Novas da lingua

Rexistros1291 a 1320 de 5436
29/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornada divulgativa "Matemáticas e lingua"

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas organiza o día 30 de decembro de 2022, ás 16:30 horas, a xornada divulgativa Matemáticas e Lingua.

A sesión desenvolverase na Aula Magna da Facultade de Matemáticas e a asistencia é libre ata completar a capacidade da sala. Consulta o programa.
29/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro en Vilagarcía para fomentar o uso do galego no ámbito familiar

O Concello de Vilagarcía organiza o sábado, 3 de decembro de 2022, o obradoiro O Lar das Palabras. Trátase dunha actividade de carácter lúdico, dirixida a pais, nais e fillos con idades de 3 a 8 anos, durante a que cada familia realizará o seu propio dicionario en galego co fin de reforzar o vínculo afectivo da familia co idioma.

Están programadas dúas sesións, ás 11:00 h e ás 12:30 h, que requiren anotarse na sede electrónica do Concello. O prazo de inscrición conclúe o venres 2 de decembro. Tes máis información aquí.

25/11/2022. DINAMIZACIóN

Dispoñible o Catálogo 2022 de agasallos de Nadal en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística publica o seu xa habitual Catálogo de agasallos para o Nadal, unha extensa proposta de produtos e servizos que poñen en valor a nosa lingua e a nosa cultura, unidas á economía local.

As persoas que asistan ao Culturgal, entre o 24 e o 27 de novembro, poderán levar un exemplar en papel de balde.
25/11/2022. DINAMIZACIóN

A Deputación de Pontevedra invita o Apalpador a visitar 49 concellos da provincia

A través do seu programa "Nadal en galego", a Área de Lingua da Deputación Provincial de Pontevedra vai organizar visitas do Apalpador a 49 concellos das comarcas do Morrazo, o Salnés, Caldas, Deza-Tabeirós, Vigo, Pontevedra, Val Miñor, Condado-Paradanta e Baixo Miño. Esta cita acompáñase de música e baile, á par que promove valores como a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable.

Todo o programa vai desenvolverse entre o 19 de decembro de 2022 e o 4 de xaneiro de 2023. Nos próximos días, poderán consultarse as datas en que o Apalpador visitará cada concello na web da Deputación.
24/11/2022. INVESTIGACIóN

Análise dos usos lingüísticos da infancia en contextos diferentes ao familiar e escolar

O Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega presenta o volume Prácticas lingüísticas na infancia. A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización, autoría de Henrique Monteagudo, Xaquín Loredo, Gabino S. Vázquez Grandío e Anik Nandi. Co ánimo de completar a panorámica debuxada por estudos sociolingüísticos anteriores, que se centraban nos ámbitos familiar e escolar á hora de analizar os usos lingüísticos da infancia, neste estudo os seus autores abren o foco para atender a outros contextos de socialización, como poden ser as actividades complementarias, de conciliación laboral e familiar, e as extraescolares. Os resultados axudan a entender como se está a producir a substitución do galego polo castelán nos nenos e nenas do ámbito urbano e periurbano galego.

Podes ampliar información premendo aquí.

24/11/2022. OUTRAS

Entra no Álbum de Galicia Xosé Neira Vilas

Xa podes consultar no Álbum de Galicia a biobibliografía de Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces,1928 - Gres, Vila de Cruces,2015). En palabras do seu redactor, Valentín García Gómez, estamos ante un escritor e intelectual que se dedicou «sen descanso á creación literaria e ao activismo cultural, as dúas angueiras que lle serviran de motor vital desde os anos de mocidade na capital porteña.» Ese labor deu de si numerosos títulos, entre os que sempre haberá que destacar Memorias dun neno labrego, obra universal que a día de hoxe segue estando entre as máis lidas.
23/11/2022. AXUDAS E PREMIOS

Xa podes escoller a túa "Palabra do Ano 2022"

Acabando o ano, A Real Academia Galega convida a cidadanía a colaborar na escolla da palabra que mellor sintetice, para ben ou para mal, os acontecementos ou experiencias sociais vividas nos últimos 12 meses.

Podes enviar as túas suxestións ao Portal das Palabras ata o vindeiro 11 de decembro. Posteriormente, do martes 13 ao domingo 25 de decembro, comezará a segunda fase, na que se someterán a votación telemática os termos máis significativos e máis repetidos na primeira. A Palabra do Ano darase a coñecer nos últimos días do 2022.
22/11/2022. LEXISLACIóN

A USC actualiza o seu regulamento de usos lingüísticos

O Consello de Goberno da USC aprobou, na súa xuntanza do 28 de outubro de 2022, o seu novo Regulamento de usos lingüísticos da Universidade de Santiago de Compostela, que actualiza un documento anterior de 1993, atendendo ás novas necesidades que apareceron desde aquela data no eido das novas tecnoloxías, na internacionalización e na xestión de contextos académicos multilingües. Así mesmo, ademais de asegurar o status de lingua propia do galego e garantir os dereitos lingüísticos de toda a comunidade universitaria, este novo documento fai fincapé no labor de dinamización e promoción do uso do galego que a USC debe desenvolver como institución pública.

Para ampliar esta información, preme aquí.
22/11/2022. DINAMIZACIóN

"Os mapas dixitais polo seu nome". Campaña para un uso correcto da toponimia nos navegadores e xeolocalizadores

A Mesa pola Normalización Lingüística inicia unha campaña dirixida ás compañías operadoras de xeolocalización e navegación, para que na sinalización dos lugares respecten os topónimos oficiais, unicamente en lingua galega.

"Os mapas dixitais polo seu nome" chegará tamén á Administración local, o Parlamento e o Congreso dos Deputados, posto que a deturpación dos topónimos nestes produtos afecta directamente outros servizos, coma o de transportes, e destrúe un laborioso traballo de recuperación dos nomes de lugar en galego.
22/11/2022. OUTRAS

O Plan pedagóxico para a galeguización das escolas de Vicente Risco, en edición facsimilar

A Fundación Vicente Risco edita, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, unha edición facsimilar do Plan pedagóxico para a galeguización das escolas, proxecto encargado polas Irmandades da Fala a Vicente Risco para fornecérense de métodos de actualización docente que incorporasen o uso do galego no ensino.

O volume recolle tanto a versión publicada en Nós coma n'A Nosa Terra e unha adaptación a cargo de Isabel Mociño máis un estudo introdutorio a cargo do especialista Xosé Fernández.
18/11/2022. OUTRAS

Hackatón de incorporación de contidos ao Galizionario

Ao longo da xornada de hoxe, 18 de novembro de 2022, estase a desenvolver na Facultade de Ciencias do Deporte da Uvigo, en Pontevedra, a inciativa “EMLex Wiktionary Hackfest. Á volta coas palabras”, un evento académico (aínda que aberto a toda a cidadanía) de traballo lexicográfico colaborativo, organizado por EMLex USC e EMLex UMinho, coa colaboración da UVigo. Despois dunha sesión formativa na que os asistentes terán oportunidade de descubrir as características esenciais dun wikcionario, comezará o hackatón de incorporación de contidos ao Galizionario.

No Diario da Universidade de Vigo podes ampliar información.
18/11/2022. DINAMIZACIóN

Campaña "Cambia a túa mirada" na Facultade de Veterinaria de Lugo

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC pon en marcha unha nova edición da campaña Cambia a túa mirada, dirixida ao alumnado procedente de fóra de Galicia da facultade.

Co propósito de acompañar e acelerar o proceso de integración deste estudantado, promover o respecto lingüístico e favorecer o mantemento lingüístico das persoas galegofalantes, son varias as actuacións programadas no curso 2022-2023. En primeiro lugar, a difusión a través de whatsapp de vídeos con testemuños de estudantes, docentes, investigadores e profesionais en activo. A seguir, a distribución de material promocional e a habilitación dun photocall no aulario.

Na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística da USC podes atopar máis información.
17/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

O Simposio ILG 2022 céntrase na edición dixital de textos medievais

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Consello da Cultura Galega, a Universidade de Alcalá e a Xunta de Galicia, organiza o Simposio ILG 2022, que leva por título “Edición Dixital de Textos Antigos: Modelos, Proxectos e Ferramentas”, poñendo o foco na edición dixital de textos galegos do período medieval.
As sesións desenvolveranse entre o 28 de novembro e o 2 de decembro de 2022, no salón e graos da Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o 28 de novembro ás 12 h.

16/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Charla-coloquio sobre o nome da ría de Ribadeo

O xoves 17 de novembro de 2022, ás 20 h, a Casa do Viejo Pancho, en Ribadeo, acolle a charla-coloquio «Na defensa da nosa ría».

Este acto contará coa participación do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e o mariño mercante e estudoso da toponimia local Francisco Campos Dorado.

Desde o propio día 18 ata o 24 de novembro, quen o desexe tamén pode visitar unha exposición de cartas náuticas no mesmo edificio. Máis información aquí.
15/11/2022. INVESTIGACIóN

Nova edición da xornada "Matemáticas: habelas hainas!"

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas e o Seminario de Iniciación á Investigación (SII) do centro, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago de Compostela, organizan unha nova edición da xornada divulgativa "Matemáticas: habelas hainas!", dirixida fundamentalmente a estudantes de grao e máster. Nesta edición de 2022, cinco investigadores/as explicarannos en lingua galega, en charlas breves e amenas, diferentes aspectos relacionados coa investigación matemática. A xornada terá lugar o vindeiro 23 de novembro de 2022, ás 16:00 h, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC.

Para obter máis información sobre o programa completo e mais os trámites de inscrición, preme aquí.
14/11/2022. DINAMIZACIóN

Paseo literario en Vigo para conmemorar o centenario do manifesto "Máis alá!"

O 28 de xuño de 1922 a Editorial Nós publicaba o manifesto Máis alá!, asinado polo poeta Manuel Antonio e o debuxante Álvaro Cebreiro, que segue a simbolizar, cen anos despois, un claro compromiso coa liberdade creativa e co idioma galego. Para conmemorar o centenario deste importante manifesto, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza o paseo “100 anos do manifesto Máis alá!”, no que o público asistente terá ocasión de descubrir os lugares relacionados coa estadía de Manuel Antonio en Vigo. A actividade terá lugar o vindeiro sábado, 19 de novembro de 2022, a partir das 11:00 horas. A asistencia é libre e non se precisa inscrición previa. Para ampliar información, preme aquí.
11/11/2022. INVESTIGACIóN

A Universidade de Vigo presenta a revista Cumieira das Letras

O Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo presentou publicamente Cumieira das Letras, unha nova publicación periódica que terá unha periodicidade anual e recollerá traballos científicos en galego sobre a lingua, literatura e cultura galegas. O primeiro número, dedicado á figura de Álvaro Cunqueiro, xa está accesible en liña.
Con esta nova revista complétase un proxecto que comezou hai xa sete anos co nacemento de Cumieira. Cadernos de investigación da Nova Filoloxía Galega, a “irmá xemelga” creada para divulgar os traballos dos/as investigadores/as máis novos/as.

Se o desexas, no Diario da Universidade de Vigo podes ampliar información.
11/11/2022. DINAMIZACIóN

A Deputación da Coruña divulga nas redes sociais #AsPalabrasdaCiencia

Coincidindo coa conmemoración do Mes da Ciencia en Galego, a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña presenta a segunda edición da campaña #AsPalabrasdaCiencia, unha iniciativa dirixida a todos os públicos e deseñada para divulgar nas redes sociais da deputación provincial (Facebook, Twitter e Instagram) contidos e información relacionada coa ciencia que se fai en galego. A maiores, entre as persoas que colaboren divulgando a campaña sortearase un telescopio e tres lotes de libros de temática científica.
Para ampliar información, preme aquí.
11/11/2022. OUTRAS

Apoio unánime do Parlamento de Galicia a Ponte... nas Ondas!

O Parlamento de Galicia aprobou, co apoio unánime dos tres grupos políticos con representación parlamentaria, unha declaración institucional na que “agradece e recoñece o labor de Ponte...nas ondas! a prol da salvagarda do noso patrimonio inmaterial e apoia a inscrición do modelo Ponte...nas ondas! no rexistro das boas prácticas co PCI da UNESCO”.
Esta declaración súmase aos diferentes apoios que esta asociación pedagóxica e cultural está a recibir nos días previos á celebración do 17 Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, no que se decidirá se se inscribe o proxecto Ponte... nas ondas! no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da Unesco, tras a presentación oficial conxunta en 2021 da súa candidatura por parte dos gobernos de España e Portugal.

11/11/2022. DINAMIZACIóN

Play.aRi[t]mar, repertorio de música e poesía de Galicia e Portugal

A Escola Oficial de Idiomas de Santiago, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, presenta o proxecto play.ari[t]mar, un repositorio web dirixido á mocidade que compila máis dun cento de creacións poéticas e musicais dos artistas que participaron nas diferentes edicións do certame aRi[t]mar. A iniciativa aRi[t]mar é un proxecto didáctico e cultural, promovido desde 2016 pola EOI de Santiago de Compostela, co obxectivo de afianzar os vínculos lingüísticos e culturais entre Galicia e Portugal.
Podes ampliar información premendo aquí.
10/11/2022. AXUDAS E PREMIOS

XXIII Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa

Baixo o lema “Prende o galego. Brilla con luz propia”, o Concello de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio convocan a vixésimo terceira edición dos Premios Manuel Beiras, que teñen como finalidade recoñecer o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán, premiando o uso do galego na comunicación comercial nas seguintes categorías: "empresa cun uso continuado da lingua galega", "empresa de nova incorporación ao uso da lingua galega" e "empresa innovadora no uso do galego". Poden concorrer a este premio as empresas radicadas do concello de Santiago de Compostela, entendendo aquelas que teñen a súa sede social no municipio ou que realizan unha importante actividade nel. As empresas poderán presentar directamente a súa candidatura ou seren propostas por calquera outra persoa ou entidade. O acto oficial de entrega de premios terá lugar o 19 de decembro de 2022 no Teatro Principal, ás 20 h.
No sitio web da iniciativa atoparás as bases completas da convocatoria, instrucións para presentar as candidaturas e información sobre edicións anteriores.
10/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre lingua galega e sociedade na educación secundaria

O vindeiro 17 de novembro de 2022 terá lugar a xornada “Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria”, onde se compartirán e debaterán os datos obtidos durante o traballo de campo do proxecto de investigación “Lingua e sociedade no ensino secundario obrigatorio e no bacharelato. Práctica docente, formación, expectativas de futuro, demandas e propostas de mellora entre o profesorado”, promovido pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. As sesións terán lugar no salón de plenos da Deputación de Pontevedra e a inscrición é de balde. Para ampliar información sobre a xornada preme aquí.
No Diario da Universidade de Vigo tamén podes obter máis información sobre o proxecto de investigación no que se inscriben.
10/11/2022. OUTRAS

Gonzalo Navaza ingresa na RAG cun discurso sobre a toponimia de Lalín

O pasado sábado, 5 de novembro de 2022, o filólogo Gonzalo Navaza ingresou como membro de número na Real Academia Galega e fíxoo cun discurso sobre os topónimos de Lalín que teñen a súa orixe nun antropónimo. Este discurso está accesible en Internet na publicación Nomes de persoa na toponimia de Lalín, que tamén inclúe a resposta do académico Antón Santamarina. Na páxina web da RAG podes ampliar esta información.
10/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Accesibles todos os vídeos dos XXIV Encontros para a Normalización Lingüística

O pasado 20 de outubro de 2022 tiveron lugar os XXIV Encontros para a Normalización Lingüística, nos que diferentes creadoras e creadores do país debateron sobre como tecer redes no sector artístico para potenciar a lingua de xeito cooperativo. Agora xa podes acceder en liña a todas estas intervencións nos vídeos dos XXIV Encontros, tanto a través da páxina web do CCG como da súa canle de Youtube.
09/11/2022. DINAMIZACIóN

A Deputación de Pontevedra crea de xeito permanente o Catálogo de grupos Musigal

A Deputación de Pontevedra publica as bases de creación do Catálogo de grupos Musigal, deseñado para contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia de Pontevedra. Ao abeiro deste programa crearase un catálogo de grupos musicais profesionais que fagan música galega e en galego nos seus concertos ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. Posteriormente, este catálogo ofertaráselles aos concellos da provincia para que poidan solicitar a actuación dos grupos. O catálogo terá unha vixencia indefinida mentres estea en vigor o programa “Musigal”. O prazo de presentación de solicitudes de inclusión, baixa ou modificación de datos neste catálogo é do 15 de novembro ata o 1 de decembro de cada ano natural. Podes consultar as bases completas do programa premendo aquí.
08/11/2022. DINAMIZACIóN

Concurso escolar para elaborar a exposición das Letras Galegas de 2023

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha nova edición do Concurso para elaborar a exposición sobre o autor homenaxeada o Día das Letras Galegas, dirixido aos centros de ensino público non universitario. Os/as participantes deben elaborar unha exposición relacionada coa obra, época e lingua do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023, Francisco Fernández del Riego, e/ou a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviu. O concurso consta de dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes (educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial). Outorgarase un premio en metálico de 2.000 euros para cada categoría. O prazo de presentación dos traballos remata o 20 de xaneiro de 2023. Para obter máis información, preme aquí.
07/11/2022. INVESTIGACIóN

A USC convida a mocidade investigadora a divulgar a química en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química, co apio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, está a organizar a II Xuntanza de Investidador@s Nov@s no ámbito da Química, que terá lugar o 25 e 26 de xaneiro de 2023, na Facultade de Química da USC. Trátase dunhas sesións abertas de comunicacións orais nas que a mocidade investigadora no ámbito da química terá ocasión de expoñer, en lingua galega e cun enfoque divulgativo, algúns aspectos dos seus traballos de investigación. A xuntanza está dirixida aos estudantes de máster ou de programas de doutoramento da USC relacionados co ámbito da química. O prazo de inscrición remata o 30 de novembro de 2022.
04/11/2022. DINAMIZACIóN

As bibliotecas súmanse á promoción da ciencia en galego

A Xunta de Galicia organiza unha nova edición do programa Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas, que inclúe máis de 40 iniciativas (obradoiros, experimentos, contacontos, charlas e mostras bibliográficas) deseñadas para contribuír á divulgación científica en galego nas bibliotecas públicas e escolares. Igual ca en edicións anteriores, o programa de actividades está acompañado dun manifesto, que nesta ocasión asina o profesor, investigador e divulgador da USC José Tubío.
A maiores, tamén atoparás en Internet unha compilación de materiais didácticos e bibliografía de referencia en galego de temática científica.
04/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre política lingüística nos países federais e descentralizados

A Fundación Manuel Giménez Abad, xunto co Forum of Federations, a Embaixada de Canadá en España, Eurac Research e o Observatorio de Derecho Público, organiza, o vindeiro 9 de novembro de 2022, a xornada "La política lingüística en los países federales y descentralizados".

Este evento require inscrición tanto para a asistencia presencial coma para o seguimento a través de Zoom. Consulta o programa e toda a información na súa páxina web.
04/11/2022. DINAMIZACIóN

Melide aposta polo galego, agora e sempre

O Concello de Melide está a desenvolver, en colaboración coas empresas de servizos fúnebres do municipio (funerarias, marmoreiras e florerías), a campaña “Melide agora e sempre en galego”, co obxectivo de fomentar o uso do noso idioma nos actos fúnebres, derradeiras vontades, placas mortuorias e necrolóxicas. As empresas adheridas á campaña contarán co apoio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Melide e, a maiores, recibirán tamén un Manual de recursos en lingua galega para actos funerarios.
Esta iniciativa enmárcase no conxunto de accións que durante este mes de novembro están a promover a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística ao abeiro da celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia.
Se desexas ampliar información, preme aquí.