O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza unha nova edición da Xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”, que ten como obxectivo promover a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito xurídico. A sesión terá lugar o vindeiro 27 de novembro de 2019, ás 20:00 h, no salón de actos do Colexio de Avogados compostelán. A matrícula é de balde.
25/11/2019. CURSOS E CONGRESOS
22/11/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Comisión de Seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística, integrada polos gobernos de Euskadi, Galicia, Cataluña, Navarra, Illas Baleares e Comunidade Valenciana, celebrou o pasado mércores, 20 de novembro, a súa reunión anual para coordinar accións conxuntas de promoción lingüística. No marco desta reunión, fíxose pública a decisión de conceder o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado neste ano 2019 a Guadi Galego, polo seu último traballo “Inmersión”, no que a artista galega incluíu doce temas en sete linguas da Península Ibérica. Podes ampliar información premendo aquí.
20/11/2019. DINAMIZACIóN
O IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, Arraianos Producións e Ponte... nas ondas! organizan a segunda edición do Certame de Podcast en Galego Xosé Mosquera Pérez, dirixido a alumnado de sexto curso de primaria e educación secundaria de centros galegos, así como de centros que impartan ensinanzas de galego de réxime xeral fóra de Galicia. Tamén poderá participar o alumnado de 11 a 18 anos das escolas do norte de Portugal. Os participantes deberán elaborar un podcast en galego, inédito e orixinal, relacionado co patrimonio literario de Galicia e Portugal e coas súas figuras relevantes, como o autor ao se lle dedica o Día das Letras Galegas este ano. Tamén deberán entregar o texto que serviu de base para a elaboración do podcast. O prazo de inscrición remata o 28 de febreiro de 2020. Os traballos poden entregarse ata o 17 de maio de 2020. Para consultar as bases completas do certame, preme aquí.
20/11/2019. CURSOS E CONGRESOS
Escolas Católicas Galicia organiza, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais do Consello da Cultura Galega, a XV Xornada de Normalización Lingüística, co obxectivo de intercambiar experiencias e recursos didácticos en galego entre o profesorado e os membros dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia. Nesta edición prestarase especial atención ao aproveitamento didáctico da figura de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado no Dia das Letras Galegas 2020. Tamén se difundirán boas prácticas no eido do ensino en galego e achegaranse propostas para mellorar a calidade da lingua no ámbito educativo. A sesión pecharase cunha homenaxe ao relixioso Xosé Francisco Martínez Reboiras. A xornada terá lugar o 29 de novembro na sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. O prazo de inscrición remata o 27 de novembro.
20/11/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Asociación Álvaro das Casas fixo públicos os galardoados da décimo terceira edición dos Premios Bacelos de Prata, pensados para recoñecer o labor de empresas que apostan polo galego como marca de calidade na etiquetaxe dos seus produtos. As entidades galardoadas nesta edición son a adega Solaina Minei (Castrelo de Miño) e Queixerías Bama (Touro). A maiores, o xurado tamén decidiu outorgar dúas mencións honoríficas á Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea e á Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia. Os premios entregaranse o 21 de decembro de 2019, no Pazo Ulloa de Esposende (Ribadavia).
19/11/2019. AXUDAS E PREMIOS
O Concello de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio convocan a vixésima edición dos Premios Manuel Beiras, que teñen como finalidade recoñecer o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán, premiando o uso do galego na comunicación comercial. O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que veñen realizando un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego. A maiores, o xurado tamén pode outorgar unha distinción especial a persoas ou entidades que destaquen polo labor a prol da normalización do galego na empresa. O prazo para presentar candidaturas remata o 10 de decembro de 2019. No sitio web da iniciativa atoparás as bases completas da convocatoria, así como información sobre edicións anteriores.
13/11/2019. EMPREGO
O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades oferta un contrato de obra e servizo para traballar no proxecto “Frontera hispano-portuguesa: personas, pueblos y palabras (FRONTESPO-3P)”, que se está a desenvolver baixo o liderado da Universidade de Alcalá. A duración do contrato será entre o 1 de febreiro e o 31 de agosto de 2020, a xornada completa (37,5 horas semanais). As tarefas consistirán na recollida de corpus oral (audio e vídeo) en localidades situadas a ambos lados da fronteira hispano-portuguesa; na transcrición do corpus oral recollido; na compilación e catalogación de material bibliográfico e no tratamento do material lingüístico xerado no proxecto. Entre outros requisitos, os aspirantes deben posuír o grao ou licenciatura en Filoloxía Hispánica, Filoloxía Galega, Filoloxía Portuguesa, Filoloxía Románica, Lingüística, Antropoloxía ou estudos afíns.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de novembro de 2019. Para completar esta información preme aquí.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de novembro de 2019. Para completar esta información preme aquí.
13/11/2019. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra oferta unha amplo abano de obradoiros didácticos e charlas sociolingüísticas, co ánimo de reforzar o traballo de promoción do galego que o persoal docente realiza nas aulas. En concreto, deseñouse un programa de doce obradoiros (dirixidos ao alumnado de educación infantil, primaria e secundaria) onde se traballarán contidos relacionados coa micoloxía, a comprensión lectora, a ilustración, a educación física, a regueifa ou a cultura musical, entre outros, sempre coa lingua galega como fío condutor. A maiores, os centros de secundaria, bacharelato e ciclos formativos, tamén tiveron ocasión de escoller entre un abano de seis charlas sociolingüísticas que impartirán membros da Mesa pola Normalización Lingüística. Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
13/11/2019. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta a programación de outono-inverno de "Vigo Arrólate", unha iniciativa deseñada para fomentar a transmisión do galego no ámbito da familia. O programa, dirixido a bebés e ás súas familias, inclúe contos, música e actividades formativas, que se desenvolverán entre o 25 de novembro de 2019 e o 4 de xaneiro de 2020. No web do SNL de Vigo podes consultar o cadro completo de actividades, así como información detallada sobre os trámites de inscrición.
13/11/2019. DINAMIZACIóN
A Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) convidou un ano máis a toda a comunidade educativa a conmemorar o Día da Ciencia en Galego, que neste ano 2019 coincide con dúas celebracións internacionais proclamadas pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas e pola UNESCO: o Ano Internacional da Táboa Periódica e o Ano Internacional das Linguas Indíxenas. Xa que logo, foron catro persoeiros os homenaxeados nesta décima edición do Día da Ciencia en Galego: o químico ruso Dmitri Mendeléiev e o químico galego Luis Liz Marzán (en relación coa conmemoración da táboa periódica); e o lingüística estadounidense Noam Chomsky e o historiador galego Manuel Murguía (en relación coa conmemoración das linguas indíxenas). Como acto central da celebración, o pasado 8 de novembro o químico galego Luís Liz Marzán, Premio Nacional de Investigación 2018, impartiu unha conferencia sobre nanotecnoloxía á que acudiron 300 alumnos de educación secundaria.
12/11/2019. AXUDAS E PREMIOS
O Concello de Carballo convoca a sétima edición do Carballo Interplay, que se celebrará entre os días 1 e 4 de abril de 2020. Poden presentarse a competición aquelas webseries producidas entre os anos 2017 e 2020 que teñan un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento da inscrición. Entre as dez categorías do certame inclúese un premio a proxectos de webseries en galego, cunha dotación económica de 800 euros. O prazo para tramitar a inscrición remata o 16 de febreiro de 2020. Podes consultar as bases completas premendo aquí.
31/10/2019. DINAMIZACIóN
A Xunta de Galicia organiza unha nova edición do programa Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas, co obxectivo de difundir a divulgación científica en galego en todas as bibliotecas públicas e escolares. Igual ca en edicións anteriores, o programa de actividades está acompañado polo manifesto dun científico/a galego/a e nesta edición asínao a microbióloga Alicia Estévez Toranzo. A maiores, tamén atoparás un Internet cunha compilación de materiais didácticos en galego de temática científica e mais unha colección de imaxes en Pinterest coas portadas de libros informativos de interese para as bibliotecas escolares.
30/10/2019. DINAMIZACIóN
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta o Manual de recursos en lingua galega para actos funerarios, deseñado para que as diferentes empresas que ofrecen servizos funerarios (empresas funerarias, empresas marmoristas, florarías, etc.) dispoñan de modelos en galego de recordatorios, necrolóxicas, lemas para lápidas, lemas para fitas, lembranzas ou poemas. No acto de presentación entregóuselles un exemplar a tres empresas funerarias con sede en Santiago (Apóstol Santiago, Casablanca e Albia), que a partir de agora poderán ampliar o abano de servizos en galego que ofertan aos seus clientes. Nos vindeiros días, o manual difundirase tamén entre o resto de empresas compostelás que traballan no sector. Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
29/10/2019. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha nova edición do Concurso para elaborar a exposición sobre o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas, dirixido aos centros de ensino público non universitario. Os/as participantes deben elaborar unha exposición relacionada coa obra, época e lingua do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020, Ricardo Carvalho Calero, e/ou a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviu. O concurso consta de dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. Outorgarase un premio en metálico de 2000 euros para cada categoría. O prazo de presentación dos traballos remata o 22 de xaneiro de 2020. Para obter máis información, preme aquí.
29/10/2019. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e a A.C.F. O Fiadeiro organizan un obradoiro de recollida de cantares de tradición oral, que será impartido por Xulia Feixoo. As sesións terán lugar os días 11, 12, 18 e 19 de novembro de 2019 no Instituto Municipal de Educación-IME (camiño do Chouzo, 2-seminario 17). A maiores, o 1 de decembro organizarase unha saída a Gargamala (Mondariz) para poñer en práctica o aprendido no obradoiro. As persoas interesadas poden inscribirse de balde cubrindo o formulario en liña que facilita no seu web o Concello de Vigo. Podes ampliar información premendo aquí.
29/10/2019. DINAMIZACIóN
Co gallo da celebración das festividades de “Todos os Santos” e “Todos os Defuntos”, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNL) convida, un ano máis, a todos os concellos galegos a festexar o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, galeguizando as rotulacións dos cemiterios e colocando placas conmemorativas. Ao abeiro desta iniciativa celebráronse este mes de outubro actos conmemorativos en diferentes concellos do país, como Quintela de Leirado, San Xoán de Río ou Redondela. Así mesmo, o vindeiro 31 de outubro, a AFNL e o Concello de Paradela, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, celebrarán un acto de reafirmación do idioma no cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño, o único cemiterio de Galicia con todas as súas lápidas en lingua galega.
28/10/2019. AXUDAS E PREMIOS
O Padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística fixo públicos os gañadores da súa vixésimo novena edición. Os premiados son a Asociación Cultural Tamparrantán, na modalidade “A Estrada e comarca de Terra de Montes”; a deportista Ana Peleteiro Brión, na modalidade “Galicia enteira” e o Museo do Pobo Galego, na modalidade “Toda unha vida”. A entrega dos galardóns terá lugar no Teatro Principal da Estrada no mes de novembro.
25/10/2019. CURSOS E CONGRESOS
No marco do programa Meu: coñecéndonos, descubríndonos, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza o curso “A cultura do mar”, que che permitirá ampliar o teu coñecemento sobre a cultura, o léxico e a toponimia relacionada co mar. O curso inclúe sesións teóricas e prácticas, que se desenvolverán os días 26 e 28 de novembro; e 3, 10, 12, 17 e 19 de decembro de 2019. As persoas interesadas deben realizar a súa inscrición a través do formulario en liña que facilita no seu web o Concello de Vigo.
24/10/2019. INVESTIGACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas e o Seminario de Iniciación á Investigación (SII) do centro, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago de Compostela, organizan unha nova edición das xornadas de divulgación “Habelas, hainas”. No acto, sete investigadores e investigadoras mozas da Facultade presentarán en breves charlas de 20 minutos diferentes aspectos relacionados coa investigación matemática. A maiores, o director do SNL fará tamén unha intervención sobre a utilidade dos tradutores automáticos no eido das matemáticas. Todas as intervencións se realizarán en lingua galega, co ánimo de que os/as novos/as investigadores se acostumen a presentar os seus traballos neste idioma, demostrando que o galego tamén é válido para a transmisión de coñecementos científicos. O acto terá lugar o vindeiro 9 de novembro e as persoas interesadas en asistir teñen de prazo para tramitar a súa inscrición ata o 6 de novembro.
24/10/2019. DINAMIZACIóN
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela), en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca o III Concurso de narración histórica, dirixido aos escolares da Comunidade Autónoma de Galicia que ao longo do curso escolar 2019-2020 cursen estudos de 5º e 6º curso de Educación Primaria ou 1º ciclo da ESO. Os relatos deben ser orixinais, estar redactados en lingua galega e tratar sobre un suceso relevante da historia de Galicia, monumentos emblemáticos, tradicións ou lendas galegas. O prazo de presentación dos traballos remata o 29 de febreiro de 2020. Para consultar as bases completas do concurso, preme aquí.
24/10/2019. DINAMIZACIóN
Co gallo da celebración do Samaín, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Nigrán presenta unha unidade didáctica dirixida ao alumnado de educación primaria do municipio. Coñece o Samaín contén información sobre as orixes e as principais características desta festividade, así como actividades didácticas e lúdicas relacionadas co Samaín. Podes descargala en formato PDF desde o web do Concello de Nigrán.
22/10/2019. DINAMIZACIóN
As comisións de normalización lingüística das facultades de Bioloxía e Farmacia, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, promoven dúas campañas de dinamización lingüística para fomentar o uso do galego entre o alumnado novo que chega a estes dous centros. Baixo o lema “O galego ten razóns. E ti, que razón tes?” preténdese que o alumnado de Bioloxía reflexione sobre as razóns e motivacións que poden ter para manterse en galego, ou incorporalo á súa práctica lingüística, a pesar da presión ambiental. No caso da Facultade de Veterinaria da USC (onde o 60% do alumnado procede de fóra de Galicia), o obxectivo é eliminar posibles prexuízos en relación á cultura e lingua galegas, fomentando o respecto cara os/as compañeiros/as galegofalantes. Neste caso, baixo o lema “Cambia a túa mirada”, a campaña desenvólvese arredor das vivencias de 6 persoas (5 delas procedentes de fóra de Galicia), que estudan ou estudaron nesta facultade.
22/10/2019. EMPREGO
A Real Academia Galega convoca un concurso aberto para dous contratos de persoal técnico de sociolingüística, que colaborarán nos proxectos que está a desenvolver o Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega. Para optar ao "contrato 1" os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura ou grao en Filoloxía Galega, Filoloxía Galego-Portuguesa ou titulación equivalente. Para o "contrato 2" requírese a licenciatura ou grao en Antropoloxía ou titulación equivalente. A duración dos contratos será desde o 2 de xaneiro ata 31 de decembro de 2020, prorrogables por ata doce meses máis. O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de outubro de 2019. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
18/10/2019. DINAMIZACIóN
A Concellería de Mocidade e o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presentan unha nova edición do programa #SenCancelas, un proxecto de intervención socioeducativa que ten como obxectivo crear espazos de socialización en galego nos que a rapazada poida desenvolver a súa creatividade e habilidades persoais. Nesta edición, que se desenvolverá nos meses de outono en diferentes centros socioculturais composteláns, organizaranse diferentes retos creativos (elaboración do capítulo piloto dunha webserie, creación dun minixogo narrativo, gravación dun programa de podcast e deseño dun produto publicitario audiovisual). Os obradoiros están dirixidos a toda a mocidade con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos. Para ampliar información, preme aquí.
15/10/2019. AXUDAS E PREMIOS
Os departamentos de Lingua e de Comercio do Concello de Santiago de Compostela presentan unha liña de axudas para o pequeno comercio, no marco do programa Coidar para mellorar, mellorar para coidar. A convocatoria conta con dúas liñas de axuda: unha para a reforma e adecuación de locais e outra para procesos de mellora comunicativa realizados en galego (campañas publicitarias ou outras iniciativas de comunicación). O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e remata o 31 de outubro de 2019. Podes ampliar información premendo aquí.
14/10/2019. CURSOS E CONGRESOS
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organizan as VI Xornadas "Educación e Linguas en Galicia. 10 anos do Decreto do Plurilingüismo", que terán lugar os días 7 e 8 de novembro de 2019 na Facultade de Ciencias da Educación da USC. Os obxectivos son coñecer o alcance e implementación deste decreto nos centros educativos, valorar a consecución das competencias lingüísticas por parte do alumnado e reflexionar sobre a capacitación lingüística dos futuros profesionais do ensino. O prazo para formalizar a inscrición remata o 5 de novembro de 2019.
14/10/2019. INVESTIGACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta a obra Termos esencias de logopedia e audioloxía galego – español – inglés, autoría de Ana Isabel Codesido García e Xusto A. Rodríguez Río. Trátase dun glosario trilingüe que compila os nomes de arredor de 1000 conceptos do ámbito da logopedia e a audioloxía (trastornos de voz, da linguaxe, da fala e da audición; instrumentos para o seu diagnóstico e terapias que se lle aplican). O obxectivo da publicación é que os estudosos e profesionais destas áreas teñan ao seu dispor ferramentas terminolóxicas que lles faciliten a elaboración dos seus traballos ou o exercicio da súa profesión en lingua galega. Para ampliar información, preme aquí.
14/10/2019. AXUDAS E PREMIOS
O Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Promoción Económica do Concello de Ames presentan a segunda edición do premio Lingua e Empresa do Concello de Ames, co obxectivo de promover o galego na actividade económica e premiar o compromiso coa nosa lingua das empresas que teñen a súa sede social ou un centro de actividade neste municipio. O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros, ademais dunha campaña de difusión da empresa gañadora na Radio Municipal de Ames. O prazo de presentación de candidaturas rematará o 30 de outubro de 2019. Para ampliar información, preme aquí.
11/10/2019. DINAMIZACIóN
O sábado 9 de novembro, ás 18:00 h, terá lugar no Auditorio Constante Liste (A Ramallosa, Teo) unha nova edición do LGx15, un evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, no que a través de charlas breves, diferentes participantes transmiten argumentos e experiencias para influír na conciencia e nas actitudes lingüísticas dos falantes, e polo tanto, no futuro do galego. Nesta edición participarán Alba Mancebo, Dhaunae De Vir, Suso López, Emilio del Río, Xoana, Alba Rodríguez Carrera, Roberto Rivas e Rosa Aneiros. A presentación e a actuación musical correrá a cargo de Carlos Meixide e Tomás Lijó, “Os da Ría”. As entradas poden adquirirse de forma anticipada en Internet, en A Reixa Tenda en Santiago de Compostela e na Librería d´Ana en Teo (6 euros), ou o mesmo día na billeteira (10 euros).
11/10/2019. CURSOS E CONGRESOS
O grupo de investigación GRADES da Universidade de Vigo organiza o Simposio internacional “De neofalante potencial a falante activa dunha lingua minorizada”, no que se debaterá sobre o rol do neofalante como suxeito crucial no presente e no futuro das linguas minorizadas. As sesións terán lugar os días 17 e 18 de outubro de 2019 na Universidade de Vigo. Para coñecer o programa completo do simposio ou obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.

