Novas da lingua

Rexistros181 a 210 de 5273
12/09/2025. OUTRAS

Convocatoria de probas para a obtención dos certificados Celga

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados de lingua galega dos niveis Celga 2, 3 e 4. Poderán presentarse todas as persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras. As probas realizaranse en Santiago de Compostela, Ponferrada e Madrid na segunda quincena de novembro de 2025. As datas concretas publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua.

O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da preme convocatoria.
12/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Curso de galego para persoas non galegofalantes na USC

O Centro de Linguas Modernas da USC oferta un curso de galego de nivel básico (A2) dirixido a persoas que veñen de fóra de Galicia e desexan aprender galego. O curso, de carácter presencial, desenvolverase na Facultade de Filosofía da USC desde o 24 de setembro de 2025 ata o 12 de xaneiro de 2026.

Para realizar estes cursos non é necesario ser alumno/a da USC. O único requisito é ser maior de 16 anos. A matrícula estará aberta ata o vindeiro 16 de setembro de 2025.

Para ampliar información, preme aquí.
11/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua e cultura galegas en Madrid

A Casa de Galicia en Madrid e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia convocan unha nova edición dos cursos de lingua e cultura galegas, que neste curso 2025/2026 contarán tamén cun terceiro nivel de coñecemento.

Os cursos, de 70 horas de duración cada un, impartiranse os martes e mércores entre o 7 de outubro de 2025 e o 24 de xuño de 2026.

O prazo de inscrición estará aberto entre o 15 e o 26 de setembro de 2025.

Para ampliar información, preme aquí.
11/09/2025. DINAMIZACIóN

Coa lingua de fóra: grupo de conversa para practicar galego na Coruña

As Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña organizan “Coa lingua de fóra”, unha actividade formativa dirixida a persoas adultas que desexen practicar galego nun grupo de conversa dinamizado por unha persoa nativa. O grupo reunirase semanalmente na Biblioteca Ágora entre os meses de outubro e decembro de 2025, todos os mércores entre as 19:00 h e as 20:15 h.

O prazo de inscrición estará aberto a partir do 15 de setembro.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
11/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de escrita creativa en Vigo

O Concello de Vigo organiza dous cursos de escrita creativa: un de nivel 1 (30 horas), para aquelas persoas que desexen iniciarse na escrita creativa en lingua galega; e outro de nivel 2 (20 horas), para as que queiran mellorar as súas destrezas literarias no noso idioma. Estes cursos impartiranse entre os meses de outubro de 2025 e xaneiro de 2026.

Podes obter máis información sobre as datas e lugares de celebración premendo nas seguintes ligazóns:
-Curso de escrita creativa. Nivel 1 (outubro-novembro 2025)
-Curso de escrita creativa. Nivel 2 (novembro 2025)
-Curso de escrita creativa. Nivel 2 (decembro 2025-xaneiro 2026)
09/09/2025. DINAMIZACIóN

Se acabas de chegar á universidade, agora é o momento. O galego xa é teu!

As tres universidades galegas (UDC, UVigo e USC), coa colaboración da Xunta de Galicia, lanzan unha campaña conxunta de dinamización lingüística dirixida ao novo alumnado que acaba de incorporarse aos estudos universitarios. Conscientes de que estes mozos e mozas acaban de comezar unha etapa importante de formación académica, pero tamén de formación e transformación da súa identidade, con esta iniciativa buscan animalos/as para que descubran ese "superpoder" que levan dentro: o idioma galego.

Podes seguir nas redes sociais os vídeos e imaxes divulgativas da campaña co cancelo #OGalegoXaÉTeu [Facebook; Instagram; TikTok].
08/09/2025. DINAMIZACIóN

A volta ao cole e mais o outono chegan a Ames e Santiago con moito Apego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames presenta a programación do proxecto Apego para o último cuadrimestre do ano 2025. Trátase dun amplo abano de actividades didácticas e lúdicas (xogos, contos, música, espectáculos teatrais, maxia, cine...) deseñadas para fomentar o uso do galego na socialización da primeira infancia.

Pola súa parte, as familias compostelás adscritas ao programa Apego tamén poderán gozar durante todo este mes de setembro das actividades que o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago preparou para que os máis pequenos/as comecen o curso con moito apego á lingua: obradoiros de cociña, actividades de psicomotricidade, ciencia, contos, xogos e mesmo un obradoiro de arte urbana.
08/09/2025. AXUDAS E PREMIOS

Embutidos Lalinense e Adegas Bordel, premiadas cos Bacelos de Prata 2025

O xurado da décimo sétima edición dos Premios Bacelos de Prata, deseñados para recoñecer o labor de empresas que apostan polo galego como marca de calidade na etiquetaxe dos seus produtos, acordou por unanimidade que as entidades galardoadas nesta edición de 2025 son Embutidos Lalinense (empresa cárnica fundada en 1949 en Agruchave, Lalín) e Adegas Bordel (adega familiar situada en Sarandóns, Abegondo).

Podes consultar a acta do xurado premendo aquí.
01/09/2025. DINAMIZACIóN

Carballo aposta un ano máis pola promoción do galego na hostalaría

Por terceiro ano consecutivo, as concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica do Concello de Carballo promoven unha campaña de dinamización lingüística para difundir o patrimonio natural e lingüístico entre a clientela do sector hostaleiro. Nesta terceira edición a iniciativa desenvólvese coa colaboración de Axober - Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños, que se ocupará da distribución de gardamanteis con pasatempos en galego da revista A Píllara (editada polo Concello de Carballo en colaboración coa AS-PG) entre os establecementos do municipio que o soliciten.

Na páxina web do SNL do Concello de Carballo tes máis información.
01/09/2025. DINAMIZACIóN

Festa do Apego no Concello da Coruña

O vindeiro vernes, 5 de setembro de 2025, ás 17:00 horas terá lugar no Campo da Leña (A Coruña) a Festa do Apego, un evento organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña co obxectivo de ofrecer espazos de socialización en galego a familias con nenos/as de 0 a 6 anos. O público asistente poderá gozar de dous concertos musicais, un de Paco Nogueiras e outro de Mamá Cabra.

A entrada é de balde e non se precisa inscrición previa. Para ampliar información, preme aquí.
01/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Novos obradoiros de acollemento lingüístico en Santiago

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza dous obradoiros de acollemento lingüístico, un deles dirixido a persoas doutras comunidades lingüísticas que se achegan por primeira vez ao galego (nivel iniciación) e outro para aquelas que xa realizaron unha primeira aproximación e que desexan continuar a súa formación (nivel continuación). Os cursos, que se desenvolverán entre os meses de setembro e decembro de 2025, teñen unha duración de 36 horas, distribuídas en dúas sesións semanais. A matrícula é gratuíta e o prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 8 de setembro, ás 12:00 horas.

Para ampliar información preme aquí.
27/08/2025. INVESTIGACIóN

Languages dedica un número especial á lingüística galega

A revista en liña Languages dedica un número especial aos novos estudos da lingüística galega, publicado baixo o título “New Developments in Galician Linguistics”.

O volume está editado por Elisa Fernández Rei e Xosé Luís Regueira e podes consultar en aberto os once traballos incluídos neste número especial premendo aquí.
27/08/2025. INVESTIGACIóN

O Atlas Lingüístico Galego suma un novo volume

O Instituto da Lingua Galega (ILG) presentou a finais do pasado mes de xullo de 2025 a obra Atlas Lingüístico Galego VIII. Léxico. O ser humano (III), oitavo volume desta obra de referencia dos estudos de dialectoloxía, tanto a nivel galego coma europeo.

Este oitavo volume contén 280 mapas dialectais que recollen 3.695 variantes léxicas asociadas a 259 conceptos vinculados á educación, a música, os xogos, as actividades de lecer, a relixión, as festas relixiosas e profanas, os seres míticos, as características psicolóxicas do ser humano e a roupa e o seu coidado.

Na páxina web do ILG podes ampliar información.
26/08/2025. CURSOS E CONGRESOS

O CIOV de Vigo abre a inscrición para os cursos do vindeiro trimestre

O Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo, creado polo Servizo de Normalización Lingüística municipal para poñer en valor a nosa tradición oral e as novas formas de improvisación oral, abre o prazo de inscrición para os cursos do vindeiro trimestre. En concreto as persoas interesadas poden inscribirse nos módulos de poesía que impartirá Vanessa Glemsel entre o 9 de setembro e o 13 de novembro de 2025; e no curso de improvisación oral en verso-regueifa que impartirá Kike Estévez durante os meses de setembro, outubro e novembro de 2025.

25/08/2025. OUTRAS

O Concello da Coruña crea o Consello Local da Lingua Galega

A Ordenanza municipal reguladora do uso da lingua galega no Concello da Coruña, aprobada no ano 2021, recolle no seu artigo 30 a creación dun Consello Local da Lingua “para cumprir, velar e avaliar a aplicación desta ordenanza”. Cumprindo co recollido na norma, o Concello da Coruña anuncia agora a creación deste Consello Local da Lingua Galega, constituído como un órgano colexiado de participación cidadá no ámbito lingüístico e con carácter consultivo. Segundo consta nas súas normas de organización e funcionamento “está concibido como un espazo para asesorar, informar, debater, estudar, propoñer e traballar en rede, e ten como obxectivo achegarlles as políticas lingüísticas municipais ás entidades da cidade, colectivos, veciñanza, institucións e demais persoas ou organismos que se vexan afectados dalgunha forma polas políticas de normalización lingüística públicas”.
25/08/2025. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia convoca once bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os/as beneficiarios/as colaborarán nos seguintes proxectos: Tesouro paleográfico; Corpus de referencia do galego actual (Corga); Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (Codolga); Bibliografía informatizada da lingua galega (Bilega); Terminoloxía científico-técnica; Informes de literatura; Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos; Lírica medieval galego-portuguesa; BiRMED: Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval; Dimensións da identidade colectiva de Galicia; e Estudo e edición de textos literarios galegos.

As actividades de formación iniciaranse coa incorporación da persoa seleccionada (previsiblemente o 1 de decembro de 2025) e rematarán, en calquera caso, o 30 de novembro de 2027. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
25/08/2025. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das subvencións para a edición de recursos didácticos en galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia publica, no DOG do 4 de agosto de 2025, a resolución da convocatoria de axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares non universitarios.

Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.
25/08/2025. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Val do Dubra

O Concello de Val do Dubra publica no BOP do 12 de agosto de 2025 a convocatoria dunha praza de técnico/a de normalización lingüística (funcionario/a, subgrupo A2, escala de Administración especial). O sistema de selección será a oposición libre. As persoas aspirantes deben estar en posesión do título de grao en Lingua Galega, licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica
(subsección Galego-Portugués), ou titulación en calquera outro grao/licenciatura pertencente á área de Humanidades ou de Ciencias Xurídicas e Sociais, sempre que se dispoña do Celga 5.

O prazo de presentación das solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
23/07/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega para persoal de seguridade pública

A Academia Galega de Seguridade Pública convoca dous cursos de linguaxe administrativa galega (un de nivel medio e outro de nivel superior) na modalidade de teleformación, dirixidos ao persoal dos servizos de seguridade pública de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o 25 de agosto de 2025.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
22/07/2025. OUTRAS

A actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega ábrese á participación cidadá

No marco do actual proceso de actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega que se está a desenvolver desde comezos deste ano 2025, a Xunta de Galicia acaba de habilitar un formulario en liña para que a cidadanía poida tamén participar neste proceso formulando as súas propostas.

A medida foi anunciada onte, 21 de xullo, no transcurso da reunión que os responsables das diferentes comisións de traballo mantiveron co coordinador xeral do proceso de renovación do PXNLG, o académico Manuel González.

Podes ampliar información premendo aquí.
22/07/2025. INVESTIGACIóN

As tecnoloxías da fala poderán incorporar a diversidade dialectal do galego

A plataforma colaborativa Common Voice, impulsada por Mozilla, incorpora a nova funcionalidade “Fala espontánea”, que lles permitirá ás persoas colaboradoras rexistrar doazóns con acentos diversos, variantes léxicas e morfolóxicas, cambios de código e outros fenómenos propios da oralidade.

Os datos recollidos a través desta nova funcionalidade serán publicados baixo licenza CC0, de xeito que serán accesibles de xeito libre e gratuíto e poderán ser aproveitados para o desenvolvemento de tecnoloxías da fala inclusivas que incorporen a diversidade dialectal do galego.

Na páxina web do proxecto Nós atoparás máis información sobre esta iniciativa, así como as indicacións necesarias para colaborar coa plataforma Common Voice doando a túa voz.
21/07/2025. DINAMIZACIóN

O Concello da Coruña presenta a nova programación de "Falamos primaria" e "Falamos secundaria"

O Servizo de Normalización Lingüítica do Concello da Coruña presenta a nova programación de Falamos primaria e Falamos secundaria, dous proxectos deseñados para dinamizar o uso do galego no ámbito escolar.

No marco de Falamos primaria, o alumnado dos CEIP públicos que se inscriban terán a oportunidade de gozar das actuacións musicais dos grupos A Gramola Gominola ou A Banda do Verán. No caso de Falamos secundaria, ofertaranse aos IES públicos municipais diferentes sesións de música e charlas didácticas, a cargo de Pauliña, MJ Pérez e Manuel Núñez Singala.

As actividades desenvolveranse entre os meses de outubro e novembro de 2025.
16/07/2025. CURSOS E CONGRESOS

Congreso Internacional “Unha Filoloxía para o Século XXI”

No marco da celebración do quincuaxésimo aniversario da súa fundación, a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela organiza o Congreso Internacional “Unha Filoloxía para o Século XXI”, que leva por título Pasado, Presente e Futuro. Linguas, Literaturas e Culturas e que xirará arredor de tres grandes eixes: “Narrativas, culturas e sociedades”; “Filoloxía e tecnoloxías da información e a comunicación”; e “Filoloxía e transdisciplinariedade”.

As sesións, que se desenvolverán na modalidade presencial, terán lugar na sede da Facultade de Filoloxía (Santiago de Compostela) durante os días 26, 27 e 28 de novembro de 2025. As persoas interesadas en participar no congreso presentado unha comunicación, un panel ou un póster académico teñen de prazo ata o 20 de xullo para presentar as súas propostas.
16/07/2025. INVESTIGACIóN

Novo recurso terminolóxico sobre o léxico relacionado cos océanos

Coincidindo coa celebración da Conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos, que tivo lugar o pasado mes de xuño en Niza, o Ministerio de Cultura do Goberno de Francia, en colaboración coa Rede panlatina de terminoloxía (Realiter), publicou o Vocabulario dos océanos, un léxico multilingüe que contén 225 termos sobre esta materia, xunto coas súas correspondencias en diferentes linguas latinas, entre elas o galego.

De elaborar as correspondencias en galego ocupáronse os profesores da Universidade de Vigo Iolanda Galanes Santos e Manuel Ángel Pombal Diego.
16/07/2025. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os premios á innovación educativa en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia resolveron a convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística durante o curso académico 2024/2025, dirixida a centros de ensino de titularidade pública.

Os cinco proxectos aos que se lle outorgou a consideración de excelentes, e polo tanto recibirán unha dotación económica de 2.000 euros, son: “Música e poesía: movendo a lingua”, do CMUS Profesional Xoán Montes e a EOI de Lugo; “VERSoamos”, do IES Coruxo, o CEIPP Ría de Vigo e o CMUS Profesional de Vigo; “Gif menú: que vai ser?”, do IES de Sanxenxo; “Somos diferentes, somos referentes”, do IES do Milladoiro; e “Escollemos galego”, do IES San Clemente (Santiago de Compostela).

Podes ampliar información premendo aquí.
16/07/2025. OUTRAS

Nós Diario publicará un caderno especial con 100 ideas para expandir o galego

O vindeiro 25 de xullo o xornal Nós Diario publicará o caderno especial 100 ideas para expandir a lingua galega, co que obsequiará as lectoras e lectores do diario. O documento recolle as propostas de 10 especialistas en diferentes ámbitos profesionais ou do coñecemento, que presentan 10 medidas concretas para a normalización do galego nas súas respectivas áreas, sumando entre todos/as un total de 100 ideas.

Os/as autores/as deste cento de propostas son Ana Pérez Rico, profesora e presidenta da AS-PG; Luís Villares, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; Flora Miranda, coordinadora da Irmandade da Sanidade Galega; Pablo García, xornalista e presidente da Asociación de Medios en Galego; Paula Chaves 'Pauliña', filóloga e música; Diniz Cabreira, membro da Cooperativa Gráfica Sacauntos; Telmo Celeiro, coordinador e adestrador do ximnasio Artabros Crossfit; Aitana Cuétara, produtora e xestora cultural; e Xosé Manuel Vilas, profesional do comercio enerxético e doutros bens.
15/07/2025. OUTRAS

A Xunta de Galicia publica unha guía para simplificar a linguaxe administrativa

A Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia elaborou a Guía para simplificar as mensaxes dirixidas á cidadanía, un documento dirixido ao persoal empregado público que contén unha serie de recomendacións para simplificar a linguaxe administrativa e adaptala á persoa usuaria, co obxectivo de acadar unha comunicación entre administración e cidadanía máis clara e eficiente.

Este documento foi galardoado co segundo premio no concurso de persoal funcionario público innovador, convocado pola Axencia Galega de Innovación, na modalidade de simplificación administrativa.
15/07/2025. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Cangas

O Concello de Cangas publica as bases para a selección e contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística (persoal funcionario interino, grupo A1, nivel 26), e para a formación dunha listaxe de agarda para cando sexa preciso a cobertura do posto na modalidade de interinidade. As persoas que desexen participar no proceso deben estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: grao en Lingua e Literatura Galegas; grao en Estudos de Galego e Español; grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; licenciaturas equivalentes a eses graos ou outras titulacións superiores pertencentes á área de Humanidades ou de Ciencias Xurídicas e Sociais, sempre que posúan tamén o Celga 5. O procedemento de selección será o de oposición.

O prazo de presentación de solicitudes é de 5 días hábiles, contados dende o día seguinte ao da publicación das bases na sede electrónica do concello.
14/07/2025. AXUDAS E PREMIOS

XXII Premio Ricardo Carvalho Calero de investigación lingüística e creación literaria

O Concello de Ferrol publica as bases da vixésimo segunda edición deste certame que ten como obxectivo promover a creación literaria e a investigación lingüística. O certame ten dúas modalidades: o “Premio de investigación lingüística ou ensaio” e o “Premio de creación literaria (narración curta)”. O xurado outorgará un premio de 4.000 euros en cada unha das modalidades.

O prazo para entregar os orixinais remata o 30 de setembro de 2025.
11/07/2025. DINAMIZACIóN

Programa de fomento do galego na Rede de Escolas Infantís Municipais da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña desenvolverá un programa de fomento e dinamización do galego na Rede de Escolas Infantís Municipais ao longo do vindeiro mes de novembro de 2025. No marco deste programa organizaranse diferentes sesións de A nena e os tres osos, de Migallas Teatro; Levántate, Xan!”, de Caxoto; e Arrolar, da Fundación Legar. O obxectivo é transmitir entre o alumnado infantil unha imaxe positiva do galego a través de recursos lúdicos e didácticos que combinan teatro, contos, cantigas, monicreques e música.

Podes ampliar información premendo aquí.