A asociación Docentes de Português na Galiza (DPG) está a difundir unha campaña, dirixida ao alumnado de ESO e bacharelato, para animalo a inscribirse na materia de portugués. No vídeo de promoción, titulado "Amor à primeira vista", expóñense diferentes alicientes para que os mozos e mozas decidan incorporar este idioma ao seu acervo lingüístico, facendo especial mención ás vantaxes de aprendizaxe que teñen os galegofalantes, dada a proximidade entre ambas as dúas linguas (galego e portugués). Para ampliar información, preme aquí.
16/06/2021. OUTRAS
16/06/2021. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública anuncia a convocatoria de actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional. No que respecta á formación de carácter lingüístico, ofértase un curso de "Actualización gramatical e ortográfica da lingua galega", de 30 horas de duración, que se desenvolverá en formato mixto (teleformación e telepresenza) durante os meses de outubro e novembro de 2021. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/06/2021. AXUDAS E PREMIOS
O xurado da duodécima edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, que promove a Deputación da Coruña co obxectivo de recoñecer o labor de dignificación do noso patrimonio lingüístico, deu a coñecer as persoas e proxectos galardoados. Os premiados nesta edición de 2021 foron o debuxante Xaquín Marín, na categoría de persoas; a Agrupación Astronómica Ío, na de entidades; e Twitter en galego, na categoría de iniciativas dirixidas á poboación máis nova. Para ampliar esta información, preme aquí.
15/06/2021. DINAMIZACIóN
A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol acaba de crear o seu servizo de normalización lingüística, que traballará na promoción e dinamización da lingua galega nos concellos de Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño. O seu programa de actividades estréase cun proxecto de recollida de lembranzas relacionadas co San Xoán. Desde o SNL convidan á poboación da comarca a entregar nos seus respectivos concellos cantigas, coplas, refráns, receitas da auga de San Xoán, ditos, etc. Unha selección do material recollido exporase nos diferentes concellos e difundirase tamén nas redes sociais.
11/06/2021. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares, realizados en soporte impreso ou dixital, para niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
10/06/2021. OUTRAS
O Consello Económico e Social de Galicia (CES), como foro permanente de diálogo entre as organizacións socioeconómicas e as institucións autonómicas, fixo pública unha declaración institucional sobre o uso e presenza da lingua galega na vida social e económica do país. Desde o CES consideran que cómpre dar maior contido legal e formal ao dereito xa recoñecido dos galegos e galegas a usaren a lingua propia de Galicia nas relacións socioeconómicas, facendo unha alusión explícita á necesidade dun desenvolvemento legal que concrete os dereitos dos consumidores recollidos na Lei 1/2010, do 11 de febreiro, ou na Lei 2/2012, do 28 de marzo. Así mesmo, no seu comunicado o CES solicítalles aos poderes públicos "un aumento significativo de acción e compromiso" no fomento do galego na totalidade dos ámbitos económicos, sociais e institucionais (poñendo especial énfase no eido dixital), e ás organizacións sociais pídelles que mobilicen as súas bases para que exerzan os seus dereitos lingüísticos. Para consultar o texto completo da declaración preme aquí.
10/06/2021. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza a II Festa do Apego, unha actividade lúdica, dirixida ao público infantil e ás súas familias, que ten como obxectivo fomentar a transmisión interxeracional da lingua e crear novos espazos de uso para o galego no ámbito do lecer. O programa inclúe música, teatro, contos, baile, obradoiros e xogos; e as actividades desenvolveranse o sábado 19 de xuño no Pazo da Peregrina. O prazo de inscrición está aberto ata o 16 de xuño. Podes obter máis información sobre esta iniciativa, así como sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.
04/06/2021. DINAMIZACIóN
Os servizos de normalización lingüística de dez concellos galegos, da Deputación da Coruña e das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo presentan a quinta edición do Proxecto Youtubeiras, unha iniciativa deseñada para fomentar a produción de contidos audiovisuais en galego e a visibilización de referentes no noso idioma na plataforma Youtube. No marco deste proxecto, ofértanse diferentes obradoiros formativos e convócanse os Premios Youtubeiras, dirixidos a persoas maiores de 14 anos con canles de Youtube autoproducidas. O prazo de inscrición comeza o 10 de setembro de 2021 e remata o 22 de outubro de 2021.
04/06/2021. EMPREGO
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia publica dúas convocatorias públicas para cubrir cinco prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas das universidades de Barcelona (UAB), Kiel, Leipzig, Oxford e País Vasco; e seis bolsas de formación nos lectorados das universidades de Madrid (UCM), Padua, París (París III), Río de Janeiro, Salvador de Bahia e Zadar. En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
04/06/2021. DINAMIZACIóN
Coincidindo coa conmemoración do Día da Galeguidade Empresarial, o Clúster Tecnolóxico das Ciencias da Vida (BIOGA) asinou un convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Foro Enrique Peinador en materia de normalización lingüística. BIOGA é unha entidade que agrupa as organizacións integradas na cadea de valor do sector biotecnolóxico con sede en Galicia e, en virtude do convenio asinado, comprométese co uso do galego na comunicación interna, nas relacións empresariais externas cos clientes e nas accións formativas que organice no eido da biotecnoloxía. Para ampliar información, preme aquí.
04/06/2021. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica a resolución da convocatoria de axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino non universitario de titularidade pública. Para consultar a listaxe completa de centros beneficiarios, preme aquí.
31/05/2021. AXUDAS E PREMIOS
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza un acto público de entrega dos II Premios Mil Primaveras, que terá lugar o vindeiro sábado, 5 de xuño, ás 18:30 h, no Teatro Principal de Pontevedra, e estará conducido pola actriz Bea Campos, co acompañamento musical de Manuel Pombal (integrantes de Migallas Teatro). Os Premios Mil Primaveras teñen como obxectivo a difusión e posta en valor de proxectos de fomento do galego que, polo súa calidade, poidan servir de modelo e inspiración. Para obter máis información sobre esta iniciativa, así como sobre os proxectos galardoados nesta segunda edición, preme aquí.
31/05/2021. INVESTIGACIóN
O IES Marco do Camballón presenta o proxecto audiovisual "A escola das avoas", impulsado polo alumnado de 2º e 3º da ESO. A iniciativa ten como obxectivo recuperar a memoria histórica e colectiva da xeración de avoas e avós, bisavoas e bisavós, que foron escolarizados durante a ditadura franquista. O propio alumnado entrevistou e gravou cos seus teléfonos móbiles a máis de 25 persoas que narran as súas vivencias na escola franquista, tamén as relacionadas coa represión lingüística. O documental inclúe a colaboración póstuma de Xosé Neira Vilas, que tamén reflexiona sobre esta etapa histórica.
31/05/2021. DINAMIZACIóN
A comunidade virtual "Orgullo galego" ofrece no seu perfil en Spotify tres listas de música en galego de diferentes estilos musicais, deseñadas tanto para público infantil como adulto. A primeira delas é "Música en galego", onde atoparás máis de 500 cancións en galego de todos os estilos musicais. Nunha segunda lista ofrecen máis de 100 panxoliñas de Nadal en lingua galega e na terceira, baixo o título "Música infantil en galego", compilan 140 cancións infantís no noso idioma. Podes obter máis información sobre estes recursos premendo
aquí.
aquí.
31/05/2021. LEXISLACIóN
A Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade, o pasado 20 de maio de 2021, a Proposición non de lei en Comisión, presentada polo BNG, sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para garantir os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes nos centros sanitarios dependentes da Consellería de Sanidade. O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a normalizar o galego nos centros sanitarios (sinaléctica, cartelaría, documentación interna e externa...), a garantir a existencia de exemplares en galego de toda a documentación que se lles facilita aos doentes e a realizar actuacións formativas para que os profesionais sanitarios poidan adquirir a competencia lingüística necesaria, así como coñecer os dereitos lingüísticos dos pacientes. Podes consultar o texto aprobado premendo aquí.
31/05/2021. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación de Pontevedra publica as condicións xerais para a realización de contratos de patrocinios con entidades privadas que desenvolvan proxectos audiovisuais ou obras de animación en galego. Poden solicitar a petición de patrocinio as produtoras audiovisuais independentes que desenvolvan proxectos de produción audiovisual en lingua galega que pola súa relevancia e transcendencia supoñan unha gran repercusión ou retorno publicitario das actividades culturais, artísticas e de fomento do galego que se desenvolven na provincia. As producións deben contar cunha porcentaxe de rodaxe en escenarios da provincia de Pontevedra de polo menos un 50%. A rodaxe debe comezar no ano da solicitude e a produción audiovisual debe rematar antes do 30 de setembro do ano seguinte. O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación da disposición no BOP e estará aberto durante todo o ano natural.
21/05/2021. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) promoven o proxecto Os Bolechas. A lingua de signos, co obxectivo de garantir que os nenos e nenas xordas poidan ter acceso aos contidos audiovisuais en lingua galega e, ao mesmo tempo, a poboación infantil galega en xeral adquira os conceptos básicos da lingua de signos. Ao abeiro deste proxecto presentouse unha serie de 46 pezas audiovisuais da famosa familia de monicreques Os Bolechas con subtítulos en lingua de signos, dirixida á poboación infantil de entre 3 a 9 anos con discapacidade auditiva. Así mesmo, tamén está accesible en liña a guía didáctica Os Bolechas. A lingua de signos, destinada neste caso a toda a poboación infantil galega, onde se explica que é a lingua de signos, cales son os signos empregados na comunicación básica infantil e como podemos facilitarlles a comunicación ás persoas xordas.
21/05/2021. DINAMIZACIóN
O Espazo de Cine da Área de Cultura da USC convoca a sexta edición do maratón "Findecurta", un certame audiovisual para fomentar a creatividade e o uso do galego entre a mocidade. Tras unha sesión informativa a través de Zoom que terá lugar o vindeiro 4 de xuño, as persoas inscritas disporán de 80 horas (ata o 8 de xuño ás 10:30 h) para elaborar por equipos a súa curta. Outorgarase un primeiro premio de 400 €, que supón ademais a participación da curtametraxe na 43ª Semana de Cine de Lugo; e un segundo premio (premio do público) que supón a participación da curta na 43ª Semana de Cine de Lugo. O prazo de inscrición remata o vindeiro 2 de xuño. Para consultar as bases completas do certame, preme aquí.
20/05/2021. DINAMIZACIóN
Coincidindo coa celebración das Letras Galegas 2021, as tres universidades galegas presentaron o vídeo "A universidade, un espazo para o galego", realizado co apoio da Xunta de Galicia. Trátase dunha peza audiovisual curta, de 5 minutos de duración, onde o alumnado dos diferentes campus da UDC, a USC e a UVigo conta a súa experiencia lingüística na universidade, reflexiona sobre as eivas e as oportunidades para a normalización da lingua galega neste ámbito e expón as súas razóns para incorporar o galego nos seus usos lingüísticos.
20/05/2021. DINAMIZACIóN
Tras unha obrigada interrupción o ano pasado por motivos sanitarios, este 2021 o Galegote Rock volverá encher Pontevedra de música en galego. No marco desta iniciativa, promovida polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra co obxectivo de crear espazos de uso para o galego no ámbito do lecer, celebraranse 15 concertos durante os vindeiros días 28, 29 e 30 de maio. Os espectáculos terán lugar en dous espazos ao aire libre da cidade: nas escaleiras que baixan do parque das Palmeiras cara a Raíña Vitoria e no palco da música na Alameda. Podes consultar o programa completo do Galegote Rock 2021 premendo aquí.
20/05/2021. OUTRAS
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o seu informe anual da Liña do Galego, un servizo gratuíto que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, tramita queixas sobre a súa vulneración e recolle parabéns para as entidades que os respectan. Segundo os datos recollidos neste último informe, ao longo do ano 2020 tramitáronse 219 expedientes de queixas, atendéronse 20 consultas e recibíronse 111 parabéns. Os dous principais motivos das queixas foron a ausencia do galego na atención oral e escrita (24,07%) e a discriminación lingüística (19,91 %). No que respecta á tipoloxía de entidades implicadas, o 62,04% das queixas van dirixidas a administracións e institucións públicas, o 31,48% a empresas de servizos, o 4,17% a institucións privadas e o 2,31% a entidades bancarias. Para ampliar información, preme aquí.
18/05/2021. DINAMIZACIóN
Coincidindo coa conmemoración do Día das Letras Galegas e mais o Día de Internet, que festexamos cada 17 de maio, a Asociación PuntoGal puxo ao dispor da cidadanía unha serie de 17 guías para usar a rede e as principais ferramentas ofimáticas en galego. De xeito sintético e didáctico, ofrécense as indicacións básicas necesarias para configurar no noso idioma programas ofimáticos como LibreOffice ou Microsoft Office; navegadores como Firefox; sistemas operativos como Windows, Adroid ou IOS; redes sociais como Twitter, Telegram ou Facebook; servizos de Google ou aplicacións coma o dicionario da RAG.
18/05/2021. LEXISLACIóN
A proposición non de lei promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, coñecida como “Iniciativa Xabarín”, conseguiu a pasada semana o apoio unánime de todos os partidos con representación no Parlamento galego. O acordo acadado supón a creación dunha canle temática da TVG con contidos en galego para a infancia e a mocidade, que emitirá para fibra óptica, adsl, satélite e telefonía móbil. Así mesmo, aprobouse reclamarlle ao Goberno de España que promova as medidas precisas para que a RTVE emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego (nomeadamente os dirixidos á poboación infantil e xuvenil), e impulse o cumprimento dos artigos do Anteproxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual onde se recolle a pluralidade lingüística como principio básico. Por último, ínstase ao goberno galego a promover acordos con outras administracións para garantir a dobraxe en galego en todas as plataformas dixitais, así como a recepción mutua TVG-RTP en Galicia e Portugal. Podes consultar o texto desta proposición non de lei premendo aquí.
14/05/2021. OUTRAS
A Real Academia Galega celebrará o pleno extraordinario das Letras Galegas o vindeiro luns 17 de maio, no Auditorio Mar de Vigo, a partir das 13:00 h. No acto, celebrado en homenaxe a Xela Arias, participarán Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas, en representación da RAG. Así mesmo, haberá unha actuación musical a cargo de Mónica de Nut, Pablo Carrera e Fernando Abreu. Podes seguir a emisión en director nesta ligazón. Para ampliar información, preme aquí.
14/05/2021. INVESTIGACIóN
A Xunta de Galicia, diferentes consultoras especializadas e institucións académicas, coma a Universidade de Santiago de Compostela, promoven o "Proxecto Nós: intelixencia artificial ao servizo da lingua galega". No marco desta iniciativa, deseñada para captar financiamento dos fondos Next Generation da Unión Europea, xeraranse diferentes recursos lingüísticos dixitais en código aberto que poderán ser empregados de balde por empresas e institucións. O obxectivo final é garantir os dereitos dos galegos e as galegas a empregar no noso idioma propio os recursos tecnolóxicos baseados na intelixencia artificial (como poden ser, por exemplo, asistentes de voz, sistemas de recoñecemento da fala ou tradutores de alta calidade), permitindo ao mesmo tempo que o idioma galego poida usarse no eido tecnolóxico en pé de igualdade con outros idiomas. Para ampliar información, preme aquí.
14/05/2021. DINAMIZACIóN
A comezos do segundo cuadrimestre deste curso, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Medicina e Odontoloxía, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, comezou a difundir a campaña "Entendo, logo diagnostico. Técnico&popular". Trátase dunha serie de dezaoito imaxes, difundidas periodicamente nas redes sociais, nas que se asocian as expresións populares que os/as pacientes galegofalantes empregan para referirse a síntomas e doenzas cos seus respectivos termos técnicos. A iniciativa está dirixida aos profesionais da medicina, co ánimo de que poidan comprender o que lles están transmitindo os seus pacientes e así poder realizar diagnósticos correctos. Podes acceder á colección de imaxes na páxina de Facebook do SNL da USC.
11/05/2021. CURSOS E CONGRESOS
O Consello da Cultura Galega, a través da súa Sección de Lingua, Cultura e Comunicación, organiza a xornada en liña "Novas plataformas de comunicación. O galego vive nas redes", que terá lugar o 25 de maio de 2021 ás 19:00 horas. Trátase dunha mesa redonda na que se debaterá sobre a creación de contidos e a presenza do galego en plataformas como YouTube, Tik-Tok, Twitch ou Twitter. No debate, que estará moderado polo xornalista Carlos Pereiro, participarán Esther Estévez, Agos Reigosa, María Sabarís e Jon Amil. A actividade retransmitirase a través da páxina web e a canle de Youtube do CCG, así como na plataforma Twitch. Non se require inscrición previa.
11/05/2021. EMPREGO
O Concello de Cedeira publica as bases que rexerán a convocatoria para a creación dunha bolsa de emprego destinada á provisión temporal do posto de técnico/a de normalización lingüística. O sistema de selección é o de concurso de méritos e entrevista curricular. Os/as aspirantes deben estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: grao en Lingua Galega, licenciatura en Filoloxía Galega, licenciatura en Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués) ou outras titulacións de grao/licenciatura equivalentes, sempre que estean en posesión do Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
11/05/2021. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública publica a convocatoria de actividades de formación continua para o persoal da Administración pública galega. No que respecta á formación de carácter lingüístico, ofértanse os seguintes cursos (todos na modalidade de teleformación): "A calidade da redacción administrativa. Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos", "Manual de estilo do DOG e outras publicacións institucionais" e "Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego" (este último dirixido especificamente ao PAS das tres universidades galegas). O prazo de presentación de solicitudes abranguerá desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG ata o 20 de maio de 2021.
11/05/2021. DINAMIZACIóN
A iniciativa Twiter en galego celebrou o pasado venres, 7 de maio, o seu décimo aniversario e diferentes personalidades do ámbito da cultura, os medios de comunicación e a política quixeron sumarse á celebración enviando, co cancelo #MilChíosMáis, as súas mensaxes de agradecemento por esta década de promoción da lingua galega nesta rede social. O seu creador, Calos Vieito, lémbranos que, malia os evidentes logros, queda aínda por conseguir a configuración en lingua galega na versión de Twitter para os dispositivos móbiles, que continúa en fase beta, xa que ata o momento só é posible configurar o galego na versión web. Podes obter máis información sobre esta iniciativa, premendo aquí.

