O vindeiro 21 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración instaurada pola UNESCO en 1999 para festexar a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta. Neste 2022, o eixo temático elixido para as diferentes actividades é "O uso da tecnoloxía para a aprendizaxe multilingüe: desafíos e oportunidades". Como é costume, a Xunta de Galicia organizará tamén un acto institucional conmemorativo, que nesta edición terá lugar o domingo 20 de febreiro, no Xardín do Teatro da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela), ás 11:30 horas. O acto contará coa actuación das Tanxugueiras e do grupo infantil Trotaventos.
18/02/2022. DINAMIZACIóN
18/02/2022. AXUDAS E PREMIOS
O día 16 de setembro de 1915 Luís Porteiro Garea pronunciou a primeira lección en galego na Universidade e, para homenaxear a figura deste profesor de dereito civil e membro das Irmandades da Fala, a USC convoca anualmente o Premio Luís Porteiro Garea. Con este galardón, que ten carácter de distinción pública, quérese tamén recoñecer o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan a prol do uso do galego na universidade. O prazo para presentar as candidaturas desta quinta edición remata o 30 de abril de 2022.
18/02/2022. DINAMIZACIóN
Despois de que a investigadora Sagrario Abelleira acreditase documentalmente que a data real de nacemento de Rosalía de Castro é o 23 de febreiro, as institucións galegas vinculadas á organización do “Día de Rosalía de Castro” acordaron que a partir de agora se celebrará nese día a homenaxe pública. Como en edicións anteriores, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) convida á cidadanía a agasallar ás súas persoas queridas cun libro en galego e unha flor. A maiores, mañá sábado, 19 de febreiro, ás 12:00 h, a AELG celebrará no Panteón de Galegos Ilustres (Santiago de Compostela) o acto central de conmemoración. Outras institucións, entidades culturais e centros de ensino do país tamén están a organizar estes días diferentes actividades. No web da AELG podes ampliar información sobre esta iniciativa.
17/02/2022. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia organizan unha nova edición de Lingua de namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor deseñado para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en Internet e na mensaxería instantánea. O certame está dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos e os gañadores de cada categoría recibirán diferentes premios tecnolóxicos. O prazo para enviar as mensaxes remata o venres 18 de marzo.
17/02/2022. AXUDAS E PREMIOS
A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convoca o "I Concurso de vídeos sobre enxeñaría informática e química", co fin de promover o uso do galego entre o alumnado da ETSE, difundir a súa oferta académica e contribuír á divulgación desta área de coñecemento. Pode participar o alumnado actual da ETSE, presentando un vídeo en galego, dun máximo de 3 minutos, de temática xeral sobre algún aspecto ou temática emerxente dos estudos impartidos na ETSE, divulgativos ou proxectos educativos para o ensino secundario. Concederanse catro premios por valor de 325 euros cada un. O prazo de presentación dos traballos remata o 29 de abril de 2022.
17/02/2022. AXUDAS E PREMIOS
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convoca unha nova edición do seu "Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible". Pode participar calquera membro da USC, presentando un vídeo en galego, dun máximo de 3 minutos, sobre unha achega concreta da química sostible na resolución de problemas nos ámbitos da saúde, o ambiente e a industria. O prazo de presentación dos traballos remata o 20 de abril de 2022.
16/02/2022. INVESTIGACIóN
Xa podes consultar en liña a selección documental que elaborou o Consello da Cultura Galega sobre Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022. Neste especial web atoparás a súa entrada biográfica no Álbum de Galicia, un audio sonoro coa participación do autor no programa Poetas de Galicia (RNE, 1968) e unha escolma das súas composicións poéticas publicadas en diferentes revistas ou cabeceiras do exilio.
16/02/2022. OUTRAS
A Consellería de Emprego e Igualdade convoca probas de avaliación en competencias clave, necesarias para o acceso ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional. Entre as competencias clave requiridas para acceder a estes certificados está a “comunicación en lingua galega”. As persoas interesadas en participar nestas probas teñen de prazo para presentar a súa solicitude ata o 7 de abril de 2022. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
16/02/2022. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca unha nova edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover a creatividade en lingua galega. O concurso conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega. O prazo de presentación de orixinais remata o 24 de marzo de 2022. Para consultar as bases completas preme aquí.
16/02/2022. CURSOS E CONGRESOS
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza dous obradoiros de acollemento lingüístico, dirixidos principalmente a persoas adultas procedentes doutras comunidades lingüísticas, mais abertos a calquera persoa adulta que queira iniciarse na aprendizaxe do galego. As sesións terán lugar todos os luns e mércores entre o 2 de marzo e o 1 de xuño de 2022. Podes obter máis información sobre os trámites de inscrición premendo aquí.
14/02/2022. CURSOS E CONGRESOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A oferta inclúe tanto cursos na modalidade presencial como na modalidade en liña, que poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2022. O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
11/02/2022. AXUDAS E PREMIOS
A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo convoca o I Premio de investigación xurídica en lingua galega, dirixido tanto ao estudantado desta facultade (modalidade B), como ao resto do estudantado do sistema universitario de Galicia e do Estado (modalidade A). Os traballos deberán ser orixinais e estar redactados en lingua galega e poderán tratar de calquera tema do ámbito xurídico. Outorgarase un premio en metálico de 400 euros en cada unha das modalidades, ademais dun diploma acreditativo. O prazo de presentación remata o 20 de abril de 2022. Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
11/02/2022. OUTRAS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta os datos sobre os usos lingüísticos docentes no curso 2021-2022, con información detallada segundo o tipo de titulación (grao ou mestrado), o departamento no que se imparte a docencia ou a categoría do profesorado. En termos xerais, actualmente impártese en castelán o 71,54% das horas docentes, en galego o 24,35% e noutros idiomas estranxeiros o 4,12%. Tamén podes consultar a evolución dos usos lingüísticos desde o curso 2003-2004, ano no que o SNL comezou a compilar estes datos. Para ampliar información, preme aquí.
11/02/2022. DINAMIZACIóN
O pasado 3 de febreiro de 2022 tivo lugar, na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, a presentación pública da Iniciativa polo audiovisual en galego, unha plataforma composta por entidades do ámbito académico, profesional, empresarial e lingüístico que reivindica que se recoñezan os dereitos lingüísticos dos galegos e galegas na Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. Na páxina web da Mesa pola Normalización Lingüística podes obter máis información sobre esta plataforma, así como sobre anteriores iniciativas de promoción do galego no ámbito audiovisual.
10/02/2022. INVESTIGACIóN
A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo acaba de presentar tres novas guías didácticas, de carácter práctico, elaboradas co obxectivo de divulgar entre o estudantado de ensino secundario o resultado das investigacións desenvolvidas na UVigo. En concreto, presentáronse os seguintes títulos: Para raros os monolingües. Unha pequena introdución ao bilingüismo; E ti, como repartirías? O pouco ben repartido... e Histoloxía para todos. O Atlas histolóxico da Universidade de Vigo. Estas tres guías súmanse ás outras catro obras, presentadas en xaneiro de 2021, coas que se inaugurou a colección.
10/02/2022. DINAMIZACIóN
Co gallo da celebración este ano do centenario da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela, a Comisión de Normalización Lingüística desta facultade, coa colaboración do SNL da USC, convoca o concurso de vídeos “Petiscos de ciencia”, dirixido a alumnado da ESO, de formación profesional e de bacharelato (categoría A) e calquera membro da USC (categoría B). Os participantes deben elaborar un vídeo en galego de entre 30 e 90 segundos no que se presenten pílulas sobre calquera tema relacionado coa ciencia. Outorgaranse dous premios en cada categoría, un de 500 euros e outro de 200 euros. O prazo para a presentación dos traballos remata o 22 de abril de 2022. Para consultar as bases completas do concurso, preme aquí.
10/02/2022. DINAMIZACIóN
O pasado 16 de outubro de 2021 celebrouse en Santiago de Compostela a última edición do LGx15, unha iniciativa organizada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, na que diferentes participantes transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego a través de charlas breves e amenas. Nesta ocasión, participaron Alice Piccardi (xornalista), Ana Moreiras (docente e coordinadora de Olloboi), María Vázquez (actriz), Paco Cerdeira Pakolas (músico), Xosé Luís Reza (especialista en márketing) e Agos Reigosa (impulsor de Twich en Galego). Na canle de Youtube da CTNL podes ver todos os vídeos.
10/02/2022. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha nova edición do Curso de auga doce, deseñado para ampliar o coñecemento da lingua galega (léxico, fraseoloxía, toponimia, lendas...) empregando como fío condutor a relación de Vigo co seu patrimonio cultural e natural. As sesións desenvolveranse en febreiro e marzo de 2022 no edificio Mar de Vigo. Para obter máis información sobre os horarios, os contidos e os trámites de inscrición, preme aquí.
10/02/2022. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública publica dúas convocatorias de cursos de linguaxes específicas, unha na que se ofertan dous cursos de linguaxe xurídica galega para o persoal da Administración de Xustiza que presta servizos fóra de Galicia, e outra na que se ofertan cursos de linguaxe administrativa e xurídica destinados ao persoal ao servizo das distintas administracións galegas: xeral, local, de Xustiza e universitaria. Todos os cursos desenvolveranse na modalidade de teleformación. En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de febreiro.
07/02/2022. DINAMIZACIóN
A Real Academia Galega e a Asociación Puntogal convocan a quinta edición do Certame de Microrrelatos, que veñen organizando desde 2018 para reforzar a presenza do idioma galego e da identidade propias no mundo dixital. Os relatos, de temática libre, deberán estar escritos en galego, ser orixinais, inéditos e ter unha extensión máxima de 200 palabras. Establécense tres categorías, segundo a idade dos participantes, e entregaranse tres premios en cada unha das categorías. A maiores, os relatos gañadores serán publicados nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na revista Luzes. O prazo para enviar os textos remata o 28 de febreiro de 2022. A organización deste certame faise coincidir cunha campaña de promoción que permite rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE. Podes ampliar información premendo aquí.
07/02/2022. EMPREGO
A Consellería de Educación da Xunta de Galicia convoca un procedemento urxente para elaborar listas de interinidades e substitucións que inclúe, entre outras especialidades, a de Lingua e Literatura galegas. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o martes 8 de febreiro. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
03/02/2022. LEXISLACIóN
No BOP da Coruña do pasado 1 de febreiro de 2022 publícase a Ordenanza municipal de normalización lingüística do Concello de Cabanas, documento no que se recollen as obrigas e liñas de actuación que rexerán os usos lingüísticos tanto deste ente municipal como das empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratadas cando actúen en función desa adxudicación, concesión ou contrato; así como as de explotación mixta. No Kit para a normalización en rede podes consultar a listaxe completa de ordenanzas e regulamentos lingüísticos en vigor na Administración local galega.
02/02/2022. DINAMIZACIóN
A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) organiza a ruta “Compostela e a lingua”, que se desenvolverá o vindeiro sábado 5 de febreiro, a partir das 11:30 h, en Santiago de Compostela. Con esta iniciativa AMEGA quere conmemorar o Día dos Medios en Galego, que se celebra cada 7 de febreiro, día no que saíu por primeira vez á rúa, no ano 1976, o xornal O Tío Marcos d´A Portela (primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega). Na páxina web da AMEGA podes consultar o programa completo da celebración, que neste 2022 leva por lema “Bota a lingua a pacer”.
02/02/2022. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Xunta de Galicia promove a cuarta edición do programa “21 días co galego e +”, que se inaugurou onte, 1 de febreiro de 2022, e na que participan doce centros de ensino galegos, con alumnado de idades comprendidas entre os 8 e 18 anos. Baixo o lema “Creando en galego no século XXI”, o alumnado adherido a esta iniciativa comprométese nos vindeiros 21 días a falar exclusivamente en galego durante as 24 horas do día, así como a desenvolver diferentes propostas didácticas deseñadas para reflexionar sobre a situación actual do noso idioma.
02/02/2022. DINAMIZACIóN
O grupo de Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presenta o web Neofalantes.gal, un proxecto que ten como obxectivos dinamizar, dignificar e darlle visibilidade á comunidade neofalante. Ademais de difundir contidos de interese relacionados co neofalantismo (información, investigación, formación...), os promotores da iniciativa queren crear novos espazos físicos e virtuais que estimulen a incorporación ao galego de novos falantes, nomeadamente no ámbito universitario. Podes ampliar esta información premendo aquí.
02/02/2022. OUTRAS
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega presenta a serie Os nomes da terra, seis pezas audiovisuais de carácter didáctico, deseñadas co obxectivo de divulgar a orixe e significado do noso rico patrimonio toponímico. Na elaboración destes seis capítulos colaboraron expertos en lingua, pedagoxía e audiovisual, así coma os propios veciños da zona. Cada un deles está centrado nos seguintes nomes de lugar: Barcia de Mera, A Coruña, Oleiros, Arteixo, Marzoa e O Monte Pindo.
02/02/2022. EMPREGO
Trátase de dous contratos eventuais a tempo completo de persoal técnico, para colaborar nos proxectos lexicográficos da Real Academia Galega e na redacción e revisión lingüística e estilística de textos. A duración dos contratos será de seis meses, desde o 14 de marzo ao 13 de setembro de 2022, cun salario bruto de 9.210,40 euros, pagas extraordinarias incluídas. Os/as candidatos/as deben estar en posesión da Licenciatura ou Grao en Filoloxía Galega, Filoloxía Galego-Portuguesa ou titulación equivalente. O prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de febreiro de 2022. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
01/02/2022. OUTRAS
A Xunta e o Colexio de Educadores Sociais de Galicia presentaron un volume que compila os traballos premiados na sétima edición do Concurso TFG.eduso, unha iniciativa que recoñece os mellores proxectos de fin de grao arredor da educación social presentados en lingua galega nas universidades públicas de Galicia nos cursos académicos 2018/2019 e 2019/2020. Deste xeito, facilítanselle ao alumnado universitario materias en galego de calidade e grande variedade temática: renda básica, prensa e proxenetismo, xestión cultural no eido local, educación afectivo-sexual, adolescencia ou vellez alén da heteronormatividade. Xa están accesibles as bases correspondentes á 8ª edición.
01/02/2022. AXUDAS E PREMIOS
O Concello de Pontevedra homenaxeou aos dous docentes, que exerceron durante máis de 30 anos neste municipio, recoñecéndoos co galardón ás persoas físicas. No acto, destacouse o seu traballo no ensino e tamén a súa incorporación ao mundo dixital como colaboradores da Galipedia e creadores de galego.eu, remando sempre a favor da lingua do país.
27/01/2022. DINAMIZACIóN
As Tanxugueiras están estes días a participar no “Benidorm Fest” e optan a representar a España no Festival de Eurovisión co seu tema Terra, unha proposta musical que representa o orgullo pola lingua e cultura galegas e que reivindica que para os idiomas non debe haber fronteiras. O profesor Cándido Paniagua Pousa elaborou a unidade didáctica Veñen para quedar, adaptable aos diferentes niveis educativos, que permite traballar contidos de música e sociolingüística nas aulas. Podes descargala premendo aquí.

