A Real Academia Galega presenta a serie documental Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda, coa que quere homenaxear ao poeta valdeorrés ao que este ano se lle dedican as Letras Galegas. O proxecto audiovisual consta de cinco capítulos e está producido por Miramemira, con guión de María Yáñez. O primeiro destes capítulos xa está accesible en liña baixo o título “Meu Córgomo de Valdeorras”. A partir da Semana Santa estrearanse os restantes cunha periodicidade semanal (cada xoves). Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
08/04/2022. DINAMIZACIóN
08/04/2022. OUTRAS
Carlos L. Medrano, docente e autor de varias publicacións relacionadas coa didáctica da lingua, ofrécenos agora unha nova proposta pedagóxica para aprender a gramática do galego de forma sinxela e divertida, a partir da realización de xeroglíficos. A obra Gramática xeroglífica, editada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, está accesible en liña co ánimo de que poida ser usada tanto polos docentes no eido educativo (especialmente na materia de Lingua Galega), como polo público xeral en calquera espazo de lecer.
08/04/2022. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica as bases da primeira convocatoria do repositorio TeCe Redes en galego, dirixida a empresas, cooperativas ou persoas profesionais do sector cultural, creativo e artístico galego que estean vinculadas cos procesos de dinamización da lingua galega. A convocatoria, creada ao abeiro do Fondo Xacobeo 21-22, ten como obxectivo crear un repositorio de produtos dixitais e servizos presenciais que nutran os programas de dinamización lingüística dirixidos á infancia e mocidade que desenvolve a Xunta de Galicia. O prazo de presentación de proxectos estará aberto entre o 9 de abril e o 25 de abril de 2022. Para consultar as bases completas e obter información sobre o procedemento de inscrición, preme aquí.
07/04/2022. INVESTIGACIóN
A Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica engaden un novo título á colección Terra Nomeada, creada para recompilar e estudar os nomes de lugar habitados e algúns dos principais accidentes xeográficos dos concellos de Galicia. Trátase do estudo Toponimia de Tordoia, no que Lidia Gómez e Luz Méndez recollen a orixe e posible significado dos máis de 150 nomes das parroquias e lugares deste concello, así como dunha serie de elementos xeográficos, como o río Dubra. Para ampliar información, preme aquí.
05/04/2022. DINAMIZACIóN
Tras valorar as 23 candidaturas presentadas ao certame, o xurado dos III Premios Mil Primaveras acordou galardoar as seguintes iniciativas de promoción do galego: "Do berce á rúa", na categoría de “mellor proxecto estabilizado”; CatáMOLA en galego, na categoría de “mellor proxecto novo”; "Twitter en galego" e "Instagram en galego", na categoría de “mellor comunicación e impacto”; "Somos xogo", na categoría de “proxecto máis innovador”; "Dicionario galego para boomers", na categoría de “mellor proxecto de fomento de galego na infancia e/ou mocidade"; e "Media laranxa", na categoría de “mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial”. Podes ampliar esta nova e consultar información detallada sobre os proxectos premiados premendo aquí.
01/04/2022. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña abre a inscrición para participar nun contaconto-obradoiro baseado no álbum ilustrado de Apiario Caer de cu polo universo. As sesións, dirixidas a público infantil de entre 5 e 6 anos, terán lugar o vindeiro 5 de abril de 2022 no Centro Sociocultural Ágora (A Coruña). Para ampliar información, preme aquí.
01/04/2022. DINAMIZACIóN
O Portal da Lingua Galega acaba de incorporar ao seu repositorio de recursos unha serie de materiais de temática diversa elaborados ao abeiro do “Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022”. Atoparás, entre outros, recursos literarios para público infantil (Contos de Roxín Roxal), unha aventura gráfica en vídeo dirixida á mocidade (Xiana Treboliño), teatro cómico para todos os públicos (Dúo Vaguedades), unha video-creación sobre música tradicional (Pandeiro beat), documentais sobre música e audivisual en galego (Ahí ven o maio e O bosque animado 20 anos despois), un traballo discográfico en homenaxe á emigración galega (Quinta provincia) ou un manual divulgativo sobre o noso patrimonio cultural (Escenarios da prehistoria. Provincia de Pontevedra). Podes consultar o repositorio completo do Fondo Xacobeo 2021-2022 premendo aquí.
01/04/2022. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia presentou o pasado mes de decembro de 2021 a campaña “Saca o galego que levas dentro”, unha iniciativa de promoción do uso da lingua galega dirixida ao conxunto da sociedade. O material lúdico elaborado ao abeiro desta iniciativa está agora accesible en liña para a súa descarga gratuíta. Trátase do xogo “Dálle á lingua!”, unha baralla con 40 cartas que conteñen instrucións para superar unha serie de probas onde a lingua galega é a protagonista.
31/03/2022. OUTRAS
Finou Antía Cal, a pioneira da renovación pedagóxica do ensino galego. A través da escola Rosalía de Castro, que fundou en Vigo durante a dictadura, dos seus traballos teóricos e do activismo que non abandonou ata o seu falecemento, esta mestra introduciu en Galicia modelos educativos anovadores que acompañou da reivindicación do laicismo, o feminismo, a igualdade social e a democracia. Foi a referencia para os proxectos de ensino participativo, nos que os nenos e as nenas debían estar no centro da aprendizaxe e conectados co mundo que os rodeaba. De aí a súa reivindicación da escola rural, da cultura e da lingua galegas, que fixo xa en 1955 en O libro dos nenos, un traballo en galego publicado 60 anos despois pola Deputación de Lugo.
31/03/2022. DINAMIZACIóN
A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, en colaboración coa CRTVG, a comarca de Valdeorras ou a Deputación de Ourense entre outras entidades, presentaron onte a programación institucional conxunta para homenaxear a Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2022. Á sesión plenaria da RAG, que se desenvolverá o 17 de maio en Córgomo, súmanse publicacións conmemorativas, propostas didácticas, campañas no sector comercial, exposicións ou un especial da Televisión de Galicia, co nome de Tanxuverbena, entre outras moitas actividades que terán como punto de referencia a comarca de Valdeorras. No que respecta ao Consello da Cultura Galega, organizará o vindeiro mes de xuño un congreso sobre a importancia do exilio na creación de identidades e editará unha versión facsimilar do Cancioneiro da loita galega. Todo isto dentro dun programa de actividades que comezou o pasado mes de xaneiro coa creación do espazo web “Florencio Delgado Gurriarán: Día das Letras Galegas 2022”, onde poderás ir coñecendo novas iniciativas.
31/03/2022. AXUDAS E PREMIOS
O Premio Morales, que ten como obxectivo divulgar a obra do escritor entre o alumnado de galego do Bierzo e Sanabria/A Seabra, chega á súa terceira edición propoñendo catro categorías: debuxo inspirado no poema ‘A Santísima Virgen da Quinta Angustia’ (para infantil e primaria), peza literaria relacionada coa mesma obra (categorías diferenciadas para alumnado de secundaria e bacharelato ou da Escola Oficial de Idiomas e maiores de idade) e proposta de normalización lingüística centrada no Bierzo (público xeral). O prazo para a presentación de traballos remata o 20 de agosto de 2022 e o acto de entrega dos premios terá lugar o 1 de outubro en Cacabelos. As obras premiadas serán recollidas nunha publicación.
30/03/2022. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia publica as bases das subvencións ás entidades locais para o ano 2022 destinadas á creación, mantemento ou reforzamento dos seus servizos de normalización lingüística; así como ao desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega. Poderán optar a estas axudas os concellos ou agrupamentos de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
30/03/2022. OUTRAS
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o seu informe anual da Liña do Galego, un servizo gratuíto que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, tramita queixas sobre a súa vulneración e recolle parabéns para as entidades que os respectan. Segundo os datos recollidos neste informe de 2021, ao longo do ano tramitáronse 488 queixas, atendéronse 55 consultas e recibíronse 58 parabéns. Os dous principais motivos das queixas foron a ausencia do galego na atención oral e escrita (27,46%) e a deturpación da toponimia galega (21,52 %). No que respecta á tipoloxía de entidades implicadas, son as administracións e institucións públicas (65,57%) e as empresas de servizos (24,64%) as destinatarias da maior parte destas queixas, tendo especial protagonismo nesta ocasión a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Podes ampliar información premendo aquí.
30/03/2022. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publica a resolución provisional das subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2022. A partir do día seguinte á publicación desta resolución, os solicitantes teñen un prazo de 10 días hábiles para comunicar, se fose o caso, a desistencia da solicitude. De non tramitar a desistencia no citado prazo, enténdese que aceptan a axuda. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
29/03/2022. CURSOS E CONGRESOS
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura co obxectivo de ofrecer ferramentas didácticas útiles para a docencia da lingua e a literatura galegas, así como reflexionar sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito do ensino. A xornada, dirixida ao colectivo de profesorado non universitario de Galicia, terá lugar o 23 de abril de 2022 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). O prazo de matrícula remata o 22 de abril.
29/03/2022. CURSOS E CONGRESOS
A Deputación de Pontevedra convoca, ao abeiro do Plan agrupado de formación continua para o ano 2022, un curso de linguaxe administrativa galega (nivel medio), dirixido ao persoal ao servizo desta deputación provincial así como ao persoal dos concellos da provincia adheridos a este plan formativo. O prazo de inscrición comezará a partir do día seguinte ao da publicación das bases no BOP de Pontevedra e rematará 20 días antes do comezo da acción formativa.
29/03/2022. INVESTIGACIóN
A Facultade de Filoloxía da USC e o Máster Interuniversitario en Lingüística Aplicada organizan o seminario Falando coas máquinas. As tecnoloxías da fala na sociedade dixital, impartido pola investigadora Carmen Magariños. Esta actividade distribúese en dúas xornadas que terán lugar o 29 de marzo e o 5 de abril, ás 16:00 horas, na sala de videoconferencias B13 da facultade. A primeira sesión estará dedicada á síntese de voz e a segunda ao recoñecemento da fala.
24/03/2022. OUTRAS
A AGAL estrea 1981, Ano zero da língua galega, un documental que reflexiona sobre os 40 anos de oficialidade do galego partindo dos debates lingüísticos e políticos que tiveron lugar nos primeiros momentos da democracia. A presentación terá lugar o sábado 26 de marzo, ás 12h, na sala Juanjo Gallo da sede da Deputación da Coruña. Ese mesmo día, o audiovisual publicarase na plataforma Vimeo. Mentres, ofrécennos este avance.
24/03/2022. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación Provincial de Pontevedra convoca dúas liñas de subvencións para a realización de actividades de dinamización da lingua galega no ano 2022, unha dirixida aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, e outra ás entidades culturais sen fins de lucro. En ambos os dous casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
24/03/2022. LEXISLACIóN
O Concello de Ares publica, no BOP da Coruña do 24 de marzo de 2022, a Ordenanza de uso social da lingua galega, documento no que se recollen as obrigas e liñas de actuación que rexerán os usos lingüísticos tanto deste ente municipal como das empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratadas cando actúen en función desa adxudicación, concesión ou contrato; así como as de explotación mixta. No Kit para a normalización en rede podes consultar a listaxe completa de ordenanzas e regulamentos lingüísticos en vigor na Administración local galega.
23/03/2022. DINAMIZACIóN
A Real Academia Galega presentou no CEIP Xosé Manuel Folla Respino (Vilamartín de Valdeorras) a nova edición do seu proxecto didáctico Primavera das Letras, centrado este ano no poeta Florencio Delgado Gurriarán, ao se lle dedica o Día das Letras Galegas 2022. No web atoparás materiais lúdicos e didácticos para o profesorado e o alumnado de infantil e primaria; información biográfica e bibliográfica sobre este autor; así coma as bases do certame “Contádenos o voso Día das Letras 2022”, deseñado para fornecer espazos de participación onde os centros escolares poidan contar como celebran as Letras Galegas. Para ampliar información, preme aquí.
22/03/2022. INVESTIGACIóN
O Instituto da Lingua Galega organiza un seminario sobre o libro O idioma galego baixo o franquismo (autoría de Henrique Monteagudo), que terá lugar o vindeiro venres 25 de marzo, ás 12:30 horas, no salón de graos da Facultade de Filoloxía da USC. O acto leva por título "Violencia simbólica e represión" e nel participarán Ramón Villares (USC), Pere Comellas Casanova (UB), Elisa Fernández Rei (ILG-USC), Álex Alonso Nogueira (ILG-USC e Brooklyn College-CUNY) e Antón Santamarina (ILG-USC).
22/03/2022. AXUDAS E PREMIOS
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca subvencións para o ano 2022 destinadas a fomentar a creación e o talento audiovisual galego. En concreto, subvenciónanse os proxectos de guión para longametraxes cinematográficas escritas en galego; as curtametraxes sobre proxecto en versión orixinal galega; as curtametraxes en construción, gravadas en versión orixinal galega; as longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega; e os proxectos de webserie en versión orixinal galega. Enténdese por “versión orixinal galega” a rodaxe/gravación en lingua galega. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
22/03/2022. DINAMIZACIóN
IES Perdouro de Burela, CPI Virxe da Saleta de Cea, IES Félix Muriel de Rianxo, CEIP Barouta de Ames, CRA Nosa Señora de Ponteceso e CEIP Barouta de Moaña. Son os nomes dos centros de ensino que protagonizan Aquí medra a lingua, un proxecto audiovisual do Consello da Cultura Galega que viaxa a través da actividade dos Equipos de Dinamización Lingüística para dar a coñecer iniciativas de gran valor para a transmisión da lingua galega. Os vídeos irán publicándose semanalmente dentro dun especial que arranca adentrándose no IES Perdouro e o recoñecido Modelo Burela. Podes velo nesta ligazón.
21/03/2022. CURSOS E CONGRESOS
A Comisión de Cultura e Normalización Lingüística da Facultade de Filosofía da USC organiza a segunda edición das súas Xornadas de Normalización Lingüística, co propósito de promover unha reflexión sobre as accións precisas para normalizar o uso da lingua galega na creación filosófica e na docencia. As sesións, que terán lugar os días 28 de marzo e 4 de abril, poden seguirse de balde a través de Zoom ou ben inscribíndose na Secretaría Virtual da Universidade ata o 28 de marzo.
18/03/2022. EMPREGO
O Concello de Valga publica as bases e a convocatoria do proceso selectivo para a provisión temporal, como funcionario/a interino/a (A1), dun posto de traballo de técnico/a de normalización lingüística; así como para a formación dunha bolsa de traballo. O proceso selectivo será o de oposición. Os/as aspirantes deberán estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galega ou do grao en Lingua e Literatura Galegas. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
18/03/2022. OUTRAS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4). As probas realizaranse nos meses de maio e xuño de 2022 en Santiago de Compostela e en Ponferrada. O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria. Podes consultar as datas de realización das probas premendo aquí.
18/03/2022. DINAMIZACIóN
O colectivo Galeguizar Galicia desenvolverá nas vindeiras semanas diferentes actos de promoción do galego nos ámbitos xurídico e económico. O primeiro deles terá lugar o vindeiro 28 de marzo, día no que o Foro Enrique Peinador celebrará no Porriño o 70 aniversario da publicación do Almanaque Agrícola ZZ. Posteriormente, a Irmandade Xurídica Galega organizará dúas homenaxes, unha a Xosé Luís Franco Grande, que terá lugar o 1 de abril na Universidade de Vigo; e outra en Ourense, o día 7 de abril, para conmemorar a primeira sentenza en galego na provincia ourensá, ditada polo maxistrado Xoán Alfaya.
18/03/2022. INVESTIGACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta a obra Termos esencias de xestión universitaria (en galego–español–inglés-catalán), autoría de Xusto A. Rodríguez Río e María Maneiro Mayo. O glosario compila 650 termos relacionados con diferentes ámbitos da xestión administrativa universitaria (avaliación, tramitación administrativa, investigación...), co obxectivo de contribuír a mellorar a calidade lingüística dos profesionais que traballan nestas áreas. Para ampliar información, preme aquí.
18/03/2022. DINAMIZACIóN
O Monbus Obradoiro e a Fundación Heracles acaban de asinar un convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do cal o club de baloncesto compostelán promoverá o galego nas súas redes sociais e nos partidos da Caldeira. Con esta iniciativa ponse de relevo que o mundo do deporte pode ser tamén un excelente vehículo para transmitir valores culturais e lingüísticos. Podes ampliar esta información premendo aquí.

