, unha iniciativa que busca fomentar a cultura da calidade no uso do galego entre o alumnado universitario. Nas bases establécense quince premios que se distribúen en tres categorías: traballo académico de curso de grao, traballo de fin de grao (TFG) e traballo de fin de mestrado (TFM). A convocatoria está aberta ao alumnado da USC matriculado en titulacións oficiais de grao ou mestrado no curso 2025-2026.

O prazo de presentación de traballos académicos de curso de grao remata o 31 de xullo de 2026. O prazo de presentación de traballos de fin de grao e de fin de mestrado remata o 30 de setembro de 2026.

Na páxina web do SNL da USC tes toda a información.
01/06/2026. DINAMIZACIóN

Volve o Festichío a Moaña con música, arrolos e xogos en galego

O Servizo de Normalización Lingüística, o Servizo de Muller e Igualdade e a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Moaña organizan unha nova edición do Festichío, un festival de música e xogos dirixido a público infantil e familiar. O evento terá lugar o 12 de xuño de 2026, a partir das 18:30 h, no arboredo da Xunqueira (Meira) e os/as máis pequenos/as e a súas familias poderán gozar co conto de arrolos de Xarope Tulú, a actuación musical de María Faltri e unha eira de xogos populares para xogar en familia coa axuda da Asociación Trebellos. A entrada é de balde.

Podes consultar máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
29/05/2026. OUTRAS

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Agustín Fernández Paz

O Álbum de Galicia, proxecto do CCG que compila as biografías de persoas que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia, suma hoxe a entrada do escritor, mestre e activista Agustín Fernández Paz, coincidindo co 79 aniversario do seu nacemento.

O texto biográfico está asinado polo editor e mestre Manuel Bragado, e pola editora e tradutora Isabel Soto. Acompañando este texto atoparás outros recursos documentais (galería fotográfica, documentos de interese, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes perspectivas á obra e á vida deste referente da renovación pedagóxica, o activismo lingüístico e a literatura infantil e xuvenil galega.
29/05/2026. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense o XVII Premio Rosalía de Castro de Lingua

A Deputación da Coruña fixo públicos os/as gañadores/as do XVII Premio Rosalía de Castro da Lingua, un galardón que ten como obxectivo recoñecer o labor de persoas, colectivos e entidades que destacan polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego.

Nesta edición de 2026 as persoas e proxectos galardoados, elixidos entre as 31 candidaturas presentadas, son: na categoría de persoas, o lingüista, docente e activista cultural Carlos Callón; na categoría de entidades, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua; e na categoría de proxectos, ex aequo, Gramola Gominola (banda musical composta por Paco Cerdeira, Paula Romero, Anxelo de Xermar e Rodrigo Muñoz) e Vitamina G (promovido pola mestra Mariña Lema).

Podes ampliar información premendo aquí.
29/05/2026. DINAMIZACIóN

VII Festa do Apego en Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza a sétima edición da súa Festa do Apego, unha actividade lúdica, dirixida ao público infantil e ás súas familias, que ten como obxectivo fomentar a transmisión interxeracional da lingua e crear novos espazos de uso para o galego no ámbito do lecer.

O programa inclúe música, xogos, teatro, contos, obradoiros e espazos para a creatividade e a difusión de recursos. Todas as actividades son de acceso libre e gratuíto. O encontro terá lugar o 6 de xuño de 2026 no Pazo da Peregrina (Bertamiráns).

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
29/05/2026. EMPREGO

Prazas e bolsas de formación en centros de estudos galegos de universidades do exterior

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica dúas convocatorias para cubrir nove bolsas de formación e tres prazas en centros de estudos galegos localizados en diferentes universidades do exterior.

No caso das bolsas de formación, convócanse para os lectorados de lingua, literatura e cultura galegas das seguintes universidades: Universidade do Algarve, Universitat Autònoma de Barcelona, Universitat de Barcelona, Universidad de Extremadura, Universidade Nova de Lisboa, Università degli Studi di Padova, Universidade do Estado do Río de Janeiro, Universidade de Sâo Paulo e Sveučilište u Zadru (Universidade de Zadar).

No que respecta ás prazas, convócanse para estras tres universidades: Bangor University; Université de la Sorbonne Nouvelle, París III; e Uniwersytet Warszawski.
28/05/2026. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe xurídica para o persoal da Administración de Xustiza que traballa fóra de Galicia

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, dous cursos de linguaxe xurídica galega (un de nivel medio e outro de nivel superior) para o ano 2026, destinados ao persoal ao servizo da Administración de Xustiza que preste servizos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia. Os cursos impartiranse na modalidade de teleformación.

O prazo para presentar solicitudes estará aberto entre o 29 de maio e o 5 de xuño de 2026. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
27/05/2026. DINAMIZACIóN

A nova edición de No bico un cantar homenaxea os autores e autoras da Terra Chá

O Consello da Cultura Galega organiza, coa colaboración da Xunta de Galicia, unha nova edición do certame musical No bico un cantar, que terá lugar o 5 de xuño de 2026, ás 17:30 h, en Vilalba. Nesta ocasión, máis de catrocentas nenas e nenos procedentes de conservatorios profesionais das cidades galegas e dos centros de ensino musical de Vilalba e contorna porán voz aos versos dos máis insignes autores e autoras da Terra Chá, baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento de Hércules Brass Quinteto de metais.

Na páxina web do CCG tes toda a información.
27/05/2026. AXUDAS E PREMIOS

A UVigo concédelle o «Gal Ego» 2026 á Escola de Enxeñaría de Minas
e Enerxía

A Universidade de Vigo concedeulle á Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía o distintivo de galeguización «Gal Ego» 2026, deseñado para recoñecer anualmente a facultade ou escola universitaria que máis promova o emprego do galego. O distintivo ten unha vixencia de catro anos e, ademais dunha insignia para a exposición pública, os centros seleccionados reciben tamén unha contía de 3.000 euros, que poderán destinar a actividades de promoción lingüística.

Se desexas obter máis información sobre este distintivo, preme aquí.
21/05/2026. AXUDAS E PREMIOS

Os XXX Premios Lois Peña Novo xa teñen gañadores/as

O xurado dos Premios Lois Peña Novo dá a coñecer os/as gañadores/as da trixésima edición destes galardóns, deseñados para animar o proceso de normalización lingüística no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Nesta edición de 2026 os/as premiados/as son o servizo de comunicación do Celta, polo seu “traballo sostido desde o ano 2013 na incorporación da lingua galega nun ámbito de enorme repercusión social como é o fútbol profesional”; a profesora e investigadora Aurora Marco López, “polo compromiso constante coa lingua galega como ferramenta de investigación, divulgación e pensamento crítico”; e o político e economista Xosé Manuel Beiras, “pola súa longa, coherente e exemplar traxectoria a prol da dignificación da Galiza ao longo de máis de seis décadas”.

En Nós Diario podes ampliar a información.

A acta do xurado podes consultala no xornal Badal Novas.
13/05/2026. OUTRAS

O Teatro Principal de Santiago acollerá o pleno da RAG do Día das Letras Galegas

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, ás 12:00 h, terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela a sesión extraordinaria e pública que a Real Academia Galega celebra este ano en homenaxe a Begoña Caamaño. No acto intervirán os/as académicos/as Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes. O peche correrá a cargo de Henrique Monteagudo, presidente da institución.

A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. Tamén se poderá ver a emisión en directo desde a páxina web academia.gal.

Para ampliar información preme aquí.
13/05/2026. INVESTIGACIóN

O CCG analiza a divulgación científica en galego nas redes sociais

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou un estudo, de carácter analítico e tamén propositivo, no que Iolanda Casal e Manuel Vicente (membros da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG) analizan a divulgación científica que se realiza en galego a través das redes sociais.

Este documento completa un informe anterior, elaborado en 2015 por esta mesma Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade, no que se ofrecía unha panorámica xeral sobre a divulgación da ciencia en Galicia, pero que, malia incluír un capítulo sobre Internet, non trataba o fenómeno concreto das redes sociais.
13/05/2026. OUTRAS

A colección Esenciais da USC suma 14 novos títulos

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela acaba de incorporar 14 novos títulos á súa colección de Esenciais, composta agora por un total de 81 recursos didácticos en galego (67 deles accesibles de balde), dirixidos tanto ao profesorado como ao alumnado, que condensan en poucas páxinas a parte máis significativa dunha materia.

A colección completa está accesible na Libraría Dixital da USC.
13/05/2026. OUTRAS

Os Rinodicionarios, agora tamén accesibles desde o móbil

As empresas Rinoceronte Editora e TICGAL presentan unha nova aplicación que permite consultar nunha única interface desde o móbil os catro dicionarios da colección Rinodicionarios: Castelán-Galego; Latín-Galego; Etimolóxico e Complementario. A aplicación, totalmente gratuíta, está dispoñible para Android e iOS.

Podes ampliar información premendo aquí.
13/05/2026. DINAMIZACIóN

Subscribirse ao galego ten premio

Co gallo da dobre conmemoración, o vindeiro 17 de maio, do Día das Letras Galegas e mais do Día de Internet, a Asociación de Medios en Galego, Dinahosting e PuntoGal únense un ano máis para organizar conxuntamente a campaña “Subscríbete ao galego”, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego na rede e apoiar os medios de comunicación que usan o noso idioma.

No marco desta iniciativa, todas as persoas que se fagan subscritoras entre o 17 e o 31 de maio de 2026 dalgún dos medios en galego participantes na campaña obterán de balde un dominio .gal e mais o aloxamento para o seu sitio web durante un ano.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.

13/05/2026. DINAMIZACIóN

XII Carreira Camiño das Letras

O vindeiro domingo, 17 de maio de 2026, terá lugar en Santiago de Compostela unha nova edición da Carreira Camiño das Letras, unha iniciativa promovida por Xurdir co obxectivo de conmemorar o Día das Letras Galegas a través da práctica deportiva, sumando ao mesmo tempo o simbolismo do Camiño de Santiago.

A carreira constará de dúas probas absolutas (de 15 e 5 km) na que poderán participar atletas federados e non federados (estes últimos correrán coa licenza de día da Federación Galega de Atletismo). A maiores, organizaranse tamén carreiras para as distintas categorías “escolares” (de sub6 a sub16) por un circuíto da Cidade da Cultura. Todos os participantes recibirán un libro de agasallo e mais o diploma Camiño das Letras. Os/as gañadores/as tamén recibirán un lote de libros e mais o seu correspondente trofeo, e daranse premios económicos a clubs federados.

A inscrición estará aberta ata o xoves 14 de maio. Para ampliar información sobre o regulamento das probas e mais os trámites de inscrición, preme aquí.
08/05/2026. OUTRAS

O CCG presenta a edición facsimilar de O libro das amigas

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou hoxe, 8 de maio de 2026, a edición facsimilar de O libro das amigas, editado en 2015. Con esta obra, que compila vinte e catro textos escritos por amigas de Begoña Caamaño tras o seu falecemento, o CCG quere render homenaxe á autora á que se lle dedica este ano 2026 o Día das Letras Galegas.

A obra está accesible en liña, para consulta libre e descarga, na páxina web do CCG.
07/05/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á tradución para o galego de obras publicadas noutras linguas

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia publica a convocatoria de axudas dirixidas á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que comezará a computarse a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
05/05/2026. DINAMIZACIóN

O CCG presenta o programa do Concerto das Letras Galegas 2026

O Consello da Cultura Galega organiza, en colaboración co Concello de Vigo, o Concerto das Letras Galegas 2026, que terá lugar o sábado 16 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio Mar de Vigo.

Nesta edición a cantante Uxía renderá homenaxe á súa amiga Begoña Caamaño, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano. Interpretará en primicia pezas inspiradas nos seus textos literarios e no seu labor xornalístico e radiofónico, que formarán parte do libro-CD Indómitas: nove ondas a Begoña Caamaño.

A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. O concerto tamén se emitirá en directo a través do web do Consello da Cultura Galega e, posteriormente, na programación especial da Televisión de Galicia polo Día das Letras Galegas.
05/05/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a tradución do libro galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia publica a convocatoria de axudas para o libro galego, dirixidas á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que comezará a computarse ás 9:00 horas do quinto día hábil seguinte ao da publicación desta convocatoria.
04/05/2026. DINAMIZACIóN

Queremos Galego convoca a cidadanía para reivindicar na rúa unha “lingua vital”

Un ano máis, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, a plataforma cidadá Queremos Galego convoca a toda a cidadanía a manifestarse o vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela baixo o lema “O galego, lingua vital”.

Na páxina web de Queremos Galego tes toda a información sobre esta iniciativa.
04/05/2026. INVESTIGACIóN

Un volume recolle a microtoponimia da parroquia redondelá do Viso

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela presentou o novo froito da súa liña de traballo de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural e lingüístico do municipio. Nesta ocasión trátase dun volume que recolle a microtoponima da parroquia do Viso, autoría de Teresa Monteagudo. O libro distribuirase en formato físico entre a veciñanza e, a maiores, tamén está accesible en liña en formato PDF.

Na páxina web da toponimia de Redondela podes consultar outros volumes da mesma colección.

04/05/2026. DINAMIZACIóN

Creatividade en galego para recibir o mes de maio en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e mais a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega dos IES e CIFP de Pontevedra convocan, un ano máis, o programa multidisciplinar de certames "Ben veñas, maio", dirixido ao alumnado matriculado nos centros de ensino secundario, bacharelato e ciclos formativos do concello.

Co obxectivo de fomentar a creatividade e o uso do galego entre a mocidade, ao abeiro deste programa organízanse certames nas seguintes modalidades: fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía e música. O prazo de admisión de traballos remata o 12 de maio de 2026.

Para ampliar información e consultar as bases completas, preme aquí.
04/05/2026. DINAMIZACIóN

Andainas con Xurxo Souto para coñecer A Coruña das Letras

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza unha nova edición do programa de dinamización lingüística A Coruña das Letras, dirixido a toda a poboación maior de 16 anos que desexe aprender máis sobre a toponimia tradicional da cidade, a literatura relacionada cos diferentes barrios e, en xeral, a importancia de promover o galego nos diferentes contextos sociais.

Nesta edición da primavera de 2026 organízanse tres andainas guiadas polo músico e escritor Xurxo Souto, que terán lugar os sábados 9 de maio, 30 de maio e 6 de xuño.

Podes obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición premendo aquí.
30/04/2026. OUTRAS

Datas e lugares das probas para a obtención do Celga

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia anuncia as datas e lugares de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4), que foron convocadas ao abeiro da resolución publicada no DOG do pasado 13 de marzo de 2026.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela (IES Antonio Fraguas, para Celga 2, 3 e 4; e EGAP, para Celga 1), Ponferrada (Escola Oficial de Idiomas) e Madrid (Casa de Galicia en Madrid).

As datas serán as seguintes:
-Celga 1: 6 de xuño de 2026
-Celga 2: 31 de maio de 2026
-Celga 3: 30 de maio de 2026
-Celga 4: 23 de maio de 2026 para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T, U, V, W, X, Y, Z e A; e 24 de maio de 2026 para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por: : B, C, D, E, F, G, H, I, J, K e L.
29/04/2026. DINAMIZACIóN

Campus lingüístico “Verán máis alá 2026”

O Concello de Fene organiza unha nova edición do campus lingüístico “Verán máis alá”, deseñado co obxectivo de facilitar unha alternativa de lecer educativo en lingua galega e promover a conciliación da vida laboral e familiar. O programa está dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria, nado entre os anos 2014 e 2022 (idades de referencia de 3 a 12 anos). Organizarase en dúas quincenas, a primeira do 1 ao 15 de xullo e a segunda do 16 ao 31 de xullo de 2026 (pódese participar nas dúas, ou nunha soa). A matrícula provisional pode facerse por medios telemáticos (desde o 28 de maio ao 1 de xuño) ou presencial (do 3 ao 5 de xuño). Nesta última modalidade cómpre solicitar cita previa os días 27, 28 e 29 de maio.

Podes consultar o texto completo das bases reguladoras para a matriculación no programa “Verán máis alá 2026” premendo aquí.
23/04/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas ás entidades locais para a compra de novidades editoriais en galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica unha convocatoria de subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico e para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9:00 horas do 4 de maio de 2026 e rematará ás 20:00 horas do 4 de xuño de 2026, ambos incluídos.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
22/04/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en galego de materiais didácticos curriculares

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares, realizados en soporte impreso ou dixital, para niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.