Novas da lingua

Rexistros1951 a 1980 de 4427
12/02/2020. DINAMIZACIóN

A RAG presenta a nova edición da Primavera das Letras

A Real Academia Galega presentou no CEIP Cruceiro de Canido (Ferrol) unha nova edición do seu proxecto Primavera das Letras, que este ano se centra na figura de Ricardo Carballo Calero, autor homenaxeado no Dia das Letras Galegas 2020. No web atoparás materiais lúdicos e didácticos deseñados para o profesorado e o alumnado de infantil e primaria, ademais de información biográfica e bibliográfica sobre este autor. Para ampliar a nova preme aquí.
12/02/2020. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas de formación do profesorado sobre experiencias educativas normalizadoras

O IES Arcebispo Xelmírez I e o CAFI organizan as xornadas de formación do profesorado “Experiencias na normalización e dinamización do galego. Xornadas Calviño 2020”, que terán lugar os días 3, 4 e 5 de marzo de 2020. Nestas xornadas presentaranse diferentes experiencias de innovación educativa dirixidas ao fomento do uso do galego no ámbito escolar. As sesións terán lugar na Aula Magna do IES Arcebispo Xelmírez I, en Santiago de Compostela. A inscrición debe tramitarse a través da aplicación web de xestión da formación do profesorado da Xunta de Galicia.
11/02/2020. DINAMIZACIóN

A Mesa e o estudantado de medicina reivindican o uso do galego na sanidade

A Mesa pola Normalización Lingüística e o Grupo de Normalización Lingüística do Estudantado de Medicina da USC presentan unha campaña dirixida a fomentar o uso do galego no ámbito sanitario. Baixo o lema “Falar galego é saudábel” os promotores da iniciativa queren concienciar ao persoal sanitario e aos propios doentes de que o uso do galego é un indicador máis de calidade na prestación dos servizos sanitarios, xa que contribúe á precisión e comprensión comunicativa entre as partes. Co ánimo de difundir esta idea, repartiranse entre os centros médicos e hospitais públicos carteis informativos e chapas co lema da campaña. Podes ampliar información premendo aquí.
10/02/2020. CURSOS E CONGRESOS

O Concello de Vigo organiza un curso de nivel básico de galego

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Vigo convoca un curso de nivel básico de galego, destinado a persoas de dentro e fóra de Galicia sen apenas coñecementos da lingua galega. As sesións desenvolveranse durante os meses de marzo e abril de 2020. As persoas interesadas deben formalizar a súa inscrición cubrindo o formulario accesible no web do SNL. Para ampliar información sobre as datas de realización e mais o programa do curso, preme aquí.
10/02/2020. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega

A Escola Galega de Administración Pública publica dúas convocatorias de cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega (niveis medio e superior), que se organizarán tanto na modalidade presencial como de teleformación. A primeira das convocatorias, na que se ofertan dous cursos de linguaxe xurídica galega na modalidade de teleformación, está dirixida ao persoal ao servizo da Administración de xustiza que preste servizos fóra de Galicia. Unha segunda convocatoria, onde se ofertan vinte e seis cursos de linguaxe administrativa galega e cinco de linguaxe xurídica galega, está dirixida ao persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia. Nos dous casos, o prazo de presentacións de solicitudes é de oito días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
10/02/2020. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a tradución do libro galego

A Consellería de Cultura e Turismo publica a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, así como para a súa edición. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
10/02/2020. AXUDAS E PREMIOS

Axudas ás entidades locais para a compra de novidades editoriais en galego

A Consellería de Cultura e Turismo publica unha convocatoria de subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico e para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

07/02/2020. OUTRAS

O 75% da docencia da USC impártese en castelán

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago publica no último número do seu boletín O Cartafol Dixital os datos sobre usos lingüísticos na actividade docente no curso 2019-2020. En termos xerais, impártese en castelán o 74,78% das horas docentes, en galego o 21,04% e noutros idiomas estranxeiros o 4,18%. No mesmo número ofrécese información detallada sobre usos lingüísticos segundo o tipo de titulación (grao, mestrado, licenciatura), ou o departamento e a categoría do persoal docente e investigador. Así mesmo, tamén podes consultar a evolución dos usos lingüísticos nos últimos anos.

07/02/2020. DINAMIZACIóN

Os medios en galego festexan o seu día en Carballo

Hoxe, 7 de febreiro, celébrase en Galicia o Día dos Medios en Galego, co ánimo de conmemorar a publicación do xornal O Tío Marcos d´A Portela, promovido por Valentín Lamas Carvajal, que saíu por primeira vez á rúa o 7 de febreiro de 1876, converténdose na primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega. A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) festexará esta data en Carballo cun acto de carácter lúdico e reivindicativo, no que se quere dar visibilidade aos máis de 100 medios que hai en activo actualmente (incluíndo revistas especializadas, tanto dixitais como impresas) que empregan o galego como lingua vehicular. O acto, que terá lugar hoxe, 7 de febreiro, ás 20:30 h no Casino1889, será presentado por Lupe Blanco, estará amenizado por Avelino González e contará coa actuación musical da banda Terbutalina. Para obter máis información preme aquí.
07/02/2020. OUTRAS

A Universidade de Vigo presenta o seu asistente virtual en galego

A Universidade de Vigo presenta o seu novo asistente virtual en lingua galega, unha ferramenta baseada na intelixencia artificial, comprensión e procesamento de linguaxe natural en galego que permite obter información dos sitios web da Universidade de Vigo de xeito doado. A aplicación está pensada principalmente para o alumnado, aínda que tamén pode resultar de utilidade para o persoal docente e investigador (PDI) e para o persoal de administración e servizos (PAS). Podes ampliar esta nova premendo aquí.
06/02/2020. AXUDAS E PREMIOS

A USC convoca o III Premio Luís Porteiro Garea

A Universidade de Santiago de Compostela convoca o III Premio Luís Porteiro Garea, co obxectivo de recoñecer publicamente o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan a prol do uso do galego na universidade, e ao mesmo tempo, homenaxear a figura deste profesor de dereito civil e membro das Irmandades da Fala que pronunciou en 1915 a primeira lección en galego no ámbito universitario. O premio ten carácter de distinción pública e consistirá nun elemento simbólico de tipo artístico. O prazo para presentar as candidaturas remata o 30 de abril de 2020.
05/02/2020. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os SNL municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica as bases da convocatoria de axudas, dirixidas ás entidades locais da provincia, para a creación, mantemento e reforzo dos seus servizos de normalización lingüística (SNL) durante o ano 2020. Poderán participar todos os concellos da provincia da Coruña de 5.000 ou máis habitantes, ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima. O prazo de presentación de solicitudes publicarase proximamente no BOP da Coruña, dentro do extracto no que se anuncia a publicación desta convocatoria a través da Base de Datos Nacional de Subvencións.
05/02/2020. DINAMIZACIóN

En liña todos os vídeos da última edición do LGx15

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza anualmente o LGx15, unha iniciativa deseñada para difundir, a través de charlas breves e amenas, argumentos e experiencias para influír no futuro do galego. Se non puideches asistir á quinta edición deste evento, que tivo lugar o pasado 9 de novembro en Teo, agora podes consultar en liña os vídeos dos/as participantes: Rosa Aneiros, Suso López, Alba Rodríguez, Xoana, Alba Mancebo, Emilio del Río, Dhaunae de Vir e Roberto Rivas. Tamén podes ver os vídeos das edicións anteriores na canle de Youtube da CTNL.
05/02/2020. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica en galego

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organiza o “Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica I”, pensado para ofrecer formación específica aos estudades de Dereito sobre o seu tecnolecto en galego. As sesións desenvolveranse na Facultade de Dereito os días 19, 20, 26 e 27 de febreiro; e 4, 5 e 11 de marzo de 2020. O prazo de matrícula estará aberto ata o 14 de febreiro de 2020. Podes obter máis información sobre os contidos e os trámites de matrícula premendo aquí.
03/02/2020. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego no ensino

A Consellería de Cultura e Turismo publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2019/2020; unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada. En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias. [convocatorias anuladas]
03/02/2020. DINAMIZACIóN

A RAG e Puntogal organizan o III Certame de Microrrelatos

A Real Academia Galga e a Asociación Puntogal presentan a terceira edición do Certame de Microrrelatos, que organizan conxuntamente desde 2018 para fomentar o presenza do idioma galego no eido dixital. Os relatos, de temática libre, deberán estar escritos en galego, ser orixinais, inéditos e ter unha extensión máxima de 200 palabras. Establécense tres categorías, segundo a idade dos participantes, e entregaranse tres premios en cada unha das categorías. A maiores, os relatos gañadores serán publicados nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na edición en papel da revista Luzes. O prazo para enviar os textos remata o 29 de febreiro de 2020. A organización deste certame coincide coa nova campaña de promoción que permite rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE. Podes ampliar información premendo aquí.
31/01/2020. CURSOS E CONGRESOS

Novos cursos preparatorios para obter os certificados Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas de acreditación do Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, tanto na modalidade presencial como de teleformación. Estes cursos poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2020. O prazo para a presentación das solicitudes permanecerá aberto ata o 19 de febreiro. Consulta o DOG coa convocatoria oficial premendo aquí. [corrección de erros]
24/01/2020. DINAMIZACIóN

A mocidade de Melide presume de galego

O alumnado do IES de Melide celebra a VI edición do seu concerto Presume de Galego, que se celebrará o venres 31 de xaneiro de 2020, ás 18:00 h, no Pub Gatos de Melide. A iniciativa, promovida polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, insírese nun proxecto educativo transversal que ten como obxectivo principal promover a socialización en galego da mocidade a través da música. O proxecto Eu presumo do galego foi merecedor en 2019 do Premio Mil Primaveras “por ofrecer un modelo de traballo de calidade para a detección de necesidades concretas en contextos galegofalantes”. Podes manterte ao día das últimas novidades sobre esta iniciativa a través da súa páxina de Facebook.
23/01/2020. DINAMIZACIóN

A mesa presenta unha campaña de promoción do galego no comercio

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou unha nova campaña que ten como acción principal difundir entre os establecementos comerciais e entre a cidadanía no seu conxunto o proxecto Abertos ao galego, que botou a andar en 2008 e desde finais de 2018 conta tamén cunha aplicación para dispositivos Android e Apple. A Mesa repartirá entre os máis de 600 comercios adheridos xa ao proxecto un sinal identificativo co texto “Aquí usamos o galego”, co obxectivo de que a cidadanía apoie estes establecementos que apostan decididamente polo noso idioma. A maiores, tamén distribuirá entre os comercios de cidades e vilas galegas material informativo con 5 motivos para usar o galego e 18 pautas para facelo con éxito. Para ampliar información, preme aquí.
22/01/2020. AXUDAS E PREMIOS

Premios á innovación educativa en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa publican unha convocatoria dirixida aos centros de ensino de titularidade pública, para que participen en proxectos educativos de innovación en dinamización lingüística durante o curso académico 2019-2020. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán unha dotación económica de 2000 euros. As experiencias e os materiais didácticos producidos difundiranse no sitio web da SXPL. O prazo de presentación de solicitudes remata o 14 de febreiro de 2020. Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.
22/01/2020. OUTRAS

Mesa de debate na Coruña sobre o futuro do idioma galego

A Mesa pola Normalización Lingüística e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organizan un acto público de debate sobre o presente e futuro da lingua galega, que terá lugar hoxe, 22 de xaneiro, ás 20:00 h, na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, na Coruña. Na mesa de debate, que leva por título “Liberdade para o galego? Presente e futuro da lingua”, participan María Xosé Bravo, presidenta da A.C. Alexandre Bóveda, Xela Armas, directora do proxecto Abertos ao Galego e Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.
20/01/2020. OUTRAS

Xa podes consultar o noso Boletín de Sumarios 2019

O Boletín de Sumarios 2019 do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) é un produto documental que inclúe os 34 números de publicacións periódicas, correspondentes a 18 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do CDSG ao longo do ano 2019. No caso de publicacións en papel, ofrécense, mediante ligazóns, os seus sumarios. Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde este boletín pode accederse directamente aos números completos. Para consultar a nosa colección completa de seriadas, preme aquí.
16/01/2020. CURSOS E CONGRESOS

Curso de habilidades comunicativas dirixido ao alumnado da USC

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organiza un Curso de habilidades comunicativas dirixido ao alumnado desta universidade, co obxectivo de ofrecerlle recursos e ferramentas que lle axuden a redactar e defender oralmente os seus traballos académicos. O curso consta de tres módulos diferentes de 25 horas cada un (a redacción científica; falar en público; presentacións dixitais eficientes), e o alumnado pode optar por realizalo completo ou elixir aqueles módulos que lle interesen. Para obter máis información sobre os contidos ou os trámites de matrícula, preme aquí.

15/01/2020. DINAMIZACIóN

Ciencia en galego para os doce meses do ano

A Universidade de Vigo (Uvigo) dedícalle o ano 2020 á investigación científica en lingua galega, motivo polo cal a súa Área de Normalización Lingüística tamén empregou este mesmo fío temático na elaboración do seu almanaque anual. Baixo o lema “A investigación dá froitos”, o calendario 2020 da ANL, elaborado en colaboración coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación, ilustra cada mes do ano coa imaxe dun froito exótico e dálle visibilidade ao traballo de diferentes grupos de I+D da UVigo comprometidos coa defensa do noso idioma.
15/01/2020. OUTRAS

30 anos de audiovisual en lingua galega

En novembro de 1989 estreáronse de xeito simultáneo en Vigo as tres primeiras longametraxes rodadas en lingua galega: Continental, Urxa e Sempre Xonxa. Trinta anos despois, o Consello da Cultura Galega e a Compañía de Radio Televisión de Galicia celebran este importante fito cultural poñendo ao dispor da cidadanía estes tres filmes, que se poderán visionar a través do web “30 anos de audiovisual galego” ao longo do ano 2020. Neste mesmo web atoparás unha unidade didáctica, dirixida á comunidade educativa, con información e propostas de actividades sobre estas tres películas, así como sobre a linguaxe audiovisual como ferramenta comunicativa.
15/01/2020. DINAMIZACIóN

Dez centros de ensino súmanse ao programa “21 días co galego e +”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Xunta de Galicia promove a segunda edición do programa “21 días co galego e +”, que desde o pasado luns, 13 de xaneiro, se está a desenvolver en dez centros de ensino medio galegos. O obxectivo é que os adolescentes adquiran o hábito de falar galego en diferentes contextos, reflexionen sobre a situación actual do noso idioma e se comprometan co seu uso. Esta iniciativa está inspirada na experiencia didáctica “21 días co galego” que se desenvolve no IES da Pobra do Caramiñal desde 2013. Para ampliar información, preme aquí.
14/01/2020. OUTRAS

O CSIC difunde un calendario científico escolar nas diferentes linguas do Estado

O Instituto de Ganadería de Montaña, centro mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e da Universidade de León, difunde no seu web o Calendario científico escolar 2020, unha iniciativa dirixida ao alumnado de primaria e ESO que recolle en cada día do ano un aniversario científico ou tecnolóxico (nacementos de investigadores e investigadoras de renome, avances científicos, curiosidades...). Ademais do calendario, tamén está accesible para descarga unha guía didáctica con orientacións e actividades adaptadas aos diferentes niveis educativos. Estes materiais están dispoñibles en castelán, galego, éuscaro, catalán e asturiano.
14/01/2020. DINAMIZACIóN

A SXPL aposta polo audiovisual para promover o galego entre a mocidade

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o programa Lingua rodada, deseñado para fomentar o uso do galego entre o alumnado, promovendo unha imaxe positiva do idioma a través da creación audiovisual. O programa está dirixido a alumnado de centros públicos que curse ensinanzas de educación secundaria (ESO, 1º de bacharelato, formación profesional básica e ciclos formativos de grao medio) e especiais de grao medio. A acción principal consistirá na celebración dun certame de creación de vídeo-relatos que se desenvolverá en tres fases. O alumnado participante na obra gañadora poderá realizar a gravación do seu vídeo-relato cun equipo de profesionais do audiovisual, durante unha convivencia de dous días no rural galego. Así mesmo, terá a oportunidade de asistir á presentación da súa obra na XVII edición do Festival de Cans. O prazo de inscrición neste programa remata o 3 de febreiro de 2020. Podes ampliar información sobre a iniciativa premendo aquí.
10/01/2020. EMPREGO

Ofertas de emprego público

O Concello de Pontedeume publicou no BOP da Coruña do 27 de decembro a súa oferta de emprego público para 2019. Ofrece unha praza de persoal laboral de técnico/a de normalización lingüística, grupo 2, nivel 20 (acceso libre). No BOP de Ourense da mesma data podes consultar tamén a oferta de emprego público da Deputación. Nela inclúese unha praza de tradutor/a de lingua galega (A1), que se cubrirá polo sistema de oposición libre. Por último, o 31 de decembro, no BOP da Coruña publícase a oferta do Concello de Miño. Recolle unha vacante de persoal laboral fixo, ocupada temporalmente, grupo A1, nivel 20.
27/12/2019. OUTRAS

O INE ofrece os datos de edición en galego do ano 2018

O Instituto Nacional de Estadística (INE) fixo públicos os datos sobre a produción editorial de libros en 2018, unha estatística de periodicidade anual que elabora o INE para facilitar información sobre o número e as características dos libros e folletos editados en España. No ano 2018 editáronse en galego 1.144 títulos (o 1,8% do total de títulos editados no Estado), rompendo a tendencia á baixa que se viña experimentado nos dous últimos anos (consultar datos de edición en galego no conxunto do Estado en anos anteriores). No que respecta aos datos da edición en Galicia, o número total de títulos editados incrementouse un 6,7% con respecto ao 2017. En concreto, en 2018 editáronse en Galicia 1.998 títulos, o 45% deles en galego. No web do INE podes consultar tanto os datos completos da produción editorial de 2018 coma os resultados de anos anteriores. Tamén tes ao teu dispor un resumo coas cifras máis salientables de 2018.