Aquí medra a lingua

O proxecto

Aquí medra a lingua

AQUÍ MEDRA A LINGUA
EXPERIENCIAS DE DINAMIZACIÓN DO USO DO GALEGO NA ESCOLA



Webserie documental realizada pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega para poñer en valor o traballo de promoción do galego dende os centros educativos




SINOPSE



As escolas do país son un cómplice indispensable da lingua galega e da súa transmisión. O esforzo, cretividade e perseveranza demostrado polas súas comunidades, é clave para conservar e gañar falantes, poñendo en valor a riqueza léxica e patrimonial do idioma.

Esta webserie de seis capítulos, fai un percorrido por centros de diferentes contextos para coñecer os proxectos dos seus Equipos de Dinamización Lingüística tratando de ofrecer unha ferramenta de inspiración e répicla ao resto de axentes educativos do país. Esta viaxe audiovisual, dirixida pola valdeorresa Cristina de la Torre, comeza na Mariña, no IES Perdouro de Burela, e fai as seguintes paradas no no CPI Virxe da Saleta de Cea, o CEIP Barouta de Ames, no IES Félix Muriel de Rianxo, no CRA Nosa Señora de Ponteceso e no CEIP Barouta de Moaña.

Coa testemuña directa de máis de cincuenta persoas, entre alumnado, profesorado, familias e comunidade, o resultado son seis curtas documentais onde se amosa sen imposturas a acción de cada centro en prol da lingua, coas dificultades e vantaxes de cada caso. Ao final, publicarase un documental único que agardamos sexa unha aportación construtiva ó desafío da conservación e promoción do galego.


PRODUCIÓN



Este proxecto comezou a xestarse no outono de 2021 e as gravacións realizáronse durante os meses de novembro e decembro. Cun equipo sinxelo, buscouse unha produción non invasiva que permitise recoller testemuñas e interactuar co alumnado.

Outro criterio de produción foi amosar as redes de colaboración dende a comunidade, contando con familias, veciñanza, asociacións e incluso institucións como a Real Academia Galega. O resultado é unha proposta visual fresca que amosa un mosaico de voces, non sempre en sintonía, pero cun claro obxectivo común: defender a transmisión do galego.


CAPÍTULOS



IES Perdouro, Burela. O MODELO BURELA. Estrea 21 de marzo
CPI Virxe da Saleta, Cea. REFORZAR O PROPIO. Estrea 28 de marzo
IES Félix Muriel, Rianxo. ACTIVISTAS DA LINGUA. Estrea 04 de abril
CEIP Barouta, Ames. ALIANZAS NECESARIAS. Estrea 11 de abril
CRA Nosa Señora do Faro, Ponteceso. MILITANTES DA CONTORNA. Estrea 18 de abril
CEIP Quintela, Moaña. DA EMOCIÓN Á COMPETENCIA Estrea 25 de abril


DETALLES



Título: Aquí medra a lingua. Experiencias de dinamización do uso do galego na escola
Xénero: Webserie documental
Capítulos: 6 capítulos
Duración: Entre 8 e 10 minutos por capítulo
Formato: Vídeo HD
Idioma: Galego
Produción: Consello da Cultura Galega, Sección de Lingua, Literatura e Comunicación
Co apoio de: Xunta de Galicia
Ano: 2022
Estrea: Cada luns dende o 21 de marzo ata o 25 de abril

Dirección e montaxe: Cristina de la Torre
Cámara: Pio Cribeiro