A Consellería de Emprego e Igualdade convoca probas de avaliación en competencias clave, necesarias para o acceso ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional. Entre as competencias clave requiridas para acceder a estes certificados está a “comunicación en lingua galega”. As persoas interesadas en participar nestas probas teñen de prazo para presentar a súa solicitude ata o 7 de abril de 2022. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
16/02/2022. OUTRAS
16/02/2022. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca unha nova edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover a creatividade en lingua galega. O concurso conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega. O prazo de presentación de orixinais remata o 24 de marzo de 2022. Para consultar as bases completas preme aquí.
16/02/2022. CURSOS E CONGRESOS
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza dous obradoiros de acollemento lingüístico, dirixidos principalmente a persoas adultas procedentes doutras comunidades lingüísticas, mais abertos a calquera persoa adulta que queira iniciarse na aprendizaxe do galego. As sesións terán lugar todos os luns e mércores entre o 2 de marzo e o 1 de xuño de 2022. Podes obter máis información sobre os trámites de inscrición premendo aquí.
14/02/2022. CURSOS E CONGRESOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A oferta inclúe tanto cursos na modalidade presencial como na modalidade en liña, que poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2022. O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
11/02/2022. AXUDAS E PREMIOS
A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo convoca o I Premio de investigación xurídica en lingua galega, dirixido tanto ao estudantado desta facultade (modalidade B), como ao resto do estudantado do sistema universitario de Galicia e do Estado (modalidade A). Os traballos deberán ser orixinais e estar redactados en lingua galega e poderán tratar de calquera tema do ámbito xurídico. Outorgarase un premio en metálico de 400 euros en cada unha das modalidades, ademais dun diploma acreditativo. O prazo de presentación remata o 20 de abril de 2022. Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
11/02/2022. OUTRAS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta os datos sobre os usos lingüísticos docentes no curso 2021-2022, con información detallada segundo o tipo de titulación (grao ou mestrado), o departamento no que se imparte a docencia ou a categoría do profesorado. En termos xerais, actualmente impártese en castelán o 71,54% das horas docentes, en galego o 24,35% e noutros idiomas estranxeiros o 4,12%. Tamén podes consultar a evolución dos usos lingüísticos desde o curso 2003-2004, ano no que o SNL comezou a compilar estes datos. Para ampliar información, preme aquí.
11/02/2022. DINAMIZACIóN
O pasado 3 de febreiro de 2022 tivo lugar, na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, a presentación pública da Iniciativa polo audiovisual en galego, unha plataforma composta por entidades do ámbito académico, profesional, empresarial e lingüístico que reivindica que se recoñezan os dereitos lingüísticos dos galegos e galegas na Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. Na páxina web da Mesa pola Normalización Lingüística podes obter máis información sobre esta plataforma, así como sobre anteriores iniciativas de promoción do galego no ámbito audiovisual.
10/02/2022. INVESTIGACIóN
A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo acaba de presentar tres novas guías didácticas, de carácter práctico, elaboradas co obxectivo de divulgar entre o estudantado de ensino secundario o resultado das investigacións desenvolvidas na UVigo. En concreto, presentáronse os seguintes títulos: Para raros os monolingües. Unha pequena introdución ao bilingüismo; E ti, como repartirías? O pouco ben repartido... e Histoloxía para todos. O Atlas histolóxico da Universidade de Vigo. Estas tres guías súmanse ás outras catro obras, presentadas en xaneiro de 2021, coas que se inaugurou a colección.
10/02/2022. DINAMIZACIóN
Co gallo da celebración este ano do centenario da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela, a Comisión de Normalización Lingüística desta facultade, coa colaboración do SNL da USC, convoca o concurso de vídeos “Petiscos de ciencia”, dirixido a alumnado da ESO, de formación profesional e de bacharelato (categoría A) e calquera membro da USC (categoría B). Os participantes deben elaborar un vídeo en galego de entre 30 e 90 segundos no que se presenten pílulas sobre calquera tema relacionado coa ciencia. Outorgaranse dous premios en cada categoría, un de 500 euros e outro de 200 euros. O prazo para a presentación dos traballos remata o 22 de abril de 2022. Para consultar as bases completas do concurso, preme aquí.
10/02/2022. DINAMIZACIóN
O pasado 16 de outubro de 2021 celebrouse en Santiago de Compostela a última edición do LGx15, unha iniciativa organizada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, na que diferentes participantes transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego a través de charlas breves e amenas. Nesta ocasión, participaron Alice Piccardi (xornalista), Ana Moreiras (docente e coordinadora de Olloboi), María Vázquez (actriz), Paco Cerdeira Pakolas (músico), Xosé Luís Reza (especialista en márketing) e Agos Reigosa (impulsor de Twich en Galego). Na canle de Youtube da CTNL podes ver todos os vídeos.
10/02/2022. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha nova edición do Curso de auga doce, deseñado para ampliar o coñecemento da lingua galega (léxico, fraseoloxía, toponimia, lendas...) empregando como fío condutor a relación de Vigo co seu patrimonio cultural e natural. As sesións desenvolveranse en febreiro e marzo de 2022 no edificio Mar de Vigo. Para obter máis información sobre os horarios, os contidos e os trámites de inscrición, preme aquí.
10/02/2022. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública publica dúas convocatorias de cursos de linguaxes específicas, unha na que se ofertan dous cursos de linguaxe xurídica galega para o persoal da Administración de Xustiza que presta servizos fóra de Galicia, e outra na que se ofertan cursos de linguaxe administrativa e xurídica destinados ao persoal ao servizo das distintas administracións galegas: xeral, local, de Xustiza e universitaria. Todos os cursos desenvolveranse na modalidade de teleformación. En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de febreiro.
07/02/2022. DINAMIZACIóN
A Real Academia Galega e a Asociación Puntogal convocan a quinta edición do Certame de Microrrelatos, que veñen organizando desde 2018 para reforzar a presenza do idioma galego e da identidade propias no mundo dixital. Os relatos, de temática libre, deberán estar escritos en galego, ser orixinais, inéditos e ter unha extensión máxima de 200 palabras. Establécense tres categorías, segundo a idade dos participantes, e entregaranse tres premios en cada unha das categorías. A maiores, os relatos gañadores serán publicados nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na revista Luzes. O prazo para enviar os textos remata o 28 de febreiro de 2022. A organización deste certame faise coincidir cunha campaña de promoción que permite rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE. Podes ampliar información premendo aquí.
07/02/2022. EMPREGO
A Consellería de Educación da Xunta de Galicia convoca un procedemento urxente para elaborar listas de interinidades e substitucións que inclúe, entre outras especialidades, a de Lingua e Literatura galegas. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o martes 8 de febreiro. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
03/02/2022. LEXISLACIóN
No BOP da Coruña do pasado 1 de febreiro de 2022 publícase a Ordenanza municipal de normalización lingüística do Concello de Cabanas, documento no que se recollen as obrigas e liñas de actuación que rexerán os usos lingüísticos tanto deste ente municipal como das empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratadas cando actúen en función desa adxudicación, concesión ou contrato; así como as de explotación mixta. No Kit para a normalización en rede podes consultar a listaxe completa de ordenanzas e regulamentos lingüísticos en vigor na Administración local galega.
02/02/2022. DINAMIZACIóN
A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) organiza a ruta “Compostela e a lingua”, que se desenvolverá o vindeiro sábado 5 de febreiro, a partir das 11:30 h, en Santiago de Compostela. Con esta iniciativa AMEGA quere conmemorar o Día dos Medios en Galego, que se celebra cada 7 de febreiro, día no que saíu por primeira vez á rúa, no ano 1976, o xornal O Tío Marcos d´A Portela (primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega). Na páxina web da AMEGA podes consultar o programa completo da celebración, que neste 2022 leva por lema “Bota a lingua a pacer”.
02/02/2022. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Xunta de Galicia promove a cuarta edición do programa “21 días co galego e +”, que se inaugurou onte, 1 de febreiro de 2022, e na que participan doce centros de ensino galegos, con alumnado de idades comprendidas entre os 8 e 18 anos. Baixo o lema “Creando en galego no século XXI”, o alumnado adherido a esta iniciativa comprométese nos vindeiros 21 días a falar exclusivamente en galego durante as 24 horas do día, así como a desenvolver diferentes propostas didácticas deseñadas para reflexionar sobre a situación actual do noso idioma.
02/02/2022. DINAMIZACIóN
O grupo de Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presenta o web Neofalantes.gal, un proxecto que ten como obxectivos dinamizar, dignificar e darlle visibilidade á comunidade neofalante. Ademais de difundir contidos de interese relacionados co neofalantismo (información, investigación, formación...), os promotores da iniciativa queren crear novos espazos físicos e virtuais que estimulen a incorporación ao galego de novos falantes, nomeadamente no ámbito universitario. Podes ampliar esta información premendo aquí.
02/02/2022. OUTRAS
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega presenta a serie Os nomes da terra, seis pezas audiovisuais de carácter didáctico, deseñadas co obxectivo de divulgar a orixe e significado do noso rico patrimonio toponímico. Na elaboración destes seis capítulos colaboraron expertos en lingua, pedagoxía e audiovisual, así coma os propios veciños da zona. Cada un deles está centrado nos seguintes nomes de lugar: Barcia de Mera, A Coruña, Oleiros, Arteixo, Marzoa e O Monte Pindo.
02/02/2022. EMPREGO
Trátase de dous contratos eventuais a tempo completo de persoal técnico, para colaborar nos proxectos lexicográficos da Real Academia Galega e na redacción e revisión lingüística e estilística de textos. A duración dos contratos será de seis meses, desde o 14 de marzo ao 13 de setembro de 2022, cun salario bruto de 9.210,40 euros, pagas extraordinarias incluídas. Os/as candidatos/as deben estar en posesión da Licenciatura ou Grao en Filoloxía Galega, Filoloxía Galego-Portuguesa ou titulación equivalente. O prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de febreiro de 2022. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
01/02/2022. OUTRAS
A Xunta e o Colexio de Educadores Sociais de Galicia presentaron un volume que compila os traballos premiados na sétima edición do Concurso TFG.eduso, unha iniciativa que recoñece os mellores proxectos de fin de grao arredor da educación social presentados en lingua galega nas universidades públicas de Galicia nos cursos académicos 2018/2019 e 2019/2020. Deste xeito, facilítanselle ao alumnado universitario materias en galego de calidade e grande variedade temática: renda básica, prensa e proxenetismo, xestión cultural no eido local, educación afectivo-sexual, adolescencia ou vellez alén da heteronormatividade. Xa están accesibles as bases correspondentes á 8ª edición.
01/02/2022. AXUDAS E PREMIOS
O Concello de Pontevedra homenaxeou aos dous docentes, que exerceron durante máis de 30 anos neste municipio, recoñecéndoos co galardón ás persoas físicas. No acto, destacouse o seu traballo no ensino e tamén a súa incorporación ao mundo dixital como colaboradores da Galipedia e creadores de galego.eu, remando sempre a favor da lingua do país.
27/01/2022. DINAMIZACIóN
As Tanxugueiras están estes días a participar no “Benidorm Fest” e optan a representar a España no Festival de Eurovisión co seu tema Terra, unha proposta musical que representa o orgullo pola lingua e cultura galegas e que reivindica que para os idiomas non debe haber fronteiras. O profesor Cándido Paniagua Pousa elaborou a unidade didáctica Veñen para quedar, adaptable aos diferentes niveis educativos, que permite traballar contidos de música e sociolingüística nas aulas. Podes descargala premendo aquí.
26/01/2022. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza as II Xornadas sobre recursos educativos para traballarmos en galego, dirixidas principalmente ao profesorado de todas as etapas educativas e aos membros dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino de Vigo. O obxectivo é dar a coñecer proxectos ou recursos didácticos que poidan contribuír a normalizar o uso da lingua galega dentro e fóra das aulas. As sesións terán lugar os días 10, 17 e 24 de febreiro de 2022 no Verbum (Vigo). O prazo de inscrición remata o 8 de febreiro. No web do SNL do Concello de Vigo podes consultar o programa completo e mais obter información sobre os trámites de inscrición.
26/01/2022. OUTRAS
O Boletín de Sumarios 2021 do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) é un produto documental que inclúe os sumarios dos 22 números de publicacións periódicas, correspondentes a 10 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do centro ao longo do ano 2021. Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde este boletín pode accederse directamente aos números completos. Podes consultar a nosa colección completa de seriadas premendo aquí.
26/01/2022. CURSOS E CONGRESOS
O grupo de investigación CienciaNosa da USC, coordinado polo profesor Marcelino Maneiro, presenta o curso “Química, unha ciencia experimental”. Trátase do primeiro curso de química en galego accesible en liña, de libre acceso e gratuíto. O programa formativo, cun enfoque experimental baseado en prácticas de laboratorio, estrutúrase en seis temas, que incluén vinte e catro pezas audiovisuais de carácter didáctico. Para ampliar información sobre esta iniciativa preme aquí.
25/01/2022. CURSOS E CONGRESOS
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e CIG-Ensino organizan o curso "Deseño e desenvolvemento de proxectos de normalización lingüística", na modalidade de teleformación. O docente é Nel Vidal Barral e as sesións desenvolveranse entre os días 4 e 25 de febreiro de 2022. Para obter máis información sobre os contidos e obxectivos deste curso, preme aquí. Se desexas solicitar praza, podes facelo a través deste formulario.
25/01/2022. INVESTIGACIóN
A Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica presentan o volume Toponimia da Pontenova, autoría da filóloga Xulia Marqués Valea, que recolle a orixe e o posible significado dos nomes das 11 parroquias e 102 entidades de poboación deste concello lugués. O estudo súmase á colección Terra Nomeada, creada para recompilar e estudar os nomes de lugar habitados e algúns dos principais accidentes xeográficos dos concellos de Galicia.
24/01/2022. CURSOS E CONGRESOS
O SNL da Mancomunidade de Ordes vai impartir, entre febreiro e maio, dous cursos formativos de lingua galega.
Para inscribirse no primeiro, orientado a acadar un nivel básico en galego, o prazo de inscrición remata o 31 de xaneiro. Para o segundo,
destinado a persoas interesadas na preparación das probas de obtención do Celga 4, o 17 de marzo.
Para inscribirse no primeiro, orientado a acadar un nivel básico en galego, o prazo de inscrición remata o 31 de xaneiro. Para o segundo,
destinado a persoas interesadas na preparación das probas de obtención do Celga 4, o 17 de marzo.
21/01/2022. DINAMIZACIóN
Adiviña a palabra oculta. Un enigma cada día, pistas e 6 intentos para resolvelo. A través desta páxina web, xa podes acceder en galego a un dos xogos con maior éxito deste comezo de ano.

