Os grupos e artistas musicais profesionais con domicilio social en Pontevedra poden inscribirse ata o 18 de xaneiro de 2019 neste programa que pretende apoiar a contratación de música galega e en galego por parte das entidades locais da provincia. O prazo para que os concellos soliciten actuacións remata o 8 de febreiro. Consulta as bases completas aquí.
10/01/2019. AXUDAS E PREMIOS
09/01/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación Provincial de Pontevedra publica hoxe as bases de subvencións para a dinamización lingüística nos concellos e outras entidades locais durante o ano 2019. Poden optar a estas axudas os concellos, as agrupacións de concellos ou as entidades locais menores da provincia, ata un máximo de 50.000 habitantes, que conten cun servizo de normalización lingüística, que pretendan crealo ou que, carecendo del, realicen programas de dinamización da lingua galega. O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de febreiro de 2019. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
28/12/2018. OUTRAS
O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, fixo público o resultado da votación popular para escoller a Palabra do Ano 2018. A palabra elixida foi deseucaliptización, despois de recibir máis da metade dos 5.724 votos emitidos. A vaga de lumes que padeceu Galicia estes últimos anos está sen dúbida no cerne dunha crecente conciencia social pola protección da biodiversidade dos nosos montes, que leva parella a aparición de neoloxismos como eucaliptización e deseucaliptización. A palabra gañadora do 2018 fai pois referencia á necesidade de recuperación da nosa masa forestal autóctona, eliminando as plantacións indiscriminadas de eucaliptos. Podes ampliar información sobre esta nova premendo aquí.
26/12/2018. CURSOS E CONGRESOS
O Centro Irlandés de Estudos Galegos, o Department of Spanish, Portuguese and Latin American Studies e o MA in Applied Linguistics da University College Cork organizan o congreso “Linguistic Diversity: Celebrating Difference”, que terá lugar os días 12 e 13 de abril de 2019 na University College Cork. As entidades organizadoras convidan a investigadores/as das áreas de lingüística estrutural, tradución, sociolingüística e planificación das linguas a participar cun relatorio, enviando as súas propostas antes do 1 de febreiro de 2019. Podes manterte ao día das novidades do programa e mais dos trámites de matrícula no sitio web do congreso.
26/12/2018. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública publica dúas convocatorias de cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega (niveis medio e superior), que se organizarán tanto na modalidade presencial como de teleformación. A primeira das convocatorias, na que se ofertan dous cursos de linguaxe xurídica galega na modalidade de teleformación, está dirixida ao persoal ao servizo da Administración de xustiza que preste servizos fóra de Galicia. Unha segunda convocatoria, onde se ofertan vinte e seis cursos de linguaxe administrativa galega e catro de linguaxe xurídica galega, está dirixida a todo o persoal ao servizo das distintas administracións galegas. Nos dous casos, o prazo de presentacións de solicitudes é de oito días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
26/12/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura e Turismo publica a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, así como para a súa edición. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
26/12/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura e Turismo publica unha convocatoria de subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico e para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
18/12/2018. AXUDAS E PREMIOS
O Parlamento de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Foro Enrique Peinador entregaron onte, 17 de decembro, na sede do Parlamento galego os XXV Premios de Publicidade en galego. Nesta edición, na categoría de televisión resultou galardoado o anuncio “Tarxeta PassVigo”, elaborado pola axencia Ecovigo Publicidad para a empresa Viguesa de Transportes-VITRASA. Na categoría de radio, recibiron o premio as campañas de dinamización comercial “Compostela Monumental 2017”, elaboradas pola axencia Fancylooks. Podes obter máis información premendo aquí.
18/12/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago de Compostela deron a coñecer os galardoados da décimo novena edición dos Premios Manuel Beiras. Os premiados deste ano foron a empresa Leite Noso, na categoría de nova incorporación ao uso do galego; Construcións Alvite González, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego; e o avogado compostelán Evaristo Rodríguez Carracedo, ao que se lle concede unha distinción especial polo seu compromiso co idioma galego. Para ampliar esta información, preme aquí.
17/12/2018. DINAMIZACIóN
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o informe “O uso do galego nas páxinas web das entidades bancarias”, no que se achegan datos sobre o idioma no que oferta os seus servizos cada entidade bancaria, facendo especial fincapé naquelas que teñen un convenio público coa Xunta de Galicia para a xestión de diferentes trámites administrativos que debe realizar a cidadanía. Unha das principais conclusións do estudo é que só 4 destas 14 entidades financeiras colaboradoras da Xunta de Galicia (Abanca, Banco Sabadell, Caixabank e Caixa Rural Galega) ofrecen os seus servizos web en galego. Para os promotores do informe resulta tamén especialmente preocupante que grandes entidades como o Banco Santander ou o BBVA (xuntos acumulan o 40% das contas bancarias en Galicia), non ofrezan a versión en galego dos seus produtos web.
14/12/2018. OUTRAS
O Instituto Nacional de Estadística fixo públicos os datos sobre a produción editorial de libros en 2017. Trátase dunha estatística de periodicidade anual que elabora o INE para facilitar información sobre o número e as características dos libros e folletos editados en España. Segundo os datos facilitados polo INE, no ano 2017 editáronse en galego 972 títulos (o 1,6% do total editado no Estado), cifra que confirma a tendencia á baixa dos últimos anos (consultar datos de edición en anos anteriores). No que respecta aos datos totais da edición en Galicia, en 2017 editáronse 1.872 títulos, o 41,8% en galego. Podes consultar un resumo desta estatística premendo aquí.
10/12/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convocan unha nova edición dos premios ás curtas de animación en galego "Nós tamén creamos!", para o curso académico 2018/2019. Outorgarase un premio para cada unha das tres categorías que establece o certame: curtas con alumnado de segundo ciclo de educación infantil; curtas con alumnado de primeiro e segundo de educación primaria; curtas con alumnado de terceiro e cuarto de educación primaria. O prazo para presentar a solicitude de participación remata o 12 de xaneiro de 2019. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
10/12/2018. EMPREGO
A Universidade de Vigo convoca tres bolsas de formación na súa Área de Normalización Lingüística (ANL) destinadas á formación complementaria do estudantado, que participará nas actividades de dinamización, formación e planificación lingüística que se desenvolven na ANL. Os solicitantes deben ser estudantes do Grao en Estudos de Galego e Español, do Grao en Tradución e Interpretación ou do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios no curso 2018/2019, e ter superados polo menos a metade dos créditos da titulación. O prazo de presentación de solicitudes remata o 21 de decembro de 2018. Para obter máis información sobre esta convocatoria, preme aquí.
07/12/2018. OUTRAS
O Portal das Palabras, proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, organiza unha nova edición da iniciativa Palabra do ano, co obxectivo de que a sociedade tome conciencia de que o idioma nos representa como pobo e a través das súas palabras podemos definir colectiva e simbolicamente o ano que remata. Todas as persoas interesadas poden enviar as súas propostas ata o vindeiro 16 de decembro. Tras seleccionar os termos máis repetidos ou que representen unha temática compartida por diferentes participantes, escolleranse as seis palabras finalistas e abrirase un novo período de votación popular para seleccionar a palabra do ano 2018. Para ampliar información, preme aquí.
07/12/2018. INVESTIGACIóN
Através Editora presenta a publicación "Sobre conflito linguístico e planificação cultural na Galiza contemporânea", autoría dos profesores Roberto Samartim e Elias J. Torres Feijó. A obra compila dez artigos sobre a construción da idea de lingua galega e do sistema cultural galego/galeguista; unha análise feita tamén desde a perspectiva da lusofonía. O acto de presentación pública terá lugar o vindeiro 13 de decembro, ás 20:30 h, no espazo enocultural Vide, Vide!, en Santiago de Compostela. No acto, ademais dos dous autores, participará José Luís Rodrigues, catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa, e Valentim Fagim, codirector de Através Editora.
07/12/2018. DINAMIZACIóN
A Mesa pola Normalización Lingüística presenta o Catálogo de Nadal 2018, que compila as diferentes propostas de agasallos en galego que ofrecen as empresas adscritas ao proxecto Abertos ao Galego. O obxectivo é achegarlles aos potenciais consumidores ideas de agasallos para esas datas festivas e, ao mesmo tempo, fomentar un consumo responsable que aposte pola calidade, a proximidade e o idioma.
22/11/2018. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza unha nova edición da Xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”, que ten como obxectivo promover a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza. A xornada terá lugar o vindeiro 28 de novembro de 2018, ás 19:00 h, no salón de actos do Colexio de Avogados compostelán. A entrada é libre, ata cubrir as 100 prazas dispoñibles.
22/11/2018. CURSOS E CONGRESOS
O xornal La Voz de Galicia inaugura un curso de galego en liña, deseñado para que o alumnado adquira as competencias lingüísticas necesarias para superar as probas do Celga 3. O curso está estruturado en dez unidades, que permitirán ao/á alumno/a ampliar os seus coñecementos lingüísticos e achegarse á realidade social, cultural, económica e etnográfica de Galicia. A partir de hoxe podes xa acceder aos contidos da primeira unidade, que ten como fío condutor o tema da ciencia.
21/11/2018. OUTRAS
O vindeiro luns, 26 de novembro de 2018, terá lugar na Sala de Debates do CIEDUS (antigo Centro de Estudos Avanzados) da Universidade de Santiago de Compostela a xornada “As linguas e a USC”, que ten como obxectivo reflexionar sobre o status e as funcións das linguas na Universidade, co ánimo de deseñar un modelo de política lingüística para os vindeiros dez anos. A xornada está dirixida aos responsables da USC, así como aos representantes de PDI, alumnado e PAS nos diferentes órganos de goberno e representación.
19/11/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Asociación Álvaro das Casas fixo públicos os galardoados da duodécima edición dos Premios Bacelos de Prata, pensados para recoñecer o labor de empresas que apostan polo galego como marca de calidade na etiquetaxe dos seus produtos. As entidades galardoadas nesta edición son a empresa de conservas vexetais ecolóxicas Conservas Amorodo, de Forcarei, e a adega Vermutería de Galicia, con sede en Padrón. A entrega dos premios celebrarase o vindeiro 1 de decembro, as 12:30 h, no Pazo dos Ulloa, en Esposende, Ribadavia.
16/11/2018. CURSOS E CONGRESOS
Escolas Católicas Galicia organiza, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais do Consello da Cultura Galega (CCG), a XIV Xornada de Normalización Lingüística, que terá lugar o 23 de novembro de 2018 na sede do CCG, en Santiago de Compostela. Trátase dunha iniciativa de formación e intercambio de experiencias dirixida ao profesorado e aos membros dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia. O prazo de inscrición remata o 20 de novembro.
16/11/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Cámara de Comercio e mais o Concello de Santiago de Compostela convocan a décimo novena edición dos Premios Manuel Beiras, que teñen como finalidade recoñecer o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán. O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que veñen realizando un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego. A maiores, o xurado tamén pode outorgar unha distinción especial a persoas ou entidades que destaquen polo labor a prol da normalización do galego na empresa. No sitio web da iniciativa atoparás as bases da convocatoria, así como información sobre edición anteriores.
14/11/2018. OUTRAS
Co gallo do seu 25 aniversario, o Arquivo Histórico da Nobreza (Toledo) organiza unha exposición conmemorativa onde se inclúe como peza destacada un fragmento da Quinta Partida de Afonso X, na súa tradución ao galego-portugués, descuberto en 2014 pola profesora da Universitat de Barcelona, Gemma Avenoza. Trátase dun bifolio en pergamiño escrito en galego do s. XIV, pertencente ao arquivo dos duques de Osuna, que foi utilizado no século XVI como encadernación para un libro de contas. O Libro das Leis (tamén coñecido como As Sete Partidas), redactado durante o reinado de Afonso X (1252-1284), foi a obra lexislativa de referencia na Idade Media e da súa tradución ao galego-portugués consérvanse unha decena de fragmentos. Da Quinta Partida en concreto, a maiores deste atopado en Toledo conservamos outros dous, depositados no Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela e no Museo de Pontevedra. Para ampliar esta nova, preme aquí.
09/11/2018. AXUDAS E PREMIOS
O Servizo de Normalización Lingüística e o departamento de Promoción Económica do Concello de Ames presentan a primeira edición do premio Lingua e Empresa do Concello de Ames, co obxectivo de promover o galego na actividade económica e premiar o compromiso coa nosa lingua das empresas que teñen a súa sede social ou un centro de actividade neste municipio. O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros, ademais dunha campaña de difusión da empresa gañadora na Radio Municipal de Ames. O prazo de presentación de candidaturas comezará o día seguinte da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o 30 de novembro de 2018. Para ampliar información, preme aquí.
07/11/2018. DINAMIZACIóN
O Campus Terra e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presentan unha nova edición de DivulgaTerra, unha iniciativa de divulgación científica deseñada para darlle visibilidade ao traballo desenvolvido polos novos/as investigadores/as e promover a utilización do galego como ferramenta para a comunicación científica. Este ano o evento estrutúrase en tres xornadas temáticas (días 15, 22 e 29 de novembro), que terán lugar no Auditorio da Casa do Saber (Vicerreitoría do Campus de Lugo), combinando presentacións breves de 10 minutos con charlas divulgativas de arredor de 30 minutos. O prazo de inscrición remata o vindeiro 19 de outubro de 2018.
07/11/2018. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza o obradoiro Moito por dicir, dirixido a persoas adultas (nomeadamente, membros de asociacións veciñais, entidades deportivas e culturais ou ANPAS) interesadas en mellorar a súa competencia lingüística no que respecta á elaboración de textos de carácter informativo (notas de prensa, artigos, reportaxes e artigos de opinión). As sesións desenvolveranse entre o 13 de novembro de 2018 e o 4 de decembro de 2019 na Aula de Informática do Edificio Carreras (antiga reitoría), en Vigo. Todas as persoa interesadas deben poñerse en contacto co SNL do Concello de Vigo.
05/11/2018. AXUDAS E PREMIOS
O Concello de Carballo convoca o Premio a proxectos de webseries en galego, no marco do Festival Carballo Interplay 2019, que se celebrará entre os días 4 e 6 de abril de 2019. O obxectivo do certame é a creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en Internet. O premio, dotado de 1.500 euros, debe destinarse á produción de, como mínimo, tres vídeos do proxecto de webserie premiado. O prazo para enviar os proxectos remata o 17 de marzo de 2019.
02/11/2018. CURSOS E CONGRESOS
A Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega e a Rede de Investigación Galega TecAnDaLi organizan a xornada “Para que serven os datos lingüísticos?”, que terá lugar o 29 de novembro, a partir das 16:30 horas, na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela). Na xornada presentaranse algúns dos logros acadados ata o momento na investigación sobre datos lingüísticos e analizaranse as necesidades e os retos futuros que cómpre afrontar neste campo interdisciplinar de investigación. A matrícula é gratuíta e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
02/11/2018. DINAMIZACIóN
A Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) convida un ano máis a toda a comunidade educativa a conmemorar en clave científica e galega a declaración feita pola Unión Europea do ano 2018 como Ano Europeo do Patrimonio Cultural. Deste xeito, o IX Día da Ciencia en Galego xirará este ano arredor do tema “A cultura científica e a cultura galega como patrimonio cultural europeo”. Os científicos homenaxeados nesta edición son o matemático grego Arquímedes e mais o Mestre Mateo, artífice do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, obra escultórica universal representativa da arte románica. No web cienciaengalego.org podes descargar o cartel conmemorativo da iniciativa así como un cartel didáctico sobre a xeometría no Pórtico da Gloria.
02/11/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Asociación Cultural O Brado, da Estrada, fixo públicos os galardoados da vixésimo oitava edición dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística, convocados anualmente para premiar a persoas e colectivos que destacan polo seu labor de promoción do idioma galego. Os premiados nesta edición son o mestre e poeta Manuel Pereira Valcárcel, na modalidade “A Estrada e comarca de Terra de Montes”; a cantante Uxía Senlle, na categoría de “Galicia enteira”; e o catedrático de Xeografía e Historia Xosé María Lema, na categoría “Toda unha vida”. A entrega dos galardóns terá lugar no Teatro Principal de A Estrada na segunda semana de novembro. Podes obter máis información premendo aquí.

