A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca a segunda edición dos Premios Mil Primaveras, co obxectivo de recoñecer e difundir exemplos de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística. Poderán presentarse accións, campañas, programas e proxectos destinados á promoción do prestixio do galego e ao incremento do seu uso, desenvolvidas total ou parcialmente en 2018, 2019 ou 2020 (ata a finalización do prazo de inscrición de proxectos). O prazo para a inscrición das iniciativas, que debe ser feita pola propia entidade organizadora, remata o 5 de abril de 2020.
17/02/2020. AXUDAS E PREMIOS
17/02/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publica hoxe o extracto da convocatoria de axudas dirixidas ás entidades locais da provincia para a creación, mantemento ou reforzo dos seus servizos de normalización lingüística. O prazo de solicitudes comeza a partir do día seguinte á publicación deste extracto e remata o 6 de marzo de 2020, ás 14:00 horas. As bases completas desta convocatoria publicáronse no BOP da Coruña do pasado 5 de febreiro de 2020.
14/02/2020. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, convoca o
V Concurso de subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde ao galego, coa finalidade de contribuír á creación de recursos divulgativos en galego en novos soportes. O certame inclúe dúas modalidades, unha dirixida a membros da comunidade universitaria da USC que non pertenzan á comunidade TED (modalidade A) e outra destinada a membros da comunidade TED (modalidade B). Os participantes deben realizar a tradución ao galego e a subtitulación dun vídeo TED da área de saúde segundo as instrucións que se lles fornecerán. O premio está dotado con 250 euros para a modalidade A e 150 euros para a modalidade B, ademais dun diploma honorífico.
V Concurso de subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde ao galego, coa finalidade de contribuír á creación de recursos divulgativos en galego en novos soportes. O certame inclúe dúas modalidades, unha dirixida a membros da comunidade universitaria da USC que non pertenzan á comunidade TED (modalidade A) e outra destinada a membros da comunidade TED (modalidade B). Os participantes deben realizar a tradución ao galego e a subtitulación dun vídeo TED da área de saúde segundo as instrucións que se lles fornecerán. O premio está dotado con 250 euros para a modalidade A e 150 euros para a modalidade B, ademais dun diploma honorífico.
14/02/2020. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia organizan unha nova edición de
Lingua de namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos. A iniciativa está deseñada para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en Internet e na mensaxería instantánea. Outorgaranse tres premios por cada unha das categorías de idade establecidas. O prazo para enviar as mensaxes remata o 9 de marzo de 2020.
Lingua de namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos. A iniciativa está deseñada para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en Internet e na mensaxería instantánea. Outorgaranse tres premios por cada unha das categorías de idade establecidas. O prazo para enviar as mensaxes remata o 9 de marzo de 2020.
12/02/2020. DINAMIZACIóN
A Real Academia Galega presentou no CEIP Cruceiro de Canido (Ferrol) unha nova edición do seu proxecto Primavera das Letras, que este ano se centra na figura de Ricardo Carballo Calero, autor homenaxeado no Dia das Letras Galegas 2020. No web atoparás materiais lúdicos e didácticos deseñados para o profesorado e o alumnado de infantil e primaria, ademais de información biográfica e bibliográfica sobre este autor. Para ampliar a nova preme aquí.
12/02/2020. CURSOS E CONGRESOS
O IES Arcebispo Xelmírez I e o CAFI organizan as xornadas de formación do profesorado “Experiencias na normalización e dinamización do galego. Xornadas Calviño 2020”, que terán lugar os días 3, 4 e 5 de marzo de 2020. Nestas xornadas presentaranse diferentes experiencias de innovación educativa dirixidas ao fomento do uso do galego no ámbito escolar. As sesións terán lugar na Aula Magna do IES Arcebispo Xelmírez I, en Santiago de Compostela. A inscrición debe tramitarse a través da aplicación web de xestión da formación do profesorado da Xunta de Galicia.
11/02/2020. DINAMIZACIóN
A Mesa pola Normalización Lingüística e o Grupo de Normalización Lingüística do Estudantado de Medicina da USC presentan unha campaña dirixida a fomentar o uso do galego no ámbito sanitario. Baixo o lema “Falar galego é saudábel” os promotores da iniciativa queren concienciar ao persoal sanitario e aos propios doentes de que o uso do galego é un indicador máis de calidade na prestación dos servizos sanitarios, xa que contribúe á precisión e comprensión comunicativa entre as partes. Co ánimo de difundir esta idea, repartiranse entre os centros médicos e hospitais públicos carteis informativos e chapas co lema da campaña. Podes ampliar información premendo aquí.
10/02/2020. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Vigo convoca un curso de nivel básico de galego, destinado a persoas de dentro e fóra de Galicia sen apenas coñecementos da lingua galega. As sesións desenvolveranse durante os meses de marzo e abril de 2020. As persoas interesadas deben formalizar a súa inscrición cubrindo o formulario accesible no web do SNL. Para ampliar información sobre as datas de realización e mais o programa do curso, preme aquí.
10/02/2020. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública publica dúas convocatorias de cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega (niveis medio e superior), que se organizarán tanto na modalidade presencial como de teleformación. A primeira das convocatorias, na que se ofertan dous cursos de linguaxe xurídica galega na modalidade de teleformación, está dirixida ao persoal ao servizo da Administración de xustiza que preste servizos fóra de Galicia. Unha segunda convocatoria, onde se ofertan vinte e seis cursos de linguaxe administrativa galega e cinco de linguaxe xurídica galega, está dirixida ao persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia. Nos dous casos, o prazo de presentacións de solicitudes é de oito días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
10/02/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura e Turismo publica a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, así como para a súa edición. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
10/02/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura e Turismo publica unha convocatoria de subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico e para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
07/02/2020. OUTRAS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago publica no último número do seu boletín O Cartafol Dixital os datos sobre usos lingüísticos na actividade docente no curso 2019-2020. En termos xerais, impártese en castelán o 74,78% das horas docentes, en galego o 21,04% e noutros idiomas estranxeiros o 4,18%. No mesmo número ofrécese información detallada sobre usos lingüísticos segundo o tipo de titulación (grao, mestrado, licenciatura), ou o departamento e a categoría do persoal docente e investigador. Así mesmo, tamén podes consultar a evolución dos usos lingüísticos nos últimos anos.
07/02/2020. DINAMIZACIóN
Hoxe, 7 de febreiro, celébrase en Galicia o Día dos Medios en Galego, co ánimo de conmemorar a publicación do xornal O Tío Marcos d´A Portela, promovido por Valentín Lamas Carvajal, que saíu por primeira vez á rúa o 7 de febreiro de 1876, converténdose na primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega. A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) festexará esta data en Carballo cun acto de carácter lúdico e reivindicativo, no que se quere dar visibilidade aos máis de 100 medios que hai en activo actualmente (incluíndo revistas especializadas, tanto dixitais como impresas) que empregan o galego como lingua vehicular. O acto, que terá lugar hoxe, 7 de febreiro, ás 20:30 h no Casino1889, será presentado por Lupe Blanco, estará amenizado por Avelino González e contará coa actuación musical da banda Terbutalina. Para obter máis información preme aquí.
07/02/2020. OUTRAS
A Universidade de Vigo presenta o seu novo asistente virtual en lingua galega, unha ferramenta baseada na intelixencia artificial, comprensión e procesamento de linguaxe natural en galego que permite obter información dos sitios web da Universidade de Vigo de xeito doado. A aplicación está pensada principalmente para o alumnado, aínda que tamén pode resultar de utilidade para o persoal docente e investigador (PDI) e para o persoal de administración e servizos (PAS). Podes ampliar esta nova premendo aquí.
06/02/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Universidade de Santiago de Compostela convoca o III Premio Luís Porteiro Garea, co obxectivo de recoñecer publicamente o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan a prol do uso do galego na universidade, e ao mesmo tempo, homenaxear a figura deste profesor de dereito civil e membro das Irmandades da Fala que pronunciou en 1915 a primeira lección en galego no ámbito universitario. O premio ten carácter de distinción pública e consistirá nun elemento simbólico de tipo artístico. O prazo para presentar as candidaturas remata o 30 de abril de 2020.
05/02/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publica as bases da convocatoria de axudas, dirixidas ás entidades locais da provincia, para a creación, mantemento e reforzo dos seus servizos de normalización lingüística (SNL) durante o ano 2020. Poderán participar todos os concellos da provincia da Coruña de 5.000 ou máis habitantes, ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima. O prazo de presentación de solicitudes publicarase proximamente no BOP da Coruña, dentro do extracto no que se anuncia a publicación desta convocatoria a través da Base de Datos Nacional de Subvencións.
05/02/2020. DINAMIZACIóN
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza anualmente o LGx15, unha iniciativa deseñada para difundir, a través de charlas breves e amenas, argumentos e experiencias para influír no futuro do galego. Se non puideches asistir á quinta edición deste evento, que tivo lugar o pasado 9 de novembro en Teo, agora podes consultar en liña os vídeos dos/as participantes: Rosa Aneiros, Suso López, Alba Rodríguez, Xoana, Alba Mancebo, Emilio del Río, Dhaunae de Vir e Roberto Rivas. Tamén podes ver os vídeos das edicións anteriores na canle de Youtube da CTNL.
05/02/2020. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organiza o “Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica I”, pensado para ofrecer formación específica aos estudades de Dereito sobre o seu tecnolecto en galego. As sesións desenvolveranse na Facultade de Dereito os días 19, 20, 26 e 27 de febreiro; e 4, 5 e 11 de marzo de 2020. O prazo de matrícula estará aberto ata o 14 de febreiro de 2020. Podes obter máis información sobre os contidos e os trámites de matrícula premendo aquí.
03/02/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura e Turismo publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2019/2020; unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada. En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias. [convocatorias anuladas]
03/02/2020. DINAMIZACIóN
A Real Academia Galga e a Asociación Puntogal presentan a terceira edición do Certame de Microrrelatos, que organizan conxuntamente desde 2018 para fomentar o presenza do idioma galego no eido dixital. Os relatos, de temática libre, deberán estar escritos en galego, ser orixinais, inéditos e ter unha extensión máxima de 200 palabras. Establécense tres categorías, segundo a idade dos participantes, e entregaranse tres premios en cada unha das categorías. A maiores, os relatos gañadores serán publicados nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na edición en papel da revista Luzes. O prazo para enviar os textos remata o 29 de febreiro de 2020. A organización deste certame coincide coa nova campaña de promoción que permite rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE. Podes ampliar información premendo aquí.
31/01/2020. CURSOS E CONGRESOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas de acreditación do Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, tanto na modalidade presencial como de teleformación. Estes cursos poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2020. O prazo para a presentación das solicitudes permanecerá aberto ata o 19 de febreiro. Consulta o DOG coa convocatoria oficial premendo aquí. [corrección de erros]
24/01/2020. DINAMIZACIóN
O alumnado do IES de Melide celebra a VI edición do seu concerto Presume de Galego, que se celebrará o venres 31 de xaneiro de 2020, ás 18:00 h, no Pub Gatos de Melide. A iniciativa, promovida polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, insírese nun proxecto educativo transversal que ten como obxectivo principal promover a socialización en galego da mocidade a través da música. O proxecto Eu presumo do galego foi merecedor en 2019 do Premio Mil Primaveras “por ofrecer un modelo de traballo de calidade para a detección de necesidades concretas en contextos galegofalantes”. Podes manterte ao día das últimas novidades sobre esta iniciativa a través da súa páxina de Facebook.
23/01/2020. DINAMIZACIóN
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou unha nova campaña que ten como acción principal difundir entre os establecementos comerciais e entre a cidadanía no seu conxunto o proxecto Abertos ao galego, que botou a andar en 2008 e desde finais de 2018 conta tamén cunha aplicación para dispositivos Android e Apple. A Mesa repartirá entre os máis de 600 comercios adheridos xa ao proxecto un sinal identificativo co texto “Aquí usamos o galego”, co obxectivo de que a cidadanía apoie estes establecementos que apostan decididamente polo noso idioma. A maiores, tamén distribuirá entre os comercios de cidades e vilas galegas material informativo con 5 motivos para usar o galego e 18 pautas para facelo con éxito. Para ampliar información, preme aquí.
22/01/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa publican unha convocatoria dirixida aos centros de ensino de titularidade pública, para que participen en proxectos educativos de innovación en dinamización lingüística durante o curso académico 2019-2020. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán unha dotación económica de 2000 euros. As experiencias e os materiais didácticos producidos difundiranse no sitio web da SXPL. O prazo de presentación de solicitudes remata o 14 de febreiro de 2020. Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.
22/01/2020. OUTRAS
A Mesa pola Normalización Lingüística e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organizan un acto público de debate sobre o presente e futuro da lingua galega, que terá lugar hoxe, 22 de xaneiro, ás 20:00 h, na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, na Coruña. Na mesa de debate, que leva por título “Liberdade para o galego? Presente e futuro da lingua”, participan María Xosé Bravo, presidenta da A.C. Alexandre Bóveda, Xela Armas, directora do proxecto Abertos ao Galego e Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.
20/01/2020. OUTRAS
O Boletín de Sumarios 2019 do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) é un produto documental que inclúe os 34 números de publicacións periódicas, correspondentes a 18 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do CDSG ao longo do ano 2019. No caso de publicacións en papel, ofrécense, mediante ligazóns, os seus sumarios. Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde este boletín pode accederse directamente aos números completos. Para consultar a nosa colección completa de seriadas, preme aquí.
16/01/2020. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organiza un Curso de habilidades comunicativas dirixido ao alumnado desta universidade, co obxectivo de ofrecerlle recursos e ferramentas que lle axuden a redactar e defender oralmente os seus traballos académicos. O curso consta de tres módulos diferentes de 25 horas cada un (a redacción científica; falar en público; presentacións dixitais eficientes), e o alumnado pode optar por realizalo completo ou elixir aqueles módulos que lle interesen. Para obter máis información sobre os contidos ou os trámites de matrícula, preme aquí.
15/01/2020. DINAMIZACIóN
A Universidade de Vigo (Uvigo) dedícalle o ano 2020 á investigación científica en lingua galega, motivo polo cal a súa Área de Normalización Lingüística tamén empregou este mesmo fío temático na elaboración do seu almanaque anual. Baixo o lema “A investigación dá froitos”, o calendario 2020 da ANL, elaborado en colaboración coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación, ilustra cada mes do ano coa imaxe dun froito exótico e dálle visibilidade ao traballo de diferentes grupos de I+D da UVigo comprometidos coa defensa do noso idioma.
15/01/2020. OUTRAS
En novembro de 1989 estreáronse de xeito simultáneo en Vigo as tres primeiras longametraxes rodadas en lingua galega: Continental, Urxa e Sempre Xonxa. Trinta anos despois, o Consello da Cultura Galega e a Compañía de Radio Televisión de Galicia celebran este importante fito cultural poñendo ao dispor da cidadanía estes tres filmes, que se poderán visionar a través do web “30 anos de audiovisual galego” ao longo do ano 2020. Neste mesmo web atoparás unha unidade didáctica, dirixida á comunidade educativa, con información e propostas de actividades sobre estas tres películas, así como sobre a linguaxe audiovisual como ferramenta comunicativa.
15/01/2020. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Xunta de Galicia promove a segunda edición do programa “21 días co galego e +”, que desde o pasado luns, 13 de xaneiro, se está a desenvolver en dez centros de ensino medio galegos. O obxectivo é que os adolescentes adquiran o hábito de falar galego en diferentes contextos, reflexionen sobre a situación actual do noso idioma e se comprometan co seu uso. Esta iniciativa está inspirada na experiencia didáctica “21 días co galego” que se desenvolve no IES da Pobra do Caramiñal desde 2013. Para ampliar información, preme aquí.

